APROBADA EN COMISIÓN A MODIFICACIÓN DA LEI DA ÁREA METROPOLITANA DE VIGO, QUE QUEDA PENDENTE DO SEU DEBATE DEFINITIVO EN PLENO
· Recoñécese a cidade de Vigo como capital da área, que terá un tratamento propio na dotación de servizos públicos; así como a necesidade de que os novos concellos que se incorporen ao ente sexan limítrofes e teñan vinculación económica
Santiago, 1 de xullo de 2016.- A Comisión 1ª do Parlamento galego aprobou hoxe, coa única abstención de AGE, o ditame da modificación da Lei da área metropolitana de Vigo, co que o texto queda en disposición da súa aprobación en sesión plenaria. O deputado do Grupo Popular Javier Dorado salientou que esta norma da “cobertura legal a unha realidade social existente, respectando os vínculos sociais, económicos e industriais que ten toda a área de Vigo”.
Dorado afirmou que esta modificación da Lei da área metropolitana de Vigo “respecta o espírito” da norma aprobada en 2012 no Parlamento e polos 14 concellos que integran este ente supramunicipal, “mantendo o autogoberno e autonomía tanto da área como dos propios municipios”.
MELLORAS TÉCNICAS
Respecto das emendas presentadas polo Grupo Popular e que hoxe foron aprobadas e incorporadas no ditame, Javier Dorado asegurou que “fan melloras técnicas e enriquecen o texto inicial”.
O deputado popular apuntou que estas emendas recoñecen á cidade de Vigo como capital da área metropolitana, que terá un tratamento propio na dotación de servizos públicos; así como a necesidade de que os novos concellos que se incorporen ao ente cumpran os requisitos de ser limítrofes e ter vinculación económica coa área.
Dorado tamén se referiu ao financiamento da área metropolitana de Vigo e a súa participación nos tributos do Estado e da comunidade autónoma. “O feito de que exista a área debe responder a unha maior eficiencia na xestión dos recursos públicos: o espírito non é xerar máis gasto, senón mancomunar servizos e ter menos gasto corrente”, apuntou.
Por último, o deputado popular referiuse á posibilidade de chegar a acordos con concellos que non pertenzan á área metropolitana pero que teñan interese económicos comúns. Neste sentido, puxo como exemplo o transporte público existente na área sanitaria de Vigo, logo da apertura do novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro, que cualificou como “o máis completo que hai en toda Galicia e que mellorará coa área metropolitana”.