O Grupo Popular critica que os socialistas pretendan que a Xunta faga en materia de vivenda o traballo que lle corresponde ao Estado

A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “os socialistas pretendan que a Xunta faga en materia de vivenda o traballo que lle corresponde ao Estado, seguindo a súa máxima de ti invitas e os demais pagamos”.

“A diferenza entre o modelo de vivenda da Xunta e do Goberno de Pedro Sánchez está clara, porque mentres o Goberno galego triplica os orzamentos en vivenda, o Goberno de Sánchez nin sequera aproba os seus; mentres a Xunta da axudas directas de ata 20.000 euros para que os menores de 36 anos merquen a súa primeira casa, o Goberno de Sánchez protexe aos que lla okupan; mentres a Xunta aproba dúas liñas de avais para facilitar a compra de vivenda, o Goberno de Sánchez nin executa os avais que prometeu; e mentres a Xunta traballa por duplicar o parque público de vivenda, o Goberno de Sánchez non construíu nin unha das miles que prometeu”, indicou Nicole Grueira.

Ademais, criticou que “foi o Goberno de Pedro Sánchez o que recortou á metade os fondos do bono alugueiro que lle correspondían a Galicia, cuestión que se agravou en 2024 porque nin sequera programou o bono ese ano, obrigando á Xunta a poñer 10 millóns de euros de fondos propios para compensar a súa incompetencia”.

Nicole Grueira destacou que “fronte a ese modelo do Goberno de Pedro Sánchez hai unha Xunta que actúa con medidas para axudarlle á xente nova a acceder a unha vivenda digna”, citando en concreto medidas como as bonificacións fiscais, as axudas directas, os aloxamentos compartidos, a reserva do 40 por cento das novas vivendas públicas en alugueiro para menores de 36 anos, os avais que cobren o 20 por cento da hipoteca ou o bono emancípate.

O Grupo Popular afirma que BNG e PSdeG pasarán á historia de Galicia como o Goberno que máis incrementou os concertos sanitarios e máis pacientes derivou da sanidade pública á privada

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “BNG e PSdeG pasarán á historia por dirixir o Goberno de Galicia que máis incrementou o gasto en concertos e que máis pacientes derivaba da sanidade pública á sanidade privada”.

No debate dunha iniciativa sobre a atención sanitaria no Hospital Povisa de Vigo, Encarna Amigo lembrou que “foi o Goberno bipartito de socialistas e nacionalistas os que blindaron este centro sanitario en virtude dun acordo ao que se chegou en 2006, blindando este concerto incluso a través da Lei de Saúde de Galicia do ano 2008”.

“Ademais, no Acordo básico pola saúde da área sanitaria de Vigo, asinado en 2006 entre a Consellería de Sanidade e a dirección de Povisa, no que tamén participaron representantes sindicais da CIG, recóllese o compromiso polo mantemento do emprego do sector sanitario da comarca viguesa tanto no ámbito público como no privado que preste atención concertada, falando tamén da conveniencia de manter e potenciar os instrumentos de concertación e cooperación público-privada”, explicou.

FERRAMENTA LEXÍTIMA

Encarna Amigo afirmou que “os concertos son unha ferramenta lexítima que socialistas e nacionalistas impulsaron, que lles servían e empregaban cando gobernaban pero que agora os critican”.

Deste xeito, manifestou que desde o Partido Popular “seguiremos apostando por todos os recursos que garantan a mellor prestación sanitaria para os galegos” e, no caso concreto de Povisa, subliñou que “o obxectivo esencial e prioritario por parte da consellería é velar por garantir a equidade e a calidade asistencial da súa poboación de referencia e, máis en concreto, a todos aqueles que libremente elixan este centro hospitalario”.

O Grupo Popular subliña que a Xunta xa amosou a vontade de solicitar a transferencia dos servizos de meteoroloxía, que se recollerán na futura Lei do Clima

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, reiterou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta xa anunciou a súa vontade de solicitar a transferencia ao Estado das competencias nos servizos de meteoroloxía, que recollerá na futura Lei do Clima de Galicia, e acusou ao BNG de “pretender que o PSOE secuestre no Congreso outra competencia para a Comunidade galega, como está a facer coa AP-9”.

Gonzalo Trenor lembrou que a transferencia dos servizos de meteoroloxía “foi unha petición constante desde Galicia”. Neste sentido, lembrou que o conselleiro de Presidencia xa anunciou no debate de orzamentos a vontade do Goberno galego de solicitar este traspaso; a conselleira de Medio Ambiente dixo que na futura Lei do clima daríase rango normativo ás funcións de Meteogalicia; e o Pleno do Parlamento galego aprobou, o pasado 4 de decembro e coa abstención do PSdeG, unha proposición non de lei a través da que se solicita a transferencia da competencia dos servizos de meteoroloxía e estudos oceanográficos. “Sen esquecer que o Partido Popular presentouse ás eleccións autonómicas cun programa de goberno real, no que unha das 872 propostas é o traspaso dos servizos meteorolóxicos”, apuntou.

MESMO TRATO QUE OUTRAS COMUNIDADES

“O lóxico é que Galicia faga uso dos medios á súa disposición, que son máis completos que os que ten a Axencia Estatal de Meteoroloxía, pois o noso servizo está mellor preparado e mellor equipado”, salientou o portavoz popular. Así, explicou que “Meteogalicia está considerada unha das axencias máis importantes e punteiras dentro do seu campo, con 160 estacións, case o triplo que a Aemet, que ofrecen información real cada dez minutos, e colaboran estreitamente con sanidade, medio rural e Augas de Galicia”.

O portavoz popular incidiu en que “queremos que Galicia reciba o mesmo trato que outras comunidades autónomas por parte do Goberno de Pedro Sánchez”, logo de que a comezos do mesmo de marzo asinou o acordo para o traspaso dos servizos de meteoroloxía ao País Vasco.

Trenor lamentou que “na reivindicación de ampliar o noso teito competencial estamos sos, porque tanto socialistas como nacionalistas galegos, cando teñen que elixir entre Pedro Sánchez e Galicia, sempre elixen Pedro Sánchez”. “Xa o vimos coa Lei do litoral, á que se opuxeron levándoa ata o Constitucional; e agora estámolo a ver coa transferencia da AP-9, secuestrada pola Presidenta do Congreso usando subterfuxios antidemocráticos ante un BNG e PSdeG feliz e sen alzar a voz ante este atropelo”, manifestou.

“Son vostedes os do non e xamais van a facer valer o seu voto, nin sequera de forma simbólica, a favor de Galicia”, criticou o portavoz popular, quen anotou que “non o fixeron coa Lei do litoral, nin o fan co secuestro da AP-9, nin cos recursos para a prestación da dependencia, nin para modernizar unha infraestrutura tan deteriorada como as liñas ferroviarias do século XIX”, rematou.

Galicia, primeira rexión europea en contar cunha Lei de desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, que blinda os dereitos dos cidadáns nas relacións coa Administración

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, cos votos a favor do Grupo Popular e socialista, e a abstención do BNG e Mixto, a lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, unha norma pioneira a nivel europeo que asegura os beneficios que poderán obter con esta nova tecnoloxía tanto o tecido produtivo como a cidadanía na súa relación coa Administración galega e que garante aos galegos os seus dereitos sempre que interveña a intelixencia artificial.

“En definitiva, un novo marco xurídico estable que ofrece á cidadanía confianza e certeza nas súas relacións coa Administración pública galega e que blinda os seus dereitos”, afirmou o viceportavoz popular, Julio García Comesaña.

Na súa intervención, García Comesaña explicou que a nova lei “regula ata onde as nosas competencias na materia nolo permiten e sendo moi respectuosos co Regulamento Europeo, co fin de aplicar a intelixencia artificial para ofrecer os mellores servizos onde estas tecnoloxías o permiten e de conformidade coas necesidades e as demandas da cidadanía e das empresas”.

TRES OBXECTIVOS

En concreto, citou tres obxectivos principais desta lei: mellorar a eficacia da Administración autonómica e a súa relación coa cidadanía; dispoñer en Galicia dunha intelixencia artificial segura e salvagardar os dereitos da cidadanía; e consolidar a Galicia como rexión de referencia en Europa en intelixencia artificial.

“Por iso, estamos ante unha lei que regula que sistemas de intelixencia artificial podemos desenvolver ou comprar desde a Administración e como debemos usalo; que asegura que as persoas teñen sempre a última palabra; que establece cal é a responsabilidade e funcións de cada un dos servidores públicos e entidades no proceso de planificación e implantación desta tecnoloxía; que define os criterios para a compra ou desenvolvemento de sistemas de intelixencia artificial; e que fomenta a implantación dunha intelixencia artificial axeitada aos intereses estratéxicos de Galicia por parte das empresas e da sociedade no seu conxunto”, explicou.

O viceportavoz popular rematou a súa intervención salientando que “somos unha comunidade autónoma que posúe un ecosistema fortalecido ao redor da ideación, desenvolvemento e demanda de intelixencia artificial, capaz de albergar a AESIA e cunha infraestrutura de computación avanzada e un crecente investimento nesta tecnoloxía por parte da industria e os servizos”, ao que agora se engade “a primeira lexislación rexional europea para o desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética, segura, fiable e centrada nas persoas”.

O Grupo Popular solicita ao Goberno central o reintegro inmediato aos mutualistas das contías que tributaron de máis en concepto de IRPF

O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia a través da que se solicita ao Goberno de España que derrogue e deixe sen efecto a modificación lexislativa que anula as devolucións correspondentes aos mutualistas que tributaron máis do debido, procedendo ao reintegro íntegro e sen aprazamentos das contías xa solicitadas en tempo e forma polos contribuíntes.

Os viceportavoces do Grupo Popular, Paula Prado, Julio García e Cristina Sanz, xunto coa deputada Felisa Rodríguez, mantiveron un encontro esta mañá co responsables de asesorías e colectivos de afectados pola anulación das solicitudes de devolución daquelas persoas que tributaron máis do debido en concepto de imposto sobre a renda logo de realizar achegas a diferentes mutualidades profesionais.

CAMBIO DE CRITERIO

O Tribunal Supremo ditou unha sentenza o 28 de febreiro de 2023 a través da que atendía a reclamación realizada por afectados que viron como non se consideraban deducibles as cotas abonadas ás mutuas entre os anos 1967 e 1978, conseguindo que a partir dese pronunciamento xudicial se recoñecese o seu dereito a deducir un 25 por cento desas achegas.

Para acceder a esta devolución, os afectados dispoñían dun formulario específico ao que debían acompañar a fotocopia do documento nacional de identidade e o número de conta bancaria.

Porén, o Grupo Socialista no Congreso, a través dunha emenda á Lei 7/2024, cambiou drasticamente este proceso de devolución do IRPF para os mutualistas ao anular as solicitudes que non se presentaran antes do 22 de decembro de 2024, o que supuxo que unha gran parte dos mutualistas que solicitaran a devolución non a vaian a recibir na súa integridade ata o 2028.

Este novo sistema establece que os afectados deberán volver a pedir a partir deste ano 2025 a devolución en diferentes anualidades a través dun formulario que se presentará no prazo regulamentario da declaración do IRPF. Así, no ano 2025 solicitarase a devolución do exercicio de 2019 ou anteriores non prescritos; en 2026, a devolución do exercicio 2020; en 2027, a devolución do exercicio de 2021; e en 2028, a devolución do exercicio de 2028.

DEREITOS DOS CONTRIBUÍNTES

Paula Prado cualificou de “sorprendente este cambio de criterio arbitrario, que excede e retorce o cumprimento do criterio do Tribunal Supremo e pugna abertamente cos dereitos dos contribuíntes, que non teñen máis culpa que aplicar ben o dereito cando a interpretación da Axencia Estatal de Administración Tributaria era de todo incorrecta, como se demostrou nos tribunais”.

“Por este motivo, solicitamos que o Goberno de España deixe sen efecto a reforma lexislativa e proceda de inmediato á devolución íntegra das contías que lles pertencen a estes mutualistas, de xeito que non se produza unha diferenza de trato con aqueles que xa percibiron os reintegros das cantidades ingresadas indebidamente diante da AEAT”, sinalou.

O PPdeG salienta as oportunidades que abre Artesanía Alimentaria aos produtores galegos que comercializan a través deste selo de calidade

Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e José Luís Ferro salientaron hoxe as oportunidades que se lles abren aos produtores galegos que comercializan a través do selo de calidade Artesanía Alimentaria.

Juan Casares e José Luís Ferro visitaron Queixos Feijóo, unha industria fundada en 1949, localizada no concello de Celanova e que segue unha longa tradición queixeira sempre en mans da mesma familia. “Estamos a falar dunha empresa que aposta claramente pola calidade e pola posta en valor das materias primas da zona, xa que ten como un dos seus provedores a produtores instalados na aldea-modelo de Xacebáns”, sinalaron.

Durante a visita, os deputados populares salientaron a importancia de que este tipo de empresas estean adheridas a selos e marcas de calidade, como Galicia Calidade, a denominación de orixe protexida Queixo Tetilla ou a Artesanía Alimentaria no caso da empresa Queixos Feijóo.

CALIDADE AGROALIMENTARIA

Artesanía Alimentaria é unha marca de calidade que ampara producións de todo o abano do sector alimentario que teñen a súa elaboración a pequena escala, de xeito predominantemente manual, con intervención directa do titular da empresa, con materias primas seleccionadas, sen aditivos e cunha presentación moi coidada.

“Esta aposta pola calidade agroalimentaria de Queixos Feijóo traduciuse en galardóns que, ano a ano, obtén nos certames e concursos queixeiros máis prestixiosos a nivel nacional como internacional, como o Gourmets ou o World Cheese Awards”, destacaron os deputados populares.

O PPdeG critica “a mentira e o engano aos galegos” de BNG e PSdeG coa protección do lobo ao votar unha cousa en Galicia e a contraria en Madrid

Os deputados do Grupo Popular Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez criticaron hoxe que “os deputados do BNG e do PSdeG viven na mentira e o engano permanente aos galegos” e concretaron que “a última falcatruada fixérona coa rebaixa da protección para o lobo: primeiro votaron a favor de quitarlle esta protección no Parlamento galego e o pasado xoves no Congreso votaron posicionáronse en contra”.

Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez, acompañados do alcalde, José Manuel Mato, visitaron a explotación Devesa Langueirón en Ponteceso para poñer en valor a aprobación o pasado xoves no Congreso da saída do lobo da listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lespre), “unha medida que permitirá que o rural galego e os nosos gandeiros volvan ter a protección que merecen fronte aos ataques deste animal”.

Neste sentido, criticaron o voto en contra no Congreso dos deputados do PSOE e do BNG a este acordo, “cambiando a súa postura so catro meses despois de que no Parlamento galego votarán a favor de quitarlle a protección ao lobo”. “O que puxeron de manifesto os deputados galegos, tanto socialistas como nacionalistas galegos, é que o único que lles interesa é atender sempre os intereses de Pedro Sánchez, dando as costas neste caso aos nosos gandeiros e a defensa das súas explotacións”, indicaron.

CRITERIOS RESPONSABLES

“Galicia sempre defendeu que a inclusión do lobo no Lespre non obedecía a criterios responsables, porque o lobo está moi lonxe de estar en perigo de extinción, xa que está presente en máis do 90 por cento do territorio galego, e, de xeito paralelo, o número de avisos por ataques incrementouse un 72 por cento desde 2021, cunha aumento das reses afectadas do 57 por cento”, explicaron.

Porén, os deputados popular afirmaron que este acordo “non suporá unha persecución desapiadada do lobo a partir de agora, senón que levará aparellada a adopción de medidas de control da especie e o restablecemento do equilibrio entre a súa protección e as actividades gandeiras que se desenvolven no rural”.

O Grupo Popular solicita ao Goberno de España que informe sobre os trámites que realiza ante a Comisión Europea para evitar a posible multa pola ampliación da concesión da AP-9

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, avanzou hoxe que no Pleno da vindeira semana “reforzaremos as nosas demandas sobre a transferencia e a gratuidade da AP-9 coa solicitude ao Goberno de España para que informe dos trámites que está a realizar ante a Comisión Europea para evitar a posible sanción pola prórroga da concesión da autoestrada concedida en 2000. Así mesmo, o eurodeputado Adrián Vázquez afirmou respecto ao proxecto de ALTRI que “estamos no momento de tomar a decisión de subirnos ao tren europeo das industrias rendibles e sostibles ou de quedarnos en terra” e criticou que o BNG “se dedique a manchar a imaxe de Galicia en Europa, a pesar de que a Comisión Europea xa lle respondeu en tres ocasións que son os técnicos da Xunta os que teñen que avaliar a viabilidade ambiental deste proxecto”.

Alberto Pazos lembrou que a AP-9 “vai ser unha das grandes protagonistas do Pleno que celebraremos a vindeira semana, no que o Grupo Popular vai buscar, unha vez máis, a unanimidade do Parlamento galego solicitando a transferencia desta autoestrada a Galicia e a súa gratuidade”.

Neste sentido, lamentou que a tramitación da proposición de lei solicitando a transferencia da AP-9 “xa contabiliza 39 prórrogas no trámite de emendas, o que da mostra do desinterese dos socialistas, tanto galegos como estatais, con especial protagonismo da Mesa e da Presidenta do Congreso por desatender esta demanda unánime do Parlamento galego”. “Debería darlles vergoña votar en Galicia tan fachendosamente a favor do rescate, a transferencia ou a gratuidade da AP-9 e despois bloquear no Congreso calquera avance na tramitación da proposición de Lei que eles mesmos votaron a favor e tanto se enorgullecen delo”, indicou.

O portavoz popular anotou que “volveremos a insistir na gratuidade da AP-9, tal e como se comprometeron os socialistas durante a campaña electoral e reiterou non hai moito o reelixido secretario xeral no Congreso do PSdeG, porque resulta indignante que esta autoestrada sexa a máis cara de España e que elevara máis do dobre as súas tarifas que as principais vías de pago de toda Europa”.

INFORME E NEGOCIACIÓNS COA COMISIÓN EUROPEA

Alberto Pazos manifestou que no Pleno incluiranse dúas novas solicitudes ao Goberno de España respecto da AP-9. En primeiro lugar, que elabore con urxencia e faga público un informe que avalíe, como mínimo, os custos do rescate da autoestrada, da implantación da gratuidade e da aplicación das bonificacións das peaxes ata o remate da concesión. “Consideramos que a súa negativa a proceder ao rescate desta autoestrada, como afirmou a semana pasada no Congreso a secretaria de Transportes do Ministerio, debe sustentarse en datos e non en meras especulacións”, apuntou.

Así mesmo, demandou a elaboración urxente deste documento “tendo presente que, coas cifras que se recollen no informe encargado pola Xunta a unha consultora de prestixio neste ámbito, o custo estimado da indemnización polo rescate, aplicando unha taxa de desconto, que rondaría o máximo de 2.330 millóns de euros, aseméllase bastante ao custo das bonificacións ata o final da concesión”. “Sería unha nova demostración da nula xestión do Goberno de Pedro Sánchez continuar aprobando bonificacións das peaxes na AP-9 se resulta máis barato indemnizar á concesionaria o custo do rescate da autoestrada e que a AP-9 pase a súa xestión a mans públicas”, dixo.

Por último, Pazos avanzou que no vindeiro Pleno solicitaremos “transparencia ao Goberno central e que informe sobre as negociacións e os trámites que leva a cabo perante a Comisión Europea para evitar a posible sanción pola prórroga concedida á concesionaria da AP-9 no ano 2000”.

“Pedimos que o Goberno de España dea conta do seu posicionamento fronte aos requirimentos da Comisión Europea, ao tempo que atenda as solicitudes realizadas desde o Goberno galego para celebrar un encontro bilateral no que poidamos coñecer de primeira man as intencións do Goberno de Pedro Sánchez respecto da transferencia e eliminación das peaxes na AP-9, así como a situación na que se atopan as negociacións que está a levar a cabo coa Comisión Europea sobre a concesión realizada no ano 2000”, rematou.

PRESIÓN SOBRE O GOBERNO CENTRAL

Pola súa banda, o eurodeputado Adrián Vázquez centrou a súa comparecencia ante os medios na tramitación do proxecto de ALTRI, “nun momento no que Europa enteira aposta por máis autonomía, é dicir, máis competitividade económica das nosas empresas, máis emprego e máis industrias que fixen poboación e nos fagan menos dependentes de terceiros países”.

Así, asegurou que “Europa non só está chea de fábricas como a de ALTRI, senón que está pedindo máis fábricas deste tipo”. En concreto, citou outras empresas localizadas en Austria, Portugal, Finlandia ou Suecia semellantes ao proxecto que se prevé levar adiante en Palas de Rei, que operan dentro do marco europeo con total normalidade e que tamén reciben fondos europeos.

“É o momento de poñer toda a presión sobre o Goberno de Pedro Sánchez, que debe outorgar os fondos que lle corresponden a este proxecto e habilitar todas as condicións necesarias para que siga adiante”, sinalou Adrián Vázquez, quen apuntou que “de producirse o contrario quedaría constatado que son capaces de todo e máis por prexudicar á economía galega”.

O Parlamento de Galicia solicita a posta en marcha de máis recursos en apoio das persoas con trastorno do espectro autista

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita a posta en marcha máis recursos en apoio das persoas con trastorno do espectro autista (TEA) e das súas familias, co obxecto de que poidan recibir os coidados, intervencións e desenvolver o seu proxecto vital con calidade.

A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, sinalou que o TEA “acompaña ao longo de toda a súa vida á persoa, aínda que as súas manifestacións poden variar en función da etapa vital, das experiencias e da axuda coa que conte”. “Deste xeito, a intervención debe ir orientada a proporcionarlle á persoa con TEA os apoios que necesite en cada etapa para que poida desenvolver o seu proxecto de vida en base aos seus intereses e preferencias”, apuntou.

“As familias son o principal apoio da persoa autista, así como a actividade das entidades que traballan na mellora da calidade de vida das persoas con TEA”, concretou a portavoz popular, quen dixo que por este motivo “o Goberno galego pon a disposición das persoas autistas, das súas familias e asociacións unha rede de servizos e recursos en ámbitos de especial sensibilidade, como son o sanitario, o educativo e o social”.

COLABORACIÓN

Dentro do ámbito social, Raquel Arias salientou que “a Xunta incrementou nos últimos anos as prazas e recursos baixo a premisa de que resulta un obxectivo prioritario manter a colaboración entre administracións, familias e entidades sociais, co obxectivo de garantir un acompañamento ás persoas con TEA e conseguir mellorar a súa autonomía; e impulsar a concienciación na sociedade para favorecer a súa integración”.

Na actualidade, a Xunta financia 267 prazas para persoas co autismo por toda Galicia, unha cifra que se incrementará coas 20 prazas específicas que se habilitarán dentro do CAPD de Ourense e outras máis que se porán a disposición nos centros de Nigrán, Moraña ou Vilagarcía.

Raquel Arias destacou a futura posta en marcha na localidade lucense de Friol dunha residencia pioneira en España destinada a persoas con autismo, coa fin de axudalos a desenvolver vidas independentes e autónomas. Este proxecto, que suporá un investimento de 4 millóns de euros, xorde da colaboración entre a Xunta e a asociación Aspanane e porá a disposición das persoas con TEA 48 prazas en seis módulos independentes e autónomos.

O Parlamento pide ao Goberno central que actualice o Estatuto Marco do persoal de sanidade en coordinación coas comunidades autónomas

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que plantexe a actualización do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos públicos de saúde en coordinación coas comunidades autónomas. “A reforma proposta impoñería novas restricións que dificultarían a retención do talento e a estabilidade no sistema sanitario galego”, sinalou a portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo.

O Estatuto Marco é a normativa básica que regula as relacións laborais do persoal sanitario e non sanitario do Sistema Nacional de Saúde. “Na actualidade, despois de 20 anos da súa aprobación, é necesario actualizalo para adaptalo aos novos desafíos do sistema de saúde”, sinalou Encarna Amigo.

Porén, lamentou que “o Ministerio de Sanidade elaborou a proposta de novo Estatuto Marco sen consultar previamente cos axentes implicados, o que xerou un clima de malestar e incerteza no sector”. “Esta reforma debe ser froito dun proceso participativo, no que se escoiten as necesidades das comunidades autónomas, responsables da xestión sanitaria, e dos profesionais, quen serán directamente afectados polos cambios”, dixo.

PETICIÓNS DESDE GALICIA

Deste xeito, a portavoz popular concretou que “desde Galicia pedimos que a reforma do Estatuto Marco teña en conta as particularidades de cada comunidade autónoma; inclúa un estudo económico detallado que garanta a viabilidade financeira das medidas; reforce a estabilidade e retención do talento no sector sanitario; e non impoña restricións innecesarias que limiten a conciliación e o desenvolvemento profesional dos sanitarios”.

“O Estatuto Marco require unha actualización, pero a reforma impulsada polo Ministerio xerou un forte rexeitamento por falta de consenso, impacto negativo na organización sanitaria e vulneración de competencias autonómicas”, indicou a portavoz popular, quen anotou que “as medidas propostas poderían agravar o problema de falta de médicos, dificultar a xestión dos servizos autonómicos de saúde e xerar un maior gasto sen financiamento garantido”.