O Parlamento de Galicia pide ao Goberno de España que impulse reformas lexislativas para poñer freo á okupación de vivendas

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que impulse as necesarias reformas lexislativas que axuden a poñer freo ao fenómeno da okupación de vivendas. En concreto, pídese que modifique as normas penais e procesuais vixentes para endurecer as penas por okupación de vivenda ou inmobles, evitar a inscrición no padrón municipal dun okupante ilegal e modifique a lexislación tributaria para a redución de obrigacións contributivas de arrendadores que xustifiquen a non percepción de rendas.

A portavoz popular de Vivenda, María Deza, afirmou que “tanto os datos do Ministerio do Interior como do Consello Xeral do Poder Xudicial veñen confirmar a afirmación categórica dos expertos de que as okupacións de vivendas non están a baixar en España, senón máis ben soben a un ritmo superior ao 5 por cento”. “Sobre todo poñen o foco na inquiokupación, que abarca aqueles inquilinos que deixaron de pagar a renda de forma voluntaria e premeditada e que non entran dentro das estatísticas oficiais de denuncias”, anotou.

BAIXAN OS DESAFIUZAMENTOS

Ademais, a estas cifras hai que engadir aqueles casos que non se denuncian e nos que cada vez máis propietarios afectados optan por vías alternativas para recuperar canto antes a posesión dos seus inmobles, ben sexa a través da negociación e o pago aos okupas ou contratando empresas especializadas en desaloxos.

“E mentres as estatísticas de okupación seguen á alza, as dos desafiuzamentos manteñen a tendencia á baixa que viñeron mostrando nos últimos tempos”, dixo a portavoz popular. En concreto, explicou que, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, o número de desafiuzamentos practicados entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste ano diminuíu un 1,2 por cento respecto ao mesmo período de 2024.

Diante destes datos, María Deza lamentou que “o problema da okupación ilegal non só persiste, senón que medra ano tras ano, tanto en Galicia como no conxunto de España”, polo que considerou necesario que o Goberno de España adopte unha serie de medidas.

MEDIDAS CONCRETAS

En primeiro lugar, pediu que o Goberno central endureza as penas para quen okupa ilegalmente unha vivenda, sobre todo cando hai detrás bandas organizadas. “Ademais, é necesario que se establezan mecanismos que permitan á policía actuar de xeito inmediato, desaloxando en 24 horas en casos de flagrante delito”, apuntou.

En segundo lugar, demandou que “se evite que a okupación ilegal se vexa amparada por trámites administrativos, como a inscrición no padrón”. Así, dixo que “un okupante ilegal non pode beneficiarse de dereitos nin obter recoñecementos oficiais pola súa okupación dunha vivenda allea, ao tempo que os propios concellos deben dar de baixa de oficio estas inscricións tan pronto teñan coñecemento da situación”.

Por último, a portavoz popular considerou necesario unha modificación da normativa tributaria para que quen non percibe renda algunha porque a súa vivenda está okupada non teña que seguir soportando as mesmas obrigas fiscais.

O Grupo Popular incide que o Goberno galego autorizará a mina de Doade só se cumpre coas avaliacións ambientais e os criterios técnicos

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, incidiu hoxe no Parlamento de Galicia que, “se a mina de Doade cumpre coas avaliacións ambientais e os criterios técnicos, o Goberno galego autorizará a súa explotación, e isto contribuirá a que unha comarca deprimida en poboación avance e teña oportunidades de futuro”.

Rubén Lorenzo explicou que “todas as explotacións mineiras deben ser aprobadas de maneira previa pola autoridade mineira, que emite un ditame que permite ou non a explotación do xacemento; e, posteriormente deberán someterse a avaliación ambiental ordinaria e tramitar a obtención dunha declaración de impacto ambiental favorable”.

Neste sentido, lembrou que este proxecto mineiro “mudou considerablemente para adaptarse ás esixencias da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que foi o organismo que emitiu un informe desfavorable na anterior tramitación”. “Agora, e consonte aos cambio introducidos polo Real Decreto 445/2023, deberá someterse a avaliación ambiental ordinaria, aínda que sexa minería subterránea”, apuntou.

BNG ILUSO

O deputado popular dixo que a previsión é que este proxecto xere un impacto social positivo na zona, logo dun investimento de máis de 120 millóns de euros e a creación de 320 postos de traballo directos e indirectos durante a vida útil da mina, segundo os datos que manexa a empresa promotora.

Por último, Rubén Lorenzo cualificou de “ilusa” a proposta do BNG de pechar o ciclo produtivo dos minerais estratéxicos en Galicia porque, “para poder levar adiante esa iniciativa e contar cunha fábrica de baterías de litio precisaríase o mineral dunhas dez minas como a de Doade”.

O Parlamento galego demanda ao Goberno central que regule un sistema de protección ao consumidor baseado na incorporación de novas prácticas comerciais

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que regule un sistema de protección ao consumidor baseado na incorporación de novas prácticas comerciais en ámbitos como a aplicación das tarifas máis baixas polos servizos contratados, un procedemento áxil para a baixa destes servizos ou, no ámbito dos seguros, reforzar a información cara aos clientes

A portavoz popular de Comercio, Felisa Rodríguez, considerou “preocupante que algunhas compañías de servizos, en especial no eido das telecomunicacións e da enerxía, sigan aplicando aos seus clientes máis antigos tarifas superiores a aquelas que ofertan como mecanismo de captación de novos clientes, mesmo despois do transcurso do período promocional”.

CONSUMIDORES VULNERABLES

“Pero resulta aínda máis preocupante cando os clientes consolidados son persoas consumidoras vulnerables, como as persoas maiores ou con menores coñecementos sobre o funcionamento do mercado e as distintas opcións de contratación que este lles ofrece”, apuntou.

Felisa Rodríguez manifestou que “ás tradicionais dificultades que desde sempre se atoparon as persoas consumidoras para poder tramitar a súa baixa como clientes destas empresas, súmanse agora as dificultades para poder desligarse dos servizos de moitas empresas”.

“Estas condutas, que poden considerarse abusivas para as persoas consumidoras, e esa desconfianza nas compañías provedoras prexudica tamén ás compañías que non fan uso deses abusos”, indicou a portavoz popular, quen engadiu que eses comportamentos “poden corrixirse incorporando boas prácticas comerciais”.

En concreto, Felisa Rodríguez demandou que as empresas, por propia iniciativa, apliquen aos seus clientes consolidados os servizos e tarifas vixentes máis baixas que ofrece aos potencias novos clientes; ao tempo que deseñan un sistema áxil e realmente eficaz que permita ás persoas consumidoras dar por finalizada unha relación contractual cunha empresa, en especial no eido dixital, sen aplicación de ningún tipo de permanencia mínima, sen aplicación de penalizacións e mediante un sistema de comunicación moi accesible e facilmente localizable en todas e cada unha das canles de comunicación que a empresa utilice para relacionarse cos seus clientes e coas persoas consumidoras en xeral”.

E por último, no ámbito específico dos seguros, solicitou que se reforce a obriga de información cara os seus clientes, tanto na comunicación anticipada das variacións que se vaian a producir nas primas e os motivos que xustifican os incrementos, como dunha maior flexibilidade para definir o alcance das coberturas, e prescindir así de prestacións innecesarias cando non son obrigatorias.

O Parlamento demanda ao Goberno central que rectifique e cree novas seccións de violencia sobre a muller en A Coruña e Vigo sen derivarse dunha conversión de xulgados de instrución

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do BNG, a través da que se demanda ao Goberno de España que rectifique a proposta do Real Decreto e cree novas seccións de violencia sobre a muller en A Coruña e Vigo, sen derivarse dunha conversión dunha sección de instrución, ao tempo que acompañe con recursos económicos a creación das novas unidades de violencia de xénero en Santiago e Ourense.

A viceportavoz popular, Paula Prado, criticou a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de que das catro novas prazas de xuíces especializados en violencia sobre a muller só dúas, as de Santiago e Ourense, serán de nova creación, mentres que as de Vigo e A Coruña serán a costa de eliminar xulgados de instrución. “É unha falacia insultante dicir que o Goberno de España ten un compromiso coa protección das vítimas de violencia de xénero e pretender facernos crer que lles garante unha Xustiza especializada, eficaz e dotada dos recursos necesarios”, indicou.

MÁIS CARGA DE TRABALLO E ATRASOS NA TRAMITACIÓN

“A perda destes dous xulgados de instrución en Vigo e A Coruña aumentará o número de asuntos, producirá atrasos na tramitación de dilixencias penais e, en xeral, resentirá a actividade nas restantes prazas que xa se atopan nestes momentos ao límite”, indicou a viceportavoz popular. En concreto, segundo os cálculos do propio Consello Xeral do Poder Xudicial, estas salas traballarán por riba dos límites máximos recomendados, case un 112 por cento; e no caso concreto de Vigo, o atasco multiplicarase por dous en só un ano, pasando de 2.938 casos pendentes na actualidade e máis de 6.200.

Ademais desta decisión do Goberno central, Paula Prado engadiu “a falta de asignación orzamentaria para a posta en funcionamento dos novos xulgados de violencia sobre a muller en Santiago e Ourense e para a conversión dos de Vigo e A Coruña; a sobrecarga destes e do resto de xulgados de violencia sobre a muller derivada da Lei de eficiencia da Xustiza que aprobou o Goberno de España, co voto a favor do BNG; e a reiterada negativa do Goberno de Pedro Sánchez, tamén coa complicidade do BNG, de dotar de xulgados de violencia sobre a muller ás cidades de Ferrol, Lugo e Pontevedra”.

“E todo isto por obra e gracia dun Goberno central que se nos vendía como o máis feminista da historia e dun BNG cuxo papel oscila entre o encubrimento, a complicidade e a cooperación necesaria”, afirmou a viceportavoz popular, quen lembrou os “efectos contrarios aos previstos da Lei do si é si, que en vez de protexer ás vítimas rebaixou as penas a máis de 1.200 violadores e sacou do cárcere a máis de 120”.

O Parlamento solicita o traspaso dos recursos humanos, materiais e económicos para que Galicia asuma a xestión dos aeródromos e heliportos galegos que non son de interese xeral do Estado

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para consensuar o traspaso dos recursos humanos, materias e económicos precisos para asumir a xestión dos aeródromos e heliportos galegos que non teñan a cualificación de interese xeral do Estado.

A deputada popular Katy Varela lembrou que a autoridade aeronáutica civil é competencia do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, que a exerce a través da Dirección Xeral de Aviación Civil e da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

Por outra banda, o Estatuto de Autonomía recolle que a Comunidade galega asume a competencia exclusiva en materia de aeroportos e heliportos non cualificados de interese xeral polo Estado e os aeroportos deportivos, “se ben ata este momento non as estivo exercendo”, recoñeceu a deputada popular. En concreto, trátase de infraestruturas destinadas a aeronaves ultralixeiras, hidroaeródromos e heliportos, distintas dos aeródromos de uso público nos que se realizan operacións de transporte comercial de pasaxeiros, mercadorías ou correo, incluídos os servizos de aerotaxi.

AUTONOMISMO ÚTIL

A día de hoxe, a tramitación das autorizacións de establecemento e de apertura ao tráfico de aeródromos e heliportos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia están sendo asumidas pola AESA, pero esta axencia xa amosou a vontade de deixar de asumilas e transferir as ditas funcións á Comunidade galega.

Katy Varela subliñou que desde o PPdeG “avogamos por un autonomismo útil e esta solicitude encádrase dentro dese obxectivo, como a recentemente conseguida transferencia do litoral ou a constantemente reivindicada transferencia da AP-9”.

Neste sentido, apuntou que “este tipo de centros de control aéreo permitirá continuar coa senda iniciada de potenciar o sector aeroespacial en Galicia, poñendo en valor a Estratexia galega do aeroespazo, a seguridade e a defensa en Galicia, presentada o pasado 12 de maio e que pretende mobilizar ata o ano 2030 un total de 900 millóns de euros dirixidos a promocionar o sector aeroespacial, permitindo o impulso e a creación de máis de 100 empresas do sector”.

 

O PPdeG critica que o BNG se posicione totalmente en contra das demandas dos funcionarios da Administración local con habilitación nacional

O deputado do Grupo Popular Argimiro Marnotes criticou hoxe no Parlamento galego a postura totalmente contraria ao que están a demandar os funcionarios da Administración local con habilitación nacional, que rexeitan o traspaso de competencias relacionadas coas súas materias profesionais ás comunidades autónomas.

Argimiro Marnotes considerou “preocupante que o Goberno de Pedro Sánchez prime as cuestións partidistas e siga no seu empeño de ceder, á carta e ás costas das restantes comunidades autónomas, as competencias sobre os funcionarios habilitados nacionais primeiro ao País Vasco e agora a Cataluña”. “Ademais, resulta sorprendente que o fagan en contra dos colectivos profesionais que xa manifestaron a súa oposición a esta nova posible cesión a Cataluña, advertindo tamén da súa inconstitucionalidade”, apuntou.

“O Goberno de España paga prevendas aos seus socios independentistas, sabedores do inconstitucional que resulta e do fraccionamento de igualdade de oportunidades para uns funcionarios que son prioritarios, esenciais e insubstituíbles na Administración local”, manifestou.

COBERTURA DAS PRAZAS VACANTES

O deputado popular incidiu que “a Xunta traballa para axudar aos concellos galegos a cubrir os seus postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación nacional” e mostra disto son as medidas postas en marcha desde o ano 2017 para evitar que os concellos se queden sen este persoal. En concreto, Marnotes lembrou a creación dunha bolsa de interinos para a cobertura destes postos de funcionarios, a través da que se fixeron máis de 390 chamamentos e logrando cubrir uns 180 postos reservados con interinos pertencentes ás bolsas autonómicas galegas.

“É imprescindible que se garanta a cobertura de todas as prazas vacantes de funcionarios con habilitación nacional existentes en Galicia mediante a incorporación das mesmas nas ofertas de emprego público, correspondendo a competencia ao Goberno do Estado”, sinalou Argimiro Marnotes, quen lamentou que “o número de prazas ofertadas por parte do Goberno central resulta sempre totalmente insuficiente, quedando sen cubrir cerca do 25 por cento das prazas convocadas”.

En concreto, asegurou que “a oferta adicional de 1.000 prazas aprobada polo Goberno central resulta claramente insuficiente para cubrir todas as vacantes que, segundo datos do Ministerio competente, ascenden a 4.020 en todo o territorio nacional”. Neste sentido, criticou que “nesta oferta adicional a Galicia só lle corresponde 31 prazas, baixo un reparto totalmente arbitrario e partidista, que non chegará para cubrir todas as necesidades dos concellos galegos”.

“Non se entende que non se proceda por parte do Goberno central a dar resposta a esta importante necesidade, sobre todo si se ten en conta que as retribucións das prazas vacantes de secretaría, intervención e tesourería son satisfeitas polas propias entidades locais e atópanse consignadas nos seus orzamentos, ao tratarse de postos de existencia preceptiva”, rematou.

O Grupo Popular pedirá no Pleno que o Goberno de España traspase a Galicia as competencias executivas en materia das autorizacións iniciais de traballo das persoas migrantes

O Grupo Popular solicitará no Pleno da vindeira semana que o Goberno central traspase a Galicia as competencias executivas en materia das autorizacións iniciais de traballo das persoas migrantes para poder habilitar un proceso que reduza os prazos para optar a esta documentación. Así mesmo, pedirá ao Goberno de España a adopción de diversas medidas para que o treito internacional do río Miño siga sendo un motor de desenvolvemento sostible, unha referencia de equilibrio ambiental e un exemplo de cooperación internacional entre Galicia e Portugal.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que a sesión plenaria dará comezo coa segunda votación para a elección de María Concepción Pombo Romero como nova directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, unha vez que non anterior Pleno nos saíu adiante a súa candidatura ao non contar cos votos dos dous terzos dos deputados. Nesta ocasión será necesario o voto dunha maioría de tres quintos dos deputados e, de non conseguilo, a elección da nova directora xeral volverá ao Pleno seguinte, onde só será necesario a maioría absoluta para a súa elección definitiva.

O Pleno continuará coa comparecencia da conselleira do Medio Rural, a petición propia e para dar conta das oportunidades e vantaxes que ofrece o rural galego, onde a Xunta está a facer un esforzo importante para garantir o relevo xeracional e conseguir un mellor futuro da actividade agrogandeira.

Dentro do apartado das proposicións non de lei, o Grupo Popular centrará a súa primeira iniciativa na solicitude á Xunta para que inicie os trámites para reclamar ao Goberno de España o traspaso das competencias executivas en materia das autorizacións iniciais de traballo das persoas migrantes, co fin de axilizar todo o procedemento e acadar o seu correcto asentamento na Comunidade galega e a súa plena disposición para incorporarse ao mercado de traballo.

DOCUMENTO PIONEIRO

“O Goberno galego é consciente da falta de man de obra que existe neste momento para satisfacer a demanda de traballadores das empresas e para iso rubricou un documento pioneiro con varios países hispanoamericanos para favorecer a atracción de traballadores e traballadoras, dunha maneira ordenada e atendendo ás necesidades das empresas”, lembrou o portavoz popular.

Alberto Pazos explicou que “este é o primeiro paso pero fai falta pechar un proceso tutelado desde o inicio e onde participen tanto as administracións de orixe como a de destino do traballador, así como as empresas galegas con necesidade de incorporar talento e que poidan realizar ofertas de contratación nos países de orixe dos traballadores migrantes”.

A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular incorporadas á orde do día da sesión plenaria ten como obxectivo que o Goberno de España leve adiante unha serie de actuacións, de xeito coordinado co Goberno de Portugal, para que o treito internacional do río Miño siga sendo un motor de desenvolvemento sostible, referencia de equilibrio ambiental e exemplo de cooperación entre países.

“O Goberno galego leva anos demostrando o seu compromiso coa protección e posta en valor do río Miño, impulsando actuacións en materia de saneamento, conservación ambiental, promoción turística e apoio ao deporte náutico”, salientou o portavoz popular, quen apuntou que “quedan cuestións por facer que, pola natureza transfronteiriza deste río esixen unha actuación máis coordinada entre as administracións e organismos con competencias nesa materia”.

REUNIÓN COS CONCELLOS AFECTADOS

En concreto, Alberto Pazos falou de cuestións como a análise dos efectos das oscilacións de caudal sobre a fauna piscícola, a proliferación de especies exóticas invasoras, a sedimentación do leito fluvial pola prohibición da dragaxe, as dificultades de navegación ou a necesidade dunha actualización normativa para a navegación e transporte fluvial de pasaxeiros.

Deste xeito, a proposta do Grupo Popular demanda, en primeiro lugar, que o Goberno de España asuma as súas competencias nesta materia e atenda a solicitude dunha reunión feita polos alcaldes de todos os concellos afectados para abordar estas problemáticas existentes no tramo internacional do río Miño.

Ademais, a iniciativa solicita ao Goberno central que analice o cumprimento do caudal ecolóxico mínimo e o impacto das oscilacións bruscas de caudal sobre a fauna piscícola; que aborde, en colaboración coas autoridades portuguesas, a prevención e control das especies exóticas e invasoras para preservar a biodiversidade autóctona; que promova a recuperación da dragraxe controlada e medioambientalmente sostible do treito internacional do río Miño, para garantir a navegabilidade e a seguridade; que facilite o cumprimento das obrigas en materia de xestión da biomasa; e que actualice o regulamento de navegación do río Miño, para adecualo á realidade actual das actividades recreativas e deportivas, así como a diversidade de embarcacións.

ESTUDOS MEDICINA, VIVENDA E COLECTIVO LGTBI

Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola súa valoración respecto da decisión unilateral do reitorado da Universidade de A Coruña de rachar co acordo acadado en 2015 entre as tres universidades públicas e a Xunta para o fortalecemento da formación médica en Galicia, “un anuncio sorprendente cando xa se estaba traballando conxuntamente entre universidades e Xunta na ampliación da docencia clínica ao quinto curso, prevista para o curso 2026-2027”, recordou Alberto Pazos.

A segunda pregunta ten como obxectivo coñecer a opinión do Goberno galego respecto da política de vivenda que está a desenvolver o Goberno de España; e a terceira cuestión busca coñecer os avances acadados a prol dos dereitos das persoas LGTBI, un ámbito no que Galicia foi unha das comunidades autónomas pioneiras na adopción de medidas para a protección deste colectivo, aprobando unha lexislación específica que busca garantir o seu benestar e promover a igualdade real entre as persoas, sexa cal sexa a súa orientación sexual.

O Parlamento galego pide ao Goberno central que facilite a adecuación de potencia e cambios de motor nos buques de pesca

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable de BNG nin de PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que facilite a adecuación de potencia e cambios de motor dos buques de pesca, asegurando que a distribución se realice con criterios de equidade e necesidade e establecendo liñas de financiamento e axudas específicas. Así mesmo, pídese a modificación do Real Decreto 1044/2022, de ordenación da frota pesqueira, co obxectivo de flexibilizar o aproveitamento da potencia proveniente de paralizacións definitivas de embarcacións de pesca, de forma que se permita utilizar a mesma entre buques do mesmo caladoiro, especialmente no caso do Caladoiro Nacional, augas NEAFC e palangre de superficie en augas internacionais.

O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, considerou que “facilitar a renovación dos motores da frota pesqueira é unha medida imprescindible para asegurar o futuro dun sector clave para Galicia”. “Esta renovación é unha necesidade urxente tanto para garantir a competitividade, a sustentabilidade e a rendibilidade do sector, como para avanzar nos compromisos de descarbonización do sector pesqueiro”, indicou.

PREZOS DESORBITADOS

Porén, lamentou que “a realidade actual é que boa parte da frota pesqueira galega continúa operando con motores vellos e obsoletos, que consumen máis, que contaminan máis e que presentan máis riscos para a seguridade dos tripulantes”. Miguel Fidalgo afirmou que “esta situación afecta negativamente á rendibilidade do sector e dificulta o avance cara a unha pesca máis sostible e respectuosa co medio ambiente”.

Así mesmo, o portavoz popular que “o elevado custo que supón adquirir novos motores, xunto coa obriga de mercar potencia adicional a prezos desorbitados, converte a modernización nun proceso inasumible para moitos armadores”. A este feito engádese a falta de claridade e transparencia, que “está favorecendo prácticas especulativas que encarecen, aínda máis, o acceso á potencia dispoñible”.

Miguel Fidalgo explicou que o Real Decreto 1044/2022 establece un marco para a ordenación e xestión da flota pesqueira española co obxecto de mellorar a sustentabilidade, optimizar a capacidade pesqueira dispoñible e garantir a viabilidade do sector”. “Con todo, tres anos despois da súa publicación, o Goberno de Pedro Sánchez aínda non desenvolveu nin aplicou medidas concretas que permitan a renovación dos motores”, lamentou.

“Sería conveniente desbloquear a aplicación deste Real Decreto, facilitar a flexibilidade no aproveitamento da potencia proveniente de paralizacións definitivas de embarcacións de pesca e facilitar a optimización da capacidade pesqueira en España”, demandou o portavoz popular, quen considerou “imprescindible un novo modelo de xestión de capacidade pesqueira e da ordenación da flota co fin de alcanzar un equilibrio entre as posibilidades de pesca e a capacidade da flota dispoñible, atendendo, deste modo, a factores e obxectivos medioambientais e socioeconómicos”.

O Parlamento galego esixe ao Goberno central compensacións económicas aos mariscadores afectados pola dragaxe da ría do Burgo

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio dos deputados do Grupo Socialista, a través da que se esixe ao Goberno de España que cumpra coas compensacións económicas correspondentes ao parón da actividade extractiva dos mariscadores da ría do Burgo ata que os bivalvos acaden a talla comercial unha vez finalizado a dragaxe da ría do Burgo, tal e como establece o estudo ambiental aprobado en 2017.

O deputado popular Jesús María Fernández Rosende lembrou que “a propia execución da dragaxe da ría do Burgo supón a indispoñibilidade dos terreos para calquera actividade incompatible coas obras, entre elas o marisqueo, o que obriga ao Goberno central, como administración promotora desta obra, a habilitar as imprescindibles compensacións aos profesionais obrigados aos cese de actividade”.

FONDOS SUFICIENTES

“Porén, lamentablemente, o Goberno de Pedro Sánchez non atendeu esta obriga nin as reiteradas demandas realizadas tanto desde a Xunta como os propios mariscadores para recibir estas indemnizacións, que debería cubrir todo o tempo que se deixou de traballar a consecuencia da dragaxe, incluído o período que transcorre desde que se finalizaron as obras ata que os bivalvos sementados, que serán obxecto de futura explotación marisqueira, acaden a talla comercial”, lamentou.

Fernández Rosende indicou que “esta situación resulta máis indignante se temos en conta que o Goberno de Pedro Sánchez dispón de fondos suficientes para facer efectiva estas compensacións gracias ao remanente de 16 millóns de euros que sobraron do orzamento previsto para a realización da dragaxe, xa que a obra foi orzamentada en 48 millóns de euros pero ao final o custo reduciuse a 32 millóns”.

“Non existen razóns legais nin tampouco económicas para que o Goberno central desatenda a súa responsabilidade unha vez rematadas as obras de dragaxe, e ten a obriga de manter un plan de axudas que compensen aos mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo en A Coruña ata que se recupere a normalidade e retomen a súa actividade habitual”, apuntou.

ABRIRLLE OS OLLOS AO GOBERNO CENTRAL

O debate desta proposición non de lei celebrado na Comisión 8ª do Parlamento galego foi presenciado en directo por unha representación dos mariscadores afectados, quen en boca do seu portavoz, Manuel Baldomir, agradeceu esta iniciativa do Grupo Popular para “abrirlle os ollos ao Goberno de España con respecto á mala finalización das obras de dragaxe da ría do Burgo e ás compensacións que por dereito nos corresponden”.

“Lamentamos a actitude do Partido Socialista utilizando datos irreais da situación e rexeitando acudir ás mesas de negociación que a Confraría mantén abertas, así como cando afirman que so foi o Goberno do Estado quen investiu en sanear a ría do Burgo, porque un dos requisitos era ter un vertido cero na ría do Burgo e iso conseguiuno a Xunta a través obras para a separación de augas fecais e pluviais, a construción de estacións de bombeo ou o investimento na EDAR de Bens para mellorar o tratamento das augas”, apuntou.

O PPdeG destaca que a Xunta ten en marcha 385 vivendas públicas na comarca do Salnés dentro do seu plan para construír 8.000 en toda Galicia

Os deputados do Grupo Popular María Deza e Raúl Santamaría destacaron hoxe que a Xunta xa ten en proceso de construción 385 novas vivendas na comarca do Salnés, dentro do seu obxectivo na presente lexislatura de duplicar o número de vivendas públicas ata chegar ata as 8.000 en toda Galicia e desenvolver solo para 25.000 novas vivendas, 20.000 delas protexidas e 5.000 libres.

María Deza e Raúl Santamaría, en compañía do deputado nacional Juan Bayón e a voceira do Partido Popular, Ana Granja, visitaron a parcela sita no barrio de Marxión de Vilagarcía onde a Xunta, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, construirá 10 vivendas publicas, unha vez que a mesma sexa cedida polo Concello.

OUTRAS ACTUACIÓNS

Así mesmo, os deputados populares lembraron que o Goberno galego licitou o pasado 4 de abril, por un orzamento de 568.911 euros, o servizo de redacción do proxecto de interese autonómico e o proxecto de expropiación e de parcelamento para a obtención de 6,2 hectáreas entre a avenida das Carolinas e as rúas Coca e Arealonga de Viilagarcía de Arousa, onde se prevé a construción doutras 350 vivendas.

Ademais, a estes dous ámbitos súmase a parcela que o Concello de Sanxenxo cederá en Mourelos, na parroquia de Noalla, para a construción de 25 vivendas.

“Estamos a falar de 385 novas vivendas na comarca do Salnés, dentro do obxectivo do Goberno galego de duplicar nesta lexislatura o número de vivendas públicas e desenvolver solo para 25.000 novas vivendas en toda Galicia”, salientou María Deza.

Pola contra, os deputados populares criticaron a falta de compromiso do Goberno central en materia de vivenda, logo de que anunciara a súa intención de impulsar un Acordo Estatal de Vivenda para os anos 2026 a 2030 na Conferencia de Presidentes celebrada a pasada semana, pero finalmente non levou adiante ningunha proposta nesta materia.

ANUNCIO PROPAGANDÍSTICO

“Todo quedou nun anuncio propagandístico máis do Goberno de Pedro Sánchez, porque, tal e como xa explicou o Presidente Rueda, non se puxo enriba da mesa proposta formal algunha nin existiu diálogo institucional efectivo sobre vivenda antes, durante ou despois na citada Conferencia de Presidentes”, criticou Raúl Santamaría.

Diante desta situación, os deputados populares anunciaron a presentación no Parlamento de Galicia dunha iniciativa para esixir ao Goberno de España unha proposta formal e detallada para iniciar a negociación real dun Acordo Estatal de Vivenda 2026–2030, acompañado de cronogramas, financiamento, e garantías de execución que atendan as peticións, propostas e necesidades manifestadas polas comunidades autónomas.

Así mesmo, pedirase a convocatoria da Conferencia Sectorial de Vivenda, que leva desde o mes de outubro sen reunirse, como foro de cooperación multilateral no que facer efectiva a participación das comunidades autónomas na definición do interese xeral, o apoio á unidade de acción e o respecto ao autogoberno e a diversidade.