O portavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Alberto Pazos, cualificou de fito de xestión a presentación do proxecto de Orzamentos de Galicia para 2027. Trátase do décimo oitavo ano consecutivo no que a Xunta presenta as contas en tempo e forma, co obxectivo de que entren en vigor o vindeiro 1 de xaneiro. Fronte á parálise orzamentaria do Goberno de Pedro Sánchez, Pazos salientou que Galicia volve demostrar que é posible gobernar con rigor, estabilidade e planificación.
Pazos destacou que estas contas superan os 15.150 millóns de euros e destinan por primeira vez máis de 11.000 millóns ao gasto social, cun incremento do 7,1 %. O proxecto reforza Sanidade, Educación e Políticas Sociais, ao tempo que incorpora rebaixas fiscais para aliviar o custo da vida das familias galegas. Ademais, duplica os fondos para construír vivenda pública, que pasarán de 163 a 326 millóns de euros, e inclúe novas medidas fiscais para facilitar o acceso á primeira vivenda.
O portavoz popular asegurou que estes Orzamentos demostran que o equilibrio económico e o progreso social son compatibles cunha xestión responsable, sen recorrer a novo endebedamento. Así mesmo, contrapuxo o modelo galego de estabilidade ao do Executivo central, ao que reprochou a falta de novos Orzamentos xerais do Estado. Pazos agardou que o BNG e o PSdeG expliquen a súa posición ante unhas contas que baixan impostos, impulsan a vivenda e reforzan os servizos públicos, e salientou que o calendario parlamentario permitirá que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2027.