O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, chamou a “marcar a diferenza” nas urnas o vindeiro domingo dando un apoio masivo a Alberto Núñez Feijóo, para convertelo en novo presidente do Goberno e, así, rematar con estes “oito anos de sanchismo”. Na véspera do último día da campaña das Eleccións Xerais do 29N, insistiu en que é o momento de iniciar a reconstrución de España e de ter un Executivo que funcione, e que Galicia debe ser o “motor” dese cambio tan “necesario”.
Neste sentido, apelou ao voto útil, xa que en Galicia só hai unha maneira de votar “por ese cambio”: votar ao Partido Popular. Calquera outra opción, dixo, significa votar a Sánchez. “Só unha papeleta garante cambio”, incidiu o presidente popular, referíndose a que o apoio aos demais partidos “contribúe a prolongar esta etapa de decadencia” Así pechou Rueda o mitin celebrado esta tarde en Teo, no que tamén participaron o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a número dous ao Congreso pola provincia, Fabiola García, e no que exerceu de anfitrioa a alcaldesa Lucía Calvo.
En verbas do líder do PPdeG, as ganas de deixar atrás un Goberno que presenta -co apoio de socios entre os que se inclúe o BNG-, a modo de balance, falta de vivenda, inflación disparada, accidentes ferroviarios, desprotección das fronteiras e casos de corrupción teñen que plasmarse con rotundidade nas urnas o día 29. Enviando unha mensaxe clara: a do desexo de que sexa Feijóo quen pilote o novo rumbo do país. Un obxectivo para o que resultarán fundamentais, lembrou, todos e cada un dos votos coa papeleta do Partido Popular.
A unhas horas de que se celebre un novo debate, nesta ocasión cos catro candidatos dos principais partidos políticos, Rueda mostrouse convencido tanto de que sairá novamente gañador Feijóo como de que Pedro Sánchez volverá escudarse en que perdeu a propósito. Polo que ironizou con que, desta forma, xa vai “adestrado” para a derrota que sufrirá o domingo.
Unha xornada na que incidiu en que hai moito en xogo, porque España está nunha encrucillada na que se decide o seu futuro. E o que ofrece o Partido Popular é o da xestión e a limpeza das institucións. Conseguilo, subliñou, está ao alcance, sen confianzas e sen dar nada por gañado, sen facer caso das enquisas e acudindo aos colexios electorais para votar con “forza”. Elixindo a papeleta do PP, a única que garante que, a partir do luns, se abra una etapa nova e mellor.
CALVO: “ESTAMOS NA CONTA ATRÁS E CADA VOTO CONTA”
Pola súa banda, Diego Calvo apelou a afrontar a recta final da campaña con ilusión, unidade e intensidade, convencido de que o Partido Popular está en condicións de conseguir a vitoria. O presidente provincial do PP da Coruña insistiu na importancia de realizar un último esforzo e de non baixar a garda neste tramo decisivo. “Estamos na conta atrás e cada voto conta. Non podemos confiarnos nin dar nada por feito”, sinalou.
Calvo fixo un chamamento a unir o voto arredor do Partido Popular como garantía para lograr o obxectivo electoral. “É o momento de sumar, de unir forzas e de concentrar o voto. Só así conseguiremos a vitoria que queremos”, afirmou. Nesa liña, animou a toda a militancia, simpatizantes e persoas que confían no proxecto do PP a intensificar o traballo ata o último minuto, trasladando a mensaxe de cambio e mobilización á cidadanía. “Queda o último esforzo e temos que dar o mellor de nós mesmos. Imos unidos, imos sumar e imos ganar”, concluíu.