O Grupo Popular centra as súas propostas de resolución no autogoberno, a economía, o benestar das persoas, os sectores produtivos e as infraestruturas de comunicación

Autogoberno e economía, benestar das persoas, sectores produtivos e infraestruturas de comunicación son os catro apartados nos que se dividen as 40 propostas de resolución que esta mañá rexistrou o Grupo Popular ao Debate sobre Política Xeral que se está a celebrar no Parlamento de Galicia. A viceportavoz popular, Paula Prado, valorou a xornada celebrada onte, na que, “por unha parte tivemos a Galicia do si, liderada polo Presidente Alfonso Rueda e con propostas pioneiras, que pensa en grande e que ten o benestar dos galegos como principal obxectivo; e, pola outra, a Galicia do non a todo e que celebra que lle vaia mal á nosa terra porque pensan que así lles irá mellor a eles”.

Paula Prado asegurou que o PPdeG “estará sempre no camiño da prosperidade, do futuro e da estabilidade, con medidas como a nova estratexia para o sector aeroespacial, o bono para estimular o consumo de peixe ou a construción de 24 residencias con 1.800 prazas públicas”. “Pero, o mellor de todo é que a acción do Goberno galego non se reduce a este Debate sobre o Estado da Autonomía, senón que se estende os 365 do ano”, indicou.

“Un PPdeG liderado por Alfonso Rueda, que pensa nunha Galicia en grande, afastada da apocalipse, a demagoxia e as mentiras que queren trasladar á sociedade desde outras formacións políticas, que só buscan que a Galicia lle vaia mal, porque pensan que así lles irá mellor a eles”, manifestou.

ENLACE A: PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN

ECONOMIA E AUTOGOBERNO

Respecto das 40 propostas de resolución rexistradas polo Grupo Popular, Paula Prado explicou que “se poden dividir en catro grandes grupos”. Un primeiro apartado está centrado na economía e no autogoberno de Galicia, onde se considera fundamental que o Goberno de España cumpra co seu deber constitucional e presente ante as Cortes Xerais un proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, que dea estabilidade institucional e posibilidade de afrontar os novos desafíos que ten por diante España.

Relacionado con isto, o Grupo Popular insiste na necesidade de que se convoque urxentemente un Consello de Política Fiscal e Financeira para proceder á reforma do financiamento autonómico e que se transfira ás comunidades autónomas a xestión directa dos fondos europeos de recuperación, en particular os relacionados coa industria. Neste apartado, inclúese a solicitude ao Goberno galego para que siga avanzando en alivios fiscais para os cidadáns, incluíndo nos orzamentos de 2026 novas rebaixas fiscais.

Pasando máis concretamente ás iniciativas relacionadas co autogoberno, o Grupo Popular insiste na transferencia da AP-9 e o rescate da súa concesión; a xestión do ingreso mínimo vital; o traspaso dos servizos de meteoroloxía; e as competencias en materia de permisos de traballo vinculados a permisos de residencia. Relacionado con este último punto, solicítase o desenvolvemento da Estratexia Galicia-Retorna 2023-2026 para promover a chegada de persoas de alta cualificación académica e profesional, ao tempo que se pide ao Goberno de España que axilice o procedemento de homologación de títulos universitarios e a concesión de permisos de residencia e traballo dos cónxuxes e descendentes.

Unha vez se teñan traspasado os medios humanos e materiais relacionados coas competencias sobre o litoral, o Grupo Popular pide que se unifiquen as autorizacións e os permisos nun só procedemento e que se cree unha rede de sendas e unha guía para a integración dos establecementos hostaleiros do litoral.

E, como novidade, se demanda ao Goberno de España que o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sexa nomeado e separado a proposta da Xunta, do mesmo xeito que acontece na actualidade cos presidentes dos portos de titularidade estatal.

Neste apartado de autogoberno de Galicia, inclúese tamén a solicitude para que o Goberno de España localice en Galicia o futuro Centro Nacional de Ciberseguridade ou que rectifique a redución de efectivos da Unidade de Policía Adscrita, ao tempo que cubre a totalidade das prazas vacantes no Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil. Para rematar con este primeiro apartado, avógase porque a Xunta avance no Pacto pola Lingua e a renovación do Plan Xeral de Normalización da lingua galega, se condene os totalitarismos nazi e comunista, en cumprimento da resolución do Parlamento europeo do 19 de setembro de 2019; e se aprobe unha nova Lei de Administración Local de Galicia.

BENESTAR DOS GALEGOS

Un segundo apartado de propostas de resolución ten que ver co benestar dos galegos. Así, en primeiro lugar, e dentro do ámbito da sanidade, se pide a implementación de medidas para loitar contra a falta de profesionais sanitarios, en concreto: que se axilice o proceso de homologación de títulos dos profesionais sanitarios; que se eleve a idade máxima para o exercicio da profesión aos 72 anos; ou que se acelere a implantación da especialidade de urxencias, así como a aprobación dun Plan para a atención do paciente crónico, a promoción dunha alimentación sostible a través da implantación do Bono Peixe; a ampliación do calendario vacinal aos grupos de poboación máis vulnerables e o reforzo da atención á saúde mental, coa posta en marcha dun novo Plan de Saúde mental que inclúa a creación dunha rede de psicoloxía en atención primaria.

Neste segundo apartado de propostas dirixidas ao benestar dos galegos, tamén teñen cabida medidas para a xuventude, para facilitar o seu acceso á vivenda, a incorporación ao mercado laboral ou a mellora da súa formación; para os maiores, coa solicitude dun plan específico que incremente a rede de centros residenciais ou o incremento da achega aos concellos para a prestación do servizo de axuda no fogar; para as mulleres, coa posta en marcha de servizos de información, asesoramento e acompañamento ás mulleres en localidades de ámbito rural e nas universidades galegas; para a correcta atención aos menores non acompañados; para a axuda ás familias nos gastos educativos dos seus fillos; para a creación dunha rede de centros de innovación avanzada en formación profesional; e para o incremento do parque de vivendas, a través da cesión de inmobles baleiros propiedade da SAREB ou con axudas para a rehabilitación de vivendas baleiras.

SECTORES PRODUTIVOS

Un terceiro apartado de propostas de resolución teñen como obxectivo o apoio aos sectores produtivos galegos. Así, demándase continuar favorecendo políticas dirixidas ao impulso industrial en Galicia, sempre que cumpran a normativa ambiental vixente, dotándoos das infraestruturas eléctricas e das axudas necesarias para a súa viabilidade e implantación no territorio. No caso concreto de Alcoa, pídese seguir traballando para asegurar o futuro da factoría de San Cibrao, axilizando a autorización dos parques de enerxía renovable e desenvolvemento as medidas de apoio necesarias para as industrias electrointensivas.

Neste ámbito, considérase fundamental facilitar o abaratamento do solo empresarial; así como aumentar e diversificar a subministración de materias primas fundamentais e das materias primas estratéxicas para reducir a dependencia do exterior.

No que respecta ás enerxías renovables, o Grupo Popular considera necesario que Galicia manteña unha posición de liderado en España e, en concreto, solicítase que o hidroxenoduto A Coruña-Zamora non sufra retraso con respecto aos que tamén foron declarados como proxectos de interese común en 2024.

Tamén se pide apoio ao sector agrario, especialmente ao viño, afectado polos novos aranceis. No ámbito da pesca, demándase que Galicia participe no proceso de toma de decisións a nivel europeo.

Por último, reitérase a solicitude da declaración do Xacobeo como Evento de Excepcional Interese Público, ampliando a solicitude de axuda ao Goberno central para o “Lustro Xacobeo 2027-2032”, e tamén se avoga por un turismo sustentable e rexeitamos totalmente a turismofobia, convencidos de que toda actividade turística debe ser compatible coa vida cotiá dos cidadáns e co respecto á convivencia.

INFRAESTRUTURAS DE COMUNICACIÓN

O último dos apartados das propostas de resolución de resolución do Grupo Popular ten que ver coas infraestruturas de comunicación. En concreto, en materia de estradas, solicítase que se estenda a rede viaria de alta capacidade, se limite a contía das peaxes e que o Goberno central proceda á construción das autovías pendentes, as actuacións nas contornas urbanas ou a prolongación da A-52 en Vigo e Mos, así como o impulso das variantes esquecidas, como a de A Estrada ou Ponteareas.

En materia ferroviaria, se insiste na necesidade de mellora do servizo que se presta en Galicia e a súa conexión co exterior, solucionando as innumerables deficiencias e incidencias que padecen os usuarios, recuperando as frecuencias suprimidas con motivo da pandemia e impulsando infraestruturas pendentes e necesarias, como o AVE Vigo-Porto, as conexións de alta velocidade de Lugo e Ferrol ou o Plan director para a adecuación e mellora do Corredor Atlántico.

 

 

O Parlamento galego demanda reforzar a loita contra as enfermidades fúnxicas do pinus radiata

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non delei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a reforzar a loita integrada contra as enfermidades fúnxicas en Pinus radiata, mediante accións de tratamento fitosanitario, medidas silvícolas e apoio á investigación forestal; mellorar os medios do Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte, dotándoo de recursos humanos especializados en sanidade forestal; e potenciar a colaboración entre a administración, o sector forestal e os centros de investigación para o desenvolvemento de estratexias eficaces de xestión e prevención destas enfermidades.

O deputado popular Ángel Rodríguez manifestou que as enfermidades fúnxicas que afectan ás masas de pinus radiata “están a provocar unha redución significativa da produtividade forestal, afectando tanto á viabilidade económica das plantacións como á subministración de materia prima para a industria da madeira”. En concreto, apuntou que as curtas de radiata en Galicia poden xerar máis de 65 millóns de euros anuais aos propietarios forestais, representando unha parte significativa dos aproveitamentos forestais e sendo fundamental para a industria madeireira.

Ángel Rodríguez lembrou que o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán está a desenvolver un programa de investigación centrado na loita contra as enfermidades fúnxicas que afectan ao pinus radiata, ao que acompaña un protocolo estandarizado para identificar árbores desta especie con resistencia natural ás bandas vermella e marrón.

“Precisamos dunha implicación activa dos propietarios e da industria, porque os fondos públicos están aí pero tamén se require un cambio cultural: entender que a saúde dos montes é un deber común que nos afecta a todos”, sinalou o deputado popular, porque “a protección da sanidade forestal é clave para garantir a sustentabilidade e a rendibilidade do sector madeireiro galego”.

O Grupo Popular afirma que na nova convocatoria de axudas para mellora e incorporación á actividade agrogandeira darase prioridade ás persoas mozas

A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que a nova convocatoria de axudas da Xunta para plans de mellora e incorporación á actividade agrogandeira darase prioridade ás persoas mozas que soliciten a incorporación ou que, tendo a axuda xa aprobada, non dispoñan por agora do plan de mellora, para que desta forma poidan levar adiante o seu proxecto.

Nicole Grueira asegurou que os plans de mellora e as axudas de incorporación á actividade agrogandeira son “dúas ferramentas clave que reflexan o compromiso do Goberno galego con este sector, xa que, por unha banda, garanten que as granxas dispoñan dos recursos necesarios para modernizar ou ampliar as súas infraestruturas e, por outro lado, ábrelle as portas ás novas xeracións de agricultores e gandeiros que apostan polo sector e, consecuentemente, polo futuro do rural galego”.

Respecto das convocatorias do ano 2024, a portavoz popular salientou que se aprobaron a totalidade das solicitudes admisibles, cun incremento notable tanto do número de solicitudes como da axuda media aprobada por solicitude, que aproximouse aos 80.000 euros.

“O obxectivo é axudar ao sector agrogandeiro galego e garantir o seu futuro, para o que a Xunta está a actuar con responsabilidade, compromiso e visión a curto e longo prazo”, indicou Nicole Grueira.

O Parlamento de Galicia demanda axudas para o fomento de exposicións e concursos de gando

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non foi apoiada por BNG nin PSdeG, a través da que se insta á Xunta a promocionar a gandaría galega a través do fomento de exposicións e concursos de gando coa habilitación dunha liña de axudas para a súa materialización.

O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Viso, avogou por “fortalecer a visibilidade e o orgullo do noso rural, e para iso as exposicións e concursos de gando son ferramentas tan valiosas como calquera tecnoloxía punteira”. “Estes eventos permiten non só mostrar a calidade das nosas razas, senón tamén mellorar a rendibilidade das explotacións, modernizar o sector en ámbitos como a xenética ou a sanidade, e formar ás novas xeracións de gandeiros e gandeiras”, indicou.

ESPAZOS DE ENCONTRO, FORMACIÓN E DIVULGACIÓN

“Estes eventos non son só un escaparate, senón espazos de encontro, de formación, de divulgación e de relevo xeracional”, manifestou Miguel Viso, quen engadiu que “son ocasións para compartir coñecemento, para aprender boas prácticas, para poñer en valor a excelencia do noso gando autóctono, para establecer contactos comerciais e, sobre todo, para dignificar o traballo do gandeiro”.

Nos dous últimos anos, a Xunta financiou a celebración de 13 certames en 9 concellos galegos, para os que destinou preto de 80.000 euros. A convocatoria para o presente ano 2025 conta cunha partida de 150.000 euros para apoiar a estes eventos en réxime de concorrencia non competitiva. Por primeira vez, estas axudas están abertas tamén ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro, alén dos concellos, para ampliar a rede de certames en todo o territorio galego, así como a asociacións de criadores e a certames cabalares.

O PPdeG destaca que a Xunta destina este ano 1,7 millóns de euros para apoiar a promoción nacional e internacional do sector vitivinícola galego

Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e José Luís Ferro visitaron hoxe a Adega Peña, situada no concello ourensán de Castrelo de Miño, e destacaron que a Xunta destinará este ano 1,7 millóns de euros para apoiar ao sector vitivinícola galego na promoción nacional e internacional dos seus viños. Ao abeirao desta liña de axudas se promoveron nos últimos sete anos preto de 150 programas de promoción e xestionáronse máis de 8 millóns de euros.

Juan Casares manifestou que “esta liña de axudas adquire unha importancia especial neste momento por mor do contexto sociopolítico que estamos a vivir polas decisións que o Goberno de Trump está a adoptar impoñendo aranceis ás importacións de produtos da Unión Europea”. “Este panorama coloca ao viño galego nunha situación complicada e coa necesidade de abrir novos mercados, ademais de potenciarse nos que ten hoxe presenza”, apuntou.

Pola súa banda, José Luís Ferro lembrou que, “desde a pandemia da Covid-19, o sector vitivinícola vive unha crise que non ten selo galego, senón timbre internacional, provocada tanto pola diminución do consumo e das exportacións, como polo aumento do prezo do produto polos maiores custes de produción derivados da guerra de Ucraína”.

Os deputados populares, que estiveron acompañados na visita a Adega Peña polo alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, destacaron o “papel fundamental que xoga o sector vitivinícola na economía galega, tanto no que atinxe á creación de emprego como para a fixación da poboación no rural”. En concreto, este sector achega o 1,4 por cento do PIB galego, xera un valor engadido bruto de 890 millóns de euros e da emprego a cerca de 16.000 persoas en Galicia.

Galicia posúa na actualidade 10 selos vitivinícolas de calidade diferenciada: cinco denominacións de orixe protexidas e outras cinco indicacións xeográficas protexidas.

O PPdeG salienta a fonda pegada que deixou Ramiro Carregal, pioneiro na industria conserveira e impulsor da investigación oncolóxica en Galicia

Os deputados do Grupo Popular Loli Hermelo, Raúl Santamaría e Patricia García salientaron hoxe “a fonda pegada que deixou Ramiro Carregal entre a sociedade galega, non só por ser un pioneiro da industria conserveira en Galicia, senón tamén por ser un firme impulsor da investigación oncolóxica en Galicia”. Neste sentido, salientaron a celebración nesta Semana Santa a nova edición da Soccer Cup en Vilagarcía e Vilaxoán, felicitaron aos organizadores polo desenvolvemento deste torneo e destacaron a importancia deste tipo de eventos para fomentar a práctica deportiva entre a xuventude.

Loli Hermelo, Raúl Santamaría e Patricia García asistiron hoxe ao Torneo de fútbol xuvenil Ramiro Carregal, que se celebra estes días nos campos de Vilagarcía e Vilaxoán, que ten como obxectivo non só promover os valores do deporte entre a mocidade, senón tamén manter viva a memoria dun home que deixou unha fonda pegada tanto no tecido empresarial como na sanidade galega.

Fundador e presidente de honra de Frinsa del Noroeste, Carregal foi unha figura clave na modernización do sector conserveiro e na súa internacionalización, situando a marca galega no mapa global da alimentación.

LIDERADO EN INVESTIGACIÓN ONCOLÓXICA

“Pero o seu legado vai máis aló, porque Ramiro Carregal tamén destacou polo seu compromiso coa sociedade, especialmente no ámbito da loita contra o cancro”, lembraron os deputados populares, quen sinalaron concretamente o impulso e financiamento de proxectos de investigación oncolóxica en centros de referencia de Galicia como o Hospital de Santiago ou a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Ademais, apuntaron que “Galicia mantén o seu liderado na investigación oncolóxica cun investimento sostido en proxectos como o desenvolvemento de tratamentos CAR-T ou a implantación de programas de cribado poboacional, que contan con financiamento específico nos orzamentos da Xunta para este ano”.

A deputada Cecilia Vázquez reúnese con Promabe, quen lle traslada as “boas expectativas” do sector ante a posible posta en marcha de novos proxectos de transformación da madeira en Galicia

A deputada do Grupo Popular e portavoz do PP en Betanzos, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe co presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Betanzos (Promabe), José Felipe Vidal Rico, quen lle trasladou as “boas expectativas que para o sector pode supoñer a posta en marcha de novos proxectos de transformación da madeira en Galicia”.

Promabe é unha entidade creada en 2010 en Betanzos, que na actualidade conta con socios que representan a 1.400 familias desta comarca e arredor de 7.500 persoas.

Cecilia Vázquez amosou o interese do PPdeG por impulsar medidas e proxectos que beneficien ao sector forestal galego, que da emprego a cerca de 20.000 persoas en Galicia situando a esta Comunidade autónoma como a que maior volume de cortas de madeira realiza de toda España, superando en 2022 a cifra de 11 millóns de metros cúbidos.

Pola súa banda, Felipe Vidal trasladou “o interese dos produtores de madeira pola implantación en Galicia de novos proxectos de transformación da madeira, que fortalecerán os prezos e impulsarán o desenvolvemento dunha silvicultura adecuada que evite a propagación dos incendios forestais”. “Proxectos que, iso si, deberán respectar sempre escrupulosamente toda a normativa ambiental galega, española e europea”, subliñou.

Rubén Lorenzo salienta o compromiso da Xunta co futuro de Carballo a través dos avances vividos esta semana coa futura variante e a ampliación do polígono de Bértoa

O deputado e portavoz do PP en Carballo, Rubén Lorenzo, salientou hoxe o compromiso do Goberno galego con este concello, que se traduciu esta semana en dúas actuacións importantes: a resolución favorable da Consellería de Medio Ambiente á futura variante e a aprobación polo Consello da Xunta do proxecto de urbanización da segunda fase do polígono industrial. “Ambas actuacións son amplamente demandadas polo empresariado desta comarca e seguen dando pasos firmes para contribuír a que Carballo se manteña como un referente no desenvolvemento económico en Galicia e consolide a súa condición de cabeceira da comarca de Bergantiños”, manifestou.

O Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado luns a resolución favorable da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade na que, despois dos informes proporcionados por sete departamentos autonómicos e polo Concello de Carballo, se conclúe que no proxecto da variante de Carballo “non son previsibles efectos adversos significativos sobre o medio ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria”, sempre que se cumpran as medidas recollidas nos informes e o programa de vixilancia ambiental.

AVANCE MAIÚSCULO

“Esta resolución chega despois de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural tamén realizara, a finais do pasado mes de marzo, as últimas aclaracións sobre as medidas a tomar para minimizar o impacto do trazado da variante de Carballo no castro de Queixeiro en Bértoa, ante o que se propuxo a realización de sondaxes arqueolóxicas de avaliación e unha escavación arqueolóxica na área de ser necesario”, lembrou o deputado popular.

Rubén Lorenzo subliñou que a resolución de Medio Ambiente “supón un avance maiúsculo na tramitación dun proxecto que é vital para conectar o polígono de Carballo co sur de Galicia e para desconxestionar de tráfico pesado o centro urbano”. Neste sentido, afirmou que “a Xunta xa ten preparado o proxecto de trazado co anexo de expropiacións, ao que xa lle pode dar o visto e prace provisional para iniciar o procedemento de información pública e proceder á expropiar os terreos afectados, que son 182 propiedades nas parroquias de Bértoa, Artes e Verdillo”.

A primeira fase da circunvalación de Carballo, que conectará o polígono de Bértoa coas estradas de Santiago e Ordes, incluirá no seu trazado un viaduto de 340 metros de lonxitude sobre o río Anllóns na zona de O Silvoso. Ademais, o proxecto contempla a construción doutras estruturas: dous pasos superiores e un inferior sobre a variante e un muro de contención de dique para o rego do Añón.

Por outra banda, o deputado popular destacou que esta mesma semana o Consello da Xunta tamén dou a coñecer a adxudicación do contrato de urbanización e parcelamento da FASE II de ampliación do polígono empresarial de Carballo, que permitirá incorporar 630.000 metros cadrados de solo industrial para atender as demandas de novas industrias e a xeración de riqueza e emprego en toda a comarca.

O PPdeG destaca que a Xunta leva investidos máis de 6 millóns de euros en dotar de novos servizos e tecnoloxía de vangarda ao Hospital de Monforte

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, e a deputada e tamén portavoz do PP en Monforte, Katy Varela, visitaron hoxe o Hospital de Monforte para coñecer os novos servizos e tecnoloxía de vangarda cos que conta este centro sanitario, nos que a Xunta investiu máis de 6 millóns de euros nos últimos dous anos. “Todas estas melloras evidencian o compromiso do Goberno galego coa veciñanza do sur de Lugo e coa necesidade de garantir unha sanidade pública de calidade, accesible e moderna”, manifestaron.

Encarna Amigo e Katy Varela salientaron a recente posta en marcha no Hospital de Monforte do novo mamógrafo, un equipo de última xeración que reforza a capacidade diagnóstica e permite realizar probas de detección precoz do cancro de mama con maior precisión e comodidade. Xunto a este novo aparato, as deputadas destacaron a dotación dun novo TAC, que permite diagnósticos máis rápidos e fiables, mellorando a atención a urxencias e o seguimento de patoloxías complexas.

OBRAS DE AMPLIACIÓN DE SERVIZOS

Ademais desta nova tecnoloxía, no Hospital de Monforte tamén se levaron adiante obras de ampliación e mellora dos servizos sanitarios, como o aumento da superficie do Hospital de Día, para ofrecer unha mellor atención a pacientes oncohematolóxicos e crónicos; a renovación da Farmacia Hospitalaria, coa incorporación dunha sala branca para a preparación segura de tratamentos; o novo Laboratorio de Microbioloxía; ou a nova área de Cardioloxía, con dúas consultas, unha sala de marcapasos, unha sala de probas de esforzo e outra para ecografías.

“Na actualidade estanse a executar as obras das novas áreas de Neumoloxía e Dixestivo, cun investimento de case un millón de euros”, concretaron as deputadas populares, quen ademais subliñaron que o Hospital de Monforte “conta, desde o pasado 1 de abril, con catro novas enfermeiras en quenda de noite, que permiten reforzar servizos como Cirurxía, Medicina Interna, Uroloxía e Traumatoloxía”.

O Parlamento de Galicia demanda ao Goberno central financiamento adicional para que os concellos poidan cumprir coa nova Lei de eficiencia do Servizo Público de Xustiza

O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o voto favorable dos deputados do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno Central financiamento adicional para o mantemento das oficinas de xustiza nos concellos como consecuencia do incremento de funcións que é de obrigado cumprimento pola entrada en vigor da Lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza.

O deputado popular Roberto Rodríguez explicou que un dos cambios máis significativos da recente reforma da Lei Orgánica 1/2025 é a conversión dos actuais Xulgados de Paz en Oficinas de Xustiza nos concellos, “co obxectivo de ofrecer unha
xustiza máis próxima en todo o territorio nun momento en que o risco de despoboamento no rural é elevado e no que se require aumentar os servizos da Administración”. Deste xeito, a Oficina de Xustiza non só manterá os actuais servizos dos Xulgados de Paz, senón que os ampliará ao ofrecer novos e mellores servizos ás persoas que habitan atendendo aos espazos e medios dispoñibles.

MESMOS SERVIZOS QUE ATA AGORA

“Trátase de evitar que quen se atopa nestes municipios teñan que desprazarse ás capitais para realizar aquelas xestións ante a administración que actualmente teñen que levar a cabo de xeito presencial, dotando a estas Oficinas de Xustiza dos medios tecnolóxicos necesarios para a práctica de actos procesuais e a intervención nos mesmos a distancia”, concretou.

Así, apuntou que nas Oficinas de Xustiza nos municipios seguiranse prestando os mesmos servizos que ata o de agora: a asistencia ao xuíz ou a xuíza de paz do municipio no exercicio das funcións que teña atribuídas legalmente; e a práctica dos actos de comunicación procesual con quen resida no municipio ou municipios para os que presten os seus servizos, sempre que os mesmos non se puideran practicar por medios electrónicos.

Roberto Rodríguez manifestou que “a dotación inicial das instalacións e dos medios instrumentais destas novas Oficinas Xudiciais corresponderase cos dispoñibles actualmente para os Xulgados de Paz asumidos polas entidades locais, o que suporá que os concellos teñan que facer grandes investimentos nin grandes obras”.

Porén, apuntou que “o concello deberá dispoñer dun espazo acondicionado e unha conexión de rede que garanta a adecuada conectividade, de xeito que sexa viable a intervención en actos procesuais e doutra clase a través de sistemas de videoconferencia desde a propia Oficina Xudicial, espazo que, ademais, deberá ofrecer as condicións adecuadas e necesarias de privacidade e seguridade para que estas actuacións se realicen coas debidas garantías”.

“O Goberno central lexisla e impón obrigas ás demais administracións, pero non prevé traspasos de fondos adicionais para poder asumilas”, reclamou o deputado popular, polo que considerou necesario que “dispoña dun financiamento adicional para adecuación dos actuais Xulgados de Paz en Oficinas de Xustiza, así como para sufragar o incremento de funcións para os concellos pola entrada en vigor na nova Lei”.