A Comisión 1ª do Parlamento de Galicia aprobou esta mañá, sen votos en contra, o ditame do proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, co que este texto lexislativo queda pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria.
O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, salientou que “estamos a falar dunha norma pioneira, coa que Galicia abriu o camiño para que outras comunidades autónomas estean tomando exemplo e tramitando leis semellantes”.
En concreto, García Comesaña fixou tres obxectivos desta nova lei: mellorar a eficacia da Administración autonómica, dispoñer dunha intelixencia artificial segura que salvagarda os dereitos da cidadanía e consolidar a Galicia como unha rexión de referencia en Europa.
LEI GARANTISTA
“Preténdese impulsar e asegurar os beneficios que a intelixencia artificial vai ter tanto para o tecido produtivo como para a cidadanía, mellorando os servizos que presta aos cidadáns a Administración galega ao mesmo tempo que se respectan os dereitos de todos os galegos”, indicou.
Así mesmo, Julio García Comesaña afirmou que “estamos diante dunha lei garantista, coa que se asegura a supervisión humana daqueles procedementos que así o precisen e coa que todos os sistemas de intelixencia artificial formarán parte dun rexistro para o seu coñecemento por parte da cidadanía”.