Actuación que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para ampliar os puntos de atención continuada que conten cuha superficie axeitada para facilitar o traslado de pacientes a centros hospitalarios a través dos dous helicópteros cos que conta o 061
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 naceu en 1995 para poder achegar a atención de urxencias a todos os puntos da xeografía galega. Desde ese momento, os recursos cos que conta a Fundación foron ampliándose, ata contar na actualidade cunha Rede de transporte sanitario urxente que posibilita unha atención telefónica ou o desprazamento dos recursos prehospitalarios necesarios en cada emerxencia.
Os profesionais do 061 atenden as emerxencias na nosa Comunidade os 365 días do ano, as 24 horas do día, para iso, dispoñen con ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado, ambulancias asistenciais de soporte vital básico e cós helicópteros medicalizados con base en Santiago de Compostela e Ourense.
Paralelamente contamos cunha rede de atención extraordinaria de atención primaria que permite atender urxencias in situ, ademais de todos os servizos de urxencias dos centros hospitalarios, que son os Puntos de Atención Continuada que se estenden por toda Galicia.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a ampliar os puntos de atención continuada que conten cunha superficie axeitada para facilitar o traslado de pacientes a centros hospitalarios a través dos dous helicópteros cós que conta o 061, solicitando a colaboración dos concellos que facilitarán a dispoñibilidade de terreos de ser preciso”