As deputadas do Grupo Popular Cristina Sanz e Nicole Grueira visitaron a XLI edición da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU) en Cospeito onde salientaron a importancia do Programa de titorización para a incorporación da actividade agraria posto en marcha pola Xunta, a través do que pasado ano xa recibiron axuda máis de 450 persoas.
Nicole Grueira lembrou que “o relevo é fundamental para garantir a continuidade das actividades agrícolas, gandeiras e forestais, esenciais tanto para a economía como para a sustentabilidade do territorio”. Deste xeito, apuntou que a Xunta “considera unha prioridade estratéxica fomentar a incorporación de persoas mozas e novos agricultores ao sector primario”.
Para iso, explicou que o Goberno galego puxo en marcha en 2024 o Programa de Titorización para a incorporación á actividade agraria, a través do que os beneficiarios dispoñen dun acompañamento real e efectivo a través dunha rede de técnicos das oficinas rurais, que exercen como titores e guían aos novos agricultores durante os seus primeiros anos de actividade.
CONTINUIDADE NO CAMPO GALEGO
“Este programa xa está a ter os seus efectos positivos ao facilitar o relevo xeracional e asegurando que o campo galego teña continuidade, ao tempo que se frea a desaparición de explotacións familiares e se impulsa a formación e capacitación, asegurando que as novas explotacións teñan viabilidade e competitividade”, apuntou a deputada popular.
En definitiva, esta iniciativa da Xunta converteuse nun instrumento clave para o futuro do rural, contribuíndo ao relevo xeracional e fomentando a recuperación de terras en desuso, ao tempo que favorece o asentamento de novos produtores para garantir a sustentabilidade do rural galego.