Alberto Pazos critica que o delegado do Goberno en Galicia prefira a submisión ao que digan Pedro Sánchez e Salvador Illa sobre o concerto catalán que os informes de expertos como Leiceaga

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, cualificou hoxe de “vergoñento o sometemento do delegado do Goberno en Galicia e de todos os socialistas galegos ao Goberno de Pedro Sánchez, negando o evidente prexuízo que suporía un hipotético concerto para Cataluña”. “Mellor lles iría se, en vez de seguir a cegas á ministra de Facenda e ao Presidente de Cataluña, fixeran caso aos informes dos expertos, como o ex Presidente e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, que cuantificou en máis de 2.000 millóns de euros o prexuízo que suporía para Galicia a extensión deste cupo catalán”, indicou.

Alberto Pazos respaldou o informe sobre o impacto do concerto catalán para a Comunidade galega, en concreto, máis de 600 millóns de euros, unha cifra que se asemella aos estudos realizados por entidades como Fedea ou o Foro Económico de Galicia, polo que “non entendemos as razóns polas que os socialistas galegos, con Besteiro e o delegado do Goberno en Galicia, defenden con tanto énfase este ataque ao peto de todos os galegos por parte do Goberno de Pedro Sánchez”.

“Pedímoslles seriedade e que se deixen de demagoxia e mentiras, porque de levarse a cabo este acordo entre o Goberno central e o Goberno catalán, co único obxectivo de manter a Pedro Sánchez na Moncloa, Galicia verá mermada sensiblemente as súas posibilidades económicas para a prestación de servizos indispensables para todos os galegos, como poden ser as prestacións aos dependentes ou a atención aos nosos maiores”, anotou.

Alberto Pazos salienta “o pequeno milagre” que se está producindo en Ribadeo desde a chegada de Daniel Vega á Alcaldía hai dous anos

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe “o pequeno milagre que se está producindo en Ribadeo desde que hai dous anos os veciños decidiran outorgarlle a Daniel Vega e ao seu equipo unha maioría absoluta para poder poñerse a fronte deste Concello cun proxecto transformador e modernizador para esta vila”. En concreto, o alcalde destacou os máis de 12 millóns de euros que a Xunta destinou a este municipio nos dous últimos anos, con especial referencia aos 8,5 millóns que suporá a nova rede de abastecemento de auga ou os 1,1 millóns de euros que investirá na restauración e amoblamento da residencia de maiores do Hospital-Asilo.

Nunha visita realizada polos deputados do Grupo Popular a Ribadeo, na que tamén participou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, Alberto Pazos amosou “a satisfacción por ver que o que eran soños, esperanzas e proxectos que nos trasladaba o que agora é alcalde cando era compañeiro deste grupo parlamentario, hoxe se están a transformar en realidades para Ribadeo e os seus veciños, porque se está investindo moito pensando nas persoas”.

COLABORACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS

“Gracias ao bo facer de Daniel Vega e ao seu equipo se está fomentando a colaboración entre administracións que fai posible investimentos importantes como a reforma do abastecemento de auga ou a remodelación do Hospital-Asilo, que servirá de fogar a 40 persoas maiores que merecen uns servizos que non tiñan ata o de agora”, indicou.

O portavoz do Grupo Popular afirmou que Daniel Vega “vai conseguir que Ribadeo volva ser o que nunca debeu deixar de ser: un referente para toda a Mariña lucense, para a provincia de Lugo e para Galicia enteira”, e “todo isto é un motivo de gran satisfacción, moito máis en Ribadeo cando ven da man dun compañeiro do que gardamos un magnífico recordo no Parlamento de Galicia”.

AXUDAN, RESPECTAN E RESPALDAN

Pola súa banda, o alcalde ribadense deu a benvida a todos os deputados do Grupo Popular e á secretaria xeral do PPdeG e amosou a súa satisfacción por acoller a “aqueles que nos axudan, respectan e respaldan, traballando todos na mesma dirección, baixo o mando do Presidente Rueda”.

A modo de balance das actuacións levadas a cabo en Ribadeo nestes dous últimos anos, Daniel Vega referiuse á rehabilitación da residencia de maiores Hospital-Asilo, para a que a Xunta aportou 700.000 euros para a reforma interior e outros 400.000 para equipar todo o seu interior. Neste sentido, avanzou que “licitaremos en breve a lavandería e a cociña e xa estamos traballando como vai ser o funcionamento da residencia”.

Vega destacou os 8,5 millóns de euros, dos que 7,5 serán a cargo da Xunta, que se investirán no abastecemento de auga a Ribadeo, “porque tamén hai que traballar naquilo que non se ve pero que supón un recurso importantísimo para os veciños, sobre todo nun concello turístico como é este”.

Así mesmo, citou os 360.000 euros destinados á mellora da rede de saneamento, a nova oficina de turismo ou os 1,4 millóns de euros investidos na rede de infraestruturas nestes dous últimos anos.

O PPdeG visita en Verín a sede do distrito forestal XIV e salienta o operativo de prevención e loita contra os incendios forestais de Galicia

Os deputados do Grupo Popular Miguel Ángel Viso, Cristina Campero e Víctor Baladrón visitaron a sede do distrito forestal XIV no concello de Verín para comprobar o operativo de prevención e loita contra os incendios forestais que se dispón en Galicia, no que unha das súas referencias é este distrito ourensán no que traballan directamente máis de 200 persoas.

Os deputados populares fixeron un percorrido polas instalacións, que abarcan unha superficie próxima aos 2.500 metros cadrados nas que se instalou unha base da unidade operativa na que o persoal do servizo de prevención e extinción de incendios pode conciliar o traballo co descanso.

A sede conta dos dúas plantas. Unha primeira acolle a sede e o centro de coordinación, desde onde se xestiona a loita contra os incendios forestais a través dun sistema de vixilancia forestal implantado pola Xunta, mentres que a outra é utilizada polo persoal da base da unidade operativa, e conta con zona de vestiarios, aseos, sala de formación, almacén e zona de ocio, ademais dun espazo suficiente para gardar os vehículos todoterreo e as motobombas.

O dispositivo de loita contra os incendios forestais en Galicia está integrado este ano por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Sobre os medios materiais, Galicia contará de novo cunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta de Galicia e os que achega o Estado. En terra haberá preto de 380 motobombas e vehículos pesados, contabilizando tanto as da Xunta como as municipais.

Unha das cuestións nas que se prestará maior atención á posibilidade de coñecer con antelación o risco de lume, deseñando estratexias preventivas que contribúan a diminuír o número de incendios e a superficie queimada. No caso concreto da sede do distrito forestal XIV de Verín, este ano conta con 19 cámaras de vixilancia ao estar considerado todo o distrito como zona de alto risco de incendios, ao tempo que se continúa desenvolvendo unha ferramenta para controlar os riscos e os lumes transfronteirizos, no marco dunha colaboración establecida con Portugal.

O PPdeG pon a produción de pementos de Padrón como referencia de produto de prestixio e sustentable totalmente compatible co desenvolvemento industrial desta comarca

O deputado do Grupo Popular e portavoz do PP de Padrón, Ángel Rodríguez, acompañado da tamén deputada Carmen Pomar, visitaron unha explotación de pementos en Herbón para destacar a importancia deste produto para a toda economía desta comarca, colleitado dunha maneira sustentable e de xeito totalmente compatible co importante desenvolvemento industrial existente ao seu arredor.

Ángel Rodríguez e Carmen Pomar salientaron “o recoñecemento que o pemento de Padrón ten a nivel nacional e internacional” e lembraron que na actualidade está na súa época de maior produción.

“Os invernadoiros de pementos de Padrón son un exemplo de produción sostible e de motor económico para o sector agrícola desta zona e o fan dun xeito totalmente compatible nunha comarca que é coñecida polo seu desenvolvemento industrial, coa presenza de importantes empresas como Nestle, Finsa ou Cortizo”, destacaron.

Os deputados populares afirmaron que “Galicia é un claro exemplo de convivencia de distintos sectores que fan da Comunidade galega unha rexión próspera, con alto nivel de empregabilidade e con unha clara proxección nacional e internacional, non só polos sectores primarios, como a pesca, a gandería ou a agricultura, mais tamén por ser referente en industria madeireira, conserveira, automobilística ou de materiais de construción”.

Na súa visita a Herbón, Ángel Rodríguez e Carmen Pomar asistiron tanto ao proceso de recolección do pemento como ao seu envasado para a súa posterior comercialización, “un proceso no que se mestura a capacidade competitiva do traballo tradicional coa aplicación das técnicas máis innovadoras”.

O PPdeG urxe ao Concello de Lugo que responda ao requirimento da Xunta para poder levar adiante as obras de conexión exterior do saneamento do parque empresarial das Gándaras

Os deputados do Grupo Popular Nicole Grueira e Enrique Barreiro, xunto coa tamén deputada e portavoz do PP local, Elena Candia, urxiron hoxe ao Concello de Lugo a responder ao requirimento enviado pola Xunta de Galicia para poder levar adiante as obras de conexión exterior do saneamento do proxecto sectorial do parque empresarial das Gándaras. “É lamentable que a nula xestión do Goberno municipal estea a provocar un retraso inxustificable nestas obras e paralizando proxectos tan indispensables para a creación de riqueza e emprego neste concello”, sinalaron.

Nicole Grueira e Enrique Barreiro lembraron que “hai case ano e medio que a Xunta remitiu ao Concello de Lugo o requirimento sobre a modificación do proxecto construtivo da conexión exterior de saneamento do proxecto sectorial do parque empresarial das Gándaras, documento polo que a día de hoxe segue esperando e, conseguintemente, retrasando sine die a realización desta obra”.

DEMANDA REITERADA POLA CONSELLEIRA AO ALCALDE EN MARZO

“Non pode ser que un escrito que foi recibido no Concello o 21 de marzo de 2024, e que foi reiterado pola propia conselleira ao alcalde na súa visita á cidade o pasado 20 de marzo, estea a día de hoxe sen darlle resposta, tendo en conta que se trata dun documento indispensable para que a Xunta poida levar adiante un proxecto que axudará no desenvolvemento económico e industrial de Lugo”, sinalaron os deputados populares.

Neste sentido, contrapuxeron “a nula axilidade na xestión dos temas municipais que está a demostrar o Goberno local para facilitar o desenvolvemento industrial en Lugo coa decidida aposta da Xunta pola mellora da competitividade dos polígonos industriais”. En concreto, Nicole Grueira e Enrique Barreiro lembraron as axudas da Consellería de Economía e Industria destinadas á mellora da seguridade e da competitividade de polígonos como os das Gándaras ou do Ceao, a través das que poden obter selos ou certificacións de calidade que acrediten que compren determinadas características diferenciais e superiores á media.

A Xunta de Galicia leva investidos no parque das Gándaras cerca de 60 millóns de euros. Neste momento está en proceso de execución a urbanización de dúas novas fases e xa están en tramitación outras dúas, que suporán un incremento da superficie do polígono dun 28 por cento. Con esta actuación, a superficie do parque achegarase aos 1,6 millóns de metros cadrados, dos 2,1 millóns que están previstos en total, e contará cunha mellora das súas comunicacións, dando resposta á demanda existente dos empresarios para contar cunha mellor conexión co polígono do Ceao e un acceso máis directo á autovía A-6.

O PPdeG demanda ao Goberno central que presione á Comisión Europea para a inclusión do porto de Vigo na Rede Básica Transeuropea

Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez demandaron hoxe ao Goberno central que presione á Comisión Europea para que se inclúa o porto de Vigo na Rede Básica Transeuropea de Transporte. “É necesaria unha estratexia clara e vontade política para conseguir unha compensación económica coa que levar adiante as obras clave que precisa o porto vigués e coñecer os criterios de reparto dos fondos portuarios do Corredor Atlántico, en particular os 3.100 millóns de euros anunciados polo Comisionado para investimentos ata 2030”, manifestaron.

Acompañados da presidenta do PP de Vigo, Luísa Sánchez, Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez afirmaron que “desde o PPdeG levamos anos defendendo o papel esencial do porto de Vigo como motor económico de Galicia e nodo estratéxico para toda a Península”, polo que criticaron que “fora inxustamente vetado da Rede Básica Transeuropea durante un goberno do PSOE de Rodríguez Zapatero”.

DESPREZO

“Hoxe ese castigo provoca dolorosos atrasos en obras craves, ao que se suma o desprezo co que o Goberno de Pedro Sánchez trata a este porto en relación con outras infraestruturas semellantes de España”, manifestaron. En concreto, referíronse á imposibilidade de acceder a parte dos 3.100 millóns de euros que repartirá o Goberno central nin a fondos europeos como o Connecting Europe Facility, mentres outros portos con menos tráfico e fundamento si o fan.

Os deputados populares consideraron “lamentable que o Goberno de España se lave as mans e, en lugar de asumir a súa responsabilidade, traslade aos eurodeputados a responsabilidade de revisar os criterios de acceso á Rede Básica Transeuropea”. Neset sentido, destacaron que os eurodeputados do PP “fixeron o seu traballo e logo de propoñer e negociar, conseguiron introducir 25 emendas para que Vigo fose porto nodo, pero o Goberno de Pedro Sánchez, ostentando a presidencia do Consello Europeo, non defendeu nin unha soa”.

“Vigo cumpre con todos os criterios técnicos: ten conexión ferroviaria, ten a plataforma PLISAN, opera como porto pesqueiro líder en Europa e é vital para a soberanía alimentaria e a automoción do Atlántico, polo que esiximos unha estratexia clara e vontade política para conseguir a súa inclusión na Rede Básica Transeuropea de Transporte, así como que se habilite unha mesa de traballo intergubernamental de revisión dos criterios de inclusión nesta rede, se active un plan de compensación financeira para a realización de obras clave no porto de Vigo, e exista unha transparencia total na repartición de fondos estatais”, apuntaron.

Alberto Pazos pide ao Goberno central que repoña as frecuencias e horarios das paradas do AVE na estación da Gudiña, para que “volva a ser unha estación de portas abertas”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe na Gudiña que o Goberno de Pedro Sánchez “rectifique a súa decisión de eliminar frecuencias e horarios das paradas do AVE na estación Porta de Galicia”, de xeito que “volva ser unha estación de portas abertas e os veciños destas comarcas gocen dos servizos de transporte que se merecen”. Os deputados populares mantiveron posteriormente un encontro con representantes da Plataforma Dereito ao Tren, con quen analizaron a situación actual dos servizos ferroviarios e escoitaron as súas propostas e actuación.

Nun acto celebrado ás portas da estación do AVE da Gudiña, xunto coa secretaria xeral do PPdeG, deputados do Grupo Popular pola provincia de Ourense, alcaldes e voceiros do Partido Popular das comarcas afectadas, Alberto Pazos considerou “inxusta” a decisión adoptada polo Goberno central de suprimir horarios e frecuencias dos trens AVE nesta estación, “que está levando a unha serie de consecuencias graves para os veciños destas comarcas”.

OS VECIÑOS DESTAS COMARCAS NON PODEN SER PERDEDORES

En referencia á resposta dada esta semana polo Ministerio de Transportes a unha pregunta formulada polo deputado popular Celso Delgado, Alberto Pazos sinalou que “non se trata de ganadores nin perdedores con esta decisión de suprimir frecuencias e horarios na Gudiña, porque non creemos que o futuro dunha comarca se poida valorar en termos máis dunha tómbola que dun goberno, polo que pedimos que o Goberno de Pedro Sánchez reconsidere a súa decisión para que os veciños desta comarca non perdan”. “Non estamos dispostos a que os cidadáns desta comarca se vexan como perdedores dunha decisión que se tomou nun despacho en Madrid sen ter en conta as necesidades reais das persoas que viven aquí”, apuntou.

“Ourense e o seu interior teñen futuro e o único que precisan son decisións que apoien á súa xente para que facilitarlles que poidan seguir vivindo aquí”, dixo o portavoz popular. Por este motivo, demandou ao Goberno de España “sensibilidade, xustiza e que se atendan as xustas reivindicacións de persoas que o único que queren é que os seus fillos poidan desenvolver o seu futuro no lugar onde naceron”.

Deste xeito, avanzou que “tanto o PPdeG como o Grupo Parlamentario vai adoptar todas as decisións que sexan necesarias ata que esta situación se reverta e volvamos ter os horarios e as frecuencias que se merecen estas comarcas”. “Non estamos pedindo nada que non lles corresponda en xustiza, polo que esperamos que antes ou despois consigamos que esta estación de Porta de Galicia sexa unha estación de portas abertas”, rematou.

MIGUEL SANTALICES E VÍCTOR BALADRÓN

Pola súa banda, o Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, avogou por “frear este atropelo á provincia de Ourense, unha provincia que loita por asentar a súa poboación no rural”. “Se están poñendo moitas desculpas sobre unha negociación a escondidas levada a cabo entre o ministro Puente e o alcalde de Vigo”, manifestou, para asegurar que “a cidadanía de Vigo non respaldaría que unha provincia tan querida como é Ourense, recordemos que en Vigo viven 90.000 ourensán, este atropelo”.

Pola súa banda, o deputado de Verín, Víctor Baladrón, lembrou que máis de 52.000 usuarios pasaron pola estación da Gudiña o pasado ano, polo que lamentou que “tiñamos unha estación viva e pasou a ser unha estación morta”.

Os deputados do Grupo Popular animan aos establecementos de venta de peixe e marisco a participar na campaña do Bono Peixe

Os deputados do Grupo Popular María Deza e Raúl Santamaría, acompañados da alcaldesa en funcións de Sanxenxo, Paula Martínez, visitaron a praza de Abastos de Portonovo para animar aos establecementos de venta de peixe e marisco a participar no bono peixe, a campaña impulsada pola Xunta para incentivar o consumo deste produto fresco galego.

María Deza e Raúl Santamaría explicaron que os comercios ou vendedores ambulantes de peixe e marisco fresco que desexen participar nesta campaña da Xunta poderán solicitar a súa inscrición a través da páxina web www.bonopeixe.gal.

PALIAR O DESCENSO DE CONSUMO

Así mesmo, as persoas interesadas en gozar do Bono Peixe poderán descargalo a partir do vindeiro 28 de xullo desde a citada plataforma ou na app móbil, dispoñible tanto para dispositivos Android como iOS. Cada Bono Peixe terá un valor de 50 euros que se irán liberando progresivamente a través do desconto dun 25 por cento na compra realizada ata un máximo de 5 euros por semana, acumulando o importe non gastado nas sucesivas semanas ata un máximo de 25 euros, que poderán gastarse ao longo dun total de 10 semanas ou ata que se esgote o crédito.

“Galicia volve impulsar unha iniciativa pioneira para fomentar o consumo de peixe e marisco frescos e galegos, produtos que son sinónimo de excelencia e calidade, ao tempo que se axuda a paliar o preocupante descenso no consumo destes alimentos que se está a rexistrar”, indicaron os deputados populares.

Alberto Pazos critica que o BNG “pise o acelerador” no seu apoio e defensa de Pedro Sánchez, amosando que “son os mellores e máis submisos cómplices de toda a corrupción que lle arrodea”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe que o BNG “pise o acelerador” no seu apoio e defensa do Goberno de Pedro Sánchez, amosando que son “os seus mellores e máis submisos cómplices de toda a corrupción que lle arrodea”. “Só nos queda dicirlles que xa está ben de tomar aos galegos por parvos, se deixen de insultos, de bulos e de difamacións e, sobre todo, de falso puritarismo”, apuntou.

Alberto Pazos comezou a súa intervención salientando que no Congreso do Partido Popular celebrado o pasado fin de semana “quedou patente a importancia e o peso do PPdeG” e amosou a “enorme satisfacción porque as dúas persoas que neste momento están á fronte do Partido Popular sexan galegas, e, ademais, ex deputados deste Grupo Parlamentario”.

MELLORES COLABORADORES

“Tanto Alberto Núñez Feijóo como Miguel Tellado saben perfectamente que en Galicia contan cos seus mellores colaboradores para levar adiante todo aquilo que consideren oportuno para acadar o obxectivo de gobernar España, para que este país volva ser un referente a nivel internacional de estabilidade e de políticas pioneiras nos ámbitos sociais e económicos, e deixe de ocupar portadas e apertura de informativos en radios e televisións polos casos de corrupción e políticas indecentes que neste momento protagoniza o Goberno de Pedro Sánchez e o Partido Socialista”, apuntou.

Respecto do Pleno celebrado esta semana no Congreso sobre a corrupción, o portavoz popular asegurou que todas as medidas anunciadas por Pedro Sánchez son pura maquillaxe política para saír ao paso da crecente preocupación social que invade á cidadanía española, porque a única solución que existe nestes momentos é que o Presidente do Goberno dea o seu brazo a torcer, disolva as Cortes Xerais e convoque eleccións para que todos os españois poidamos decidir en mans de quen queren depositar o seu goberno e o futuro de España”.

“Falamos de medidas insuficientes, redundantes e que xa existen porque hai que ter presente que Galicia xa se dotou hai 10 anos dun ambicioso programa de impulso democrático, impulsado polo daquela Presidente da Xunta, Alberto Núñez  Feijóo, que incluíu 5 novas leis e 50 medidas específicas para a mellora da calidade democrática na Comunidade galega, todas elas aprobadas co voto favorable do Partido Popular, lembrou.

ACTITUDE DEPLORABLE DO BNG

Diante desta situación, Alberto Pazos considerou “deplorable” a actitude do BNG respecto da situación política que se vive a nivel nacional e o seu apoio submiso ao Goberno de Pedro Sánchez. “Os nacionalistas galegos seguen aí, pisando o acelerador na súa defensa de Pedro Sánchez sen ter en conta que están apoiando a un Goberno cada día máis asolagado pola corrupción e aumentando a súa complicidade”, manifestou.

“O único que se lle ocorre para tapar as vergoñas do Goberno de Pedro Sánchez é traer ao Parlamento galego unha iniciativa para crear nesta comunidade unha oficina antifraude, co argumento de que se a corrupción inunda o PSOE, corramos un tupido velo e investiguemos ao PP en Galicia”, sinalou.

Por outra banda, Alberto Pazos dixo que a debilidade do Goberno de Pedro Sánchez obrigaralle a vindeira semana a facer novas concesións aos independentistas vascos e cataláns a través de novas transferencias ou dun financiamento singular. Neste sentido, subliñou que “o que están a pedir, non só as comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular senón tamén as socialistas, é que se abra unha negociación conxunta con todas as autonomías para o establecemento dun novo modelo de financiamento autonómico, pero a Pedro Sánchez só lle interesa manterse na súa poltrona na Moncloa e para iso élle imprescindible contentar e conceder todo o que lle pidan aos seus socios vascos e cataláns”.

“España non pode seguir nas mans dunha marioneta chamada Pedro Sánchez manexada ao seu antollo polos nacionalistas vascos e os independentistas cataláns, polo que é necesario e moi urxente que España teña un Goberno forte, que poida tomar as decisións que máis conveñan ao conxunto dos españois. E ese goberno, neste momento, so é posible da man de Alberto Núñez  Feijóo e do Partido Popular”, asegurou.

APOIO Á DEPUTADA NICOLE GRUEIRA

Por último, Alberto Pazos amosou o máximo apoio e respaldo do Grupo Popular á deputada popular Nicole Grueira polos ataques machistas e faltas de consideración continuas que está a sufrir como portavoz do PP de Pol por parte do alcalde deste concello lucense, “máis preocupado por insultar e faltar ao respecto da nosa compañeira que en atender as solicitudes de información e levar adiante as actuacións que son necesarias para mellorar o benestar dos veciños de Pol”. Así, pediu aos responsables do PSdeG que “tomen as medidas oportunas porque me parece que o paternalismo, machismo e falta de respecto amosado por este alcalde contra esta compañeira é deleznable”.

O Grupo Popular demanda un marco normativo estatal específico para facilitar a implantación das instalacións de biogás

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, demandou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a creación dun marco normativo estatal específico e dunha planificación enerxética que faciliten a implantación das instalacións de biogás para aproveitar as potencialidades de Galicia neste ámbito. Ademais, fixo un chamamento aos concellos para que cumpran coa súa propia normativa e as ordenanzas que limitan as actividades molestas ou contaminantes.

Gonzalo Trenor lamentou que “unha vez máis o BNG quedouse totalmente illado na defensa dunha das súas demagóxicas iniciativas, porque está máis preocupado en  atacar á Xunta que de dar solucións nin de que cada administración asuma as súas competencias, como é o caso das plantas de biogás”.

Así, lembrou que a Xunta, “aínda que na actualidade non existe unha normativa específica, sempre avalía as afeccións á poboación, á saúde, ao medio ambiente ou ás cuestións relacionadas co transporte de residuos de calquera proxecto na súa tramitación ambiental, tal e como se puxo de manifesto na tramitación da planta de biogás que se quería instalar na parroquia lucense de Coeses”.

“A Xunta é consciente da necesidade de garantir o equilibrio entre o despregamento desta enerxía renovable co respecto ao medio ambiente e a saúde pública”, indicou o portavoz popular, quen considerou “importante dar resposta a unha problemática crecente que non pode supor unha traba á descarbonización e ao impulso da economía circular”.

Trenor afirmou que “atopámonos con que a ausencia dun marco normativo e dunha planificación enerxética que faciliten a implantación destas instalacións de biogás tradúcense no desaproveitamento do potencial de España como terceiro país produtor europeo desta enerxía, só por detrás de Alemaña ou Francia”.