O Parlamento de Galicia pide ao Goberno de España que asuma o 50 por cento dos custes da dependencia e abone a débeda de 2.500 millóns de euros que ten coa Comunidade galega

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se pide ao Goberno do España que asuma o 50 por cento dos custes das prestacións de atención á dependencia, en cumprimento do establecido na Lei de dependencia, e abone os 2.500 millóns de euros de débeda acumulada que ten con Galicia polo impago dos servizos prestados aos dependentes.

A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, manifestou que “a atención aos dependentes está condicionada polas débedas do Estado nesta materia, xa que a Xunta afronta case o 70 por cento do gasto cando o financiamento debería ser a partes iguais”.

EN DETRIMENTO DOS DEPENDENTES

“Galicia sempre foi e segue sendo solidaria, pero esiximos planificación, financiamento e equidade porque estamos falando de persoas que necesitan atencións”, indicou.

Ademais, Raquel Arias criticou que “menten cando afirman que o Goberno central paga unha maior porcentaxe cada ano, cando o certo é que en 2023 a súa aportación foi do 40 por cento e o pasado 2024 pasou ao 34,9 por cento”. “Esta situación vai en detrimento do conxunto dos galegos, porque ese gasto hai que detraelo doutras partidas, pero sobre todo vai en detrimento dos dependentes, que poderían ter moitas máis prazas en residencias, centros de día ou servizo de axuda no fogar”, apuntou.

Porén, a portavoz popular afirmou que “a situación pode empeorar porque o Goberno de Pedro Sánchez aprobou, na véspera das eleccións xerais, un Real-Decreto que supuxo máis horas de axuda no fogar en todos os graos e maiores prestacións económicas, sen falar coas comunidades autónomas nin os concellos e, o que é peor, sen que o Estado aporte o financiamento necesario”. “Unha situación que se repite na reforma da Lei de dependencia que está a tramitar para dar máis prestacións económicas e servizos para os dependentes, pero que se fará, unha vez máis, sen financiamento estatal”, engadiu.

O Parlamento de Galicia reitera a solicitude ao Congreso para que desbloquee a tramitación da proposición de lei de transferencia da AP-9

O Parlamento de Galicia acordou hoxe, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular aprobada por unanimidade, dirixirse ao Congreso dos Deputados, en particular á Mesa e a súa Presidenta, co fin de que desbloquee a tramitación da proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto, acordando, de xeito inmediato, a finalización do prazo para a presentación de emendas para permitir que este texto lexislativo avance cara ao debate de aprobación definitiva. Así mesmo, demándase ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para que avalíe a oportunidade do rescate da autoestrada AP-9, xa que logo sería máis económico que o mantemento das bonificacións das peaxes ata o fin da concesión.

O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, lembrou que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o pasado 19 de decembro de 2023 a proposición de lei para que o Goberno de España transfira a Galicia a titularidade e competencias sobre a AP-9.

NOVA TOMADURA DE PELO AOS GALEGOS

“O que constituía unha boa nova estase a converter nunha nova tomadura de pelo como consecuencia do bloqueo que está a impoñer o Goberno de Pedro Sánchez a esta transferencia”, criticou o portavoz popular, quen puxo de manifesto ás 39 prórrogas ou ampliacións de prazos de emendas que xa leva esta proposición de lei na súa tramitación no Congreso.

Roberto Rodríguez reclamou ao Goberno central que “aborde as cuestións relativas á AP-9 con maior transparencia, porque a situación actual desta estrada, con incrementos continuos nas peaxes ata convertela na mais cara de España, supón un agravio que está a prexudicar a economía das familias e a competitividade de sectores estratéxicos como o transporte e a construción”.

Para rematar, o portavoz popular demandou “un estudo serio e transparente do que custaría transferir e rescatar a AP-9” e asegurou que “os galegos esperan responsabilidade do Goberno central e que adopte as medidas necesarias para conseguir unha AP-9 100 por cento galega e gratuíta, tal e como prometeron aos galegos”.

O Parlamento de Galicia pide á Xunta que realice unha campaña de medición da calidade de aire na contorna da factoría de Tableros Hispanos en Lugo

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable de BNG nin de PSdeG, a través da que se solicita á Xunta que realice unha campaña de medición indicativa da calidade do aire na contorna da factoría de Tableros Hispanos, emprazada no termo municipal de Lugo, para avaliar se é necesaria a instalación dunha nova estación permanente de medición da calidade do aire. Así mesmo, pídese a esta empresa que realice un plan de diminución de emisións que inclúa medidas para reducir ao máximo posible a contaminación no proceso produtivo e favorecer a convivencia da veciñanza con esta actividade nun contorno saudable e libre de molestias.

A viceportavoz popular Cristina Sanz lembrou que “Tableros Hispanos posúe autorización ambiental integrada desde o ano 2016 e, nas sucesivas revisións, foi incorporando os mecanismos de control e melloras técnicas dispoñibles para intentar reducir ao máximo as emisións á atmosfera que teñen lugar como consecuencia do desenvolvemento do proceso produtivo”.

RESPOSTA MÁIS EFECTIVA

“Porén, e a pesar de que Tableros Hispanos cumpre a día de hoxe cos condicionantes da Autorización Ambiental Integrada e conta cunha estación medidora da calidade do aire, en determinadas ocasións a calidade do aire é obxecto de preocupación entre a veciñanza da contorna, que describen molestias nos días de maiores emisións con cheiros, ruídos e problemas respiratorios”, sinalou Cristina Sanz.

Diante desta situación, a viceportavoz popular considerou necesario “dar unha resposta máis efectiva aos veciños e veciñas”, para o que se propón avaliar a necesidade de incorporar medidas adicionais, pensando en garantir a calidade de vida da veciñanza e en mellorar a convivencia con esta actividade.

Cristina Sanz concretou que, en primeiro lugar, “pedimos que a Xunta realice unha campaña de medición da calidade do aire na contorna da factoría de Tableros Hispanos, empregando para iso a unidade móbil da Administración autonómica”. “En función dos resultados acadados nesa medición, avaliarase se é necesaria a instalación dunha segunda estación permanente de medición da calidade do aire, a maiores da existente e tal e como están a reclamar os veciños”, apuntou.

ESFORZO Á EMPRESA

“Paralelamente, tamén pedimos un esforzo á empresa, á que lle instamos a que realice un plan de diminución de emisións que inclúa medidas para reducir ao máximo a posible contaminación no proceso produtivo e favorecer a convivencia da veciñanza coa actividade, que leva desenvolvéndose desde hai décadas nesa planta lucense”, sinalou.

A viceportavoz popular indicou que “estamos poñendo deberes tanto á empresa como á Xunta, que ata o momento amósase como a única administración que está traballando e realizando os controis necesarios para o cumprimento da normativa vixente”. Así, lamentou que o Concello de Lugo “está actuando como un mero espectador ante as queixas veciñais” e lembrou a moción debatida no Pleno municipal do pasado mes de maio no que o BNG rexeitou a emenda de adición do Grupo Popular para que o Concello de Lugo exercera as súas competencias respecto da instalación desta planta, como é o caso do control de ruídos.

O Parlamento galego solicita ao Goberno central a creación de novas prazas para xuíces, especialmente de violencia sobre a muller

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o voto favorable de BNG e PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que atenda as necesidades existentes na Comunidade galega, que foron consensuadas na Comisión Mixta de Xustiza, e proceda á creación de novas prazas de xuíces, entre elas de maneira urxente de violencia sobre a muller, á vista do incremento das competencias conforme ao disposto na Lei Orgánica 1/25 neste tipo de xulgados.

A viceportavoz popular, Paula Prado, lamentou que “a poucos días de rematar o primeiro trimestre de 2025 aínda descoñecemos cal é a programación do Ministerio de Xustiza para a posta en marcha de novas unidades xudiciais en Galicia para este ano”. Esta situación deriva en que “Galicia non poderá contar en 2025 con novas unidades xudiciais única e exclusivamente pola neglixencia dun Goberno central que aínda non publicou o decreto cos novos xulgados asignados”.

“Estamos diante dunha nova mostra da inacción por parte do Goberno central, que contrasta co cumprimento do Goberno galego, que cada 31 de decembro cumpriu coa entrada en funcionamento das novas unidades xudiciais, pero que o ano pasado non foi posible facelo debido ao retraso da publicación do Real-Decreto cos tribunais concedidos”, indicou Paula Prado.

DEMANDAS REALIZADAS

Na súa intervención, explicou que a Comisión Mixta de Xustiza, entre a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, “volveu insistir ao Goberno central no mes de maio do pasado ano na súa prioridade para a posta en marcha dun xulgado de violencia sobre a muller no partido xudicial de Santiago, que se sume aos operativos en A Coruña e Vigo”. Ademais, entre as demandas realizadas figuraban un xulgado de 1ª instancia para Ourense e sendos xulgados de 1ª instancia e instrución en Viveiro e Vilagarcía, así como maxistrados para a sección 4ª, civil, da Audiencia Provincial de A Coruña; para a sección 2ª, penal, da Audiencia Provincial de A Coruña; e para a sala do social do TSXG.

“E non será por falta de cartos, porque a Xunta acepta e financia todas as unidades xudiciais que outorga o Consello Xeral do Poder Xudicial, ata o punto de que o Goberno galego xa incluíu nos orzamentos deste ano unha partida de 850.000 euros en gastos de persoal da Administración de Xustiza”, apuntou Paula Prado.

A viceportavoz popular concluíu que “estamos a falar simplemente dun problema de falta de vontade por parte do Goberno central, ante o que o PSdeG prefire gardar silencio e consentir estes agravios a Galicia e a complicidade do BNG, que fixo presidente a Pedro Sánchez a cambio destes xulgados e que non se cansa de exercer de tonto útil do sanchismo”.

O Parlamento de Galicia pide ao Ministerio de Xustiza financiamento para rematar a dixitalización de todos os rexistros civís

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes que, como titular dos libros dos rexistros civís, financie os traballos de dixitalización aínda pendentes.

A deputada popular Katy Varela lembrou que “nos últimos anos, e especialmente coa chegada da pandemia provocada pola Covid-19, o proceso de dixitalización da Administración viuse acelerada co fin de cubrir as necesidades da cidadanía mantendo os estándares de seguridade sanitaria”. “A Administración de Xustiza non podía ser menos e iniciou un proceso de modernización sen precedentes para adaptarse á nova realidade, que pasa por renovar o sistema xudicial de Galicia a través da novas tecnoloxías e fomentar a utilización dos medios electrónicos para a realización dos procedementos xudiciais”, apuntou.

O Rexistro Civil, como servizo encadrado na Administración de Xustiza, tamén foi obxecto desta dixitalización. O proceso levado a cabo pola Xunta nos últimos anos “permitiu rematar coa dixitalización dos 78 rexistros civís dos Xulgados de Paz servidos por persoal de Xustiza e, por primeira vez, iniciar a dixitalización dos rexistros atendidos por persoal designado polo concello respectivo”, indicou a deputada popular.

TRABALLO AVANZADO

Katy Varela asegurou que “a Xunta ten a intención de continuar coa dixitalización dos rexistros civís dos Xulgados de Paz aínda pendentes, e así o ten comunicado en reiteradas ocasións ao Ministerio de Xustiza, de quen dependen estes rexistros civís”. Deste xeito, e para poder continuar coa dixitalización aínda pendente, afirmou que “a Xunta xa ten feito o inventario de case a totalidade dos rexistros civís pendentes, identificando en cada un deles o número de tomos de cada sección, páxinas e folios dos mesmos, número de inscricións por anos e demais datos necesarios para tal finalidade”.

“Esta dixitalización é necesaria para achegar o rexistro civil aos cidadáns e facilitar o seu acceso ao mesmo a través de medios electrónicos, así como para posibilitar a tramitación dos procedementos e optimizar o traballo do persoal que presta o seu servizo nestes rexistros”, indicou a deputada popular.

Katy Varela demandou que o Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes “aporte o financiamento necesario para a dixitalización destes rexistros civís de Xulgados de Paz aínda pendentes, co obxectivo de acadar a súa dixitalización total e prestar o servizo que se merecen os residentes nestes concellos aínda sen este servizo”.

O Parlamento demanda continuar as actuacións preventivas contra os incendios forestais nas comunidades de montes de Caldas-O Salnés

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda continuar realizando actuacións preventivas contra os incendios forestais nas comunidades de montes en man común do Distrito Forestal XIX Caldas- O Salnés, seguindo criterios compatibles co plan de Prevención establecido pola Consellería do Medio Rural.

O deputado popular Ángel Rodríguez lembrou que “a planificación preventiva contra os incendios forestais en Galicia debe caracterizarse polo seu dinamismo, polo que é deseñada anualmente atendendo aos índices de risco obtidos a partir de datos meteorolóxicos, a factores sociolóxicos e aos usos do territorio e a composición da vexetación”.

ACTUACIÓN INTEGRAL

“En definitiva, co fin de lograr uns resultados óptimos é precisa unha actuación integral sobre o territorio, afectando a zonas moi diversas en canto á súa estrutura, vexetación, propiedade e tipo de solo”, indicou.

Ademais, Ángel Rodríguez considerou “evidente a importancia dos montes veciñais en man común, que anualmente entra a formar parte da planificación preventiva”. Deste xeito, e despois das xuntanzas mantidas con distintas comunidades de montes en man común pertencentes ao distrito XIX, como a de Couselo, Soutelo, A Igrexa, Toxeira ou Monte Sandeu, “consideramos necesario continuar caos medidas activas de prevención contra os incendios forestais, a planificación preventiva dos lumes e o reforzo da estrutura de prevención, a través da xestión da biomasa en zonas estratéxicas e a creación e mellora das infraestruturas preventivas”.

O Parlamento galego pide seguir implementando o Programa de Titorización para novos labregos, garantindo unha transición xeracional sólida

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o voto favorable de BNG nin de PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita seguir implementando o Programa de Titorización para novos labregos e labregas, garantindo unha transición xeracional sólida e asegurando o futuro do noso rural.

A portavoz popular de Xuventude, Nicole Grueira, explicou que este Programa de Titorización “baséase nun acompañamento real e efectivo, a través dunha rede de técnicos agrarios das oficinas rurais, que exercen como titores e guían aos novos agricultores e agricultoras durante os seus primeiros anos de actividade”.

DURANTE TRES ANOS

O programa naceu cos obxectivos de facilitar o relevo xeracional, asegurando que o campo galego teña continuidade; frear a desaparición de explotacións familiares; ofrecer apoio técnico e asesoramento a quen se incorpora para que o proceso sexa máis doado e con máis garantías de éxito; e impulsar a formación e capacitación, asegurando que as novas explotacións teñan viabilidade e competitividade.

Desde a súa posta en marcha en 2024, o Programa de Titorización acompañou a máis de 570 persoas, “que teñen garantido un seguimento durante os próximos tres anos, o que lles permitirá desenvolver os seus proxectos con maior seguridade e estabilidade”.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que fixe como recomendable o consumo mínimo de tres racións de peixe por semana nos menús escolares

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que no Real-Decreto para o fomento dunha alimentación saudable e sostible en centros educativos fixe como recomendable un consumo mínimo tres racións de peixe por semana; elimine o punto no que se insta a evitar o consumo de produtos do mar polo seu alto contido de mercurio; corrixa o texto no xeito de que se segue a incluír o peixe “dentro da proteína animal”, sen diferencialo da carne, cando é nutricionalmente máis completo e saudable; e elimine as referencias ás tendencias dietéticas, como o vexetarianismo, para desenvolver as recomendacións, algo que pode sentar un precedente e facer que a norma perda o seu carácter neutral.

O deputado popular Raúl Santamaría salientou que “Galicia é unha terra ligada ao mar, cun sector pesqueiro que xera emprego para milleiros de familias e que proporciona produtos de altísima calidade, recoñecidos tanto a nivel nacional como internacional”. Porén, lamentou que “o Goberno central ignora esta realidade e avanza cun proxecto de Real-Decreto que podería poñer en risco a industria pesqueira galega e, o que é máis grave, a saúde dos máis novos”.

CONTRADÍ AS RECOMENDACIÓN DA AESAN E DA OMS

En concreto, Raúl Santamaría afirmou que “a proposta do Goberno de Pedro Sánchez contradí as recomendacións tanto da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición como da propia Organización Mundial da Saúde, limitando o consumo de peixe nos menús escolares a entre una e tres racións semanais”.

“Non podemos permitir que o goberno central siga ignorando ao sector pesqueiro e, ao mesmo tempo, tome medidas que prexudiquen a súa actividade”, indicou o deputado popular, quen apuntou que “a limitación do peixe nos menús escolares non só é contraproducente desde o punto de vista da saúde pública, senón que tamén prexudica á promoción e ao consumo de produtos do mar, que levan sufrindo unha caída sostida”.

Segundo os datos da Confederación Española de Pesca, o consumo de peixe en España caeu un 30 por cento nos últimos dez anos e en 2023 as familias españolas reduciron as súas compras de produtos pesqueiros un 2,2 por cento, alcanzando o nivel máis baixo en volume desde que existen rexistros.

Raúl Santamaría salientou que “en Galicia levamos máis dunha década traballando no fomento do consumo de produtos do mar, con campañas de promoción e programas educativos, divulgativos e promocionais para concienciar aos consumidores sobre a importancia de incluír o peixe na súa dieta”.

O Parlamento galego pide ao Goberno central activar un segundo rexistro da frota pesqueira española que opera fora do caladoiro nacional

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno Central que estableza as medidas necesarias para que se poida activar un mecanismo de segundo rexistro na frota pesqueira de bandeira española que opera fora das augas do caladoiro nacional, co obxectivo de frear a perda de unidades, reter tripulantes e mellorar a súa competitividade a través dunha fiscalidade máis beneficiosa, afianzando as expectativas de futuro do sector pesqueiro español e a soberanía alimentaria que representa.

O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, lembrou que o Goberno de España publicaba en decembro de 2013 a orde pola que se creaba o rexistro especial de empresas de buques de pesca españois (Resae), unha norma que non tivo o seu desenvolvemento ata o 2015. Neste rexistro poden darse de alta aquelas embarcacións que enarboren pavillón español, estean anotadas no rexistro da frota pesqueira comunitaria, faenen en augas extracomunitarias e capturen exclusivamente túnidos ou especies afíns.

PAQUETE COMPLETO PENDENTE

Porén, Fidalgo lamentou que “neste rexistro só teñen cabida atuneiros e palangreiros de superficie, deixando fóra boa parte da frota de altura e gran altura e á de litoral”. Ademais, aprobouse a modificación do imposto sobre a renda, “pero o paquete completo, que pasaría por descontos no imposto de sociedades, nos pagos á Seguridade Social e no IRPF para a tripulación, quedou pendente a expensas de que a Unión Europea dese o visto e prace a eses incentivos, dado que podían entenderse como axudas estatais”.

“A creación dun rexistro especial para a frota de altura suporía un revulsivo para a frota galega e para a do resto de España que sofre as mesmas penurias, en especial a do sector do palangre de superficie”, indicou o portavoz popular. En concreto, apuntou que este novo rexistro permitiría reter tripulantes e atraer novos traballadores, gracias a melloras nas condicións fiscais e sociais; aumentar a competitividade da frota pesqueira galega nos mercados internacionais; e frear a perda de embarcacións, afianzando a soberanía alimentaria de España e garantindo a subministración de peixe para a poboación.

O Grupo Popular centrará as súas demandas no Pleno da vindeira semana na transferencia e a gratuidade das peaxes na AP-9

O Grupo Popular centrará as súas demandas no Pleno do Parlamento de Galicia da vindeira semana na transferencia e a gratuidade das peaxes da AP-9, unha sesión na que se procederá á aprobación da nova lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial. Así mesmo, o Pleno inclúe a comparecencia dos conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, para dar conta das liñas xerais do seu departamento, e de Economía e Industria, para informar sobre a situación dos proxectos industriais estratéxicos de Galicia.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, explicou que, coa nova Lei de para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, Galicia se converte na primeira rexión europea en regular por lei o deseño, adquisición e uso da intelixencia artificial, primeiro na administración e, máis tarde, en toda a sociedade galega.

O obxectivo desta norma, que chega ao seu debate de aprobación definitivo sen votos en contra por parte da oposición, é garantir un desenvolvemento e utilización da intelixencia artificial ética, segura, fiable e centrada nas persoas. “Galicia pode e debe asumir o papel de liderado que lle corresponde na conformación dunha rexión intelixente a través da ordenación e xestión dunha das tecnoloxías que está chamada a marcar o futuro da humanidade”, indicou Alberto Pazos.

PROXECTOS ESTRATÉXICOS

A sesión plenaria inclúe as comparecencias do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes comparecerá, por petición propia, para informar sobre as liñas xerais do seu departamento; e da conselleira de Economía e Industria, tamén por petición propia, para dar conta da situación dos proxectos industriais estratéxicos en Galicia, “nunhas datas nas que o protagonismo o está acaparando a aprobación da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de ALTRI en Palas de Rei, pero que na que quedará de manifesto que a estratexia industrial do Goberno galego expándese por outros ámbitos, como a automoción, o sector eólico, o naval, os parques empresariais ou a industria forestal”, explicou o portavoz popular.

O Grupo Popular vai centrar a súa atención neste Pleno “na indignante situación na que se atopa a transferencia e a gratuidade da autoestrada AP-9, logo das afirmacións realizadas no Congreso pola secretaria xeral de Transporte Terrestre do Ministerio de Fomento, asegurando que o rescate da concesión da AP-9 ‘non é viable polo altísimo volume de gastos que conlevaría, inasubmibles agora mesmo polo Estado’”.

CLARIDADE SOBRE A AP-9

“Xa está ben de que os socialistas, tanto desde o Goberno de España como dos seus secuaces en Galicia, estean a tomar o pelo a todos os galegos cos seus constantes atrancos á transferencia e promesas incumpridas sobre esta autovía, porque só hai que lembrar que levamos 38 aprazamentos por parte da Mesa do Congreso á tramitación da proposición de lei remitida por este Parlamento solicitando á transferencia da AP-9”, sinalou Alberto Pazos, quen lembrou “a promesa, lanzada a bombo e prato durante a campaña electoral galega polo candidato socialista, dunha AP-9 libre de peaxes, cuestión que se atreveu a reiterar hai pouco máis dunha semana no Congreso que o reelixiu como secretario xeral dos socialistas galegos, diante do mesmo Pedro Sánchez, que deu a calada por resposta”.

Diante desta situación, Alberto Pazos afirmou que “queremos que os grupos políticos deste Parlamento volvan poñer de manifesto a súa postura sobre a AP-9, e para iso imos someter a votación a solicitude ao Goberno de Pedro Sánchez para que culmine o proceso de transferencia da titularidade e competencias sobre esta autoestrada; a demanda da gratuidade inmediata das peaxes, tanto na AP-9 como na AP-53; e a petición para que o Goberno de España informe sobre as actuacións que está a levar a cabo diante dos requirimentos formulados pola Comisión Europea respecto das prórrogas do contrato de concesión da AP-9, atendendo a demanda da Xunta para celebrar unha xuntanza co ministro de Transportes co obxecto de abordar todas estas cuestións de xeito persoal e directo”.

Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular centrará a súa atención no ámbito da vivenda, pedindo que se informe sobre a falta de diálogo do Goberno de España coas comunidades autónomas á hora de poñer en marcha os avais á compra de vivenda, que se terán que xestionar, precisamente, polas propias comunidades autónomas; e cuestionando sobre as medidas que está a poñer en marcha a Xunta para axudar á mocidade no seu acceso á vivenda, como o recentemente aprobado Bono Alugueiro.

Por último, a terceira das preguntas do Grupo Popular ten como obxectivo coñecer o balance da implantación pola Xunta dos Plans Locais de Saúde, logo de que recentemente se asinaran 24 novos plans locais, chegando aos 92 centros de saúde en toda Galicia.