O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que na centralidade, na estabilidade e no sentidiño que caracterizan ao Partido Popular está “a receita” para que Galicia e Ourense “sigan funcionando, progresando e recuperando o terreo perdido” e trasladou aos seus a importancia do traballo conxunto, do cumprimento da palabra dada e da vocación de servizo público para poder cumprir coa confianza depositada pola cidadanía nos seus políticos.
“A xente confía en nós para que xestionemos e ofrezamos solucións, non para que discutamos entre nós, nin para que inventemos problemas onde non existen ou magnifiquemos os xa existentes. Para todo iso xa están os demais partidos. Nós somos outra cousa”, remarcou ante os asistentes ao 19º Congreso Provincial do PP de Ourense no que Luis Menor foi proclamado presidente cun apoio do 93,74%.
Rueda felicitou ao novo líder provincial definíndoo como “un compañeiro leal, traballador, con sentidiño e ourensán ata a médula” e poñendo en valor “o traballo de escoita, a humildade e as ganas de triunfar” que hai detrás desta elección. “Luis estaría moito máis cómodo dedicándolle todo o seu tempo aos veciños do Pereiro de Aguiar, pero decidiu asumir este gran traballo cun gran equipo detrás. E cando hai traballo e equipo, os resultados chegan”, explicou.
Tamén tivo palabras de agradecemento para o anterior presidente, Manuel Baltar, do que destacou a súa “raza” como político poñendo en valor o “traballo feito durante anos, con moitísimos máis acertos que erros, para manter un partido unido e gañador” e sen o que sería imposible entender os éxitos do PP de Ourense.
O líder dos populares galegos trasladou o seu convencemento de que “hai moitas cousas por facer” aínda en Ourense e por iso pediu á nova dirección provincial do partido “dedicación, responsabilidade, coordinación e lealdade para poder facelo”. Porque, subliñou, a esta provincia “hai que prestarlle a atención que merece”.
De aí que avogase por “seguir traballando e facendo o que a xente espera de nós afastados dos gritos, do espectáculo, os paripés e os postureos dos que di queren cambiar as cousas cando realmente non fan nada nin ofrecen solucións”.
“GAÑAMOS PORQUE FACEMOS O CONTRARIO DO QUE FAN OUTROS”
Rueda explicou que a clave das vitorias do Partido Popular na provincia está en facer o contrario do que fan os outros partidos: “O PSOE e o BNG nunca se explican por que gañamos sempre as eleccións en Ourense, pero é porque nós, ao contrario do que fan eles, non dedicamos todo o noso tempo a mirar cara o noso embigo, incorrer en contradicións nin poñer e sacar caretas”.
Referiuse así a un BNG que “vai de suave e intenta disimular o que realmente é” pero en realidade comparte listas con Bildu e, tal e como se ratificou hai uns días “aposta polo monolingüismo e o independentismo e ten como obxectivo facer de Galicia unha república comunista”.
“Todo isto non o poden negar porque é o que está detrás da careta e do Photoshop”, afirmou ironizando co traballo que require manter estas posturas en pleno século XXI e a pesar de que “ninguén está xa de acordo en absoluto con estas posturas”.
Apuntou tamén a un PSOE que “iniciou hai un mes o postureo na cidade de Ourense apelando á responsabilidade” e que é o mesmo que “preferiu perder a alcaldía do Carballiño e poñer fin a un goberno responsable antes que gobernar co PP”. O mesmo socialismo tamén que cala ante un Goberno de España que “non está dando a Galicia o que merece porque prefire darllo todo a quen lle interesa, a aqueles con quen ten hipotecas e que o chantaxean”.
Neste sentido quixo dar as grazas ao presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, por «darnos a esperanza de que o trato que o Goberno de Sánchez lle da a Galicia pode cambiar” e polo orgullo demostrado esta semana.
“Grazas por facer de galego máis que nunca, por demostrarnos que non cedes a chantaxes, que somos un partido con principios e que somos solidarios. Sentímonos orgullosos de ti e de todos os nosos compañeiros, presidentes e presidentas autonómicas que se comportaron como se tiñan que comportar”, engadiu.
Por todo isto, concluíu, é importante contar cun partido “ben organizado, que funcione ben e que ofreza credibilidade cara dentro e cara fora” e por iso precisamente era importante a celebración deste congreso extraordinario do PP de Ourense: “Para que o partido poida dedicarse plenamente ao territorio, á provincia no seu conxunto e a cada concello en particular”.