O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, constatou, cando a campaña electoral enfila a súa recta final, que hai “ganas de cambio” da man de Alberto Núñez Feijóo, quen busca unir a todos os españois. Con esa certeza, pediu concentrar o voto e encher as urnas de “sentidiño á galega” a través da papeleta do Partido Popular. A única -remarcou- que logrará a rexeneración e a xestión ao Goberno despois de oito anos con Pedro Sánchez na Moncloa.
Así o dixo Rueda durante un xantar no Porriño, cunhas 500 persoas, no que tamén participaron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e o cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Julio García Comesaña, e no que exerceu de anfitrión o alcalde Alejandro Lorenzo.
O presidente do PPdeG lembrou que nunha semana exacta toda España estará votando, e que esa xornada histórica marcará o rumbo que tomará o país nos seguintes catro anos, con só dous camiños posibles: un implica seguir como ata agora, coa decadencia e a corrupción do sanchismo; o outro, que lidera Feijóo, o da seriedade e a limpeza das institucións.
Ese rumbo van marcalo as urnas, que é onde Rueda insistiu que hai que plasmar o traballo de todas estas semanas, e que agora toca “incrementar”, sabendo que só quedan sete días ata o 29N, onde cada voto será decisivo para lograr o cambio do que Galicia non quere ser só unha parte, senón o seu “motor”.
LUIS LÓPEZ: “FEIJÓO, PREPARADO; SÁNCHEZ, ATURDIDO”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, destacou o papel estratéxico do Porriño na provincia e o seu peso de cara ás eleccións do vindeiro 29 de novembro. Durante a súa intervención, puxo en valor a transformación que está a experimentar o concello baixo o goberno local e sinalou que esta comarca será decisiva para impulsar un cambio político en España.
O dirixente provincial centrou boa parte do seu discurso na situación económica e nos servizos públicos, criticando a xestión do Executivo de Pedro Sánchez. Afirmou que, máis alá das mensaxes políticas, a realidade cotiá reflíctese no encarecemento da cesta da compra, dos combustibles e dos recibos, así como nas dificultades de acceso á vivenda e na suba dos alugueiros. Así mesmo, sinalou deficiencias no funcionamento do transporte ferroviario e no control das fronteiras.
Tras o debate celebrado este xoves, López contrapuxo a preparación de Feijóo co que cualificou como un candidato socialista «aturdido». Apelou directamente ao voto útil na provincia de Pontevedra reclamando concentrar o apoio na papeleta do Partido Popular para levar un goberno «con sentidiño», ao estilo da Xunta de Alfonso Rueda, á Moncloa.
GARCÍA COMESAÑA DESTACA O COÑECEMENTO DE FEIJÓO DE GALICIA
Finalmente, o cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, denunciou que a recadación estatal subiu máis dun 70% na provincia nos últimos anos, mentres familias e autónomos perden poder adquisitivo. «Nin vivimos un 70% mellor, nin pagamos un 70% menos no supermercado, nin melloraron un 70% os servizos ou as infraestruturas», advertiu.
Comesaña sinalou que os próximos comicios representan a oportunidade de deixar atrás unha etapa marcada pola «división, improvisación e promesas incumpridas» e abrir un novo ciclo centrado nos problemas reais da cidadanía. Neste sentido, enumerou as dificultades que afrontan as familias e o tecido produtivo do Porriño e da súa contorna para chegar a fin de mes debido ao encarecemento da cesta da compra, dos combustibles, o acceso á vivenda e as trabas para emprender.
Fronte a esta situación, defendeu a solvencia e a palabra de Feijóo, destacando o seu profundo coñecemento de Galicia e o seu compromiso para desbloquear definitivamente os proxectos e infraestruturas pendentes no Porriño, na área de Vigo e no conxunto da provincia.