A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamenta a parálise no proxecto da autovía A-74, unha vía de vertebración fundamental para A Mariña, e denuncia que as obras seguen sen licitarse, ademais do recorte no trazado inicial e da falta de avances. “Este é un exemplo máis dos oito anos que leva Sánchez abandonando á Mariña e a Galicia en proxectos fundamentais”, sinala. Neste punto, tamén critica aos “socios e cómplices necesarios” do PSOE, o BNG, xa que “tampouco fixeron nada”. Para Prado, a única “garantía” para favorecer o desenvolvemento económico, social e industrial da comarca, pasa por un Goberno con Alberto Núñez Feijóo á fronte.
Así o manifestou a número dous dos populares galegos dende Barreiros, nun dos puntos principais que debería conectar esta autovía, onde tamén participaron o cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, e o nº1 ao Senado pola provincia, José Manuel Barreiro, así como outros membros da candidatura e alcaldes e portavoces da zona.
Prado lembrou que nas pasadas Eleccións Xerais de 2023, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro prometeu dende o mesmo punto que as obras da A-74 comezarían no 2024. “Foi unha mentira máis”, incidiu a secretaria xeral do PPdeG, que se pregunta se Besteiro tamén volverá á Mariña na campaña deste 29N para “volver prometer a autovía” ou, se, máis ben, “seguirán bailando e facendo cardio”.
En canto ao independentismo galego, lembrou que o BNG non acudiu ao debate do Senado no que se abordou o proxecto da A-74. “Como sempre, moi bravos en Galicia e moi mansos en Madrid. Son os do non a todo, tamén non a A-74”, sinalou.
Para a secretaria xeral, o cambio necesario de Goberno ten que vir da man dun galego, de Alberto Núñez Feijóo, porque “defenderá os intereses de Galicia, preocupándose polas infraestruturas galegas e pola Mariña”.
Así, para Prado, este cambio de Goberno, co proxecto do PP á fronte, implicaría que A Mariña obtivese infraestruturas que favorezan o desenvolvemento económico e industrial da comarca.
CONDE E BARREIRO INCIDEN NOS “OITO ANOS PERDIDOS” CO SANCHISMO
Por outra banda, os nº1 ao Congreso e ao Senado, Francisco Conde e José Manuel Barreiro, puxeron á A-74 como “exemplo do abandono” do Goberno de Sánchez coa Mariña e coa provincia de Lugo especialmente “en materia de infraestruturas”. Os populares incidiron nos “oito anos perdidos”.
Conde subliñou que “levamos moito tempo agardando por esta autovía que debería servir de itinerario alternativo á actual estrada nacional N-642 que soporta moito tráfico” como vía principal de acceso ao Hospital da Mariña, en Burela, ou a Alcoa, que é Porto de interese xeral do Estado.
Barreiro sinalou que “lonxe de avanzar nesta infraestrutura, o Goberno de Sánchez retrocedeu” porque “non executou a partida orzamentaria que deixara consignada o Goberno de Rajoy” (3,6M€) e, aínda por riba, “presentan o proxecto dun subtramo (O Carme-Barreiros) reducindo a súa lonxitude á metade”.
Os populares explicaron que ante “a falta de mantemento e avances en materia de infraestruturas” por parte do Goberno de Sánchez, Feijóo presenta un Plan Nacional de Infraestruturas para o mantemento de vías e liñas ferroviarias co que garantir a seguridade e, posteriormente, acometer investimentos nas autovías pendentes”.
PASEO POR RIBADEO
Antes de ofrecer declaracións aos medios dende Barreiros, Prado e os candidatos ás Cortes Xerais realizaron un paseo por Ribadeo xunto ao alcalde, Dani Vega, onde tamén puideron coñecer de primeira man as demandas e inquedanzas da veciñanza que, igualmente, reclaman mellores conexións e infraestruturas para a zona.