Santiago, 20 de decembro de 2019.- A Comisión de non permanente de estudo para a Igualdade e para os dereitos das mulleres aprobou hoxe o seu ditame, logo da comparecencia de máis de 80 persoas e a análise de cerca de 30 informes, “con propostas que son o primeiro paso para a elaboración do Pacto Galego contra a Violencia de Xénero”, manifestou a portavoz popular nesta materia, Marián García Míguez.
Na súa intervención, a García Míguez sinalou que “vivimos un momento moi importante dentro da loita contra a violencia de xénero” e puxo de manifesto “o bo traballo desenvolvido dentro da comisión non permanente nun momento de fragmentación política como o que vivimos”. Neste sentido, apuntou que “o traballo desta Comisión levouse a cabo coa aportación de todos os grupos políticos e especialistas de todas as áreas ao longo de dúas lexislatura”.
AVANCES NOTABLES NOS ÚLTIMOS ANOS
“Os avances na loita contra a violencia de xénero en Galicia foron notables nos últimos anos, logo da aprobación da Lei orgánica en 2004 e a Lei galega de prevención e tratamento integral contra a violencia de xénero de 2007, sendo esta última máis avanzada que a estatal e máis en consonancia co Convenio de Istambul, que é o marco de referencia no ámbito lexislativo”, sinalou a portavoz popular.
Marián García manifestou que as conclusións e recomendacións deste ditame, extraídas da análise dos informes e a información que trasladaron os comparecentes, indican que “en Galicia estamos moi por diante na protección, na prevención, nos recursos, na asistencia, na formación, na sensibilización, na educación, no emprego, na economía e, en definitiva, en tódolos ámbitos con respecto a violencia de xénero”.
“Da esencia deste documento xurdirá o Pacto Galego contra a violencia de xénero, unha proposta de traballo onde tódolos grupos políticos estamos de acordo para poder chegar a un fin, que debe ser común, e apostando polo que nos une: erradicar así a violencia de xénero, do mesmo xeito que fixemos en 2017 coas propostas de cara ao Pacto de Estado contra a violencia machista”, engadiu.