A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende o PP como “o partido das mulleres” e reitera o compromiso co impulso de oportunidades no rural, fronte a un Goberno de Sánchez e os seus socios que, en oito anos, “o único que fixo foi abandonar ás mulleres”, cualificando o seu modelo de “falso feminismo”. Por este motivo, pediu aos lucenses o voto para o PP e para Alberto Núñez Feijóo este 29 de novembro, como única “garantía” de obter un Goberno feminista.
Así o manifestou hoxe durante un encontro con mulleres rurais da provincia de Lugo, no que tamén participou o cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Francisco Conde, e as candidatas pola provincia ás Eleccións Xerais no que escoitaron as demandas e as preocupacións destas mulleres. Na xornada previa ao 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, os populares reivindicaron o “cambio necesario” en España para atender aos dereitos das mulleres, con Alberto Núñez Feijóo á fronte.
“Traballamos todos os días para acabar coa lacra da violencia de xénero, pero tamén loitamos para que as mulleres teñan máis oportunidades, especialmente no rural”, sinalou Prado.
Para a número dous dos populares galegos, o compromiso co rural e coas mulleres virá con Feijóo e non co Goberno “que leva oito anos presumindo de ser o máis feminista da historia, cando os feitos din o contrario”. Así, lembrou, entre outros acontecementos, a aprobación da lei do ‘só si é si’ que permitiu a excarcelación de centos de agresores sexuais e rebaixou a pena a outros miles. Tamén fixo referencia ás pulseiras antimaltrato de Aliexpress e ao presunto fraude da súa compra e ao peche dos cuarteis da Garda Civil no rural, desprotexendo ás mulleres destas zonas.
“En Galicia tampouco esquecemos que ‘o Goberno máis feminista da historia’ mantén ao señor Tomé no poder”, engadiu Prado, que lembrou que o BNG permitiu este Pacto da Vergoña en Lugo.
“O 29N teremos un Goberno do Partido Popular, cun galego á fronte. E o voto dos lucenses conta, e moito, para que isto suceda”, concluíu Prado.
FRANCISCO CONDE: “SÁNCHEZ DESPROTEXEU ÁS MULLERES”
Pola súa banda, Francisco Conde explicou que “Alberto Núñez Feijóo quere implantar un Plan Nacional específico para a muller rural que reúna todas as políticas e apoios en distintos ámbitos”: vivenda, financiamento, fiscalidade, simplificación, incorporación, titularidade, formación e liderado.
Conde defendeu o papel das mulleres como “piar fundamental do noso rural” e, polo tanto, “o noso proxecto tenas moi en conta. Por iso quixemos ter un pequeno encontro con algunhas mulleres da zona rural da provincia para seguir escoitando de preto, como facemos sempre e como fixemos nas distintas visitas polo territorio nesta campaña electoral”.
Ante un Goberno coma o de Sánchez que “desprotexeu ás mulleres”, o candidato popular incidiu en que “hai que garantir a súa protección e tamén garantir oportunidades”. Para favorecer o asentamento no rural, o Partido Popular comprométese a reducir os impostos aos mozos e mozas que adquiran vivenda en municipios despoboados e apoios coma o Bono de Incorporación Rural de ata 15.000 euros.
PROPOSTAS EN MATERIA DE IGUALDADE
O proxecto de Alberto Núñez Feijóo propón que as políticas de igualdade aborden os problemas reais que seguen limitando a liberdade e as oportunidade das persoas.
Os populares tamén explicaron a proposta para que o sistema de protección das mulleres pase a depender do Ministerio do Interior e dotar de máis medios ás unidades especializadas da Policía Nacional e da Garda Civil. Igualmente, o Partido Popular recolle no seu programa electoral dotar de máis medios e maior especialización ás seccións de violencia de xénero dos tribunais.