Actuacións para promover e dinamizar o sector da eólica mariña garantindo a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño
A xeración de enerxía eólica en parques mariños situados fóra do contorno costeiro estase a revelar como unha actividade de futuro cun amplo potencial, tanto na obtención dunha enerxía libre de emisións de carbono, como na dinamización económica e a obtención dun alto valor engadido aparellado a súa instalación, explotación e mantemento.
Neste senso, a Unión Europea, dentro da Estratexia de Crecemento Azul adoptada pola Comisión Europea en 2012, recoñece a importancia dos mares e océanos como motores da economía europea. Esta estratexia considera a enerxía de orixe mariña, denominada como “Enerxía Azul”, como un dos ámbitos prioritarios para proporcionar un crecemento sostible. Para a Comisión Europea, en 2030, a capacidade de instalación anual de eólica mariña podería superar á eólica en terra, e estímase que subministrará o 14% da demanda de electricidade dos Estados que a integran.
Trátase pois, dunha actividade cun elevado dinamismo que ten un alto potencial produtivo en Galicia, cunha probada capacidade de xeración de elementos necesarios para a instalación de parques, que fai que acumulemos un importante saber facer, e uns espazos mariños con importantes posibilidades de asentamento de parques, dos que é sinalada a presenza de condicións de vento con alta produtividade.
Porén, a planificación espacial dos usos e aproveitamentos e a importante dimensión das actividades marítimo-pesqueiras na costa galega fan recomendable e necesaria unha compatibilidade das mesmas con estas novas propostas produtivas, para o que se poden seguir exemplos doutros emprazamentos onde a coexistencia e a compatibilidade é unha mostra práctica, coma no mar do Norte, onde non só non se solapan, senón que mesmo xeran sinerxías entre as diferentes actividades, traballando para adecuar estas experiencias ás circunstancias da nosa actividade pesqueira e da zona xeográfica mariña onde nos situamos.
Xa que é importante a coordinación entre as actividades, precisase dun contacto e diálogo intenso que posibilite a achega de coñecementos para evitar incompatibilidades neses usos e unha mellor definición da capacidade de acollida de cada espazo mariño para cada actividade.
O estudo “Impacto del uso de la energía eólica marina y otras energías renovables marinas en la pesca europea”, promovido polo Parlamento Europeo, sinala unha xeira de pasos para mitigar as posibles diferencias entre as actividades, simplificar os procesos de negociación e promover a convivencia, entendendo como necesaria a adopción dunha comunicación temperá e a consulta ás partes interesadas antes da designación de sitios potenciais. Tamén a integración de todas as partes interesadas para referendar o proceso de localización mediante a dispoñibilidade de coñecementos; a achega de aportacións de terceiros independentes que coñecen e consideren todas as preocupacións das partes ou a promoción do coñecemento de exemplos de cooperación que permitan a aprendizaxe mutua e sobre medidas de mitigación das interferencias entre actividades.
Segundo ten manifestado o Galician Offshore Energy Group de ASIME nun foro industrial, o pasado 14 de abril: “Os proxectos de eólica mariña son moi intensos en canto a persoal. Actualmente en Galicia, a eólica mariña xera máis de 800 empregos directos e 350 indirectos. Cunha implantación preto das costas galegas de parques eólicos de densidade media, poderíanse crear máis de 12.000 postos de traballo, 6.000 directos e 6.000 indirectos, na próxima década”.
Así pois, Galicia non debe quedar á marxe deste potencial e débeo facer gardando os intereses de todas as partes cuxas actividades conflúen nos espazos mariños contiguos á costa.
Por todo o exposto, as deputadas e deputados do Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno.
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1.-Promover e dinamizar o sector da eólica mariña offshore mediante a promoción de elementos técnicos e de coñecemento desta tecnoloxía e a súa implementación.
2.-Avaliar o asentamento de parques no contorno mariño contiguo garantindo o respecto e compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño.
3.-Proceder á constitución dun observatorio desta actividade para o diálogo e o coñecemento tanto das achegas propias coma de outras entidades nacionais, europeas e internacionais, no que se integren representantes de ambas actividades e sexan asistidos por técnicos da administración competente na materia. O obxectivo sería promover a realización de estudos ambientais e socioeconómicos específicos para Galicia que analicen as oportunidades e impacto que podería orixinar a implantación de parques eólicos offshore nas costas galegas.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-001525