O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe que o Debate de Investidura que se celebrará a vindeira semana “permitirá confirmar, unha vez máis, que o único proxecto serio e solvente para a Galicia do futuro é o de Alfonso Rueda e do Partido Popular, capaz de manter a estabilidade política da que felizmente gozamos na Comunidade galega nos últimos anos”.
Segundo se acordou esta mañá na reunión da Xunta de Portavoces, a sesión de investidura dará comezo o vindeiro martes, 9 de abril, ás 9.30 da mañá co discurso do candidato á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda.
Unha vez rematada esta intervención e transcorridas 48 horas, o xoves 11 de abril terán lugar as intervencións dos portavoces dos distintos grupos parlamentarios, de menor a maior, por un tempo máximo de 35 minutos. A continuación, volverá tomar a palabra o candidato a Presidente para responder, sen límite de tempo, a todos os portavoces parlamentarios, que terán unha nova quenda de intervencións de 10 minutos cada un antes da intervención de peche de Alfonso Rueda.
TOMA DE POSESIÓN O SÁBADO, 13 DE ABRIL
Finalmente, terá lugar a votación coa que Alfonso Rueda será elixido Presidente da Xunta de Galicia, “gracias ao apoio do Grupo Popular e dos milleiros de galegos que o pasado 18 de febreiro volveron confiar no Partido Popular de Galicia e no proxecto encabezado por Alfonso Rueda para os vindeiros catro anos”, lembrou Alberto Pazos. Posteriormente, o Presidente do Parlamento dará traslado desta elección ao Rei, para que o sábado, 13 de abril, teña lugar a toma de posesión do novo Presidente da Xunta no Parlamento de Galicia.
O portavoz popular manifestou que este debate “permitirá confirmar, unha vez máis, que o único proxecto serio e solvente para Galicia é o de Alfonso Rueda e o do PPdeG”. “Porque, enfronte, xa estamos vendo o que hai: un BNG ansioso de novidades e presentando propostas antigas e totalmente desfasadas, que xa foron obxecto dun completo estudo neste Parlamento e que todos os expertos rexeitaron porque consideran que sería prexudicial para Galicia e os galegos; e pola parte socialista, e a falta de mellores ideas, volven tirar do seu comodín: o rescate da memoria histórica e a súa aplicación en Galicia, unha cuestión que é competencia estatal, no que o Goberno galego está sendo totalmente colaborador e para o que se precisan investimentos que o Goberno de Pedro Sánchez non pon enriba da mesa”, indicou Alberto Pazos.
“O tempo de contrastar proxectos xa pasou e os galegos xa ditaron o seu veredicto o pasado 18 de febreiro, polo que estamos nun tempo novo no que todos os grupos deberían asumir os resultados dese contraste de proxectos e cal é a representación que a sociedade galega nos concedeu a cada un”, concluíu o portavoz popular.