O Grupo Popular sitúa ao Rexistro Vitícola de Galicia como unha ferramenta esencial para o desenvolvemento das competencias dos consellos reguladores das denominacións de orixe galegas

O deputado do Grupo Popular Juan Casares salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o Rexistro Vitícola de Galicia é “unha ferramenta esencial para o desenvolvemento das competencias dos consellos reguladores das denominacións de orixe galegas” e lembrou que desde o ano 2022 “a Xunta está a acometer unha actualización integral do mesmo, para conectalo co Rexistro Xeral de Explotacións Agrarias de Galicia e implementar innovacións como o acceso gráfico das parcelas”.

Juan Casares explicou que o Rexistro Vitícola de Galicia “é un rexistro informático único, público e de natureza técnico-administrativa, fundamental para coñecer a situación real do potencial vitícola da Comunidade galega”. Máis en concreto, apuntou que “serve para xestionar determinados procedementos administrativos das plantacións, o seguimento e control da evolución das superficies de viñedo, e como base de datos e fonte das estatísticas oficiais do sector, en particular do inventario vitícola de Galicia”.

FOTO REAL

“Polo tanto, nace coa vocación de reflecti-la realidade vitícola de Galicia a través de datos da titularidade, identificación e localización das explotacións vitícolas así como das parcelas de viñedo que as constitúen”, sinalou.

O deputado popular manifestou que “falamos dun rexistro actualizado, solidariamente co dos Consellos Reguladores, que permita a estes traballar cunha foto real, o que se traduce en coñecer o seu tamaño real tanto en superficie produtiva como en efectivos, facilitar o seu labor de control, garantir a orixe e calidade do produto e ser un aliado eficiente na prevención do fraude”.

Respecto do persoal, Juan Casares explicou que a Consellería do Medio Rural ten a disposición do Rexistro Vitícola “os efectivos que lle permite a día de hoxe a relación de postos de traballo no Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense: un administrativo e tres técnicos”. No caso do servizo na comarca de Valdeorras, conta con tres técnicos en Viloira e outro na oficina de A Rúa.

O Grupo Popular afirma que “para que Galicia siga funcionando é necesario que sigamos contando co traballo de institucións como o Valedor do Pobo”

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “para que Galicia siga funcionando é necesario que sigamos contando co traballo de institucións como o Valedor do Pobo, que busquen a excelencia no mellorable, que poñan luz alá onde non alcanza a vista e que traballen para que Galicia siga superándose a si mesma”.

No debate sobre o Informe anual do Valedor do Pobo correspondente ao ano 2023, Paula Prado salientou que “cumpre fielmente as funcións da institución que representa: fomentar, promover, protexer e garantir os dereitos humanos e as liberdades fundamentais das persoas”.

“E na defensa dos dereitos humanos tamén nos atopará ao Partido Popular, sen cortapisas ideolóxicas, porque tamén en Galicia residen refuxiados de guerras inxustas e exiliados de ditaduras, e, por tanto, dado que están nunha situación de vulnerabilidade, tamén temos que prestarlles servizos sanitarios, educativos, de vivenda e emerxencia social”, indicou.

AS PREOCUPACIÓNS DOS GALEGOS, A NOSA OCUPACIÓN

En concreto, Paula Prado referiuse “á situación que sofre o pobo ucraíno, inxustificadamente invadido por Rusia; aos nenos e mulleres brutalmente asasinados e violados a mans dos terroristas de Hamas; e, por suposto, ao pobo venezolano, ao que se lle está furtando o dereito a elixir democraticamente o seu futuro”. Porén, lamentou que “logo de que o BNG se negase de xeito reiterado neste Parlamento a condenar a invasión rusa de Ucraína e o terrorismo de Hamás, perdemos a esperanza de que se sumen a esta causa”.

A viceportavoz popular agradeceu á Valedora do Pobo que “un ano máis volva acudir ao Parlamento galego a dar conta dun informe que é fiel reflexo das preocupacións dos galegos, unhas preocupacións que son tamén as ocupacións do Goberno galego”. “Porque fronte á esquerda do non, do catastrofismo inxustificado e da busca permanente do rédito político a calquera prezo, para o PPdeG as preocupacións dos galegos son a nosa ocupación e son tamén a motivación do Goberno presidido por Alfonso Rueda”, apuntou.

Paula Prado manifestou que, á vista do informe, “o tema que máis preocupa aos galegos é a sanidade, e por iso o Goberno galego se ocupa de garantir unha sanidade pública de calidade que funciona e seguirá funcionando”. Neste sentido, recordou que este mesmo verán Galicia actuou e tomou medidas para reforzar o persoal e garantir unha asistencia sanitaria de calidade: incorporando 1.500 profesionais máis que o pasado ano, realizando 1.400 cirurxías máis e atendendo 5.000 chamadas máis no 061”.

Por último, no ámbito da vivenda, a viceportavoz popular subliñou que “a Xunta se ocupa de facilitar o acceso a ela do mellor xeito que se pode: construíndo máis vivenda pública e ofrecendo axuda para alugar ou mercar”. “Esas son as políticas de vivenda que funcionan e non aquelas que só buscan un intervencionismo, que só sirve para que, en vez de baixar, os prezos suban aínda máis; e poñerse de lado dos okupas, en vez de apoiar aos propietarios para que haxa máis vivendas dispoñibles no mercado”, dixo.

O Grupo Popular afirma que a instalación de Altri en Palas de Rei vai depender “do estrito cumprimento das normas europeas, españolas e galegas, as máis respectuosas co medio ambiente do mundo”

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a instalación do proxecto de Altri en Palas de Rei vai depender “do estrito cumprimento das normas europeas, das españolas e das galegas, normas que son das máis respectuosas co medio ambiente de todo o mundo”. Neste sentido, incidiu que “o proceso de tramitación ambiental no que se atopa o proxecto é a garantía de que a Xunta só respaldará a implantación de novas actividades económicas no territorio que sexan compatibles co decidido impulso ao sector primario galego”.

Rubén Lorenzo criticou que “destacados dirixentes tanto de BNG como do PSdeG reclamaban con vehemencia nos anos 2021, 2022 e 2023 o proxecto da biofábrica para o seu municipio” e anotou que “o motivo do seu cambio de criterio non é outro que o resultado das eleccións do pasado mes de febreiro”. “Asúmano: a maioría silenciosa dos galegos non aceptan o seu discurso contra unha Galicia reindustrializada dun xeito sostible”, manifestou.

EUCALIPTO SUFICIENTE

Na súa intervención, o portavoz popular negou que o proxecto de Altri vaia supoñer a eucaliptización de Galicia. Así, explicou que “na Comunidade galega córtanse cada ano 6 millóns de metros cúbicos de eucaliptos, dos que máis de dous millóns se transforman en Galicia e os outros catro saen fora como madeira de rolla, sen ningunha transformación”. “Altri transformaría 1,2 millóns de metros cúbicos de eucalipto, polo que en Galicia existe recurso máis que suficiente para atender ás industrias que pechen o ciclo e deixen o valor engadido na Comunidade galega”, apuntou.

Respecto do impacto deste proxecto sobre os recursos hídricos de Galicia, Rubén Lorenzo dixo que “incorpora tecnoloxía innovadora para o aproveitamento eficiente da auga captada, polo que a dispoñibilidade de auga para outros usos na comarca da Ulloa estaría plenamente garantida”.

Para rematar, o portavoz popular lamentou que “entre tanta desinformación, estamos perdendo unha gran oportunidade para falar do verdadeiramente importante: o cumprimento das normas vixentes e a oportunidade que temos de reindustrializar o noso país”. “Vostedes poden defender o que queiran, poden seguir enlamando e intoxicando sen límites morais nin éticos, pero o que non deberían facer, por respecto e dignidade ao noso país, é seguirlle mentindo á sociedade galega”, rematou Rubén Lorenzo dirixíndose aos deputados do BNG e do PSdeG.

 

 

O Grupo Popular critica a “hipocrisía sen límites” do BNG ao rexeitar proxectos industrias en Galicia e ao mesmo tempo pedir no Parlamento evitar a deslocalización de empresas

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, criticou a “hipocrisía sen límites do BNG ao rexeitar, unha e outra vez proxectos industriais que pretenden localizarse en Galicia e vir hoxe ao Pleno do Parlamento galego cunha iniciativa para evitar a deslocalización de empresas en Galicia”.

Rubén Lorenzo explicou que “o Goberno galego traballa para poñer ao dispor das empresas instrumentos e medidas de apoio que contribúen á creación e mantemento do emprego e a mellora da súa competitividade, na procura de que manteñan e potencien a súa actividade en Galicia”. “E avanza nunha estratexia de política industrial para facilitar a implantación e consolidación das iniciativas empresariais en Galicia, apostando pola redución da burocracia”, indicou.

CONTORNA FAVORABLE

Así mesmo, destacou que o Goberno galego avoga polo “binomio enerxía-industria, co obxectivo de impulsar a atracción de empresas e industrias, así como o crecemento e a consolidación de empresas, para o que está implementando unha serie de medidas dirixidas a fomentar a competitividade e sustentabilidade do tecido industrial e, deste xeito, evitar a deslocalización”.

“Estas medidas céntranse en crear unha contorna favorable para o investimento, apoiar a reindustrialización e fomentar a colaboración público-privada”, dixo o portavoz popular, quen puxo como exemplo iniciativas como a disposición de solo industrial gratuíto durante 8 anos para as empresas, a creación da Oficina Económica de Galicia, os incentivos e instrumentos que impulsan a atracción de empresas, o plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais ou o impulso da colaboración público-privada, incluída a posta en marcha da entidade Recursos de Galicia.

O Grupo Popular reitera a disposición da Xunta de iniciar, antes de que remate 2024, un diálogo coas forzas políticas para impulsar un Pacto pola lingua

O deputado do Grupo Popular José Luís Ferro reiterou hoxe no Pleno do Parlamento galego a disposición da Xunta de Galicia a iniciar, antes de que remate o presente ano 2024, un diálogo con todas as forzas políticas parlamentarias, no marco do Pacto pola Lingua, de cara a procurar os consensos necesarios que permitan seguir impulsando e prestixiando o uso do galego en todos os contextos.

José Luís Ferro manifestou que un Plan da lingua galega “non debe ter como obxectivo desprazar unha ou outra lingua, nin impedir que os galegos aprendamos outros idiomas, senón que debe servir para que calquera poida vivir plenamente en galego, tal e como o recoñecen a Constitución e o Estatuto de Autonomía, que garanten que en Galicia temos dúas linguas oficiais”.

Neste sentido, indicou que “o conselleiro de Lingua traballa para poñer en marcha novas medidas de cara a seguir impulsando o galego, para o que quere contar con todas as forzas políticas parlamentarias co obxectivo de seguir impulsando e prestixiando o uso do galego en todos os contextos”. “Para ese Pacto da Lingua, a Consellería terá que achegar posicións, pero as formacións políticas terán que revisar o seu pesimismo e dramatismo no que respecta ao uso do galego”, incidiu.

O deputado popular alertou de que “se a cotío predicamos as debilidades da nosa lingua, o que o cidadán medio percibirá é que el debe apostar por outra lingua, polo que non debemos practicar nin o vitimismo nin o propagandismo esaxerado”.

Por último, e tomando os datos do último informe da lingua publicado polo Consello de Europa, Ferro dixo respecto do galego que “existen aspectos que deben mellorar, pero tamén se recoñece o algo índice de protección que as linguas cooficiais teñen en España, moi por enriba do que é habitual noutros países”. Ademais, salientou que o galego é a lingua cooficial con máis uso de todas as de España e conta co índice de competencias e coñecemento máis alto da historia.

O Grupo Popular anima aos concellos a incrementar a reciclaxe para beneficiarse da rebaixa do canon que pagan a SOGAMA polo tratamento de residuos

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, animou hoxe aos concellos galego a incrementar a reciclaxe para beneficiarse da rebaixa do canon que pagan a SOGAMA polo tratamento dos residuos. Así mesmo, pediu ao Goberno central que elimine o novo imposto estatal sobre vertido e incineración, “que penaliza aos modelos de xestión de residuos eficaces como SOGAMA que buscan reducir os residuos que se envían so vertedoiro”.

Gonzalo Trenor lembrou a proposta realizada pola Xunta aos responsables da Federación Galega de Municipios e Provinciais (Fegamp) a través da que se establecería un canon reducido de 95 euros por tonelada, que podería baixar incluso aos 83 euros por tonelada, se os concellos compren un destes requisitos: reducir as entregas de lixo a SOGAMA nun mínimo do 1 por cento respecto do ano anterior ou incrementar nun 3 por cento a aportación á reciclaxe do contedor amarelo ou marrón.

REBAIXA DO 60 POR CENTO NA SUBA DO CANON

“Cumprindo algunha destas dúas cuestións, os concellos poderán acollerse á proposta da Xunta de sufragar o 60 por cento da suba do canon, mantendo durante o próximo exercicio a achega de 12 euros por tonelada a través do Fondo de Cooperación Local adicional”, indicou.

O portavoz popular lembrou que a actualización do canon de SOGAMA “é responsabilidade única do Goberno central polas súas equivocadas actuacións, que supuxeron un sobrecusto no último ano e medio de 39 euros por tonelada na xestión dos residuos, suba que asumiu SOGAMA sen trasladala aos concellos”.

En concreto, Trenor citou “as decisións baseadas en políticas fiscais penalizadoras” postas en marcha polo Goberno de Pedro Sánchez: o imposto estatal sobre vertido e incineración, a orde ministerial que elimina a retribución que Galicia recibía pola planta termoeléctrica de Cerceda; e o imposto estatal de produción de enerxía.

“O modelo de SOGAMA está plenamente avalado pola Unión Europea e prima a aplicación dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe”, asegurou Gonzalo Trenor, quen anotou que “canto menos lixo envíen os concellos a SOGAMA e máis recuperen a través da reciclaxe, menos cantidade de residuos se valorizarán enerxeticamente e menos pagarán a esta empresa pública pola súa xestión”.

Para rematar, salientou que 295 dos 313 concellos galegos apostan por SOGAMA fronte a outros modelos como o de Nostián ou Serra do Barbanza, “que apostan polo modelo húmido-seco, unha opción a extinguir xa que é contraria ás directrices europeas e resultan notablemente máis custosas para os concellos adheridos”.

Alberto Pazos asegura que o Grupo Popular porá “todo o que estea na nosa man para facilitar e axilizar” a celebración da Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Xunta

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe que “imos facilitar e axilizar con todo o que estea na nosa man” a celebración da Comisión de Investigación sobre a contratación publica da Administración autonómica “para botar abaixo todas e cada unha das trolas e bulos que desde o BNG e o PSdeG están intentando trasladar á sociedade galega sobre a construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e as contratacións realizadas pola Xunta de Galicia”.

A Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica celebrou esta mañá a súa primeira reunión na que se procedeu á elección da súa Mesa, que estará presidida pola deputada do Grupo Popular Elena Candia; coa tamén deputada popular Carmen Pomar como vicepresidenta; e o deputado do BNG Luis Bará como secretario.

INTERESE, ÁNIMO DE TRABALLO E DISPOÑIBILIDADE

Alberto Pazos afirmou que desde o Grupo Popular “afrontamos esta Comisión de Investigación con interese, ánimo de traballo e plena dispoñibilidade, porque estamos convencidos de que, tanto a documentación que se aporte a esta comisión como a testemuña dos comparecentes que pasarán pola mesma, permitirán poñer de manifesto a excelente xestión que a Xunta está a facer dos recursos públicos de todos os galegos”.

“O que resulta sorprendente é a actitude contraditoria do BNG, que, por unha banda, leva días esixindo acelerar os prazos relacionados con esta Comisión, pero hoxe mesmo solicitou ampliar eses mesmos prazos argumentando que necesitan tempo para realizar unhas emendas ás normas de funcionamento”, indicou o portavoz popular.

Por este motivo, solicitou aos nacionalistas galegos “un pouco de coherencia, para non pedir ao mesmo tempo recortar e ampliar prazos; e un mínimo de rigor, porque o Grupo Popular non vai presentar unha proposta de normas de funcionamento, xa que realmente corresponde aos servizos do Parlamento e, polo tanto non existen emendas, senón suxestións por parte de todos os grupos parlamentarios que o consideren oportuno”.

“O BNG debería deixar a un lado o seu autoritarismo e asumir que estamos nun Parlamento democrático, que se rexe polas normas previamente establecidas e de acordo coas maiorías xurdidas nas urnas”, dixo Alberto Pazos, quen criticou que as declaracións da portavoz do BNG “deixan claro que xa teñen escrito o guión desta Comisión de Investigación e pretenden impoñer as normas de funcionamento, o Plan de Traballo e, desgraciadamente, tamén as conclusións da mesma”.

AGARDAR AO FINAL DOS TRABALLOS PARA AS CONCLUSIÓNS

Pola contra, asegurou que o Grupo Popular “prefire agardar aos informes dos servizos da Cámara para establecer as normas de funcionamento e ás propostas de Plan de Traballo para facer unha valoración da súa pertinencia e, desde logo, esperaremos ao final dos traballos para poder escribir unhas conclusións”. “Esa é a diferenza entre unha Comisión de Investigación para coñecer a verdade e unha caza de bruxas para impoñer os bulos que os partidos da oposición levan espallando durante anos sen máis proba que os seus prexuizos”, incidiu.

Alberto Pazos insistiu que o Grupo Popular “vai facilitar e axilizar con todo o que estea na nosa man a celebración desta Comisión de Investigación, co obxectivo de que os galegos coñezan a realidade que está detrás do modelo de financiamento e funcionamento do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e das contratacións realizadas pola Xunta de Galicia”.

“Porque non pararemos de manifestar o noso orgullo pola posta en marcha en Vigo dun dos mellores hospitais de Europa, nun momento de fonda crise económica e que permitiu afrontar a pandemia nas mellores condicións de atención sanitaria aos veciños de toda a área viguesa; e rexeitamos calquera manobra da oposición nacionalista e socialista para poñer en dúbida a boa xestión dos gobernos do PPdeG na Xunta, co único obxectivo de tapar os escándalos que afogan pouco a pouco ao actual Goberno de España e, por enriba de todo, ao Presidente Pedro Sánchez e o seu entorno familiar”, rematou.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que vele pola existencia de postos de control autorizados para animais en todos os portos de saída de gando cara terceiros países

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio dos deputados do PSdeG, unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España, en particular ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que, cumprindo co establecido no Regulamento europeo 2023/372, vele para que en todos os portos que actúan en España como puntos de saída de gando cara terceiros países, e especialmente no caso do porto de Alxeciras, por ser o máis usado polos operadores galegos, existan postos de control autorizados para as distintas categorías de animais.

O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Viso, manifestou que, “co fin de garantir que os animais transportados desde outros estados ou ben en viaxes largos por estrada desde o seu lugar de saída ata os portos marítimos podan descargarse con seguridade e ser alimentados e abrevados e poder descansar, a normativa europea establece que debe dispoñerse ao menos dun posto de control nos puntos de saída dos portos marítimos ou a unha distancia de dúas horas por estrada desde o punto de saída”.

IMPLEMENTACIÓN URXENTE

“Necesitamos que estas infraestruturas se implementen de maneira urxente, non só para evitar sancións, senón tamén para garantir que os nosos operadores gandeiros poidan seguir competindo en igualdade de condicións cos seus homólogos europeos”, sinalou Miguel Viso.

En concreto, apuntou que “falamos de benestar animal, xa que o regulamento europeo non é so unha norma legal, senón un reflexo desta demanda social de prácticas éticas e responsables no manexo do animal”. “A creación destes postos de control reducirá o estrés e o sufrimento durante o transporte, o que mellora a calidade do produto final”, dixo.

Así mesmo, Viso indicou que “outro aspecto clave é a saúde pública, porque contar con postos de control axeitados permitirá inspeccionar regularmente o estado dos animais, detectando posibles problemas sanitarios antes de que se convertan en ameazas”.

COMPETITIVIDADE DO SECTOR GANDEIRO

“E, por último, está a competitividade do sector gandeiro, xa que cumprir coas normativas europeas é clave para poder seguir exportando a mercados internacionais”, sinalou o portavoz popular. Deste xeito, afirmou que, “se non contamos coas infraestruturas necesarias nos portos, arriscámonos a perder competitividade, a que os nosos produtos sexan axeitados ou que os operadores busquen alternativas noutros países”.

Miguel Viso fixo referencia á situación que existe no porto de Alxeciras, o porto máis empregado polos operadores galegos par as exportacións de gando cara a terceiros países, que non conta coas infraestruturas necesarias para cumprir co Regulamento europeo. “Pero esta situación tamén se pode trasladar a outros portos, como Tarragona ou Cartaxena, que presentan carencias graves nas infraestruturas necesarias para o control do gando”, rematou.

O Grupo Popular pide ao Goberno de España que presente unha nova Lei que regule o exercicio das profesións do deporte

O deputado do Grupo Popular Pablo Prieto demandou hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno central cumpra co recollido na Lei do Deporte Español e presente nas Cortes Xerais unha nova Lei que regule o exercicio das profesións do deporte, establecendo os dereitos e obrigas dos profesionais e os requisitos para o desenvolvemento das diferentes actividades. Así mesmo, determinará a reserva de actividades da profesión titulada e colexiada dos licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte.

“Entendemos que Galicia debe esperar á aprobación desa normativa estatal que dote de seguridade xurídica aos axentes deportivos antes de redactar unha lexislación autonómica, toda vez que esa norma do Estado establecerá o réxime básico e xeral de aplicación para o conxunto do territorio nacional e se evitarán posibles contradicións e outras problemáticas que afecten aos profesionais”, explicou o deputado popular.

Pablo Prieto recordou que a aprobación desta Lei de profesións do deporte “é unha das tres reformas ás que se comprometeu o Goberno de Pedro Sánchez para a recepción dos 300 millóns de euros procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia no ámbito deportivo, xunto coa Lei do deporte e a Estratexia nacional do fomento do deporte contra o sedentarismo e a inactividade física”.

De xeito paralelo, afirmou que a Xunta, no ámbito das súas competencias e da man dos axentes afectados, “debe continuar traballando para que a práctica do deporte en Galicia se realice nas máis óptimas condicións de seguridade para os deportistas, o que inclúe outros aspectos como o aseguramento obrigatorio establecido na Lei do deporte de Galicia”.

O Parlamento de Galicia demanda que a Xunta continúe apoiando aos concellos na prestación dos servizos de Protección Civil

O Parlamento galego aprobou hoxe, sen o apoio do BNG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita que a Xunta continúe apoiando aos concellos coa dotación de medios e axudas económicas para a prestación dos servizos de Protección Civil, dada a importante labor que prestan á cidadanía.

O deputado popular Ángel Rodríguez salientou que as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil “son especialmente importantes, tanto nas tarefas de prevención como nas intervencións directas en situacións de emerxencia”. Así, destacou o “incremento de servizos que se está a dar para estas agrupacións, tanto en colaboración en emerxencias como en eventos programados, ben sexan deportivos, concertos, desfiles ou calquera outro acto que supoña aglomeración de persoas”.

“A importancia desa labor desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil fixo medrar a súa presenza en Galicia ata a cifra histórica dos 235 colectivos en 2023”, destacou o deputado popular, quen apuntou que ao longo do pasado ano realizaron 48.179 operativos, cunha media diaria de 132 intervencións. Estas actuacións centráronse na súa meirande parte en accidentes de tráfico, case o 35 por cento; ademais de incidentes relacionados con animais, incendios, rescates e operativos sanitarios e de seguridade.

DEDICACIÓN

Ángel Rodríguez apuntou que “o 25 por cento das actuacións realizadas polas agrupacións de voluntarios de protección civil tiveron lugar en fins de semana e datas específicas, o que demostra a dedicación destes colectivos nos momentos de maior necesidade”.

Para rematar, o deputado popular referiuse ás diferentes liñas de axuda que a Xunta ten a disposición das agrupacións de voluntarios de protección civil, que supuxeron un investimento de 20 millóns de euros nos últimos anos. En concreto, lembrou que o pasado 2 de agosto publicáronse as axudas para equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios galegos que conten con agrupacións de voluntarios de protección civil, que conta cun orzamento superior aos 450.000 euros. Ademais, existe unha liña de axudas anual destinada ao mantemento da actividade destas agrupacións de voluntarios, que ascende a 340.000 euros e que este ano beneficiou a preto de 200 colectivos.

A estas axudas para o equipamento, Ángel Rodríguez sumou as actividades de formación realizadas a través da Academia Galega de Seguridade Pública. Así, ao longo do pasado ano celebráronse case un cento de accións formativas nas que participaron arredor de 2.000 voluntarios.