O PPdeG destacou o investimento de case 500.000 euros que o Goberno galego destina ás obras de rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Carballal-Cabral, en Vigo.
Nunha recente visita aos traballos, os deputados autonómicos do Grupo Parlamentario Popular Julio García Comesaña, Moisés Rodríguez e Patricia García, acompañados pola presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, puxeron esta intervención como exemplo do importante esforzo investidor que a Xunta está a realizar para mellorar, modernizar e adaptar os centros educativos de Vigo e do conxunto da provincia de Pontevedra.
A actuación no Carballal-Cabral ten como obxectivo mellorar o confort térmico dos catro edificios do centro e incrementar a súa eficiencia enerxética. Para iso, está previsto o illamento térmico dos inmobles, a renovación das carpintarías exteriores, a substitución das cubertas do edificio principal, do ximnasio e do inmoble destinado ao profesorado, así como a instalación de novas luminarias LED no ximnasio. A previsión é acadar, unha vez rematados os traballos, un aforro enerxético e unha redución das emisións superior ao 30 %.
20 ACTUACIÓNS E CASE 22,5 MILLÓNS DE EUROS EN VIGO
Os deputados autonómicos subliñaron que a actuación do Carballal-Cabral non é unha obra illada, senón que forma parte dun programa moito máis amplo de modernización das infraestruturas educativas de Vigo.
Durante este verán, a Xunta levou a cabo 20 actuacións en colexios e institutos da cidade, cun investimento próximo aos 22,5 millóns de euros. Delas, seis son grandes actuacións que suman máis de 22 millóns de euros, mentres que as outras 14 corresponden a intervencións de menor dimensión incluídas no Plan Ben_Estar, cun investimento conxunto duns 362.000 euros.
Entre as principais actuacións destacan, ademais da rehabilitación integral do Carballal-Cabral, a construción do novo IES Domingo Villar de Navia, cun investimento de case 17,8 M€; a reforma do CIFP Manuel Antonio, con 1,5 M€; a rehabilitación do CIFP Valentín Paz Andrade, con preto de 1,9 M€; e a renovación das cubertas dos colexios Eduardo Pondal e Coutada-Beade.
A estas grandes obras súmanse actuacións de reparación e mellora noutros centros vigueses, con intervencións en elementos como instalacións de fontanaría, carpintaría exterior, accesibilidade, espazos infantís, lucernarios e aseos.
UN INVESTIMENTO QUE SE ESTENDE A TODA A PROVINCIA
Os representantes do PP quixeron destacar que Vigo é unha mostra dunha política de modernización das infraestruturas educativas que se está a desenvolver no conxunto da provincia, na cal están previstas 20 actuacións dentro do paquete de grandes obras deste verán, cun investimento de 36,6 M€ ás que se suman outras intervencións de menor contía.
Os populares destacaron que estas actuacións reflicten o compromiso da Xunta cunhas infraestruturas educativas públicas modernas, accesibles, eficientes e adaptadas ás necesidades actuais dos centros, e reivindicaron a importancia de continuar avanzando tanto en Vigo como no conxunto da provincia de Pontevedra.