O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que só Alberto Núñez Feijóo, desde o seu coñecemento tanto das particularidades do sector do mar en Galicia, como do seu papel fundamental na economía, fará posible que, despois de oito anos, haxa en Madrid un Goberno que “defenda” o sector marítimo da nosa Comunidade, a partir dunha “verdadeira política de Estado” na materia.
Así o dixo durante unha xornada sectorial de pesca, celebrada en Santiago de Compostela coincidindo co Día Mundial da Pesca, na que tamén participaron a número tres da candidatura ao Congreso pola provincia de Ourense, Rosa Quintana, e a responsable de Mar do Goberno galego, Marta Villaverde. O encontro, ao que asistiron uns 200 representantes do sector do mar de Galicia.
Rueda sinalou que o mar tivo pasado e ten presente, pero para garantir que teña ademais “futuro” é necesario apostar polo modelo do Partido Popular, o único que pode rematar coa “parálise” que causou o Executivo de Pedro Sánchez, que deixou desatendido e desprotexido un sector que, na nosa Comunidade, xera 50.000 empregos directos -o 50% do total de España e o 10% da UE-. E o único, tamén, que pode dar resposta aos novos desafíos, como o novo marco financeiro europeo, as enerxías renovables, a renovación da frota ou a competencia internacional. E por iso, afirmou que “necesitamos un Goberno forte en España que poida facer forza en Europa”.
Nesta liña, subliñou a importancia de dispoñer dun fondo europeo específico e suficiente ou dunha nova Lei estatal do litoral que, seguindo o modelo galego, garanta a protección da costa e a compatibilice coa actividade económica e tradicional. Fronte a un Sánchez sen Orzamentos -o que deixaba as partidas da pesca desfasadas- e que non o defendía con forza en Europa, Rueda afirmou que o sector precisa dun Goberno que o escoite e que lle dea solucións, como fará Feijóo.
Ademais, o presidente do PPdeG avanzou que no Goberno galego serán igualmente “esixentes” para que desde Madrid se garanta que a nosa Comunidade siga sendo a maior potencia pesqueira de Europa e que se atendan as necesidades do sector.
QUINTANA: “O FUTURO NON SE PODE DECIDIR CON PREXUÍZOS”
Pola súa banda, Rosa Quintana reafirmou o compromiso estratéxico do PP con toda a cadea de valor. Durante a súa intervención, reivindicou a necesidade de gobernar desde a escoita e a anticipación, rexeitando as políticas que buscan a desaparición da frota industrial. «Non podemos permitir que se decida o futuro do sector con prexuízos nin con ocorrencias de quen descoñece a súa realidade», subliñou a candidata, incidindo en que a sustentabilidade ambiental debe avanzar sempre unida á sustentabilidade económica e social das familias.
Para garantir a competitividade da actividade, Quintana debullou propostas concretas como un fondo europeo específico e un Plan de Renovación da Frota para substituír buques envellecidos «sen que modernizar signifique perder capacidade pesqueira».
Así mesmo, apostou por implantar cláusulas espello para as importacións, incentivar a remuda xeracional con embarques remunerados e aplicar exencións no IRPF de ata 60.000 euros a tripulantes en augas estranxeiras. Na súa defensa integral do marisqueo, a acuicultura e a industria conserveira, urxiu a reducir o IVE do peixe e fomentar o seu consumo en colexios e hospitais, porque «apoiar o sector é tamén conseguir que os seus produtos cheguen a máis mesas».
VILLAVERDE: “O PP É O PARTIDO DA PESCA”
A responsable da área de Mar do Goberno galego, Marta Villaverde, reivindicou o compromiso do Partido Popular co sector marítimo-pesqueiro e defendeu a necesidade dun cambio de rumbo nas políticas do Goberno central para situar o mar no lugar que merece. “O Partido Popular é o partido da pesca. Cre no sector, escoita as súas necesidades e defende os seus intereses”, asegurou.
Neste sentido, contrapuxo a actuación da Xunta á falta de resposta do Executivo estatal e puxo como exemplo a mobilización de 23 millóns de euros para recuperar os bancos marisqueiros afectados polos temporais e apoiar as persoas mariscadoras. “Nós non nos quedamos nos anuncios. Nós poñemos recursos, traballo e solucións”, subliñou.
Durante o acto, Villaverde expuxo tamén as principais demandas de Galicia para garantir o futuro do sector e incidiu na importancia de compatibilizar a protección do medio mariño coa actividade pesqueira e de garantir o relevo xeracional. “A protección do mar e a pesca non teñen por que estar enfrontadas. Podemos coidar o noso litoral e, ao mesmo tempo, garantir o futuro de quen vive del”, afirmou. A responsable de Mar do Executivo galego concluíu cunha mensaxe clara: “Defender o mar é defender Galicia e é defender España”.
física e emocional que supón esta modalidade deportiva para elas.