O Grupo Popular pedirá no Pleno que o Goberno central habilite os mecanismos para que as empresas que desexen patrocinar o Xacobeo 2027 poidan facelo a partir do vindeiro 1 de xaneiro

O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno central habilite os mecanismos necesarios para que as empresas que desexen patrocinar o Xacobeo 2027 poidan facelo a partir do vindeiro 1 de xaneiro e beneficiarse dos correspondentes beneficios fiscais. Así mesmo, solicitará ao Goberno do Estado accións inmediatas para mellorar a estrada N-541 entre Ourense e Pontevedra, garantindo a seguridade tanto de vehículos como dos habitantes dos núcleos de poboación que atravesa, ademais de realizar un estudo de viabilidade sobre a construción dunha autovía ou vía de alta capacidade entre os concellos de O Carballiño e Pontevedra.

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que o Parlamento galego acollerá a vindeira semana dúas sesións plenarias. Unha primeira terá como obxectivo aprobar os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2025 e a Lei de medidas fiscais e administrativas.

 

ORZAMENTOS EN TEMPO E FORMA

 

“Galicia contará, un ano máis, e xa van 16 consecutivos con gobernos do PPdeG, con orzamentos en tempo e forma, uns orzamentos que acadan a cifra histórica de 13.954 millóns de euros, e que teñen catro obxectivos principais: impulsar a oferta de vivenda; sentar as bases da Galicia futura, con máis innovación; reforzar os servizos públicos; e apostar polos sectores produtivos e a transición verde”, sinalou Alberto Pazos. Así mesmo, lembrou que tres de cada catro euros destinaranse a gasto social, superando por primeira vez a barreira dos 10.000 millóns de euros; e se impulsan novas rebaixas fiscais, ao reducir o imposto de sucesións para parentes colaterais e con bonificacións destinadas a dinamizar o mercado da vivenda.

 

Respecto da aprobación do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, o portavoz popular lembrou que permitirá a implantación a partir do vindeiro 1 de xaneiro de medidas como a nova taxa turística, actuacións para incrementar o mercado de vivendas en aluguer en Galicia través de incentivos aos pequenos propietarios con inmobles baleiros para que os poñan no mercado ou accións dirixidas ao impulso ao sector eólico galego.

 

Polo que respecta ao Pleno ordinario, tamén dará comezo co debate para a súa aprobación dunha nova lei: a de estatística de Galicia, que chega ao debate definitivo sen votos en contra da oposición ao ditame. Este novo texto lexislativo facilita ao Instituto Galego de Estatística contar cunha información máis completa que permitirá tomar decisións estratéxicas e concluíntes tanto á Administración pública como ás empresas e os cidadáns.

 

A nova Lei de Estatística de Galicia actualiza a norma vixente desde hai 36 anos, tendo en conta as novas fontes de información, así como os potentes métodos de tratamento de datos, baseados no big data e na Intelixencia Artificial, que permiten reforzar a colaboración e os fluxos de datos estatísticos entre os distintos niveis da administración, así como incrementar a difusión e o acceso aos recursos estatísticos que se xeran.

 

BENEFICIOS FISCAIS PARA O XACOBEO 2027

 

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno central que habilite os procedementos necesarios para que as empresas que desexen patrocinar actividades turísticas ao abeiro do Xacobeo 2027 o poidan facer a partir do vindeiro 1 de xaneiro de 2025, acolléndose aos correspondentes beneficios fiscais ao declararse o Ano Santo Xacobeo 2027 como Acontecemento de Excepcional Interese Público.

 

Alberto Pazos lembrou que o Ministerio de Cultura, no Pleno do Consello Xacobeo celebrado o pasado 1 de xullo en Pamplona, xa adquiriu o compromiso de promover a inclusión do Ano Santo Xacobeo nos orzamentos do Estado para 2025 como acontecemento de excepcional interese público, no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de decembro de 2027. “Porén, a complexa situación política na que se atopa o Goberno de Pedro Sánchez fainos temer que esta declaración non sexa unha realidade a tempo para que se poidan acadar os obxectivos que se perseguen e que as empresas que desexen colaborar co Xacobeo 2027 poidan facelo e acollerse a beneficios fiscais para iso”.

 

A segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten que ver coa estrada N-541 e os numerosos accidentes de tráfico que se producen neste viario pola súa perigosidade. Diante desta situación, o portavoz popular lembrou que os alcaldes e alcaldesas de todos os concellos polos que transcorre a N-541 (Punxín, Maside, O Carballiño, Boborás, Beariz, O Irixo e Cerdedo-Cotobade, ademais dos de Ourense e Pontevedra) crearon o Pacto do Pedre, a través do que se demandan melloras inmediatas para esta estrada, que soporta un tráfico importante non só de turismos senón de transporte industrial vital para o desenvolvemento das comarcas.

 

“Desde o Grupo Popular consideramos necesario que desde o Parlamento de Galicia se esixa ao Goberno de España que leve a cabo actuacións inmediatas de mellora na N-541 para reducir a alta sinistralidade nesta vía de comunicación, adaptando esta estrada ás necesidades de tráfico que garantan a seguridade de vehículos así como dos habitantes dos núcleos de poboación polos que transcorre; e realizando, ao mesmo tempo, un estudio de viabilidade que contemple unha autovía ou vía de alta capacidade sen pasar por núcleos de poboación entre O Carballiño e Pontevedra”, concretou Alberto Pazos.

 

Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola situación da factoría de Alcoa na Mariña lucense e as previsións do Goberno de Pedro Sánchez para dar unha solución enerxética a esta fábrica; polo compromiso do Goberno central de poñer en marcha o tren de alta velocidade entre Galicia e o norte de Portugal; e polo grao de execución das liñas complementarias en apoio aos autónomos galegos, onde Galicia destaca como a comunidade cun maior número de convocatorias de axudas a este sector: case un 10 por cento do total do Estado.

Aprobado o ditame do proxecto de Lei de estatística de Galicia, paso previo para o seu debate definitivo en sesión plenaria

A Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei de estatística de Galicia, un texto que adapta á nova realidade a norma existente desde 1988 tendo en conta a achega de nova regulamentación, o desenvolvemento da tecnoloxía e a multiplicación das fontes de datos. O texto lexislativo queda agora pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria.

 

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, explicou que “estamos ante unha lei eminentemente técnica” pero destacou a importancia da estatística porque “toda actividade política baséase en datos, que son os que permiten facer proposicións ou tomar decisións”. Así, subliñou a necesidade de contar con “datos oficiais obxectivos e imparciais, tanto para que os políticos gobernen como para que os cidadáns exerzan control sobre o seu goberno”.

 

AUTOGOBERNO

 

Cristina Sanz asegurou, ademais, que “para o exercicio dun bo autogoberno é necesario dispor dunha boa información e, con tal fin, os redactores do Estatuto de Autonomía de Galicia incluíron como competencia exclusiva a estatística de interese galego”.

 

“Esa foi a primeira pedra na construción dun sistema estatístico propio, que se consolidou coa aprobación en 1988 da Lei de estatística de Galicia e a creación do Instituto Galego de Estatística e do Consello Galego de Estatística”, lembrou a viceportavoz popular, quen anotou que “agora cómpre adaptar a normativa á nova realidade á luz da experiencia e tendo en conta a achega da nova regulamentación, o desenvolvemento da tecnoloxía e a multiplicación das fontes de datos”.

 

Respecto da tramitación parlamentaria desta nova lei, a viceportavoz popular destacou “o espírito de consenso e de chegar a acordos amosado por todos os grupos parlamentarios”. Deste xeito, explicou que se incorporaron ao texto, ben directamente ou a través de transaccións, 4 das 9 emendas que presentou o PSdeG e 8 das 19 que rexistrara o BNG.

A Comisión 3ª remata a elaboración dos ditames dos proxectos de lei de orzamentos da Xunta para 2025 e de medidas fiscais e administrativas, co que quedan pendentes da súa aprobación en Pleno

A Comisión 3, de Economía, Facenda e Orzamentos,  do Parlamento de Galicia rematou esta mañá a elaboración dos ditames do proxecto de Lei de orzamentos da Xunta para o vindeiro 2025 e do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, co que ambos textos quedan pendentes da súa aprobación definitiva na vindeira sesión plenaria.

 

O portavoz popular, Alberto Pazos, manifestou que o debate en ponencia e comisión das emendas realizadas polos diferentes grupos parlamentarios “demostrou que existen dous modelos diferenciados de entender a política”. Así, criticou que BNG e PSdeG “presentan emendas para despois inventar números para darlles respaldo orzamentario, porque creen que os ingresos deben responder á expresión dun desexo e, como lles fan falta máis cartos para as súas promesas, os pintan nos orzamentos”.

 

XESTIÓN SERIA E RAZOABLE

 

Deste xeito, sinalou que gobernar é facer “unha xestión seria e razoable, e non unha expresión de desexos”, polo que cuestionou “por que o BNG propón un incremento dos ingresos de 255 millóns de euros e o PSdeG aumenta esta cifra ata os 513 millóns de euros, cando podían ter pintado nos orzamentos unha suba de 2.000 millóns de euros para facer fronte á débeda que nos deixaron cando gobernaban”.

 

“Desde o Goberno do PPdeG levamos moitos anos levando adiante un traballo serio, con cálculos rigorosos e boa xestión, e estaría ben que nalgún momento a oposición se molestara en facer unha proposta crible e que se poida comparar realmente co proxecto do PPdeG”, sinalou.

VIVENDA, TURISMO E EÓLICO

 

Respecto do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, o viceportavoz popular, Julio García Comesaña, salientou, entre outras medidas, que permitirá impulsar novas actuacións para favorecer a incorporación de vivenda ao mercado, a través da equiparación dos locais comerciais a vivendas para os efectos de aplicar as deducións fiscais na modalidade de transmisións patrimoniais, así como apoiar as políticas de vivenda protexida, de xeito que o custo delas sexa o menor posible.

 

Outra das medidas incorporadas nesta lei é a regulación para a implantación do imposto galego sobre as estadías turísticas, facilitando aos concellos que pretendan establecer esta recarga todos os elementos precisos para levalo adiante. Esta modificación non terá impacto económico nos orzamentos da Xunta, xa que estará bonificado ao 100 por cento por parte da administración tributaria galega.

 

Por último, o proxecto de Lei de medidas afectará á regulación do canon eólico ao modificar a base impoñible e o tipo de gravame a consecuencia da redución do número de aeroxeneradores polas repotenciacións previstas e, en especial, ás afeccións visuais derivadas da súa altura.

O Grupo Popular salienta que a Xunta sitúa a vivenda no centro das súas políticas, incrementando orzamentos, aumentando o parque público e creando novas liñas de axudas

A deputada do Grupo Popular María Deza asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta “pon a vivenda no centro das súas políticas incrementando orzamentos, aumentando o parque público de vivenda e creando novas liñas de axudas”. “Namentres, desde o Goberno de Pedro Sánchez estase a facer xusto o contrario, aplicando cada vez políticas intervencionistas que o único que provocan é un detrimento da oferta”, anotou.

María Deza asegurou que “o principal motivo da carestía é a existencia dun problema de escaseza da oferta, ante o que a Xunta está a traballar apoiada en tres piares fundamentais: a construción de vivenda pública, o desenvolvemento de solo residencial para aumentar o parque da vivenda, e na adopción de medidas lexislativas e fiscais que incentiven a posta de inmobles no mercado”.

AMPLO ABANO DE PROGRAMAS

En concreto, a deputada popular salientou que a Xunta inclúe nos seus orzamentos para o vindeiro ano máis de 240 millóns de euros para impulsar as súas políticas en materia de vivenda, dos que máis de 100 millóns serán para construír novas vivendas públicas, máis de 20 millóns para o desenvolvemento de solo residencial e preto de sete millóns para o programa Rexurbe.

“Ademais, o Goberno galego seguirá despregando un amplo abano de programas e liñas de axuda que faciliten o acceso á vivenda e á mobilización de vivendas baleiras; fomenten a construción de vivendas destinadas ao alugueiro accesible; a adquisición de vivendas protexidas, en cascos históricos ou en concellos de reto demográfico a través de axudas directas; a adquisición da primeira vivenda co aval mozo destinado para menores de 36 anos; sufragar o alugueiro a través de axudas directas; ou a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal que pasan a vivenda pública”, afirmou.

María Deza contrapuxo “os anuncios baleiros aos que nos ten acostumados o Goberno de Pedro Sánchez co traballo e os pasos adiante que está a dar a Xunta en materia de vivenda, con exemplos tanxibles como a constitución o pasado novembro da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, que xestionará a promoción de 2.350 novas vivendas de promoción pública; o avance das actuacións para ter rematadas en 2026, polo menos, 1.500 das 4.000 vivendas de promoción pública comprometidas nesta lexislatura; dando pasos na Estratexia Galega de Solo Residencial; e avanzando nos trámites para a construción de 1.600 novas vivendas”.

AXILIZAR A TRAMITACIÓN DE PROCEDEMENTOS

Por último, a deputada popular considerou “necesario impulsar e axilizar a tramitación dos procedementos previstos nas normativas autonómicas relativas a vivenda e solo residencial, tentando reducir tempos de tramitación, sen perder garantías e seguridade xurídica nas actuacións a desenvolver”. “Por iso, na Lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para 2025 inclúese unha batería de medidas lexislativas e fiscais, así como unha serie de medidas excepcionais e temporais aplicables ata finais de 2028”, indicou.

“En concreto, levaranse a cabo modificacións na Lei de vivenda de Galicia e na Lei do Solo de Galicia que permitirán implantar os mecanismos que posibiliten a execución dos obxectivos de duplicar o parque de vivenda pública nos vindeiros anos e de xestionar solo para a construción das 20.000 vivendas protexidas”, rematou.

 

O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno de España a transferencia das competencias en meteoroloxía e estudos oceanográficos

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España a transferencia da competencia dos servizos de meteoroloxía e estudos oceonográficos, que virán acompañados das funcións, medios financeiros e materiais relativos para o desenvolvemento destes traspasos.

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, explicou que a Constitución Española establece como competencia exclusiva do Estado o servizo meteorolóxico, “pero isto non é inconveniente para que Galicia reciba a súa transferencia, xa que no Estatuto de Autonomía de Galicia existe unha previsión sobre ‘as restantes materias que con este carácter e mediante lei orgánica sexan transferidas polo Estado’”.

“Polo tanto, se o Goberno central fai o que nunca adoita facer, ceder, hai marco legal para dita transferencia”, asegurou Paula Prado, quen afirmou que “Galicia vai seguir facendo unha posición firme de defensa dos seus intereses como comunidade autónoma, sen hipotecas, nin mediacións, nin obediencias, máis alá da que se lle debe ao pobo galego”.

AMPLIACIÓN DO TEITO COMPETENCIAL

Prado manifestou que “seguimos insistindo na ampliación do noso teito competencial naquelas materias que son de especial interese para Galicia, co obxectivo de mellorar a súa xestión”. Así, lembrou que “os últimos acontecementos ocorridos no territorio español por fenómenos meteorolóxicos adversos, así como os que ocorren habitualmente en Galicia, poñen de manifesto a importancia de ter información precisa sobre os cambios meteorolóxicos, ademais da potestade de poder activar alarmas, baseándose na proximidade dos servizos e a precisión aportada pola experiencia”.

Meteogalicia é unha unidade de observación e predición creada hai 24 anos, que na actualidade depende da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. “Estamos a falar dunha entidade científica de referencia a nivel europeo que ofrece cada día información precisa, rigorosa e de calidade ao conxunto da cidadanía, que conta ademais coas ferramentas e recursos necesarios para predicir e anticiparse a posibles efectos adversos dos distintos fenómenos meteorolóxicos”, concretou a viceportavoz popular.

Así mesmo, apuntou que Meteogalicia conta con 160 estacións meteorolóxicas espalladas por toda Galicia, fronte ás 52 da Axencia Estatal de Meteoroloxía, ademais de contar cun conxunto de equipamentos e cun radar que ofrecen datos sobre a situación en cada zona cada 10 minutos.

INVESTIGACIÓN SOBRE GALICIA DESDE GALICIA

Respecto da solicitude de transferencia dos estudos oceanográficos, Paula Prado sinalou que “queremos que a investigación neste ámbito referida a Galicia non se decida desde un despacho do Paseo da Castellana”. “Somos a principal potencia pesqueira de España e de Europa, polo que é lóxico ter a capacidade de emitir informes e facer estudos, e non que o teña que facer o Goberno central”, afirmou.

“Non ten sentido que territorios sen mar opinen sobre o noso mar, ao igual que ocorre coas políticas sobre a protección do lobo”, rematou.

 

 

O Parlamento galego pide ao Goberno central unha serie de medidas para garantir a permanencia de Alcoa na Mariña lucense

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España actuacións que garantan a permanencia da factoría de Alcoa na Mariña lucense, entre as que figuran a presenza dos ministros de Industria e de Transición Ecolóxica na reunión da Mesa de Seguimento do pacto de viabilidade convocada para o vindeiro día 9 de decembro ou a autorización dos parques eólicos de competencia estatal que prevén subministrar a esta factoría. Así mesmo, a iniciativa aprobada inclúe, a pesar de que o PSdeG non o apoio este punto, que o Goberno central active a intervención pública temporal e instrumental de Alcoa no caso de que todas as accións previstas non teñan un resultado positivo.

A través desta proposición non de lei, defendida pola deputada popular Elena Candia, o Parlamento de Galicia traslada o apoio aos traballadores e traballadoras que, directa ou indirectamente, vénse afectados pola situación de incerteza da fábrica de alúmina e aluminio de Alcoa na Mariña lucense e amosa a súa solidariedade polas familias afectadas.

AXUDAS PÚBLICAS

Así mesmo, demándase ao Goberno central, unha vez convocada a mesa de seguimento do pacto de viabilidade para o día 9 de decembro, a participación na mesma dos titulares dos Ministerios de Industria e Turismo e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e do Presidente da Xunta, que xa anunciou a súa vontade de asistir se o facían os citados ministros.

Tamén se esixe o aumento da dotación orzamentaria das axudas de compensación de custes de emisións indirectas de CO2 ata o máximo legalmente permitido pola normativa europea, así como autorizar, sen máis dilación, os parques eólicos de competencia estatal vencellados a contratos a longo prazo para a produción de enerxía a prezos competitivos que prevén subministrar á factoría mariñá.

Outro dos puntos da iniciativa parlamentaria aprobados por unanimidade fai referencia á necesidade de articular unha liña de axudas públicas e apoios extraordinarios que garantan o investimento para a modernización da planta, no mesmo sentido que as que recibiron outras empresas tamén declaradas estratéxicas polo Estado, así como modificar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo para crear a figura das empresas hiper-electrointesivas e deseñar mecanismos de apoio específicos ou reforzados que atendan ás necesidades especiais desta figura.

A proposición non de lei pide, ademais, articular unha interrumpibilidade que aproveite a capacidade destas industrias para funcionar como colchón nos picos de consumo de enerxía e estudar todas as accións legais e institucionais que garantan os compromisos adquiridos por parte das distintas administración e de Alcoa, en particular, aqueles previstos no acordo de viabilidade ou, alternativamente, os que se puideran pactar entre empresa e traballadores no marco do proceso de negociación.

O PSdeG ROMPEU A UNANIMIDADE TOTAL

O apoio unánime de todos os grupos parlamentarios co que contaron todos estes puntos rachouse nunha última demanda que non foi apoiada polos deputados do PSdeG. En concreto, o PPdeG e o BNG demandaron, no caso de que todas as accións anteriores sexan insuficientes, activar a intervención pública temporal e instrumental de Alcoa, para garantir a continuidade da actividade e o mantemento de todos os postos de traballo en San Cibrao, incluíndo o das auxiliares.

 

O PPdeG acusa ao PSdeG de pretender traer a Galicia o estilo Sanchista de inxerencia no Poder Xudicial, pedindo que o Parlamento dea ordes ao TSXG e aos xuíces sobre como aplicar as leis

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, acusou hoxe ao PSdeG de pretender traer a Galicia a inxerencia no Poder Xudicial ao máis puro estilo Sanchista, ao pedir que o Parlamento galego lle dea ordes ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e aos xuíces sobre como se deben aplicar as leis vixentes.

“En vez de pretender darlle ordes aos xuíces, os socialistas deberían de preocuparse de cumprir os mandatos que se dan a si mesmos”, indicou Raquel Arias, quen se referiu a incumprimentos como a posta en marcha de maneira urxente dunha Lei de trata, que o Pacto de Estado contra a violencia de xénero leve dous anos caducado ou que, co apoio do BNG, “sexan os responsables da lei máis lesiva da historia para as mulleres: a lei do so si e si, que provocou que máis de 1.450 violadores e agresores sexuais visen reducidas as súas condenas e 126 saíran antes do cárcere”.

LEIS PIONEIRAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Raquel Arias salientou que os orzamentos da Xunta para 2025 dedican o triplo de cartos que o Goberno bipartito de PSdeG e BNG para as políticas de igualdade e a loita contra a violencia de xénero. En concreto, destacou que “Galicia será a primeira comunidade autónoma en contar cunha lei contra a violencia dixital, do mesmo xeito que xa fomos os primeiros en considerar esta violencia ou a vicaria como violencia de xénero; ao tempo que blindamos as axudas periódicas ás vítimas; e puxemos en marcha o pago único para as vítimas de violencia sexual”.

“Como novidade máis salientable, para o vindeiro ano poremos en marcha os cinco centros públicos de crise 24 horas; unha nova casa de acollida, neste caso para as vítimas que teñen adicións; ou o reforzamento dos centros de información á muller, cun incremento orzamentario do 30 por cento”, apuntou.

Respecto do BNG, Arias lembrou a campaña dos nacionalistas con motivo da recente celebración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller e criticou que “non se loita contra este tipo de violencia con este tipo de campañas, que banalizan esta lacra que ataca os dereitos humanos e acaba coas vidas das mulleres”. “Unha campaña irresponsable, unha campaña baseada en mentiras e unha campaña absolutamente hipócrita”, indicou.

Para rematar, a portavoz popular trasladou ás mulleres que están pasando por unha situación de violencia de xénero que “non están soas, porque teñen detrás a un goberno concienciado, unha sociedade que di non e recursos a onde dirixirse cando se sintan atacadas”.

 

O Grupo Popular avoga por “rachar as liñas vermellas” ao falar do galego, que “non debe ser algo que entre no debate partidista”

O portavoz de Lingua do Grupo Popular, José Luís Ferrol, avogou hoxe no Pleno do Parlamento galego por “rachar as liñas vermellas” ao falar do galego, que “non debe ser algo que entre no debate partidista, senón un ben común que nos une e singulariza, que todos debemos defender usándoo con absoluto coñecemento e normalidade, sen excluír para nada o manexo conveniente do castelán e doutras linguas”.

“Cambiemos o paso, non politicemos a nosa lingua nin a utilicemos con fins políticos”, demandou José Luís Ferro, quen asegurou que o Goberno galego “está disposto a falar de educación e do decreto do plurilingüismo, pero os grupos da oposición saben perfectamente que non temos un problema de competencias lingüísticas, senón un problema de uso social do galego”.

Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o emprego do galego mediante distintas iniciativas, como a formación, programas, aplicacións ou tradutores, pero correspóndelle á cidadanía e aos profesionais decidir o idioma no que se comunican coa Administración e se queren optar exclusivamente pola utilización dun deles”. “O problema é que moitos galegos relativizan a importancia do galego, e aí é onde debemos incidir para que pouco a pouco, e sen imposicións, se vaian animando a usar o galego sen medo e sen vergoña”, apuntou.

FALTA DE COHERENCIA DE BNG E PSdeG

Por outra banda, José Luís Ferro defendeu que a lingua galega poida ser utilizada no Parlamento Europeo, sen que esta medida minore os recursos necesarios para a súa normalización. Así mesmo, pediu ao Goberno de España que complete a súa parte na dotación ata chegar aos 15 millóns de euros solicitados por Galicia no marco do PERTE Nova Economía da Lingua.

O portavoz popular lembrou que “é competencia do Consello Europeo, onde están representados os 27 estados membros, fixar por unanimidade o réxime lingüístico das institucións comunitarias”. Na actualidade, e logo da solicitude feita polo Goberno de España en 2004, está institucionalizado o uso das linguas cooficiais españolas nas sesións plenarias do Comité Europeo de Rexións e nas reunións ministeriais do Consello de Europa. “Porén, non é o caso do Parlamento Europeo, posto que foi a única institución comunitaria que non formalizou un acordo con España para permitir a intervención oral nas linguas cooficiais españolas”, dixo.

Ferro criticou a “falta de coherencia” de BNG e PSdeG ao defender ao Goberno de Pedro Sánchez respecto á súa Goberno de España de 13 millóns de euros para o desenvolvemento do Proxecto NOS da lingua galega, e, por outra parte, “non lles doen os 40 millóns de euros anuais que custaría que un puñado de eurodeputados poidan falar o galego nas súas intervencións no Parlamento Europeo”.

 

O Grupo Popular considera “precipitado” prolongar a moratoria do eucalipto ata 2030 sen considerar os resultados do Inventario Forestal nin as repercusións reais sobre o sector

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Ángel Viso, considerou hoxe no Pleno do Parlamento galego “precipitado” prolongar a moratoria para novas plantacións de eucalipto ata 2030 “sen considerar os resultados do Inventario Forestal Continuo nin avaliar as repercusións reais no sector”. Así mesmo, salientou que a Xunta destinará o vindeiro ano máis de 15 millóns de euros para silvicultura adaptativa e produtiva en coníferas e frondosas, “o que reflicte a prioridade do Goberno galego de eliminar progresivamente o eucalipto en áreas non axeitadas e cumprir cos obxectivos do Plan Forestal de Galicia 2021-2040”.

“As decisións sobre o eucalipto no monte galego deben tomarse con seriedade, serenidade e baseándose na realidade”, incidiu o portavoz popular, quen afirmou que “nós cremos nun monte que estea ordenado, que xere riqueza e postos de traballo e que sexa eficiente cara á neutralidade carbónica a alcanzar no ano 2040”.

FONTE DE INGRESOS

Miguel Viso indicou que “falamos do eucalipto como unha fonte de ingresos moi importante para o rural galego e a nosa obriga é garantir un equilibrio entre economía e ecoloxía”. Deste xeito, asegurou que “seguiremos garantindo que o monte galego xere riqueza sen comprometer o medio ambiente nin a biodiversidade”.

Na súa intervención, concretou que Galicia conta na actualidade cunha superficie de 1,5 millóns de hectáreas arboradas, das que 413.000 son de eucalipto, 429.000 son de coníferas e 635.000 son de frondosas. “Nos últimos catro anos incrementamos en 10.400 hectáreas as masas de frondosas e coníferas, destinando máis de 32 millóns de euros en axudas, como resultado das medidas para reducir gradualmente o eucalipto en zonas sensibles como espazos protexidos, augas, patrimonio cultural e áreas costeiras”, apuntou.

O portavoz popular manifestou que “a Xunta xa está levando a cabo un plan sólido e efectivo de reconversión forestal, no que destacan actuacións como a prohibición de novas plantacións en montes públicos; priorizar a conversión de terreos con eucaliptos cara a especies autóctonas de maior valor ecolóxico e produtivo; a planificación en xestión pública e privada, asegurando unha ordenación forestal equilibrada; e a integración no Plan Forestal de Galicia 2021-240, incrementando coníferas e frondosas autóctonas, mellorando a xestión das plantacións existentes e diversificando os usos do monte”.

 

O Grupo Popular salienta que as axudas da Xunta para paliar os danos do xabaril incrementaranse un 45% o vindeiro 2025

A deputada do Grupo Popular Nicole Grueira salientou hoxe a “responsabilidade e eficacia” coa que a Xunta está a abordar o control do xabaril en Galicia e indicou que as axudas para paliar os danos desta especie incrementaranse o vindeiro ano un 45 por cento, alcanzando os tres millóns de euros.

Nicole Grueira manifestou que “os efectos do xabaril son unha cuestión de gran impacto tanto para o medio rural, como para a seguridade das persoas e tamén para os espazos urbanos e periurbanos”. “Estamos ante un reto complexo, sobre o que a Xunta está a actuar con rigor, con planificación e cun compromiso firme, tomando medidas concretas e eficaces para paliar os danos ocasionados e controlar esta especie”, indicou.

En concreto, a deputada destacou o esforzo económico que realiza a Xunta para paliar os danos desta especie, a través de axudas específicas, que o vindeiro ano se incrementarán case un 40 por cento; e con actuacións en materia de prevención, que contarán cun incremento do 20 por cento para o 2025.

EMERXENCIA CINEXÉTICA

Ademais, referiuse á declaración de emerxencia cinexética, unha ferramenta prevista no regulamento de caza que permite abordar con maior rapidez as zonas máis afectadas, axilizando a aplicación de medidas específicas para reducir as poboacións de xabaríns.

“Esta declaración entrou en vigor o pasado 11 de outubro por cuarta vez, logo das de 2019, 2021 e 2023, co obxectivo de reducir a presión do xabaril nos cultivos, afastalos dos núcleos urbanos e mellorar a seguridade viaria”, indicou. Este ano, a declaración esténdese a 40 comarcas, 260 concellos e preto do 85 por cento da superficie de Galicia.

Para rematar, Nicole Grueira sinalou que a Xunta, a través de convenios de colaboración cos concellos, está a implementar gaiolas trampa para o control do xabaril en zonas urbanas e periurbanas. “Estas medidas están a dar resultados positivos, logo de que no período 2023-24 se rexistraran 58 capturas nos concellos participantes”, concretou.