O voceiro do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, sinalou que a sanidade pública galega goza dunha saúde excelente, e destacou que nunca contou con tantos recursos, nin con tanto persoal, como baixo os gobernos do Partido Popular na Xunta.
“Hoxe hai máis de 7.000 profesionais sanitarios que cando chegamos ao Goberno galego. A realidade é que estamos ante o momento de maior investimento na sanidade pública en Galicia”, engadiu.
Tamén lembrou que os actuais niveis de concertación con servizos privados están moi por debaixo dos que existían baixo gobernos anteriores, incluídos aqueles que hoxe promoven mobilizacións.“É curioso que quen máis privatizou sexa agora quen máis berra. Pero os berros non curan, nin melloran a sanidade. Para iso, traballamos nós cada día”, sentenciou.
Pazos fixo memoria sobre a folla de ruta iniciada hai sete anos, durante o Goberno de Mariano Rajoy, para abordar os retos comúns das comunidades autónomas no ámbito sanitario.“Aquel acordo foi paralizado semanas despois coa chegada do Goberno de Pedro Sánchez, e ningún dos seus seis ministros de Sanidade foi quen de darlle continuidade. Mentres uns esquecen os acordos, nós seguimos traballando”, declarou.
Finalmente, o voceiro popular reiterou o compromiso do Partido Popular coa sanidade pública:“A nosa prioridade segue sendo garantir que os galegos conten cun dos mellores sistemas sanitarios de Europa. Non negamos que existan problemas, pero asumímolos con responsabilidade, e non con consignas. Mentres outros se dedican á pancarta, nós traballamos”.