O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe no Debate sobre o Estado da Autonomía (DEA) que “o pobo galego non se sinte representado na Galicia vencida, triste, pontoniana que BNG e PSdeG describen, porque existe outra Galicia moito máis realista, que é consciente dos seus problemas, das súas fortalezas e que, desde esa consciencia, afronta o futuro con prudencia, con responsabilidade pero tamén con confianza e optimismo”.
Alberto Pazos salientou que a celebración do DEA “representa, en si mesmo, o principal feito diferencial da política galega: a estabilidade institucional”. “Fronte a un Goberno de España que leva cinco anos sen convocar o preceptivo debate anual sobre o Estado da Nación, Galicia afronta o seu debate de autonomía con total normalidade”, sinalou.
MIMBRES PÉSIMES, CESTEIROS EXCELENTES
Na súa intervención, fixo un repaso da complexa situación política, social e financeira que o PPdeG herdou ao ganar as eleccións no ano 2009 para destacar que “as mimbres era pésimas, pero os cesteiros demostraron ser excelentes”. Neste sentido, lembrou que “Galicia apostou hai xa 15 anos pola estabilidade institucional, polo crecemento sostible, pola mellora continuada dos servizos públicos e, desde aquel 1 de marzo de 2009, emprendemos un proxecto colectivo baseado nas sinais de identidade do pobo galego, e que se resume nunha única palabra sinxela, modesta e sensata: sentidiño”.
O portavoz popular criticou que BNG e PSdeG insistan “no retrato dunha Galicia escura, depresiva, case dickensiana na que nada funciona e na que se, por un casual, algún servizo público escapa desa negra maldición, sería exclusivamente polo mérito dos heroicos traballadores que logran reverter a vontade dun goberno empeñado en sumir ao seu pobo nas tebras”. “Desdebuxan tanto a realidade galega que o resultado é unha caricatura burda e tosca na que o retratado non é quen de recoñecerse”, sinalou.
Porén, Pazos dixo que “os galegos podemos sentirnos orgullosos de axudar a cada galego que chega ao mundo, facilitando á súa familia unha tarxeta benvida; de que os nenos galegos son os mellor inmunizados do mundo; de rebaixar en 15 puntos o abandono escolar e acadar a menor taxa de fracaso escolar; de manter as taxas universitarias conxeladas nos últimos 13 anos; de revolucionar a formación profesional; de que a nosa sanidade pública cada día é mellor valorada polos galegos; de ofrecer máis e mellores servizos para os maiores; de que a pesca teña a maior facturación en lonxa da historia; ou de que actualmente dediquemos un 1,5 por cento do orzamento a políticas de igualdade”.
“Son os éxitos dun país, son de todos, e os galegos están orgullosos deses éxitos, porque os galegos son o vento que impulsa ese cambio”, incidiu.
SEN ALTERNATIVA
Alberto Pazos explicou que “estas magnitudes dan conta dos beneficios da estabilidade que aporta un Goberno centrado no realmente importante, fronte aos continuos problemas xerados por gobernos inestables, que dependen dos caprichos de socios que teñen intereses e prioridades diferentes aos da maioría dos cidadáns”.
Así, e referíndose ás esixencias dos independentistas cataláns para apoiar que Pedro Sánchez continúe como Presidente do Goberno, alertou que “a condonación da débeda catalana, como calquera reclamación sobre supostas débedas históricas, só se pode materializar a costa dos recursos que lle corresponden a outros territorios, entre eles Galicia”. “A triste realidade deste BNG e PSdeG é que teñen amosado moito máis compromiso coa independencia de Cataluña que coa dependencia de Galicia”, lamentou.
Por último, Alberto Pazos puxo de manifesto que “en Galicia hoxe non existe alternativa, se por alternativa entendemos un proxecto serio, cun liderado claro e cun equipo que traballo unido”. Así, indicou que “a Galicia que esta mañá presentou o Presidente Rueda é mellor que a que recibiu e esa é a primeira obriga de calquera líder e a primeira aspiración de calquera pobo”. “Alfonso Rueda debullou hoxe unha folla de ruta para seguir liderando este país durante moitos anos”, subliñou.