Hoxe, nun mitin na Estrada ao que asistiron un milleiro de persoas e no que tamén participaron o presidente provincial de Pontevedra, Luis López, a candidata pola provincia María Martínez e o alcalde José López Campos
Alfonso Rueda quere que os votos que reciba o 18-F sirvan para seguir mellorando a vida dos galegos e que o resto de españois continúen tendo un espello onde mirarse
- Refírese á “Galicia soñada” como “unha terra serena, sensata, resolutiva e eficaz” e un faro de “tranquilidade” ao que a xente poida mirar con alivio porque “aquí as cousas se fan ben e a xente vive tranquila”
- Fronte á “política de egos” e fronte aos “sectarios e intolerantes de sempre”, o presidente pide a confianza no “partido que traballa, que é eficaz e que non promete nada que non poida cumprir”
11 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, quere que os votos que reciba o próximo 18 de febreiro sirvan para continuar facéndolle a vida máis doada a todos os galegos e que o resto de españois sigan tendo en Galicia un espello onde mirarse desde o respecto e a admiración.
Así o asegurou hoxe nun mitin na Estrada no que falou da “Galicia soñada” como “unha terra serena, sensata, resolutiva e eficaz”. Un faro de “tranquilidade” ao que a xente poida mirar con alivio porque “aquí as cousas se fan ben e a xente vive tranquila”.
“Pídovos o voto para conservar todo o que funciona en Galicia e para non converternos nunha sucursal do lío nin nun reflexo dos peores vicios que se están instalando na política nacional”, explicou facendo un chamamento a demostrar nas urnas que “Galicia ten o remedio que España necesita”.
Fronte á “política de egos” e fronte aos “sectarios e intolerantes de sempre”, Rueda pediu a confianza no “partido que traballa, que é eficaz e que non promete nada que non poida cumprir”. Un PPdeG que non fala tanto de ideoloxía como a esquerda, senón que prefire fala só do importante: “O que propoñemos e o que faremos para que a xente viva aínda mellor en Galicia”.
“Mentres outros seguen co mesmo de sempre, nós sabemos o que é gobernar coa confianza dos galegos e temos a ambición e o inconformismo que se precisan para continuar facendo que Galicia funcione”, reivindicou.
Rueda rematou a súa intervención apostando por “unha Galicia que avance en servizos cada vez mellores” e na que “os soños se convertan en realidades”. Algo que exemplificou en clave local falando dos moitos compromisos materializados en feitos no concello da Estrada, como o Centro de Emerxencias de Galicia, o novo edificio dos xulgados ou a ampliación da autovía Santiago-A Estrada (AG-59).