Santiago, 9 de abril de 2021.- A Comisión non permanente de estudo para a igualdade e para os dereitos das mulleres aprobou esta mañá o plan de traballo para a presente lexislatura, que inclúe a solicitude de 20 informes ou documentos, e a comparecencia de 61 persoas.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, manifestou que “desde o Parlamento galego, cun estudo sosegado, temos a responsabilidade de impulsar ao Goberno a levar a cabo medidas que favorezan a consecución da igualdade real entre mulleres e homes”.
Paula Prado salientou “a coincidencia entre os grupos parlamentarios de abordar con perspectiva de futuro, tanto de reformas estruturais como de empregabilidade, as necesidades laborais das mulleres no contexto da pandemia e a post-pandemia”. “Son moitos os estudos e as voces expertas que advirten de que esta crise está a afectar ás mulleres de xeito moi relevante, e iso repercute na súa autonomía económica e incrementa a súa vulnerabilidade social”.
TRANSVERSALIDADE
Neste sentido, apuntou que “as medidas fronte á crise deben de adoptarse con transversalidade, para o que é necesario facer unha análise e diagnose da situación actual das mulleres derivada da crise da Covid-19 para abordar o estudo de medidas que favorezan a igualdade e empregabilidade das mulleres”.
A viceportavoz popular engadiu que “as conclusións e a análise específica destes ámbitos realizada nesta Comisión de estudo será unha oportunidade para promover avances no eido da igualdade entre mulleres e homes”.