Santiago, 10 de abril de 2018.- A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, salientou esta tarde no Parlamento a aprobación polo Goberno galego, a semana pasada, do I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021. “Un documento que incorpora 100 medidas concretas pero que é vivo, polo que se poderán incorporar novas actuacións que se adapten ás necesidades e ao desenvolvemento das políticas dirixidas á conciliación da vida laboral, personal e familiar, así como á corresponsabilidade”, apuntou.
Marián García concretou os principios reitores deste plan: a igualdade entre homes e mulleres; a corresponsabilidade social; a cooperación e coordinación institucional; a colaboración cos axentes económicos e sociais; a posta en valor do papel das familias; a equidade; e a consideración da diversidade e a eficiencia, ademais da perdurabilidade das actuacións.
SISTEMA DE INDICADORES
Na súa intervención, a portavoz popular reiterou a necesidade de equiparar progresivamente os permisos de maternidade e paternidade de forma intransferible, incrementando o permiso de paternidade de cinco a sete semanas co obxectivo de impulsar a corresponsabilidade na crianza o coidado de menores.
Así mesmo, a emenda do Grupo Popular incorpora, entre outras cuestións, que no primeiro ano de vixencia deste I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade se cree un sistema de indicadores en torno á economía do tempo que permita valorar cuantitativa e cualitativamente os tempos dedicados ao traballo remunerado, á familia e á esfera persoal.