O Grupo Popular salienta que Galicia conta no seu sistema educativo con 5.000 profesionais dedicados á atención á diversidade

O deputado popular Raúl Santamaría criticou hoxe “a pouca iniciativa” do PSdeG ao volver a traer hoxe ao Pleno unha iniciativa sobre a dotación actual de profesorado de pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe e coidadores nos centros educativos públicos galegos, “cando hai pouco máis de dous meses xa se explicou que Galicia conta con 5.000 profesionais dedicados á atención á diversidade e na próxima convocatoria de oposicións de Educación a atención á diversidade ocupa a segunda categoría con máis prazas ofertadas”.

Raúl Santamaría lembrou que as rateos de profesores nos centros de ensino galegos están reguladas e controladas por lei, pero, “a pesar diso, Galicia reduciu este rateo de xeito voluntario ata os 20 alumnos”. Ademais, subliñou que “temos os mellores rateos alumno/profesor de España e o número de prazas ofertado é moi superior á demanda existente”.

A COMUNIDADE MÁIS INCLUSIVA

“Non é casualidade que Galicia sexa a comunidade máis inclusiva de España, co 93,3 por cento do alumnado con necesidades educativas especiais matriculado en centros ordinarios, oito puntos máis que a media española”, sinalou. Así mesmo, destacou que Galicia ten unha das mellores rateos de alumnos por profesor nos centros de educación especial: 3,3 fronte ao 5,2 estatal.

O deputado popular destacou que “temos cerca de 700 profesionais de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, por enriba do que marca o catálogo”, aínda que explicou que “a atención á diversidade non é cousa dos PT ou AL, senón que é cousa de todo o profesorado: hoxe Galicia ten máis docentes ca nunca, a pesar de ter 20.000 alumnos menos”.

 

 

 

O Grupo Popular asegura que a agricultura e gandería rexenerativa “carece de base legal imprescindible para unha política pública seria”

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Ángel Viso, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a proposta socialista de promover a agricultura e gandería rexenerativa “carece de base legal imprescindible para unha política pública seria”. “Presentan como novidade un modelo que carece de marco legal, de certificación pública obrigatoria e de regras comúns, permitindo que calquera use o termo sen asumir as mesmas esixencias”, indicou.

Miguel Ángel Viso explicou que a denominada agricultura rexenerativa “responde a un enfoque centrado na restauración da saúde do solo, no incremento da biodiversidade e na captura de carbono, principios que tamén están no corazón da agricultura ecolóxica, pola que a Xunta leva anos facendo unha aposta decidida”.

PRÁCTICAS QUE XA SE APLICAN

Neste sentido, asegurou que “Galicia aposta pola produción ecolóxica impulsando axudas á conversión e ao mantemento das explotacións ecolóxicas, apoiando a incorporación de novos produtores, financiando a certificación, e promovendo a calidade diferenciada e a transferencia de coñecemento”, e o resultado é que, segundo CRAEGA, a superficie e os operadores ecolóxicos en Galicia seguen medrando ano tras ano.

“Falan de novo modelo produtivo como se os actuais estivesen alleos á sustentabilidade, cando moitos agricultores e gandeiros xa aplican prácticas de conservación do solo, rotación, cubertas vexetais e redución de insumos non por unha etiqueta, senón porque nesa boa xestión lles vai o futuro económico de Galicia”, asegurou o portavoz popular.

Porén, o portavoz popular insistiu aos socialistas que “cando se crean conceptos sen base normativa créanse expectativas que logo non se poden cumprir: axudas sen marco, formación sen sistema, campañas sen produto realmente diferenciado e, sobre todo, riscos de competencia desleal para quen si cumpre cun réxime tan esixente como o ecolóxico”. “Pola contra, a agricultura ecolóxica é un sistema completo: con control, con certificación, con esixencias técnicas e con apoio público”, asegurou.

O Grupo Popular pide ao Goberno central que pague o 50% da Lei de dependencia para que os concellos poidan incrementar o financiamento do servizo de axuda no fogar

A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, demandou hoxe ao Goberno central que “cumpra as propias leis socialistas e pague o 50 por cento que lle corresponde pola Lei da dependencia, de xeito que os concellos poidan complementar o custo do servizo de axuda no fogar logo de que o Goberno galego incremente un 50 por cento a súa aportación ata 2028”.

Raquel Arias criticou a postura contraria do BNG ao acordo asinado pola Xunta e a Fegamp para o financiamento do servizo de axuda no fogar, “un acordo ao que dixeron non unicamente por cuestións ideolóxicas”. “O mesmo BNG que xunto co PSdeG decidiron en 2008, cando gobernaban Galicia, que o servizo de axuda no fogar fora unha competencia municipal”, lembrou.

RECURSO CONTRA O PLAN DA DEPENDENCIA

“Coincidimos en que é unha carga moi pesada para os concellos a prestación deste servizo e por iso a Xunta incrementará o financiamento nun 50 por cento ata 2028, pero cremos que esa axuda ten que ser aínda maior porque o Goberno central ten que cumprir as propias leis socialistas e pagar o 50 por cento da Lei da dependencia, do mesmo xeito que xa o fai no País Vasco”, manifestou.

Así mesmo, a portavoz popular criticou que “cando Galicia pon en marcha un plan de choque para reducir as listas de agarda das valoracións da dependencia e a discapacidade, a través do que os discapacitados galegos pagaron o pasado ano 114 millóns de euros menos ao Estado, o Goberno de Pedro Sánchez paraliza este plan cun recurso de inconstitucionalidade e ao BNG e ao PSdeG parécelles perfecto esta decisión”.

O Grupo Popular afirma que Castelao merece altura de miras, respecto colectivo e consenso fronte á liorta constante que pretenden os nacionalistas

A portavoz de Cultura do Grupo Popular, Carmen Pomar, afirmou hoxe que a celebración do Ano Castelao “ha de converterse nun punto de partida para continuar polo camiño da reflexión pausada, o recoñecemento sen paliativos e o ensalzamento de quen foi, é e será un símbolo indiscutible da nosa identidade”. Neste sentido, apuntou que “Castelao non pode ser só dos que pensan que Galicia é unha nación soberana independente, porque Castelao non cabe nas estreiteces e merece amplitude de miras, respecto colectivo e consenso fronte á liorta constante que pretenden” os nacionalistas galegos. “Castelao acadou o máis difícil: a unión da diáspora, deixen de fragmentar Galicia”, demandou.

No debate da iniciativa lexislativa popular sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación permanente da multifacética obra de Castelao, Carmen Pomar afirmou que “custa entender a dilapidación en forma de sentenzas verbais desta iniciativa, xustamente cando acabamos de rematar o Ano Castelao, no que se reforzou a homenaxe á súa memoria no 75 aniversario do seu pasamento e fíxose a través de máis de 80 accións de recoñecemento destinadas a dar a coñecer o legado intelectual, artístico, político e social de Castelao, unindo nesta homenaxe as diversas institucións e á poboación en xeral ao redor da súa figura”.

POLITIZAR A CASTELAO

“Falan de catalogar a obra, como se ningunha dela estivera catalogada; de facer exposicións da mesma como se non estivese exposta en ningures; e de aproximar a Castelao ás persoas, como si non acabásemos de pechar unha exitosa exposición na Cidade da Cultura e de estrear nos cinemas de toda Galicia e na televisión pública un filme que ten 18 nominacións aos Premios Mestre Mateo, sendo a produción máis votada polos académicos”, manifestou.

Respecto da proposta para a adquisición do cadro A derradeira lección do mestre, a portavoz popular considerou “curioso que fora un goberno popular o que conseguiu a chegada a Galicia desta obra que transcende o pictórico e, incluso, o histórico, converténdose nun símbolo emocional da memoria”. “Como popular é o Goberno da Deputación de Pontevedra que será quen de traer esta obra, por segunda vez, a Galicia, concretamente ao Museo que leva o nome desta cidade e que, por certo, acolle con delicado coidado e atención moita da obra de Castelao”, apuntou.

Carmen Pomar rematou a súa intervención criticando aos nacionalistas galegos que “non queren ensalzar a Castelao, queren politizalo contra o Partido Popular de Galicia”. “Nós quixemos e queremos formar parte da homenaxe colectiva que lle debemos como pobo, pero vostedes poñen sempre por riba a confrontación”, dixo.

Neste sentido, lamentou que os nacionalistas galegos “sempre utilizan a simboloxía e o legado para o seu propio interese proselitista”, e lembrou como no último Debate sobre o Estado da Autonomía celebrado no Parlamento galego no mes de abril presentaron unha proposta de resolución que buscaba, non realzar a figura de Castelao, senón levar ao sistema educativo a loita polos dereitos nacionais de Galicia”.

O PPdeG contrapón o «modelo Marín» de conxelación de taxas do lixo fronte ao «rolo totalitario» do BNG e o «taxazo» no Morrazo

As deputadas do Grupo Popular Dolores Hermelo e Patricia García denunciaron hoxe a “deriva autoritaria e a incompetencia xestora” amosada polo BNG e o PSdeG na Mancomunidade do Morrazo, logo dos lamentables acontecemento vividos na asemblea celebrada na tarde do venres. Neste sentido, contrastaron a imposición do novo “taxazo” do lixo nos concellos mancomunados fronte á xestión eficiente do Concello de Marín, que, estando fóra do ente supramunicipal e baixo goberno do PP, logrou manter o recibo conxelado aos seus veciños.

Dolores Hermelo e Patricia García cualificaron de “atentado democrático” o sucedido o pasado venres durante a Asemblea da Mancomunidade, onde se aprobaron as novas taxas desoíndo o clamor social. Así, criticaron duramente o despregamento de seguridade ordenado para manter aos veciños afastados da toma de decisións e a expulsión dunha concelleira do Partido Popular polo mero feito de cuestionar a xestión da presidenta.

O «BÚNKER» DE SANTOS

Dolores Hermelo foi taxativa ao valorar a actitude da alcaldesa de Moaña e presidenta da Mancomunidade, Leticia Santos (BNG), a quen acusa de instaurar un réxime de “ordeno e mando”. “O que vivimos o venres non foi un acto administrativo, foi unha cacicada na que Leticia Santos converteu a Mancomunidade nun búnker, utilizando a seguridade como escudo ante os veciños e aplicando unha mordaza totalitaria á oposición”, lembrou a deputada popular, quen afirmou que “expulsar unha concelleira democraticamente elixida por dicir a verdade é o síntoma definitivo de que o BNG perdeu os papeis e o respecto pola cidadanía”.

Hermelo lembrou que o “rolo” do BNG e os seus socios socialistas pasou por riba de 3.600 alegacións presentadas polos veciños, das cales se rexeitaron o 99 por cento sen apenas debate. «Desprezaron a 3.600 familias do Morrazo. Non é xestión, é imposición», sentenciou a deputada.

O ESPELLO DE MARÍN

Pola súa banda, Patricia García desmontou a escusa económica do BNG, lembrando que, aínda que a suba vén provocada pola Lei de Residuos e Economía Circular do Goberno de Pedro Sánchez, existen ferramentas para paliar o golpe, que a Mancomunidade ignorou por “vagancia e ineficacia”.

Deste xeito, a deputada popular puxo como exemplo o modelo de Marín, municipio veciño que comparte a mesma realidade xeográfica e normativa, pero que logrou resultados opostos grazas á xestión do Partido Popular. “Mentres no Morrazo o BNG mete a man no peto dos veciños para pagar a factura de Pedro Sánchez, en Marín o PP fixo os deberes conxelando o recibo porque soubo xestionar, acolleuse ás bonificacións do canon de Sogama que ofrece a Xunta de Galicia e priorizou o benestar das familias”, explicou, para sentenciar que “no Morrazo prefiren a pancarta e a sablada fiscal; en Marín, a xestión e o aforro”.

As deputadas populares conclúen advertindo que a suba de taxas en Bueu, Cangas e Moaña é consecuencia directa “dunha dobre pinza: a lexislación sanchista que obriga ao cobro e a incapacidade dos gobernos locais do BNG e PSdeG para xestionar os residuos de maneira eficiente e bonificada, tal e como si fixo Marín”. “O BNG demostrou que o seu único modelo de xestión é o ruído, a prohibición da crítica e a suba de impostos”, finalizaron.

O PPdeG salienta que a Xunta incrementará máis de 310.000 euros a súa aportación para a prestación do servizo de axuda no fogar polo Concello de Betanzos

A deputada popular e portavoz do PP en Betanzos, Cecilia Vázquez, salientou hoxe que a Xunta incrementará en máis de 310.000 euros ata 2028 a súa aportación para a prestación do servizo de axuda no fogar neste municipio. “Esta é a mellor demostración do interese do Goberno galego porque os nosos maiores e dependentes reciban os mellores servizos, nese caso, ademais, unhas atencións que son de total competencia municipal”, indicou.

Cecilia Vázquez lembrou que esta mesma semana o Presidente da Xunta e o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias asinaron o acordo a través do que a Administración galega incrementará en 150 millóns ata 2028 a súa aportación para a prestación polos concellos do servizo de axuda no fogar. En concreto, a Xunta aumentará de forma gradual a súa aportación, pasando de 12 a 16 euros por cada hora prestada este mesmo ano, subindo un euro máis por hora para o 2027 e chegando aos 18 euros no 2028.

DE 620.000 A MÁIS DE 930.000 EUROS POR ANO

 No caso concreto do concello de Betanzos, o servizo de axuda no fogar prestou durante o pasado ano case 52.000 horas, para as que a Xunta fixo unha aportación de máis de 620.000 euros. “A Xunta pasará a facer unha aportación ao  Concello de Betanzos para a prestación do SAF de case 830.000 euros este ano, máis de 880.000 euros en 2027 e superará os 930.000 euros en 2028”, indicou.

 “En total, a Xunta incrementará a súa aportación para Betanzos en máis de 310.000 euros, unha cifra que podería ser aínda maior se o Goberno de Pedro Sánchez cumprira o recollido na Lei de dependencia e abonara o 50 por cento que lle corresponde pola atención aos dependentes”, manifestou Cecilia Vázquez.

 A deputada popular asegurou que este incremento da aportación realizada pola Xunta “demostra que o Goberno galego está ao carón dos concellos galegos, sobre todo dos máis pequenos, que verán aliviadas as súas contas municipais para a prestación deste servizo tan importante”. Neste sentido, destacou que este aumento “facilitará que máis persoas dependentes poidan seguir vivindo con dignidade no seu propio fogar e co apoio que precisan”.

O PPdeG destaca que Galicia é a única comunidade cun Servizo de Gardacostas propio, que o pasado ano realizou 140 emerxencias marítimas

Os deputados do Grupo Popular Nazareth Cendán e Jesús María Fernández Rosende salientaron hoxe que Galicia é a única comunidade autónoma española que conta cun servizo propio de gardacostas dependente da Consellería do Mar, que ao longo do pasado ano atendeu un total de 140 emerxencias marítimas, das que 90 foron actuacións de busca e salvamento marítimo e 50 de loita contra a contaminación mariña.

O Servizo de Gardacostas de Galicia foi creado por Lei no ano 2004 e é o organismo encargado de velar pola garda costeira, vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño nas augas galegas, para o que conta cunha plantilla integrada por 62 persoas na provincia de A Coruña, ademais de medios aéreos, terrestres e tres embarcacións.

 FUNCIÓNS PREVENTIVA E PALIATIVA

 Nazareth Cendán explicou que o Servizo de Gardacostas de Galicia desenvolve dous tipos de funcións: unha preventiva, realizando medidas de preservación do medio mariño e os seus recursos, evitando a agresión aos mesmos; e outra paliativa, dirixida ao salvamento e loita contra a contaminación mariña, auxiliando e protexendo ás persoas, os bens e o medio mariño, e asegurando a súa conservación.

 

Ademais, Fernández Rosende subliñou que este servizo opera as 24 horas dos 365 días do ano, co obxectivo de vixiar, buscar, rescatar e protexer ás persoas no medio mariño, aportando un nivel extra de seguridade para navegantes, pescadores e bañistas.

 

En concreto, das 90 emerxencias que atendeu o pasado ano, 51 foron realizadas con medios aéreos para o rescate de persoas ou en buscas e evacuacións médicas de carácter urxente, tanto de persoas a bordo de buques como na costa; e as outras 39 actuacións leváronse a cabo con medios marítimos a través de buques multipropósito de salvamento e barcos patrulleiros de vixilancia e inspeccións pesqueiras.

 

O PPdeG asegura que a declaración de 2026 como Ano Oteriano permitirá poñer en valor a pegada que deixou Otero Pedrayo na cultura de Galicia

Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e Víctor Baladrón aseguraron hoxe que a declaración do 2026 con Ano Oteriano permitirá poñer en valor a pegada que deixou Ramón Otero Pedrayo na cultura de Galicia como un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia.

Nunha visita á Casa-Museo de Ramón Otero Pedrayo, na parroquia de Trasalba no concello ourensán de Amoeiro, acompañados do concelleiro do PPdeG Ricardo Rodríguez, os deputados populares lembraron que o Parlamento de Galicia aprobou unha declaración institucional o pasado 17 de decembro a través da que se declara o ano 2026 Ano Oteriano, con motivo da celebración do 50 aniversario da morte deste escritor e do centenario da publicación da súa obra Guía de Galicia.

Juan Casares e Víctor Baladrón destacaron o traballo que desenvolve a Fundación Otero Pedrayo para manter viva a memoria e a promoción da obra do coñecido como Patriarca das Letras Galegas, a través da custodia da súa Casa-Museo en Trasalba. Ademais, esta Fundación promove unha Asociación de Amigos de Otero Pedrayo e realiza unha serie de actividades arredor dunha festa anual que se celebra o último domingo do mes de xuño, na que se entrega o Premio Trasalba a unha persoa do mundo da cultura galega.

“A declaración de 2026 como Ano Oteriano supón o recoñecemento a unha figura fundamental na cultura de Galicia, así como un respecto ao labor de conservación e difusión do seu legado, que tan ben está a desenvolver tanto a Fundación como a Asociación de Amigos de Otero Pedrayo”, manifestou Víctor Baladrón.

Pola súa banda, Juan Casares afirmou que “falar de Otero Pedrayo é referirnos a unha figura de personalidade poliédrica, seguindo o modelo dos integrantes do alcumado como o Cenáculo ourensán, que participou de xeito activo en tódalas iniciativas que o galeguismo impulsou tanto no eido político como social, chegando a ser a referencia da resistencia cultural do galeguismo do interior durante os anos escuros da ditadura”.

O PPdeG destaca que o novo equipo de hospitalización a domicilio do Hospital de Monforte incrementou en 15.000 os pacientes atendidos

As deputadas do Grupo Popular Katy Varela, Encarna Amigo e Raquel Arias destacaron hoxe que a posta en marcha dun segundo equipo para o servizo de hospitalización a domicilio (HADO) do Hospital de Monforte permitiu incrementar en máis de 15.000 o número de pacientes atendidos, ao sumar á súa cobertura actual os concellos de Chantada, Carballedo, Quiroga e Ribas de Sil.

Katy Varela manifestou que a Xunta “continúa avanzando na mellora da atención sanitaria na comarca de Monforte coa dotación deste segundo equipo para o servizo de hospitalización a domicilio, un modelo asistencial que permite ofrecer coidados de rango hospitalario no propio domicilio do paciente, con todas as garantías de calidade, seguridade e humanización”.

Este segundo equipo de HADO no distrito sanitario de Monforte conta cunha dotación completa formada por un médico, tres enfermeiras e un vehículo propio, o que permite unha atención continuada, coordinada e de proximidade. Con este novo equipo amplíase a cobertura do servizo de hospitalización a domicilio a máis de 43.000 persoas, xa que agora, aos concellos de Monforte, Bóveda, A Pobra de Brollón, Pantón, Sober e O Saviñao que xa gozaban desta atención sanitaria, súmanse os municipios de Chantada, Carballedo, Quiroga e Ribas de Sil.

EVITAR INGRESOS INNECESARIOS

Encarna Amigo explicou que a hospitalización a domicilio está dirixida a pacientes con patoloxía médica aguda, crónica agudizada ou avanzada, pacientes paliativos, así como a persoas que, tras unha intervención cirúrxica, poden continuar a súa atención na casa evitando estancias hospitalarias innecesarias. “Este servizo, nunha provincia como a de Lugo cunha poboación cada vez máis envellecida e con alta prevalencia de enfermidades crónicas, é clave para ofrecer coidados de calidade, evitar ingresos innecesarios, mellorar a calidade de vida dos pacientes e reforzar unha atención sanitaria máis humana e cercana”, apuntou.

Ademais, as deputadas populares afirmaron que este modelo asistencial se apoia no desenvolvemento tecnolóxico do sistema sanitario galego. En concreto, lembraron que os profesionais de HADO dispoñen de acceso á historia clínica electrónica desde o domicilio do paciente, o que facilita a continuidade asistencial e permite xestionar en tempo real ingresos, probas diagnósticas e prescricións farmacolóxicas, mellorando a seguridade do paciente e a coordinación entre niveis asistenciais.

Alberto Pazos pide a BNG e PSdeG apoio á solicitude para que o Goberno central retire o recurso presentado á axilización da dependencia e á repotenciación do sector eólico galego

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe o apoio do BNG e do PSdeG á solicitude para que o Goberno central retire de inmediato o recurso de inconstitucionalidade que presentou contra os preceptos que regulan o plan de axilización da dependencia e da discapacidade, así como as medidas referidas á repotenciación dos parques eólicos e a obriga de ofertar e vender en Galicia parte da electricidade xerada en beneficio da cidadanía e da industria galegas. “Terán oportunidade no Pleno da vindeira semana de posicionarse sobre esta cuestión e demostrar que están do lado do autogoberno de Galicia e dos galegos, defendendo os seus intereses fronte a un Pedro Sánchez máis preocupado por garantir a súa permanencia no Goberno de España a toda costa e polo tempo que sexa”, apuntou.

Alberto Pazos sinalou que o recurso presentado contra o recoñecemento de xeito automático da dependencia e da discapacidade “paralizou inmediatamente o proceso aberto pola Xunta o pasado ano, que xa permitira a máis de 12.600 persoas  con dependencia obter de xeito automático o recoñecemento da discapacidade, avanzando na axilización das listas de espera, situando a Galicia como a comunidade que máis baixou o tempo de espera; e reducindo os tempos de tramitación, que só no primeiro semestre do pasado ano foi de 25 días menos”.

Ademais de apoiar a carta que a conselleira remitiu este mércores ao ministro de Dereitos Sociais, na que insta ao Goberno central a retirar o recurso e manter un encontro para debater sobre esta cuestión e outras relacionadas coa atención á dependencia, Alberto Pazos amosou a sospeita de que “o principal motivo do Goberno de Pedro Sánchez para opoñerse a esta medida da Xunta é que este recoñecemento automático supón unha merma dos seus ingresos”. En concreto, lembrou que a homologación automática da discapacidade a persoas con dependencia permitiu un aforro a estas persoas de 114 millóns de euros só durante o pasado ano, “cartos que a Administración central deixou de ingresar e que tanta falta lle fan a un Goberno tan preocupado en dar cumprimento ás esixencias monetarias dos seus socios independentistas cataláns”.

Pazos contrapuxo esta situación “coa firme disposición da Xunta a colaborar cos concellos galegos na prestación do servizo de axuda no fogar”, que se puxo de manifesto no día de onte co acordo asinado polo Presidente da Xunta e o Presidente da Fegamp no que se recolle o incremento dun 50 por cento ata o remate da lexislatura da aportación da Xunta para a prestación do SAF nos concellos galegos, unha suba que se traduce, directamente, en 150 millóns de euros máis do orzamento que a Xunta vai achegar aos concellos.

NOVO GOLPE AO SECTOR EÓLICO GALEGO

Respecto da outra parte do recurso presentado polo Goberno central referido á paralización do proceso de repotenciación do sector eólico impulsado pola Xunta, o portavoz popular explicou que se trata “dun novo golpe para a expansión deste sector en Galicia e un freo á descarbonización da Comunidade galega, xa que se limita a capacidade de redución das afeccións ambientais e paisaxistas dos parques eólicos; se limita a capacidade de xerar máis enerxía renovable e se reduce tamén a capacidade de baixar a factura da luz para todos os galegos; e tamén se limita o interese das industrias por crecer ou implantar os seus proxectos na Comunidade galega, xa que veranse privadas de acceder a unha enerxía máis limpa e máis barata”.

Relacionado con este sector, Alberto Pazos referiuse á decisión do Goberno central de abrir a consulta pública para a primeira poxa neste sector a nivel estatal. Neste sentido, avanzou que o Grupo Popular demandará no Parlamento galego que Galicia

teña un trato preferente por parte do Goberno de España nesta primeira poxa, de xeito que se poida impulsar unha industria na que as empresas galegas se están a especializar e despuntar a nivel internacional.

“Pero, á marxe de que se impulse dunha vez esta poxa da eólica mariña, que tanto tempo levamos esperando, non imos permitir que este avance prexudique ao noso sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola”, asegurou Alberto Pazos, quen insistiu en que “calquera desenvolvemento da eólica mariña deberá garantir a súa convivencia coa actividade pesqueira e marisqueira, asegurando unha planificación rigorosa que teña en conta os usos tradicionais e a sustentabilidade dos recursos mariños”. “Sempre defendemos e seguiremos defendendo un modelo de desenvolvemento industrial e enerxético que combine a diversificación económica coa protección das actividades tradicionais do mar, garantindo ao mesmo tempo emprego, riqueza e sustentabilidade para as futuras xeracións”, concluíu.