O Parlamento galego urxe ao Goberno central a convocar a Comisión Mixta de Transferencias para facer efectivo o traspaso dos medios para a xestión das competencias sobre o litoral

 

 

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera ao Goberno central a necesidade de constituír, coa máxima celeridade posible, a Comisión Mixta de Transferencias e, tras o aval do Tribunal Constitucional, facer efectivo o traspaso dos medios materiais e persoais necesarios para que a Administración autonómica poida xestionar o litoral e permita así consolidar o autogoberno pleno sobre os máis de 2.500 quilómetros de costa galega.

 

O portavoz popular de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, lembrou que “un ano e cinco meses despois da aprobación neste Parlamento galego da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral e sete meses despois de que o Tribunal Constitucional nos dese a razón de xeito unánime, seguimos esperando pola transferencia a Galicia de medios e persoal”.

 

LÍDERES NA XESTIÓN INTEGRAL DA COSTA

 

“Imos ser líderes na xestión integral da nosa costa gracias ao deseño e aprobación da Lei do litoral, que inclúe a capacidade de Galicia para outorgar, prorrogar, modificar ou extinguir concesións para o uso e ocupación do dominio público marítimo-terrestre,”, sinalou.

 

Gonzalo Trenor lembrou que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral foi aprobada polo Parlamento galego sen o apoio de BNG nin de PSdeG e posteriormente foi recorrida polo Goberno de Pedro Sánchez ante o Tribunal Constitucional, que deu a razón á Comunidade galega ao estimar só 2 dos 72 supostos de inconstitucionalidade que denunciou.

 

“O Tribunal Constitucional recoñeceu que o Estado debe traspasar os medios materiais e persoais a Galicia, en conformidade co principio de lealdade institucional”, indicou o portavoz popular, quen apuntou que ante esta sentencia a Xunta iniciou os trámites para pedir ao Goberno central este traspaso sen que ata o día de hoxe se teña constituído a Comisión Mixta para a transferencia sobre o litoral.

O PPdeG asegura que todos os galegos teñen acceso ás unidades especializadas de reprodución humana asistida en igualdade de condicións

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “todos os pacientes de Galicia teñen acceso ás unidades especializadas de reprodución humana asistida en igualdade de condicións, polo que non existe desequilibrio territorial, senón a lóxica ordenación das prestacións sanitarias para garantir aos cidadáns os mesmos niveis de calidade e seguridade nas prestacións recibidas”.

Encarna Amigo lembrou que a Xunta “prioriza o incremento da natalidade a través de diversas medidas de ámbito social, e agora damos un paso máis co Plan galega de reprodución humana asistida, que mellora as prestacións recollidas na carteira de servizos do Sergas e, adicionalmente, mellorar as ratios de natalidade de Galicia”.

ADECUADA EXPERIENCIA

Na súa intervención, a portavoz popular explicou que “tamén a nivel autonómico existen prestacións para as que é preciso un grao de especialización, concentrando recursos co obxectivo de garantir a equidade, que non é máis que a igualdade de acceso ás mesmas condicións de efectividade, calidade e seguridade nas técnicas ou tratamentos, que non estaría garantida no caso de dispersar e fragmentar a atención en unidades por falta da adecuada experiencia na súa utilización”.

“No Sergas existe unha ordenación na que en todos os seus hospitais se realizan técnicas de reprodución humana asistida, aínda que non todos os hospitais realizan todas as técnicas”, sinalou Encarna Amigo. En concreto, os hospitais comarcais realizan estudos básicos de esterilidade e indución da ovulación; os sete hospitais de área sanitaria inclúen, ademais, a inseminación artificial con seme; e, por último, nos hospitais de referencia de Santiago, A Coruña e Vigo existen unidades especializadas de reprodución humana asistida.

 

O Grupo Popular critica que o BNG queira baixar o orzamento da Consellería do Mar e despois pida priorizar investimentos na protección do sector pesqueiro e marisqueiro tradicional

 

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, incidiu hoxe no Pleno do Parlamento galego en que “para a Xunta o marisqueo é estratéxico, polo que a prioridade é recuperar a produtividade dos bancos”. Neste sentido, cualificou de “surrealista que no BNG queiran baixar o orzamento da Consellería do Mar, pero despois pidan priorizar os investimentos dirixidos a blindar a máxima protección ao sector pesqueiro e marisqueiro tradicional”.

Miguel Fidalgo lembrou que “a Xunta é moi consciente da gran importancia económica, social e ambiental que ten a actividade do marisqueo en Galicia, xa que estamos falando de máis de 3.600 permisos de marisqueo a pe, case 2.500 embarcacións na modalidade de marisqueo a flote e máis de 700 permisos con algunha das modalidades de recursos específicos”.

“É unha actividade desenvolvida por máis de 70 entidades asociativas que, no último exercicio, alcanzou unha produción superior ás 5.100 toneladas, alcanzando un valor de 62,6 millóns de euros”, apuntou.

GALICIA, REFERENTE NO SECTOR

O portavoz popular salientou que “Galicia é todo un referente neste sector e, ademais, é a única rexión en ofrecer un sistema real de cogobernanza a través de plans de xestión elaborados polo propio sector, que incorporan obxectivos tanto biolóxicos e ecolóxicos, como de carácter socioeconómico”.

Fidalgo manifestou que o marisqueo é sector “estratéxico” para a Xunta, e mostra disto é a posta en marcha do Plan de competitividade e sostibilidade do marisqueo en Galicia 2024-2025, dotado con 123 millóns de euros e que foi deseñado e consensuado co sector. Ademais, este plan irase adaptando en función do estado dos recursos e dos datos científicos técnicos dispoñibles en cada momento.

Así mesmo, o portavoz popular destacou que “a Xunta é a única administración que está dando axudas, tanto aos mariscadores afectados pola paralización da actividade extractiva nos bancos marisqueiros; como para fornecer a actividade das entidades mediante a mellora dos seus equipamentos e infraestruturas, e o apoio á diversificación das actividades; ou á formación, como vía de mellora”.

“Pero tamén se concederon axudas para contribuír a preservar e restaurar a biodiversidade e os ecosistemas mariños, e para planificar, adecuar e mellorar as zonas de produción”, engadiu.

POSTURA SURREALISTA DO BNG

Porén, Miguel Fidalgo cualificou de “surrealista” a postura adoptada polo BNG, xa que “queren baixar o orzamento da Consellería do Mar en 13 millóns de euros de fondos FEMPA, pero despois piden destinar os recursos do mesmo FEMPA preferentemente a accións de investigación sobre a perda de produtividade nas rías galegas; e tamén piden baixar o orzamento da Consellería do Mar e critican o gasto en promoción pesqueira ao mesmo tempo que demandan medidas de promoción dos produtos do mar galegos fronte á competencia dos importados e das etiquetaxes enganosas e fraudulentas”.

“Xa quedou demostrado a nula preocupación do BNG pola pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia, cando estes asuntos quedaron fóra do acordo de investidura co PSOE ou cando o seu grupo no Parlamento Europeo se manifestou en contra de que o marisqueo a pe puidera ser cuberto por axudas durante a etapa máis dura da pandemia”, lembrou o portavoz popular.

Para rematar, insistiu en que “a Xunta xa está facendo todo o que depende dela, pero o Goberno de España segue a negar, entre outros asuntos, a declaración de zona catastrófica das rías de Galicia, mentres a declaran noutras comunidades na mesma situación que a nosa”.

O Grupo Popular salienta o labor fundamental das oficinas agrarias para xestionar as axudas da PAC

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego “o labor fundamental que están a desenvolver as oficinas agrarias de toda Galicia para xestionar as axudas da PAC 2023-2027, unha convocatoria que implicou cambios coa incorporación de novas liñas de axuda e que conlevou adaptar procesos e desenvolver novas aplicacións informáticas para xestionar eficazmente as novas liñas de apoio”.

“Galicia é un pobo que se alimenta do traballo das súas xentes e o futuro do rural é o futuro de Galicia, polo que desde a Xunta estanse a facilitar camiños para que o relevo xeracional no campo sexa posible e para que novas mans se sumen ao traballo agrícola”, manifestou Miguel Viso.

INCREMENTO DUN 21 POR CENTO

Na súa intervención, o portavoz popular indicou que o número de solicitudes realizadas en 2024 acadou as 2.000 e para a nova convocatoria incrementouse nun 21 por cento o orzamento, ata alcanzar os 47 millóns de euros.

Miguel Viso afirmou que “o rural galego está en transformación e non podemos mirar cara outro lado” e lembrou diversas medidas adoptadas, como a ampliación da axuda a persoas de entre 41 e 55 anos; a titorización a través do persoal técnico agrario con funcións de asesorar na elaboración do plan empresarial ou na solicitude de axudas; ou no banco de explotacións, co obxecto de asegurar a remuda xeracional, favorecendo o contacto con xente interesada en compra ou alugamento coa seguridade que da as garantías da administración.

 

O Pleno do Parlamento galego aproba a nova Lei de cultura inclusiva e accesible, que apoia e da visibilidade ao talento de tantas persoas que pola situación de dificultade permanecen agochadas

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a nova Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, unha norma que “pretende facilitar o dereito de acceso á cultura de todas as persoas, sen excluír a ninguén, e que define un claro obxectivo: conciliar a cultura coa realidade das diferenzas que presentan as persoas, facendo fincapé en todas aquelas que pertencen a colectivos cuxa desvantaxe persoal ou social acaba por supor un verdadeiro atranco no ámbito cultural”, manifestou a portavoz de Cultura do Grupo Popular, Carmen Pomar.

En concreto, Pomar sinalou que “estamos diante dunha lei de dobre fluxo que busca, explicitamente, apoiar e dar visibilidade á creatividade e ao talento de tantas persoas que pola súa situación de dificultade permanecen agochadas para o público potencial e para a sociedade en xeral, coas consecuencias sociais e económicas que isto conleva e, inherente, o dano para o seu desenvolvemento persoal”.

UN ANTES E UN DESPOIS

A portavoz popular explicou que “o ordenamento xurídico galego carece neste momento dunha norma que regule este acceso á cultura en termos inclusivos e que integre, baixo este paraugas, mesmo a creación como o consumo cultural”. “A norma está pensada para aqueles colectivos desfavorecidos ou con maiores dificultades de inclusión, polo tanto en desvantaxe, para seren removidos todos e calquera dos obstáculos que inhiban ou prexudiquen a súa participación plena na vida cultural”, apuntou.

“Unha lei que marcará un antes e un despois para o acceso á cultura das persoas, ben como consumidoras, ben como produtoras, ou en ambas as dúas perspectivas”, asegurou Carmen Pomar, quen apuntou que “trátase de recoller ao longo dos seus 21 artigos e 5 disposicións un novo escenario para ir da man dos colectivos da diversidade, desfacendo barreiras e marcando obxectivos para que a cultura sexa 100 por cento accesible para todas as persoas e para que a cultura sexa unha ferramenta de expresión para todas e todos, sen excepción”.

Respecto dos mecanismos de seguimento, Carmen Pomar explicou que a lei prevé a creación do Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, “como órgano colexiado que, aínda que dependente da Consellería con competencias en materia de cultura, poda ser participado doutros órganos da Xunta e, incluso, doutras administracións públicas ou entidades do tecido asociativo e industrias culturais, e que levará a cabo o seguimento do cumprimento desta norma, nunha dinámica viva e aberta de análise e avaliación constante”.

 

O Grupo Popular destaca que o modelo fiscal consolidado de Galicia permite facer novas rebaixas selectivas de impostos

O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, salientou hoxe no Pleno, no debate das emendas á totalidade do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, que “o modelo fiscal consolidado en Galicia permite facer novas rebaixas selectivas de impostos, que benefician fundamentalmente ás rendas medias e baixas e aos colectivos especialmente protexidos”. Porén, avogou por ver este proxecto de Lei como “unha oportunidade para que os grupos parlamentarios poidan achegar as súas propostas, porque hai e haberá debate sobre o seu contido e as emendas presentadas”.

García Comesaña afirmou que con esta nova Lei “séguese a consolidar as importantísimas rebaixas de impostos que o Goberno galego leva implantando desde o ano 2016, que nos levou a ser unha das cinco comunidades autónomas que mellor tratamento da ás rendas de ata 21.000 euros no IRPF”. En concreto, explicou que no imposto de sucesións apróbase unha nova redución aplicable para os irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras, que suporá que as herdanzas de ata 25.000 euros a favor de calquera persoa deste grupo de parentes non tribute.

ACTUACIÓNS NO ÁMBITO DA VIVENDA

No ámbito da vivenda, o viceportavoz popular indicou que “vanse establecer dúas deducións para estimular ás persoas propietarias de vivendas baleiras a súa posta no mercado do aluguer de vivenda”. “Son medidas que van a apoiar aos pequenos propietarios, xa que non se poderán beneficiar destas deducións aqueles que posúan máis de 3 vivendas destinadas ao aluguer”, apuntou.

En concreto, as persoas que teñan algunha vivenda baleira que para poñela en condicións de ser usada precise determinadas obras poderán deducirse un 15 por cento do custe das obras, sempre que o valor de mercado da vivenda non supere os 300.000 €. Ademais, incentivarase cunha dedución de ata 500 euros o primeiro ano o aluguer de vivendas por parte particulares, sempre que a renda non supere os 700 euros mensuais.

Julio García apuntou que esta nova Lei de medidas fiscais e administrativas inclúe unha serie de medidas tributarias para facilitar o acceso á vivenda dos cidadáns galegos. Así, exímese de tributación no ITP-AXD todas as operacións implicadas na construción e financiamento da vivenda protexida de promoción pública, establecendo unha dedución na cota do 100%. Ademais, equipáranse os locais comerciais que se destinen a uso de vivenda ás vivendas, de xeito que as operacións gravadas polo tributo se beneficien dos tipos bonificados recoñecidos para as vivendas, ao tempo que se estimulan as operacións de promoción, construción e rehabilitación de vivendas que se poñan no mercado do aluguer, que poderán beneficiarse dunha dedución do 75 por cento na cota do citado imposto.

RECURSOS NATURAIS AO SERVIZO DOS GALEGOS

“A Xunta ten claro que a xestión da riqueza dos recursos naturais de Galicia ten que estar ao servizo dos intereses de toda a poboación galega”, afirmou o viceportavoz popular. Neste sentido, referiuse ao proceso de diminuír o número de autoxeneradores eólicos en Galicia a través da repotenciación; equiparar os locais comerciais coas vivendas en materia impositiva; a posta en marcha da taxa turística; conxelar o canon de perdas nas traídas de augas ata o 2028; o fomento da reciclaxe con ese canon unitario de tratamento por tonelada de contía reducida; a licenza de caza ou pesca indefinida para os maiores de 65 anos; a consolidación mediante lei das redución progresivas das ratios de alumnado.

Así mesmo, a nova Lei favorecerá a simplificación e axilización do procedemento para a recoñecemento da situación de dependencia e o dereito a prestación do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia; a axilización de construción de vivendas protexidas de promoción pública de titularidade autonómica; a utilización de edificacións existentes para o seu destino a vivenda; ou a garantía de duración permanente do réxime de protección da vivenda.

 

O Grupo Popular asegura que os gobernos do PPdeG “levan anos demostrando que Galicia pode funcionar ofrecendo máis e mellores servizos públicos, ao tempo que se baixan impostos”

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego, no debate de totalidade dos orzamentos da Xunta para 2025, que os gobernos do PPdeG “levan anos demostrando que Galicia pode funcionar ofrecendo cada vez máis e mellores servizos públicos, ao tempo que se baixan os impostos”. Así mesmo, cualificou a BNG e PSdeG como “a esquerda dos recortes, porque non só pretenden subir impostos, senón que pretenden ademais recortar servizos”.

Paula Prado concretou que, “a efectos prácticos, os orzamentos de 2025 significan que as familias galegas seguirán sendo as únicas de España que gozan dunha educación pública gratuíta desde a escola infantil ata a universidade; que a mocidade teña reservadas ata o 40 por cento das máis de 1.500 vivendas de promoción pública que está a desenvolver o Goberno galego; que as mulleres galegas de máis de 40 anos poidan acceder á reprodución asistida na sanidade pública; que as vítimas de violencia de xénero teñan a súa disposición cinco centros de atención 24 horas; ou que os galegos que reciban unha herdanza de parentes colaterais non teñan que pagar o imposto de sucesións”.

A ESQUERDA DOS RECORTES

Pola contra, a viceportavoz popular sinalou que BNG e PSdeG “son a esquerda dos recortes”. Así, explicou que “o BNG que se vende como defensor dos máis desfavorecidos quere recortar en máis de 50 millóns de euros a Risga e as axudas de inclusión social; o BNG que se vende como defensor da sanidade pública pretende recortar na compra de material sanitario; ou o BNG que di estar ao carón das familias pretende recortar as actividades da campaña de verán da Xunta, deixando a 11.500 nenos galego sen campamento”.

“Así mesmo, e logo do que vimos padecer aos valencianos estes últimos días a consecuencia da DINA, o BNG cre que a mellor opción é reducir o investimento na Axencia Galega de Emerxencias ou recortar en tres millóns de euros a partida destinada á adquisición de vehículos equipados para a defensa contra o lume”, apuntou.

RECORTES NA SANIDADE

Respecto das emendas do PSdeG, Paula Prado manifestou que “os mesmos socialistas que se manifestan en defensa da sanidade pública, queren aplicar recortes no pago das liñas telefónicas do Sergas ou no pago dos servizos postais, necesarios para que a cidadanía reciba as comunicacións derivadas de programas como o de cribado de cancro”.

“Pero é que o mesmo PSdeG que propón agora a gratuidade e supresión das peaxes nas autoestradas galegas é o que na campaña das pasadas eleccións autonómicas deu a súa palabra de que a AP-9 e a AP-53 ían ser gratuítas, e a día de hoxe estas autoestradas seguen sen ser gratuítas e para o vindeiro xaneiro percorrer a AP-9 custará 27 euros”, indicou a viceportavoz popular, quen engadiu que “os socialistas son os responsables de paralizar no Congreso a transferencia da AP-9, que xa leva 12 ampliacións do prazo de emendas”.

 

O Grupo Popular contrapón a xestión eficiente dos recursos públicos do Goberno galego coas fantasiosas contas carentes do máis elemental rigor de BNG e PSdeG

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe no debate de totalidade no Pleno do Parlamento dos orzamentos da Xunta para 2025 que para BNG e PSdeG “nada é imposible, cando mentes” e explicou que “reducen as súas emendas a unha enorme e impúdica mentira, na que basta desexar algo para que se converta en realidade”. “Os galegos nos demandan menos ruído e máis diálogo, e máis acordos e menos confrontación, pero tamén unha xestión eficiente dos recursos públicos e non fantasiosas contas carentes do máis elemental rigor”, apuntou.

Alberto Pazos manifestou que “o Parlamento debería recuperar de maneira inmediata a súa capacidade para xerar consensos, pero iso non será posible se non superamos o actual clima de confrontación, que nace da aparente incapacidade da oposición para asumir o resultado das urnas do pasado mes de febreiro”.

PRODUTO CADUCADO DA OPOSICIÓN

“A suposta alternativa que BNG e PSdeG ofrecen hoxe aos galegos non é máis que unha reprodución exacta do debate celebrado hai un ano, convenientemente remaquetado para presentar aos galegos, como se fose novo, o que non é máis que un produto longamente caducado”, sinalou. Así, criticou que os seus argumentos son “a mesma análise catastrofista, as mesmas conclusións equivocadas, as mesmas receitas rexeitadas unha e outra vez polos galegos, e, como non, a mesma actitude altiva que lles impide recoñecer nin un só logro a un Goberno que acaba de conseguir a súa quinta maioría absoluta consecutiva”.

O portavoz popular afirmou que Galicia “precisa alcanzar certos acordos básicos en materias fundamentais para o seu futuro”, como un pacto sobre a lingua, un pacto pola industria ou unha estratexia de acción exterior. Pero, puntualizou que “eses acordos se teñen que articular necesariamente en torno a un programa, a uns prantexamentos e a uns principios compartidos e validados por unha inmensa maioría dos galegos”.

“Chegou o tempo de que asuman que os galegos non comparten a súa compulsiva teima por subir impostos ou por inventar novos tributos, e de recoñecer que os galegos non comparten o seu recorrente mantra de que viven nunha Galicia asolada por falsos recortes que só existen no seu imaxinario partidista”, asegurou.

Pazos criticou que “gracias á visión positiva e creativa da esquerda galega podemos implementar novidosísimos programas en materia de vivenda ou de igualdade mediante a simple fórmula de deixar de pagar a débeda ou de eliminar concertos educativos, aínda que iso supoña deixar a milleiros de nenos galegos sen escolarizar, simplemente porque se lles esqueceu incluír nas súas emendas un centro educativo alternativo onde cursar os seus estudos”.

FISCALIDADE REAL, EQUILIBRADA E CONSECUENTE

Respecto das propostas en materia fiscal de BNG e PSdeG, o portavoz popular indicou que “cada ano reiteran a creación de novos impostos e o aumento dos tipos nos xa existentes, pero variando o cálculo da recadación para facelo coincidir milimetricamente coas cantidades que necesitan para cadrar a súa contabilidade creativa”. En concreto, dixo que “as mesmas figuras fiscais que para o BNG recadaban o pasado ano 209 millóns de euros, este ano alcanzan milagrosamente os 255 millóns de euros”.

“A Xunta vai seguir optando por manter unha fiscalidade real, equilibrada e consecuente”, subliñou Alberto Pazos, que contrapuxo co “Goberno de Pedro Sánchez, que incrementou a fiscalidade dos autónomos, os impostos aos hidrocarburos, ao diésel, ás bebidas azucaradas, aos plásticos dun so uso ou ao tratamento do lixo, e todo iso namentres incrementaba a recadación do Estado gracias aos perniciosos efectos da inflación e á negativa do Goberno a deflactar impostos”.

O portavoz popular destacou “o modelo fiscal xusto de Galicia, que nos sitúa entre as comunidades que mellor tratamento fiscal proporciona ás rendas máis baixas”. “Un modelo que garante unha maior xustiza social, como amosa o feito de que durante 15 anos consecutivos mantivésemos unha taxa de pobreza inferior á media estatal ou que o índice de GINI presente resultados sensiblemente mellores en Galicia que no conxunto de España”, matizou.

Respecto da condonación da débeda proposta polo PSdeG, Alberto Pazos criticou que fixen en 115 millóns de euros a suposta condonación para Galicia fronte aos 15.000 millóns de euros para Cataluña. Deste xeito, sinalou que “unha cousa é que defendan unha condonación da débeda, que nós consideramos un pésimo negocio para Galicia, e outra ben distinta é que en sede parlamentaria os socialistas lle falten ao respecto aos galegos asumindo unha cifra absolutamente ridícula”.

 

O Grupo Popular emenda os orzamentos da Xunta para 2025 para incentivar que pequenos propietarios con inmobles baleiros poñan estas vivendas no mercado de aluguer

O Grupo Popular incorpora nas súas emendas aos proxectos de Lei de orzamentos da Comunidade galega para 2025 e de medidas fiscais e administrativas dúas iniciativas para incrementar o mercado de vivendas en aluguer en Galicia a través de incentivos aos pequenos propietarios con inmobles baleiros para que os poñan no mercado con deducións no IRPF dos gastos derivados da súa adecuación ou polo simple arrendamento da vivenda.

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, acompañado polos conselleiros de Facenda, Miguel Corgos, e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, informou que as emendas ao proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas incorporan novas exencións fiscais orientadas a estimular que as persoas propietarias de vivendas as poñan no mercado de aluguer.

En concreto, o conselleiro de Facenda explicou que “o obxectivo é incrementar un 3 por cento o número de alugueres, o que supón incrementar a curto prazo o mercado con 1.000 novas vivendas”.

DEDUCIÓNS NO IRPF

Para iso, en primeiro lugar, introdúcese unha dedución do 15 por cento na cota autonómica do IRPF dos gastos derivados da adecuación dun inmoble baleiro para destinalo ao arrendamento como vivenda, cun importe máximo de 3.000 euros por vivenda e ano durante tres anos; e, en segundo lugar, establécese unha dedución de 500 euros na cota autonómica do IRPF polo arrendamento de vivendas baleiras.

Os destinatarios destas dúas deducións serán as persoas propietarias dun máximo de tres vivendas, cun límite de 700 euros do prezo mensual do aluguer, un arrendamento por un tempo mínimo de tres anos e que as vivendas leven, polo menos, un ano baleiras.

A conselleira de Vivenda manifestou que estas bonificacións fiscais “enriquecen as medidas xa impulsadas pola Xunta” e resaltou a colaboración dos concellos, pero lamentou “a deixadez do Goberno central e dunha lei estatal que non é só que non axude, senón que está a prexudicar claramente aos pequenos propietario que non se atreven a alugar as súas vivendas”.

Por este motivo, reclamou que “o Estado modifique esta Lei claramente lesiva e que se está demostrando tan ineficaz” e afirmou que o Goberno galego actúa “para dar solucións efectivas ás limitacións e á inseguridade xurídica creada coas propostas de creación de zonas tensionadas ou de limitación dos prezos, que da lugar a que os propietarios, ben sexa promotores privados ou ben particulares, non poñan as vivendas no mercado do alugueiro”.

EMENDAS AO ESTADO DE GASTOS

Previamente, Alberto Pazos informou que o Grupo Popular presentou 7 emendas ao estado de gastos do proxecto de Lei de orzamentos, entre as que destacan principalmente o incremento de 500.000 euros das axudas para as federacións deportivas galegas, co obxectivo de colaborar o máximo posible no seu correcto funcionamento; un axuste de 400.000 euros da partida destinada a axudas a partidos políticos, de xeito que se adecúe á evolución do IPC xa que leva conxelada desde o ano 2017; ou a apertura da posibilidade para que as asociacións sectoriais sen ánimo de lucro poidan beneficiarse tamén das subvencións para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación de desempregados.

Dentro das emendas ao proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, Alberto Pazos apuntou que se reforma a implantación do imposto sobre as estadías turísticas, concretando aspectos substantivos do tributo, que xa figuraba no artigo 8 da Lei de medidas. Deste xeito, esta taxa autonómica estará bonificada ao 100 por cento por parte da Xunta e se habilita aos concellos a establecer unha recarga de carácter municipal, que poderán aplicar a partir do 1 de xaneiro.

Outra das cuestións que o Grupo Popular incorporou nas súas emendas ao proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas ten relación co sector eólico. En concreto, van dirixidas a catro aspectos. En primeiro lugar, a repotenciación dos parques eólicos, establecendo a obriga de repotenciar os parques eólicos cunha antigüidade superior aos 25 anos, agás que nos proxectos autorizados se fixase unha vida útil dos aeroxeradores superior, que, en todo caso, terá un máximo de 30 anos.

En segundo lugar, a posibilidade de retramitación voluntaria daqueles parques que actualmente están en tramitación ou autorizados, pero non en funcionamento. Esta medida permitirá reactivar un sector castigado por decisións xudiciais, xa que os promotores poderán volver tramitar o parque, incluso conxuntamente coa súa liña eléctrica de evacuación, e adaptarse ás previsións da Lei 2/2024, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

NOVO PLAN EÓLICO

En terceiro lugar, establécese un novo canon eólico, de forma que a súa base impoñible dependerá da altura total dos aeroxeradores e cunha unha tarifa de 75 euros por cada metro. A previsión é que esta nova regulación entre en vigor o 1 de xaneiro de 2026, cunha recadación global prevista similar á correspondente ao sistema actual.

“E, por último, un aspecto que consideremos importante porque afecta directamente aos consumidores: en tanto non se aproba un novo Plan Sectorial Eólico, o 50 por cento da enerxía xerada polos novos parques que se atopan dentro das Áreas de Desenvolvemento Eólico, incluídas no Plan Sectorial Eólico de Galicia, deberá ser destinada a consumidores galegos, a través de contratos de subministración a longo prazo”, indicou Alberto Pazos. Esta medida está totalmente aliñada coa Lei 2/2024, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, e que xa establece que, para parques que se atopen fóra desas áreas, a porcentaxe de enerxía xerada para consumidores galegos sexa do 80 por cento.

 

Alberto Pazos asegura que BNG e PSdeG “están arrepentidos de ter solicitado a creación da Comisión de Investigación sobre os contratos da Xunta”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe que, “cada día que pasa e vendo os movementos e sobreactuación permanente que están a facer tanto BNG como PSdeG, estamos máis convencidos de que están arrepentidos de ter solicitado a creación da Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Administración galega”. Diante desta situación, afirmou que o Grupo Popular “vai seguir poñendo un pouco de sentidiño á celebración desta Comisión de Investigación, que consideramos é unha oportunidade para botar abaixo definitivamente todas as falacias que nacionalistas e socialistas están a espallar sobre a exemplar xestión que os Goberno do Partido Popular están a facer en Galicia”.

Alberto Pazos manifestou que “non se entenden todas e cada unha das trabas que BNG e PSdeG intentan poñer ao normal desenvolvemento desta Comisión de Investigación se, de verdade, tiveran interese real en coñecer o proceso de construción do Hospital Público Alvaro Cunqueiro ou as numerosas contratacións que levou adiante a Xunta durante a emerxencia sanitaria derivada da Covid-19”.

UNHA TRABA TRAS OUTRA

En concreto, lembrou que “comezaron coa solicitude para ampliar o prazo de suxestións ás normas de funcionamento; cuestionaron o informe sobre as súas propostas porque a letrada o fixo de xeito verbal á Presidenta da Comisión; pediron retrasar a Mesa e a Comisión para aprobar o plan de traballo, porque non lles ía ben a data prevista; boicotearon a Mesa por un defecto formal de prazo de convocatoria, que subsanamos habitualmente en todas as Mesas das comisións deste Parlamento; tentaron retrasar a celebración da Comisión na que se aprobou o Plan de Traballo da Comisión porque alegaban que o Grupo Popular non quería negociar con eles, cando a verdade é que levabamos esperando máis dunha semana pola súa resposta á nosa chamada; e despois interpoñen un recurso para suspender a celebración desa reunión da Comisión”.

“Sen esquecernos das súas dúas últimas pataletas: a primeira, presentando un escrito na tarde do mércores para revogar o acordo do Plan de Traballo; e, a máis recente, anunciando que van impugnar a Mesa celebrada onte porque din que non se lles comunicou con antelación como ía ser a execución do Plan de Traballo”, sinalou.

Por este motivo, demandou aos deputados do BNG que “deixen de actuar, poñer paos nas rodas desta Comisión de Investigación e póñanse a traballar, se de verdade queren coñecer como foi o proceso para a construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e como se desenvolveron todos os contratos realizados polos últimos gobernos do Partido Popular na Xunta”.

Alberto Pazos considerou “inexplicable que BNG e PSdeG rexeitaran a oferta realizada polo Grupo Popular para incorporar no plan de traballo 16 comparecentes que figuraban nas súas propostas entre eles altos cargos do Goberno galego e representantes de empresas que contrataran coa Xunta, pero van ter á súa disposición unha amplísima documentación e 39 comparecentes que poderán dar resposta a todas as súas dúbidas e desconfianzas respecto da actuación desenvolvida pola Xunta nestes últimos anos”.

FIXADAS 23 DAS 39 COMPARECENCIAS

O portavoz popular informou que no día de onte celebrouse a Mesa da Comisión de Investigación na que se aprobou unha primeira fase do calendario de comparecencias e o requirimento dos 118 documentos que figuran no Plan de Traballo. En concreto, as comparecencias darán comezo o vindeiro xoves, 21 de novembro, ás 10 da mañá co subdirector xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre os anos 2005 e 2009, José Ramón Gómez Fernández; ao que seguirá a conselleira de Sanidade do Goberno bipartito, María José Rubio; o ex xerente do Hospital Xeral e primeiro xerente do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, Félix Rubial; o ex secretario xeral do SERGAS, Antolín Rodríguez Martínez; a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte do Goberno bipartito, María José Caride; e a ex conselleira de Sanidade entre os anos 2009 e 2011, Pilar Farjas.

Esta primeira fase de comparecencias continuará o venres, 22 de novembro (con outros 6 comparecentes); o martes, 26 de novembro (6 comparecentes); e o mércores, 27 de novembro (5 comparecentes). En total, nesta primeira fase de comparecencias pasarán polo Parlamento galego 23 das 39 persoas que serán citadas nesta Comisión de Investigación, quedando as outras 16 para unha segunda fase que será concretada nunha nova reunión da Mesa.

“O Grupo Popular está a tomarse moi en serio a celebración desta Comisión de Investigación, por respecto a este Parlamento e a todos os galegos que teñan interese en coñecer a verdade sobre a contratación pública realizada pola Xunta nestes últimos anos, pero resulta lamentable que tanto BNG como PSdeG optaran por facer todo o posible para desprestixiar esta Comisión de Investigación, intentando retrasar a súa celebración con todas as artimañas ao seu alcance”, sinalou.

Para rematar, Pazos asegurou que BNG e PSdeG “están a trasladar un día tras outro a sensación de que están máis que arrepentidos de crear esta Comisión de Investigación e agora tentan saír deste embolado no que se meteron enlodando todo o posible o terreo e poñendo todas as trabas posibles para retrasar a súa celebración”. “Nós, desde o Grupo Popular, imos poñer todo o que estea na nosa man para continuar celebrando con normalidade e celeridade esta Comisión de Investigación, que é o que defendemos desde o primeiro momento porque estamos convencidos que é o que queren de nós todos os galegos”, dixo.