Santiago, 23 de novembro de 2017.- A Comisión de Industria e Enerxía do Parlamento galego aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica, co que queda pendente do seu debate en Pleno para a aprobación definitiva e entrada en vigor en 2018.
A deputada popular Marta Nóvoa salientou que con este texto “todos os galegos terán garantido por lei que os máis necesitados non sufran cortes no seu subministro eléctrico e que se lles abone o 50 por cento do custe da súa factura”.
Marta Nóvoa lembrou que “levamos desde o pasado mes de maio tramitando este proxecto de Lei con comisións dedicadas de cheo a esta iniciativa, polo que en ningún momento estivo agochada nun caixón”. En concreto, dixo que contou coa comparecencia de nove expertos en materia enerxética, así como o representante da comisión promotora da iniciativa lexislativa popular, “co obxectivo de aclarar aspectos técnicos e fundamentais da lei que puideran servir para constituír un texto lexislativo eficaz e que se puidera poñer en práctica con garantías legais”.
“Todos estes expertos coincidiron en que a creación dunha tarifa eléctrica galega non estaba enmarcado nas competencias da Comunidade galega”, subliñou a deputada popular, polo que “desde o Grupo Popular centramos as nosas emendas na creación dunha lei de medidas de eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica”.
“Coas nosas emendas pretendíamos impulsar a eficiencia enerxética en todos os sectores e actividades; establecer mecanismos de cooperación e coordinación no fomento do aforro e a eficiencia enerxética entre administracións; fixar o liderado exemplarizante das administracións públicas no impulso e aplicación de políticas de fomento da eficiencia enerxética; e fomentar a innovación nos ámbitos da eficiencia enerxética”, concretou.
AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA
Marta Nóvoa explicou que a nova lei demanda ao Goberno galego que “promova plans de aforro e eficiencia enerxética destinados á mellora da competitividade do tecido produtivo galego e ao incremento do confort e calidade de vida dos galegos”. Estes plans serán elaborados por unha comisión entre departamentos, da que formarán parte todas as consellerías con competencias en políticas sectoriais relacionadas co consumo de enerxía. O obxectivo destes plans será establecer programas de renovación de equipos por outros de maior rendemento enerxético.
Así mesmo, e no ámbito da innovación, potenciarase o estudo de tecnoloxías sostibles e máis eficientes, facilitando a implantación comercial de tecnoloxías que se atopen en fase de demostración ou comercial.
GARANTÍA DA ACCESIBILIDADE
“Pero, para o Grupo Popular, a parte realmente importante desta nova lei é a referente á garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica, onde se porá en práctica o aboamento do 50 por cento da factura eléctrica aos consumidores vulnerables, valorados polos servizos sociais da Xunta como consumidores en risco de exclusión social, ao tempo que non se lles poderá interromper a subministración”, destacou a deputada popular.
Así, as comercializadoras de electricidade estarán obrigadas por lei a contar con plataformas telemáticas de comunicación cos servizos sociais da Xunta para, cunha periodicidade mensual, informar á consellería da existencia de consumidores vulnerables severos. “Unha vez recoñecidos polos servizos sociais, a estes consumidores aboaráselles o 50 por cento da factura da luz e nunca se lles poderá interromper a subministración eléctrica”, incidiu.