Santiago, 25 de abril de 2018.- O deputado do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Parlamento que no PPdeG “seguiremos sendo esixentes en relación coa AP-9 tanto co Ministerio de Fomento como coa empresa concesionaria, porque entendemos que a necesidade de realizar obras de mantemento non significa que non exista a obriga de tomar medidas para minimizar os seus efectos”. Neste sentido, lamentou que En Marea rexeitara a aprobación, ao negarse á súa votación individualizada, dunha emenda para abrir un expediente informativo á concesionaria da autoestrada polas retencións na AP-9.
Alberto Pazos subliñou que o actual Goberno galego e o PPdeG “están a ser esixentes coa AP-9, solicitando a súa transferencia á Xunta, conseguindo a creación dunha Comisión Mixta, conseguindo que o Estado asumira a totalidade das peaxes de Rande e A Barcala ou coa futura supresión da peaxe en Redondela”.
“Seguiremos nesta liña e, deste xeito, solicitamos á empresa concesionaria Audasa a adopción das medidas correctoras oportunas para evitar atascos e retencións na AP-9”, manifestou.
O deputado popular lembrou que as actuais obras de mantemento que se executan na Ponte de Rande “están vinculadas á correcta prestación do servizo por parte da empresa concesionaria, porque de non facer esta actuación estarían incumprindo o compromiso contractual”.
Porén, manifestou que “a execución destas importantes obras de reasfaltado dos carrís centrais da Ponte de Rande ten que realizarse adoptando as medidas oportunas para evitar atascos e prexuízos aos usuarios, cuestión que demandamos á empresa concesionaria”.