Tellado di que é o momento de que a militancia tome a palabra para rematar a radiografía dun partido moderno, dinámico e conectado á realidade
secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, destacou que as tres ponencias presentadas esta semana e que se levarán ao 17º Congreso autonómico recollen con éxito “quen somos e que queremos que ser no PPdeG”, ratificando a aposta pola baixada de impostos, pola igualdade, polo emprego e polos servizos públicos.
No tocante á proposta estatutaria, que trata de configurar un partido máis aberto, dinámico e participativo, salientou a habilitación de novos mecanismos para dar voz aos afiliados e un papel central á igualade, que aportará unha visión transversal a todas as políticas da formación. Pola súa banda, o relatorio social renova o compromiso por poñer ás persoas no centro da súa acción política, con propostas como reformar o modelo de residencias, traballar pola conciliación real ou a gratuidade das Escolas Infantís de 0 a 3 anos para todos os nenos. Por último, a ponencia económica fai fincapé na importancia do alivio fiscal e dunha administración lixeira e eficiente, “comprometéndonos a seguir baixando os impostos e apoiando aos autónomos e profesionais”.
“Agora é o momento de dar a palabra á militancia para que mellore, corrixa e amplíe estas propostas; recollendo o pulso da sociedade civil para rematar esta radiografía dun partido moderno, dinámico e conectado á realidade”, afirmou antes de avanzar que o 17º Conclave dará inicio a un calendario congresual, agardando que os seguintes congresos -os catro provinciais- estean rematados antes de que acabe o mes de setembro.
Desde modo, aseverou que o PPdeG fará un esforzo por rearmarse ideoloxicamente e seguir sendo un partido útil ao servizo de Galicia. Todo isto fronte a un BNG entregado a Madrid, máis sectario que nacionalista e moito máis preocupado por manter as súas parcelas de poder que por defender os intereses da Comunidade; e ante un PSdeG que hai tempo que perdeu o sentido das súas siglas, “sendo mercenarios de quita e pon do Sanchismo, que é a esencia da falta de principios e do poder polo poder practicado dende a Moncloa”.
A SUBMISIÓN DO BNG E DO PSdeG
Sobre os indultos concedidos polo Executivo central aos presos polo procés, Tellado reprobou que sexan utilizados para librar da xustiza a uns condenados “que nin se arrepinten, nin deixarán de delinquir”, co único obxectivo de que Pedro Sánchez se manteña uns meses máis na Moncloa: “Este non é un debate sobre Cataluña, sobre a independencia, nin sobre o código penal. É sobre se un Goberno pode favorecer aos seus socios políticos, librándoos dunha condena por sedición e malversación de fondos, para que o sigan sostendo no poder”.
“A falta de escrúpulos de Sánchez xa non sorprende a ninguén nin tampouco a postura de submisión ao PSOE de Madrid dos partidos da oposición en Galicia”, resaltou sinalando que o “Bloque Independentista Galego de Ana Pontón” non perde ocasión de posicionarse en contra da Constitución e a favor dos que quebrantan a lei e apoian a violencia. Pola súa parte, lamentou que Gonzalo Caballero remate a súa etapa política como líder do PSdeG igual que a empezou, facendo de palmeiro de Sánchez: “Non creo que os galegos que votaron ao PSOE o fixeran para que acompañara a Junqueras mentres sae pola porta de atrás dunha prisión”.
SER ÚTILES A OURENSE
O secretario xeral tamén se referiu á volta do PP ao Goberno local de Ourense, que dá unha maioría máis estable ao Executivo municipal xa que “para a cidade é mellor un Goberno de dez concelleiros que un de tres”.
Como lembrou, os populares ourensáns xa o intentaron todo para saír da situación de parálise que vive a urbe desde hai meses por culpa do bloqueo absoluto do PSOE a calquera opción de consenso, deixando como única opción volver ao Executivo local. “O obxectivo do PP de Ourense é moi claro: ser útiles á cidade e aos seus veciños facilitando un Goberno que poida traballar”.