O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, situou hoxe ao alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, e ao seu equipo como exemplo de todo o que poden facer polos seus veciños os gobernos estables do Partido Popular.
Na cea de Nadal organizada neste concello polos populares da comarca do Salnés, o presidente destacou a mellora, o desenvolvemento e o progreso constantes que leva experimentando a vila ao largo dos anos. Algo que explica, na súa opinión, que Durán poida contar cun apoio electoral superior ao 60% por parte dos seus veciños.
Rueda asegurou que o Goberno galego tamén quere ser partícipe desta Vilanova puxante e, por iso, os Orzamentos de 2025 apoiarán neste concello a mellora das estradas, a construción de sendas, o impulso do turismo, a aposta polos parques empresariais e a mellora dos centros educativos.
Un apoio transversal que é posible precisamente polo bo facer do Concello e por unha estabilidade que, indicou, oxalá se dese en todos os concellos galegos e especialmente nun Goberno central cun presidente cuxo único plan é o de manterse no poder a costa de acumular nun caixón todos os proxectos vinculados a Galicia.
Fronte a isto, remarcou, os galegos poderán seguir contando no PPdeG cun partido obsesionado con facer as cousas ben e centrado en defender os intereses de Galicia por riba de todo. Tal e como demostrou onte o propio Alfonso Rueda na Conferencia de Presidentes.
Unha Conferencia na que o presidente galego deu a batalla por un financiamento xusto, por unha política de vivenda que de verdade funcione, por unha inmigración ordenada e por unha sanidade con profesionais suficientes. Cuestións todas elas que irán en beneficio da nosa Comunidade e de toda España e que han de ser defendidas desde o “Estilo Galicia”: defender o noso dentro do interese común.
LUIS LÓPEZ: “SOMOS UN GRAN EQUIPO E HOXE VOLVEMOS DEMOSTRALO”
O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, destacou que a cea de Nadal de Vilanova de Arousa é sempre unha estupenda oportunidade para poder xuntar aos populares. Xa que, ano tras ano, acoden a ela desde centos de simpatizantes e afiliados ata deputados nacionais e autonómicos, senadores, e mesmo o presidente do Partido Popular de Galicia.
“Vilanova é un exemplo de unión do partido. Xa non só arrasan en cada cita electoral, senón que tamén arrasan en cada cea de Nadal que organizan. E así, todos xuntos celebramos estes datas tan especiais, amosando unha completa unidade. Somos un gran equipo e estas ceas así o demostran”, finalizou.
GONZALO DURÁN: “UN AGRADECEMENTO AOS DOUS PRESIDENTES”
Pola súa banda, o alcalde e presidente local do PP, Gonzalo Durán, agradeceu ao presidente autonómico e provincial que, un ano máis, quixeran estar presentes na cea de Vilanova, “un clásico do Nadal”. “Esta cea non é só para reunir aos nosos veciños, senón unha forma de agradecerlle aos dous presidentes e aos seus gobernos todos os investimentos e a súa implicación no futuro deste concello”, dixo.
Do mesmo xeito, o tenente de alcalde e vicesecretario provincial, Javier Tourís, gabou a “un presidente que xa é historia de Galicia”, Alfonso Rueda, ao que este ano Vilanova outorgou un “apoio masivo” no “gran éxito” eleccións autonómicas. Así mesmo, subliñou o labor de Luis López como “o presidente da Deputación máis municipalista, sempre pendente de todos e cada un dos concellos”.