Santiago, 6 de xuño de 2022.- “Esperamos que os responsables da oposición acudan a esta reunión co mesmo ánimo de chegar a acordos que o manifestado polo Presidente Rueda polo ben de Galicia e de todos os galegos, deixando a un lado os seus intereses partidistas e abandonando o ton crispado que protagonizaron estas últimas semanas”, manifestou hoxe o viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos.
?Desde o @ppdegalicia abordamos a reunión de @AlfonsoRuedaGal coa oposición coa esperanza en acadar acordos de país en materias que preocupan aos galegos pero cunha oposición alonxada da realidade e das preocupacións, pedimos un pouco de sentidiño @pazos_alberto ? pic.twitter.com/kXTcvRwmt0
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 6, 2022
Ao remate da reunión habitual dos luns dos deputados do Grupo Popular, Pazos asegurou que o Presidente Rueda “acode a estas reunións coa man tendida e co máximo interese en consensuar unha postura común con demandas para defender ante o Presidente do Goberno de España, no momento que teña a ben atender a solicitude feita polo Presidente da Xunta hai unhas semanas”.
EXPECTATIVAS ENCONTRADAS
?️Pedíulles @pazos_alberto á oposición propostas sensatas e coherentes para a reunión con @AlfonsoRuedaGal «as respostas foron movilización partidista e exabruptos»,aínda así espera unha reunión productiva cunha folla de ruta conxunta polo ben de Galicia e os galegos @ppdegalicia pic.twitter.com/AZ5IZ9RR3L
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 6, 2022
Porén, indicou que “desde o Grupo Popular abordamos estas reunións cunhas expectativas encontradas”. Por unha parte, amosou a “esperanza de que se cheguen a acordos de país, en materias que realmente preocupan aos galegos, como a sanidade, os servizos sociais, a distribución dos fondos europeos ou o desenvolvemento industrial”.
“Pero, por outra parte, atopámonos cunha oposición alonxada da realidade e das preocupacións dos galegos, con propostas totalmente irrealizables e cheas de demagoxia que para nada axudan a chegar a acordos viables”, lamentou. Deste xeito, pediu “un pouco de sentidiño nas propostas, porque é moi sinxelo pedir 200 millóns de euros para a mellora da atención primaria ou 700 millóns para combater a preocupante suba de prezos sen concretar que partidas do orzamento da Xunta se reducirían ou eliminarían, ou, máis en concreto, de onde se sacarían eses cartos”.
Así mesmo, dixo que “tampouco é moi congruente que, por unha parte, se demande o desenvolvemento industrial de Galicia e, ao mesmo tempo, se estea en contra da implantación de novas industrias na Comunidade galega, se pida o peche doutras, ou se manifeste en contra dun sector como o eólico, cando é coñecido que en Galicia existen rigorosas garantías ambientais para a implantación de parques de enerxía eólica, co 77,5 por cento do territorio blindado fronte a eólicos”.
NOVAS POSITIVAS
“Aínda parece menos congruente, se temos en conta que o Goberno Central ven de diminuír a protección ambiental dos eólicos da súa competencia a través do Real Decreto Lei de medidas para paliar as consecuencias da Guerra da Ucraína, exonerando de avaliación ambiental e de información pública a determinados proxectos eólicos, unha normativa que foi apoiada tanto polos deputados no Congreso do PSdeG como do BNG”, apuntou.
Alberto Pazos incidiu na esperanza de que “a actitude da oposición se pareza máis ao seu discurso que aos seus feitos, e que fagan realidade o seu anuncio de que acoden con ánimo de chegar a acordos”. “Estamos convencidos de que por parte do Presidente Rueda non vai ser, polo que, polo ben de Galicia e dos galegos, esperamos que as novas sobre a reunión sexan positivas e se consiga unha folla de ruta conxunta con demandas ao Goberno central e para mellorar a prestación dos servizos públicos que reciben os galegos”, sinalou.