O portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, contrapuxo os dous modelos “radicalmente distintos” que hai á hora de entender a xestión, o servizo público, o compromiso cos cidadáns e as responsabilidades de goberno: o do cumprimento da palabra dada, o rigor e a estabilidade que representan Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo; fronte ao da demagoxia, a improvisación e as promesas incumpridas do sanchismo.
Nesta liña, puxo como exemplo o cara a cara de onte entre Alberto Núñez Feijóo e Pedro Sánchez, que serviu, dixo, para “deixar totalmente claro” que fronte ao rigor de Feijóo, “que sabe e quere gobernar para mellorar a vida da xente”, viuse a “desesperación” de Pedro Sánchez, que “só busca a súa supervivencia política”. Tal e como salientou Pazos, o líder dos populares “si pode demostrar con feitos” o que significa xestionar con responsabilidade, aprobando cada ano en tempo e forma as contas da Comunidade e impulsando medidas pioneiras que transformaron o territorio –a gratuidade das escolas infantís, máis de cen centros de saúde e hospitais novos ou renovados ou as rebaixas fiscais ás familias e ao rural-.
O ESCAPISMO POLÍTICO DE PEDRO SÁNCHEZ
Para o portavoz popular, fronte á solvencia de Feijóo, viuse “a forza da nada absoluta e da desgana” de Pedro Sánchez. Así, referiuse a un presidente sen balance, “especialista no escapismo político”, incapaz de dar a cara ante os problemas, submiso ao separatismo, asolado polos casos de corrupción e que ampara “o modelo Ábalos de Goberno”. Neste punto, referiuse ás informacións sobre o uso de fondos de Transportes para pagar tratamentos médicos privados á exmuller do ministro.
Do mesmo xeito, afeou a frialdade e a falta de humanidade de Pedro Sánchez ante a situación de Ceuta, os accidentes ferroviarios de Adamuz e Urda ou a desprotección das mulleres vítimas de violencia machista polo fallos das pulseiras antimaltrato. “O balance do sanchismo é corrupción, mentiras, cesións ao separatismo e escándalos”, dixo, fronte ao “proxecto íntegro, fiable, para todos e que vén devolverlle a normalidade a este país” de Feijóo.
AS CONTAS IMPOSIBLES DO PSdeG E OS RECORTES DO BNG
O portavoz popular fixo tamén referencia aos “anuncios trampa” dos grupos da oposición nas emendas que presentaron aos Orzamentos da Xunta para 2027.
Sinalou que as achegas socialistas prescinden dos principios básicos da matemática: recortan 57,1 millóns á Axencia Galega de Infraestruturas mentres esixen 30 millóns máis en bonificar peaxes; recortan 50 millóns a Augas de Galicia mentres piden 150 millóns máis en investimentos; ou reducen en máis de 69 millóns as transferencias aos concellos ao tempo que din querer mellorar o financiamento local en 230 millóns.
Así mesmo, criticou a “alquimia orzamentaria” do BNG, cuxas emendas supoñen “unha auténtica tesoirada contra os servizos públicos”. En concreto, detallou que os nacionalistas propoñen eliminar 185 millóns en material sanitario, reducir en case 3 millóns o orzamento para resonancias magnéticas, recortar máis de 23 millóns na Risga e 60 millóns nos centros públicos de maiores, ademais de suprimir 4 millóns destinados a reducir a fenda salarial feminina. Do mesmo xeito, denunciou “o modelo de convivencia” dos nacionalistas, censurando que no pleno desta mesma semana o BNG se negase a condenar os graves actos violentos acontecidos o pasado 21 de outubro na Coruña: “Moita pancarta na rúa, moito recorte nas contas, pero ningún proxecto de país”.
A RESPOSTA ÁS NECESIDADES DOS GALEGOS
Salientou que as contas da Xunta de Alfonso Rueda son a “resposta directa ao que necesitan os galegos no seu día a día”: “Analiza cales son as necesidades máis urxentes da Galicia de 2027 e pon enriba da mesa un orzamento deseñado para atendelas”. Así, recollen o maior investimento sanitario, social, educativo, de vivenda e de financiamento local da historia de Galicia, xunto co maior alivio fiscal para rendas baixas e medias, familias, autónomos e pemes e todos os recursos para organizar o mellor Xacobeo 2027.