O PPdeG salienta que 320 mozos gandeiros, 133 novos agricultores e 370 explotacións beneficiáronse das axudas para a modernización do sector e a incorporación de novos profesionais

Os deputados do Grupo Popular Miguel Viso e Víctor Manuel Baladrón salientaron hoxe que 320 mozos menores de 40 anos, 133 novos agricultores e 370 explotacións galegas beneficiáronse o pasado ano das axudas da Xunta para a modernización do sector gandeiro e a incorporación de novos profesionais ao sector.

Miguel Viso e Víctor Baladrón visitaron a explotación gandeira familiar Gandainas no concello ourensán de Riós, que se beneficiou dunha axuda da Xunta para a construción dun novo almacén, infraestrutura fundamental para optimizar a xestión de recursos e garantir o almacenamento de forraxe, ademais de acceder a un plan de mellora destinado ao peche perimetral da explotación, mellorando así a seguridade e o benestar animal.

GANDERÍA SOSTIBLE E RENDIBLE

Miguel Ángel Viso resaltou que “a modernización das explotacións gandeiras é clave para manter un sector competitivo e preparado para afrontar os retos do futuro”. Deste xeito, lembrou que desde a Xunta “apostamos por un modelo de gandería sostible e rendible, facilitando aos profesionais as ferramentas necesarias para mellorar as súas instalacións e procesos produtivos”. Ademais, destacou que «estes investimentos favorecen a profesionalización e a incorporación de novos profesionais ao agro galego”.

Pola súa banda, Víctor Manuel Baladrón sinalou que “estas axudas non só melloran as condicións laborais no sector agrogandeiro, senón que tamén axudan a fixar poboación no rural, dinamizando economicamente as nosas vilas e aldeas e garantindo que o rural galego sexa un espazo de oportunidades». “Contar con instalacións modernas e ben acondicionadas é esencial para que os profesionais do sector poidan desenvolver o seu traballo con maior eficiencia e comodidade”, apuntou.

Finalmente, ambos os deputados “felicitaron aos responsables da explotación visitada polo seu esforzo e compromiso cun modelo produtivo que combina tradición e modernidade, contribuíndo a facer do rural galego un lugar atractivo para vivir e traballar”.

O PPdeG solicita ao Goberno central o arranxo urxente da estrada N-550 entre A Coruña e Santiago

As deputadas do Grupo Popular Carmen Pomar e Cecilia Vázquez anunciaron hoxe a presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galicia solicitando ao Goberno central o arranxo urxente da estrada N-550 entre A Coruña e Santiago, “un exemplo evidente dunha vía extremadamente perigosa, tanto para os condutores como para os peóns, polo pésimo estado do firme, a sinalización e a iluminación”.

Carmen Pomar e Cecilia Vázquez percorreron diversos tramos desta estrada nacional acompañadas dos alcaldes de Ordes, José Luís Martínez, e de Oroso, Álex Doval, para comprobar “as condicións deplorables nas que se atopa, cun asfalto moi deteriorado que precisa dunha intervención integral urxente, tanto para a seguridade como para a comodidade dos usuarios”.

DESPREZO DO GOBERNO CENTRAL

Así mesmo, as deputadas populares comprobaron como “a sinalización e a iluminación desta estrada, tanto horizontal como vertical, é deficiente en moitos puntos, o que incrementa a sensación de inseguridade para os condutores e incluso para os peóns que cruzan esta estrada nas numerosas poboacións polas que pasa”.

“Os galegos xa sufrimos o desprezo e o castigo do Goberno de Pedro Sánchez co aprazamento sine die da transferencia da AP-9 a Galicia e as maiores peaxes de España nesta autoestrada, pero non podemos consentir que tamén teñamos que sufrir a penitencia dunha N-550 que se atopa nunhas condicións deplorables, poñendo en serio risco aos que circulamos habitualmente por esta estrada e tamén aos veciños que viven nos seus arredores”, sinalaron.

Miguel Santalices participa nas xornadas ‘Máis España, máis Europa’ sobre democracia e parlamentarismo

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, participou nas xornadas ‘Máis España, máis Europa. A preservación dos valores democráticos no debate parlamentario’, un foro no que se abordaron os principais desafíos que afectan á democracia e ao parlamentarismo en España.

Durante a súa intervención, Santalices resaltou o compromiso dos presidentes autonómicos na defensa da dignidade da democracia e do parlamentarismo democrático, como base para fortalecer a confianza da cidadanía nas institucións. Apostou tamén por unha rexeneración política e institucional que garanta o respecto aos valores democráticos e fortaleza o debate parlamentario como instrumento esencial na vida política do país.
Estas xornadas serviron como espazo de reflexión e diálogo sobre o futuro da democracia en España e en Europa, poñendo de manifesto a necesidade de traballar en conxunto para preservar os principios fundamentais que sustentan as nosas institucións.

O PPdeG celebra o avance no obxectivo de que España rebaixe o nivel de protección do lobo e garantir así o equilibrio no medio rural

 

Un gran avance que se acadou esta semana logo de que o Senado aprobase as emendas dos populares á lei de desperdicio alimentario e nas que o partido incluíu esta reiterada reivindicación das comunidades lobeiras e do sector gandeiro.

Non obstante, lamentan desde o PPdeG, as emendas contaron co voto en contra tanto dos senadores galegos do PSOE como da representante do BNG, que “en Galicia din defender o medio rural, pero en Madrid fan todo o contrario”.

Agora, as emendas deberán ser ratificadas o próximo xoves no debate do proxecto de lei no Congreso dos Deputados e, no caso de que os partidos que as apoiaron no Senado manteñan a coherencia do seu voto na Cámara Baixa, isto suporá a saída inmediata e definitiva do lobo do Lespre.

O GOBERNO DE ESPAÑA NON ATENDEU O MANDATO DE EUROPA

Deste xeito, tal e como destaca o eurodeputado do PPdeG Adrián Vázquez, España situaríase na mesma liña que Europa no que se refire á defensa do equilibrio entre a conservación desta especie e a garantía de futuro do sector gandeiro.

Recorda neste sentido que Bruxelas “cambiou as regras de xogo” para avanzar no control cinexético do lobo “outorgando aos Estados membros liberdade para decidir como manexar as superpoboacións desta especie que tantos problemas está a causar aos nosos gandeiros”. Algo que nunca fixo o Goberno de España, que desde 2021 outorga ao lobo a categoría de especie especialmente protexida.

Trátase dun nivel de protección que, tal e como denuncia, está “frustrando o esforzo diario de quen sofre os seus ataques e ve minguados os seus gandos”, un extremo que se pode comprobar no caso de Galicia, que é unha das comunidades máis afectadas e onde o sector gandeiro leva anos pedindo solucións.

“Ninguén cuestiona que o lobo deba ser protexido, pero tampouco debería cuestionarse que é imprescindible garantir un control efectivo da súa poboación para frear os danos que está provocando”, explica incidindo en que, co novo marco europeo e cos avances lexislativos acadados polo Partido Popular, España ten agora a oportunidade de equilibrar a conservación do lobo e a supervivencia dun sector gandeiro “que xa non aguanta máis abandono”.

O Grupo Popular solicita ao Goberno de España a elaboración dun informe no que xustifique que o rescate da AP-9 non é viable

O Grupo Popular solicita ao Goberno central a elaboración dun informe que xustifique que o rescate da AP-9 non é viable, no que se recolla expresamente unha estimación do custo que suporía este rescate e o gasto que tería que afrontar o Goberno de España en bonificacións das peaxes ata o remate da concesión. “Sería todo un exercicio de transparencia que nos permitiría a todos xogar coas mesmas cartas e valorar con obxectividade a mellor opción a seguir respecto do futuro da AP-9”, sinalou o portavoz popular, Alberto Pazos.

A secretaria xeral de Transporte Terrestre do Ministerio de Fomento anunciou esta semana no Congreso que o rescate da concesión da AP-9 “non é viable polo altísimo volume de gastos que conlevaría, inasubmibles agora mesmo polo Estado”, “unha afirmación que tivo lugar dous días despois de que o reelixido secretario xeral dos socialistas galegos anunciara a bombo e prato en Santiago que ‘nós chegaremos á liberación das peaxes’”, lembrou Pazos. “Un anuncio que fixo diante do mismísimo Pedro Sánchez, quen non dixo nin mu na súa intervención a pesar de que era perfectamente consciente de que o que estaba vendendo o seu fiel soldado Besteiro era mentira e que para nada entraba nos plans do Goberno de España esa gratuidade”, engadiu.

“Descoñecemos os argumentos sobre os que se sustenta esta decisión do Goberno de España de non proceder ao rescate neste momento da concesión da AP-9, polo que desde o Grupo Popular imos solicitar a través dunha iniciativa neste Parlamento galego que o Goberno central elabore con urxencia un informe xustifique esta decisión”, indicou o portavoz popular.

BAILE CONSTANTE DE CIFRAS

Alberto Pazos sinalou que “xa estamos fartos do baile constante de cifras que se ofrecen por parte dos responsables do Ministerio para valorar o rescate, que un día cifran en 4.000 millóns e ao seguinte en 6.000 millóns, cando o que si coñecemos é que o Estado xa ten reservados 3.150 millóns de euros para o abono á empresa concesionaria polas bonificacións das peaxes ata o remate da concesión en 2048, unha cifra moi superior ao máximo de 2.331 millóns que suporía o rescate da AP-9, segundo o informe elaborado para a Xunta por unha consultora de prestixio especializada nestas cuestións”.

“Esiximos seriedade e que o Goberno central cumpra os compromisos anunciados aos galegos, liberando de peaxes a AP-9, como dixeron en plena campaña electoral, e procedendo á transferencia desta autoestrada a Galicia, como temos acordado neste Parlamento en numerosas ocasións”, demandou o portavoz popular. En concreto, dixo que “o primeiro paso sería levantar o bloqueo que a tramitación da proposición de lei aprobada por unanimidade neste Parlamento está a sufrir no Congreso pola decisión da Mesa e da súa Presidenta, que xa que leva 23 prorrogas nesta lexislatura ao prazo para a presentación de emendas a esta proposición”.

Alberto Pazos referiuse, tamén, á actividade desenvolvida esta semana no Parlamento de Galicia, protagonizada pola celebración da sesión plenaria. En concreto, subliñou que “o conselleiro de Facenda deixou ben claro as razóns polas que Galicia non pode aceptar a condonación da débeda que, para cumprir os desexos dos independentismo catalán, o Goberno de Pedro Sánchez pretende impoñer ás comunidades autónomas”.

GALICIA, A MÁIS PREXUDICADA

Así, explicou que “en primeiro lugar, rexeitamos que o Goberno central premie desta forma a comunidades autónomas que se destacaron por malgastar o diñeiro público e incumprir os compromisos de débeda e déficit impostos pola Unión Europea e o Goberno de España para os momentos de crise económica que sufrimos non hai moitos anos; pero tampouco podemos aceptar que os galegos sexan os máis prexudicados nesta condonación da débeda: 1.369 euros por galego fronte afronte a 1.892 euros de media española”.

“Un negocio ruinoso para Galicia, porque a cada galego, polo feito de ser galego, se lle reduce a débeda en 1.477 euros, pero, ao mesmo tempo, a ese mesmo galego, polo feito de ser español, a débeda se lle incrementa en case 1.700 euros, o que da como resultado que cada galego verá incrementada a súa débeda en case 220 euros”, manifestou.

Deste xeito, Alberto Pazos insistiu que “Galicia precisa realmente unha reforma do financiamento autonómico, que atenda realmente o custo da prestación dos servizos e recolla, expresamente, o agravante que supón o envellecemento da nosa poboación e a súa dispersión pola xeografía galega”.

A curto prazo, o portavoz popular reclamou que o Goberno de España “actualice as entregas a conta ás comunidades autónomas, porque este retraso xa supón a retención de case 1.600 millóns de euros a Galicia e 1,5 millóns de euros en xuros adicionais cada mes”.

Pazos considerou “lamentable o apoio incondicional tanto dos socialistas galegos como do BNG a este propósito de impoñer unha condonación da débeda ás comunidades autónomas, que miran máis polos seus intereses partidistas que polos de todos os galegos”.

A TEMPO DE RECTIFICAR

Para rematar, Alberto Pazos amosou “a decepción do Grupo Popular pola covardía amosada polo BNG e, principalmente, pola súa voceira, a señora Pontón, á hora de condenar a noxenta campaña machista levada a cabo pola CIG contra a conselleira de Política Social, un comportamento vergoñento que os levou a negarse a votar unha iniciativa no Pleno e de amosar a máis mínima mostra de apoio á conselleira de Medio Ambiente, polo ataque que sufriu a pasada fin de semana por detractores de Altri, entre os que figuraban representantes e simpatizantes do BNG da comarca de Melide”.

“Aínda están a tempo todas as deputadas do BNG de rectificar, algo que a bo seguro agradecerán as que realmente traballan pola igualdade real de homes e mulleres, e loitan contra este tipo de estereotipos machistas utilizados contra as mulleres”, rematou.

Aprobado o ditame do proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, paso previo á aprobación definitiva desta norma en sesión plenaria

A Comisión 1ª do Parlamento de Galicia aprobou esta mañá, sen votos en contra, o ditame do proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, co que este texto lexislativo queda pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria.

O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, salientou que “estamos a falar dunha norma pioneira, coa que Galicia abriu o camiño para que outras comunidades autónomas estean tomando exemplo e tramitando leis semellantes”.

En concreto, García Comesaña fixou tres obxectivos desta nova lei: mellorar a eficacia da Administración autonómica, dispoñer dunha intelixencia artificial segura que salvagarda os dereitos da cidadanía e consolidar a Galicia como unha rexión de referencia en Europa.

LEI GARANTISTA

“Preténdese impulsar e asegurar os beneficios que a intelixencia artificial vai ter tanto para o tecido produtivo como para a cidadanía, mellorando os servizos que presta aos cidadáns a Administración galega ao mesmo tempo que se respectan os dereitos de todos os galegos”, indicou.

Así mesmo, Julio García Comesaña afirmou que “estamos diante dunha lei garantista, coa que se asegura a supervisión humana daqueles procedementos que así o precisen e coa que todos os sistemas de intelixencia artificial formarán parte dun rexistro para o seu coñecemento por parte da cidadanía”.

O Grupo Popular critica que BNG e PSdeG pidan hoxe suspender as axudas do Fondo de Transición Xusta cando hai 15 días pedían axilizar a súa concesión

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, criticou hoxe “a incongruencia de BNG e PSdeG ao demandar hoxe no Pleno suspender a convocatoria das axudas do Fondo de Transición Xusta cando na sesión plenaria de hai 15 días pedían que se axilizase a concesión destas mesmas axudas”.

Rubén Lorenzo lamentou que “Galicia sofre as consecuencias de decisións precipitadas do Goberno de Pedro Sánchez no marco dunha transición inxusta que agora emendan”. En concreto, lembrou que España recibirá a través do Fondo de Transición Xusta 868 millóns de euros que recalará nos territorios de seis comunidades autónomas españolas, entre elas Galicia, afectados polo peche de minas de carbón e centrais térmicas de carbón.

CRITERIOS MARCADOS POR MADRID E EUROPA

“O programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027, deseñado polo Goberno de España e aprobado pola Comisión Europea, chega tarde, porque este retraso impediu que as axudas xa se puidesen activar ao longo do ano 2022; e chega mal, porque beneficia unicamente a concellos da provincia de A Coruña e exclúe os tres concellos da provincia de Lugo afectados polo peche de minas e centrais térmicas do carbón”, explicou o portavoz popular.

Deste xeito, apuntou que “as axudas artelladas pola Xunta, a través dos convenios de transición xusta, non poden facer outra cousa que non fose seguir os criterios marcados polo Goberno central e Europa, o que non supón que estes concellos se vexan favorecidos por outras axudas, a través do Inega ou do Igape, para paliar os efectos do peche das centrais térmicas”.

O Parlamento galego reproba a campaña sexista levada a cabo polo sindicato CIG contra a conselleira de Política Social

O Pleno do Parlamento de Galicia acordou hoxe, a través dunha proposición non lei do Grupo Popular, coa abstención do PSdeG e a ausencia de voto do BNG, reprobar a campaña sexista levada a cabo polo sindicato CIG contra a conselleira de Política Social, que claramente desvaloriza o traballo dun cargo político; así como calquera manifestación que vulnere o principio de igualdade. Ademais, exprésase a vontade de que o Bloque Nacionalista Galego, a través da súa voceira, a señora Ana Pontón, rexeite o contido sexista destes carteis.

A portavoz popular de Igualdade, Raquel Arias, considerou “imprescindible a reflexión conxunta e a condena dun dos ataques machistas e sexistas máis graves dos últimos tempos sobre unha muller con responsabilidades públicas, que xa foi reprobado por todos os sectores da sociedade galega agás o BNG e a súa lideresa, Ana Pontón”.

COVARDÍA QUE NORMALIZA TRATO VEXATORIO

“Ao non condenar esta viñeta, Ana Pontón demostra o covarde que é e normaliza o trato vexatorio cara unha muller que exerce responsabilidades públicas”, indicou Raquel Arias, quen apuntou que “tampouco se loita a prol do feminismo cando unha muller se queda sen argumentos no debate político e usa a súa condición de muller para no ser atacada, algo que usa a señora Pontón unha e outra vez neste Parlamento”.

Así mesmo, manifestou que a viñeta da CIG e a negativa do BNG a condenar expresamente a viñeta “vai en detrimento dos principios de igualdade e equidade, ademais de representar un descrédito profesional ao desvalorizar o traballo dunha persoa simplemente polo seu xénero”. “Desde o Grupo Popular consideramos que este tipo de actos non axudan en absoluto ao recoñecemento do valor da experiencia profesional das mulleres e ao traballo que se desenvolve pola igualdade das mulleres e dos homes”, dixo.

Coa decisión do BNG de negarse a votar esta iniciativa parlamentaria, Raquel Arias subliñou que “o nacionalismo galego, con Ana Pontón á fronte, queda absolutamente deslexitimado para falar de igualdade e feminismo, porque cada vez que teñen que elixir entre nacionalismo e igualdade, elixen nacionalismo; e cada vez que teñen que elixir entre a CIG e o feminismo, elixen a CIG”.

“Unha Ana Pontón que se presenta como unha feminista absolutamente combativa pero que, cando a vítima do machismo é unha muller que non pensa como ela, mira para outro lado, lanzando a mensaxe letal de que algunhas mulleres merecen menos protección que outras”, criticou a portavoz popular.

Para rematar, Raquel Arias considerou necesario “deixar moi claro que a igualdade e o feminismo é un principio ético universal, e que este Parlamento non tolera nin tolerará o uso político interesado da igualdade nin o silencio ante agresións políticas e persoais a ningunha muller, sexa cal sexa o seu partido político”.

O Grupo Popular avoga porque talento e esforzo sexa o único que determine o futuro laboral das mulleres galegas

A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, destacou no Pleno do Parlamento galego o “firme compromiso do Goberno galego para seguir impulsando medidas que rompan barreiras en materia de igualdade laboral e garantan que o talento e o esforzo sexa o único que determine o futuro laboral das mulleres galegas”. En concreto, salientou que nunca houbo tantas mulleres traballando en Galicia, o paro feminino é dous puntos máis baixo que a media estatal e a fenda salarial está na menor cifra da serie histórica.

Noelia Pérez referiuse ás medidas adoptadas polo Goberno galego para combater a desigualdade laboral e fomentar a incorporación das mulleres en sectores masculinizados, así como os máis de 72 millóns de euros que este ano se destinarán ao apoio a autónomas e emprendedoras.

MEDIDAS DO GOBERNO CENTRAL

Neste sentido, demandou ao Goberno central que “adopte as medidas que lle estamos pedindo desde Galicia para abordar de verdade as desigualdades laborais e sociais que aínda persisten”. En concreto, solicitou que “o Goberno de Pedro Sánchez flexibilice os fondos finalistas de emprego para que a Xunta poida adaptalos á realidade e ás necesidades das mulleres de Galicia ou que transfira a Galicia a recadación do IRPF das cotizacións das traballadoras autónomas en concepto de formación profesional”.

“Non podemos aceptar que queiran vir a darnos leccións sobre igualdade laboral os mesmos que teñen afogados ás pequenas e medianas empresas e autónomos e autónomas, porque desde que o Partido Socialista chegou a Madrid, co apoio gratuíto do BNG, os custos laborais disparáronse un 40 por cento, acadando os 54.000 millóns de euros”, manifestou a portavoz popular. Así, apuntou que “esta situación supón máis custes sociais, que se traducen en menos empregabilidade para as mulleres e unha rebaixa dos salarios”.

Por outra banda, Noelia Pérez criticou o “feminismo intermitente” do BNG, “para o que existen mulleres de primeira e de segunda, pedindo respecto para unhas e non para as outras”. “Iso non é feminismo, é sectarismo, e están a xerar división baixo o paraugas de igualdade”, incidiu.

“A inmensa maioría das mulleres de Galicia estamos fartas de que o BNG nos use para o seu discurso mentres temos que soportar os seus machismos, os seus desprezos e o seu paternalismo”, afirmou a portavoz popular.

O Parlamento de Galicia reitera ao Goberno central a solicitude para que declare o Xacobeo 2027 como evento de excepcional interese para que as empresas poidan acceder a beneficios fiscais

O Pleno do Parlamento de Galicia reiterou hoxe ao Goberno de España, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular que foi aprobada por unanimidade, a solicitude para que declare o Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese ao abeiro do previsto Lei 49/2002 de réxime fiscal de entidades sen ánimo de lucro, e de incentivos ao mecenado, e con efectos xa desde o presente ano 2025.

O portavoz popular de Turismo, Borja Verea, lamentou que, “a pesar de que existe un consenso total en que o Xacobeo 2027 sexa declarado evento de excepcional interese público, aínda non o é a día de hoxe”. Neste sentido, apuntou que “a causa principal é a falta de orzamentos estatais”, ante o que demandou “vontade política para poñer en marcha esta declaración a través doutra lei ou incluso dunha lei independente aos orzamentos”. “O que fai falta é vontade política por parte do Partido Socialista e do Goberno de Pedro Sánchez”, dixo.

Borja Verea explicou que esta declaración “permite poñer en marcha os incentivos fiscais de apoio ao Xacobeo 2027 e, polo tanto, abre a porta á colaboración público-privada”, que no anterior Xacobeo 2021-22 permitiu poñer a disposición de todos os galegos 28 millóns de euros procedentes de 40 empresas colaboradoras.

TEMPO DO URXENTÍSIMO

“Estamos no tempo do urxentísimo para que se declare o Xacobeo 2027 como evento de excepcional interese público, porque de non facelo terá consecuencias negativas para Galicia e para os galegos”, sinalou o deputado popular, quen anotou que, “se a insistente unanimidade do Parlamento de Galicia non é suficiente para activar ao Goberno de España, só quedaría a triste conclusión de que estamos ante un boicot doloso co único obxectivo de facer dano a Galicia por intereses partidistas”.

Para rematar, Verea manifestou que o próximo Ano Santo Xacobeo 2027 “representa unha oportunidade única para reforzar o posicionamento internacional de Galicia como destino cultural de referencia a nivel mundial, e isto terá un impacto directo sobre os sectores estratéxicos da economía galega e, tamén, sobre iniciativas de sostibilidade e preservación do patrimonio, porque o Camiño de Santiago e o Ano Santo son os produtos culturais máis sostibles, máis socializadores e máis ecolóxicos que existen, e que temos a sorte histórica que sexan 100 por cento galegos”.