O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, afeou, hoxe, a negativa de BNG e PSdeG participar nas concentracións de apoio ao pobo ceutí e para exixir unha solución inmediata ao caos que se está a vivir na cidade de Ceuta, tras máis dun mes de “absoluto abandono por parte do Goberno central”.
Tal e como expuxo, “mentres o PPdeG estaba ao lado de Ceuta”, os nacionalistas mantiñan unha xuntanza con EH Bildu e os socialistas galegos preferiron poñerse de perfil e facer seguidismo de Pedro Sánchez: “O BNG elixiu as malas compañías e o PSdeG elixiu poñer os seus propios intereses partidistas por riba do sentido de Estado”. Así, ante a afluencia das diferentes convocatorias, o representante popular apuntou que “non existe dúbida de quen quedou realmente só e illado e de quen goza do apoio maioritario do pobo galego”.
Pazos aproveitou a súa comparecencia para amosar a solidariedade do Grupo Popular co pobo ceutí e trasladar, o seu apoio e recoñecemento aos compañeiros do PP de Ceuta, polo seu “exemplo de responsabilidade, integridade e verdadeira vocación de servizo público”; e fixo especial fincapé, tamén, “na realidade máis dolorosa”, as 141 persoas falecidas.
UN PRESIDENTE SEN APOIOS E INHABILITADO PARA GOBERNAR
Asemade, o representante popular acusou a Pedro Sánchez de fuxir das súas responsabilidades e de ser incapaz de dar “nin unha soa explicación coherente” sobre o acontecido nin de tomar “ningunha decisión firme” ao respecto: “Escoitar a Pedro Sánchez, lonxe de achegar tranquilidade, o único que produce na cidadanía é máis indignación, máis incerteza e máis inseguridade”.
Para Alberto Pazos, onte evidenciouse un presidente submiso a Marrocos, “profundamente cuestionado, sen apoios e inhabilitado para solucionar esta crise e para presidir o país”. E considerou inadmisible que, máis dun mes despois, o pobo ceutí siga sen respostas de por que se chegou a esta situación ingobernable e que vai facer o Executivo cos milleiros de adultos e menores migrantes non acompañados que permanecen na cidade.