Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para poñer en marcha a marca «leite de pastoreo»
En Galicia, o sector lácteo posúe unha importancia transcendental que se estende ao longo do territorio español, xa que destacamos como líderes nacionais tanto en número de gandeiros como en produción de leite.
O grupo parlamentario popular de Galicia considera que hai que seguir avanzando, e así o está a facer o Goberno galego, para consolidar ao sector lácteo galego como un eido produtivo estratéxico para o noso rural.
Na nosa comunidade prodúcese o 40% do leite de toda España e localízanse máis da metade das explotacións lácteas do total nacional. Deste xeito, Galicia produce tanto leite como a suma das seguintes catro comunidades españolas con maior produción – Castela e León, Cataluña, Andalucía e Asturias–. Por outra banda, non debemos esquecer que arestora nos atopamos entre as nove primeiras comunidades en produción de leite de Europa.
Somos conscientes das dificultades polas que atravesa o sector, en especial, os gandeiros, dificultades que teñen que ver co incremento dos seus custos de produción, e por iso, dende este grupo insistimos na necesidade dun esforzo por parte dos demais axentes da cadea de valor neste sentido. Porque está claro que o gandeiro é o elo máis sensible desa cadea e temos que apoialo na súa actividade, clave para dar continuidade a todo o proceso produtivo.
Así mesmo, en Galicia temos a sorte de atopar na gastronomía unha das súas mellores bandeiras. Tanto os que veñen de fóra como os galegos e galegas valoran o produto da nosa terra.
Os produtos de calidade diferenciada son puntais da Galicia Calidade pola que somos coñecidos e recoñecidos e por iso celebramos o anuncio realizado polo Presidente da Xunta de Galicia da nova sección específica de produto agroalimentario e que se
chamará Galicia Calidade Alimentaria.
A promoción é clave para o noso sector, polo que ademais da implantación das medidas contidas na Estratexia do sector lácteo, o inicio da tramitación do Observatorio lácteo, é clave para o sector lácteo o impulso da marca Leite de pastoreo de Galicia, como un selo que se suma ao de Galega 100%.
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a iniciar as actuacións necesarias para poñer en marcha a marca leite de pastoreo impulsando así o leite galego baixo o paraugas de Galicia Calidade Alimentaria.”
Rexistro:https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002736
Nota de prensa: http://www.ppdegalicia.com/index.php/gl/novas/item/5853-o-parlamento-galego-demanda-a-posta-en-marcha-da-marca-leite-de-pastoreo