Demanda da Xunta ante o goberno central para a rectificación do disposto na lei de residuos estatal e a ampliación do prazo, fixado pola directiva europea en decembro de 2023, que teñen os concellos de máis de cinco mil habitantes para implantar a recollida de biorresiduos
O Goberno central aprobou o pasado mes de abril a Ley 7/2022 de residuos y suelos contaminados para una economía circular.
Nesta normativa, e pese ás alegacións presentadas polo grupo parlamentario popular, introdúcese a esixencia de que os concellos de máis de 5.000 habitantes teñan implantada antes do 30 de xuño de 2022 a recollida separada dos biorresiduos de orixe doméstica.
Unha decisión que colisiona co establecido na directiva europea e na lei de residuos de
Galicia, que sitúan este prazo para implantar o quinto contedor en decembro de 2023.
O que na práctica reduce o prazo para estes concellos en ano e medio e dálles só 2 meses tras a entrada en vigor da lei para implantar a recollida separada dos biorresiduos.
Esta decisión unilateral afecta en Galicia a 113 concellos que teñen máis de 5.000 habitantes e que deben acelerar un proceso que leva meses implantar, co conseguinte prexuízo para os municipios e a práctica imposibilidade de cumprir os prazos fixados por lei.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a esixir ao Goberno de España que rectifique o disposto na Lei de residuos estatal, ampliando o prazo que teñen os concellos de máis de 5.000 habitantes para implantar a recollida de biorresiduos, seguindo o establecido na directiva europea, que fixa o límite en decembro de 2023”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-003122