O portavoz do Grupo Parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, urxiu, hoxe, ao Goberno central a que constitúa a Comisión Interadministrativa, o órgano encargado de habilitar os incentivos fiscais para as empresas patrocinadoras e colaboradoras do Xacobeo 2027. “Esta inexplicable demora está a poñer en perigo a planificación do Ano Santo”, dixo.
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, Alberto Pazos amosou a súa preocupación ante a inacción do Executivo de Pedro Sánchez por un evento que é unha prioridade para Galicia e, que, tal e como advertiu, estase vendo comprometido. Nesta mesma liña, salientou a transcendencia do Ano Santo, xa que marcará a axenda cultural e turística do próximo ano. “É este un novo agravio a Galicia ou é, simplemente, desleixo?”, apuntou Pazos, para continuar remarcando que “Galicia non pode permitirse novos agravios nin este desleixo”.
Así, de cara a garantir que o próximo Xacobeo sexa un éxito, instou de novo ao Goberno a que deixe de poñer trabas, co fin de poder traballar con seguridade.
UN GOBERNO QUE GOBERNA E UN PPDEG QUE SOLUCIONA
Sobre o Debate de política xeral, que terá lugar o vindeiro 8 de abril, Alberto Pazos, volveu incidir en que será unha data na que “se confirmará con feitos que a Galicia de hoxe funciona, que hai un goberno que goberna e que o PPdeG é a solución aos problemas reais dos galegos”.
Neste senso, salientou a estabilidade institucional que caracteriza a Galicia, debido á “xestión rigorosa e con sentidiño” do presidente Rueda. Así, fixo fincapé “na palabra cumprida” en ámbitos como a vivenda, a cal, dixo, é a prioridade; en educación, servizos públicos e en gasto social, para “atender o que é urxente”; no industrial e na innovación, co fin de que Galicia sexa recoñecida como un polo de atracción de investimentos que garantan un futuro mellor para a mocidade; e en melloras fiscais para as familias e para quen máis o precisa.
Fronte a isto, o portavoz popular amouse convencido de que a Galicia que reflectirán os grupos da oposición, nese debate, pouco ou nada terá que ver coa que coñecemos: “Pasaremos da habitual visión catastrofista e apocalíptica do BNG á visión desenfocada do PSdeG”. “Uns –engadiu- ondearán a pancarta do non a todo e outros levarán a que lles ordenen desde Madrid. Uns centrarán o seu debate en que canto peor digamos que lle vai a Galicia, mellor nos irá a nós; e outros quedaranse sen voz no momento de ter que defender os intereses de Galicia”.