O Grupo Popular salienta que Galicia xa abonou o 82% das axudas solicitadas para o fomento do autoconsumo enerxético de Galicia

O deputado do Grupo Popular Miguel Fidalgo salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta xa abonou o 82 por cento das axudas solicitadas para o fomento do autoconsumo enerxético en Galicia, xestionadas a través do Instituto Enerxético de Galicia.

Miguel Fidalgo sinalou que “a incorporación do autoconsumo con fontes de enerxía renovables é moi positiva por múltiples factores: é bo para a consecución dos obxectivos de implantación das enerxías renovables, é bo a redución de emisións, e é bo porque tamén axuda á creación de emprego, a mellorar a competitividade da nosa economía e tamén supón un apoio ao terceiro sector, entre outros beneficios”.

Na súa intervención, lembrou que “o contexto enerxético existente no momento da apertura da convocatoria deu lugar a que o número de solicitudes superaran amplamente os fondos dispoñibles inicialmente, polo que moitos proxectos non puideron recibir inicialmente a axuda solicitada”. Diante desta situación, a Xunta foi solicitando ampliacións de orzamento para poder subvencionar todos os proxectos presentados na convocatoria, incrementando un 338 por cento o orzamento inicial, ao pasar de 11,5 a 38,9 millóns de euros.

“Con estes fondos a Xunta vai poder atender todas as solicitudes presentadas, situando neste momento a Galicia como a comunidade coa porcentaxe máis alta de España en expedientes pagados: o 82 por cento xa están abonados, segundo os datos do propio Ministerio”, rematou.

 

O Parlamento galego pide reforzar a adaptación e integración educativa e pedagóxica do alumnado estranxeiro

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que, apoiándose na experiencia destes anos e ante os novos retos, reforce a adaptación e a integración educativa e pedagóxica dos alumnos e alumnas orixinarios doutros países e que estuden no sistema educativo galego para facilitar o seu proceso de aprendizaxe.

A portavoz popular de Educación, Cecilia Vázquez, explicou que Galicia conta con arredor de 21.000 alumnos estranxeiros, o que representa o 6 por cento do total e a sitúa entre as comunidades españolas con menor número deste tipo de estudantes. Porén, afirmou que Galicia é a comunidade onde máis medra nos últimos anos o número de estudantes estranxeiros.

Diante desta situación, Cecilia Vázquez explicou que a Xunta está a traballar para presentar antes de que remate o presente ano un protocolo de acollida para alumnado estranxeiro, co obxectivo de favorecer a súa integración, non só desde o punto de vista formativo, senón tamén emocional.

ADIANTARSE AOS DESAFÍOS

“Este plan de acollida busca adiantarse aos desafíos a curto, medio e longo prazo, facilitando o labor de escolarización, acollida e benestar emocional do alumnado especialmente vulnerable polas súas condicións de procedencia, entre outras”, indicou.

En concreto, entre os obxectivos deste plan están reducir as barreiras que poidan frear a participación plena do alumnado inmigrante na contorna escolar; asegurar a expresión e a comprensión lingüística efectiva no contorno escolar; fortalecer as súas habilidades de lectura e escritura; e desenvolver actividades que promovan o entendemento intercultural a través das bibliotecas escolares.

A portavoz popular asegurou que “o ensino galego destaca pola equidade, inclusión e igualdade para o alumnado, ademais de por un bo clima de convivencia nas aulas”. “Esta situación é resultado do traballo de diferentes departamentos da Xunta, que teñen permitido que, desde hai tempo, Galicia conte con instrumentos para traballar a integración e a boa convivencia, tanto no conxunto da sociedade como, de xeito máis específico, nas aulas galegas”, apuntou.

Entre as iniciativas postas en marcha, Cecilia Vázquez referiuse á Estratexia galega da convivencia escolar-Educonvives, enfocada a afianzar un bo clima nas aulas galegas, coa previsión de accións de impacto no eido da convivencia positiva, a cidadanía dixital responsable, melloras para o benestar emocional e a coeducación.

 

O Parlamento galego pide que a Xunta reforce os programas Xuventude Mentoring e Xuventude Mentoring Empresa

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio de BNG e PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a seguir reforzando o programa Xuventude Mentoring e o Programa Xuventude Mentoring na Empresa, co obxectivo de continuar apoiando a transición da mocidade galega do ámbito académico ao laboral.

A portavoz popular de Xuventude, Nicole Grueira, cualificou como “unha ferramenta eficaz e transformadora” o programa Xuventude Mentoring, que desde a súa posta en marcha en 2021 permitiu que máis de 750 mozos e mozas melloraran as súas habilidades prácticas e as súa perspectivas laborais, ao tempo que facilitou que 140 mozos e mozas participaran en estadías formativas en empresas.

“O 30 por cento deses participantes no programa conseguiron a súa inserción no mercado laboral, unha porcentaxe importante pero que o Goberno galego quere incrementar ata o 50 por cento realizando maiores investimentos neste programa de emprego xuvenil”, manifestou.

PROGRAMA PIONEIRO

Xuventude Mentoring é un programa pioneiro, promovido polo Goberno galego e dirixido ás persoas mozas que están inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. “O seu obxectivo é axudar ás persoas máis novas a mellorar a súa empregabilidade, mediante accións como poden ser as de formación, orientación e mentoría, converténdose nunha ponte entre a vida académica e a vida laboral”, sinalou Nicole Grueira.

Este programa conta cunha versión adaptada ao ámbito empresarial, Xuventude Mentoring na Empresa, que permite ás persoas participantes realizar estadías formativas en empresas ou entidades galegas públicas ou privadas vinculadas a sectores estratéxicos, ofrecéndolles unha experiencia práctica e directa no mundo laboral, e favorecendo o contacto co tecido empresarial. Durante este período, os participantes reciben unha bolsa de formación dun mínimo de 661,50 euros ano mes, que pode incrementarse con axudas para desprazamentos ou en casos de discapacidade.

 

O Grupo Popular avoga porque a Xunta manteña o seu compromiso co Consorcio para a Promoción da Música da Coruña e incremente a súa aportación económica en 2025

A portavoz de Cultura do Grupo Popular, Carmen Pomar, avogou hoxe no Parlamento de Galicia porque a Xunta manteña o seu compromiso co Consorcio para a Promoción da Música da Coruña, de acordo coas liñas que estableza o plan estratéxico acordado co Concello coruñés e aumentando a súa aportación económica nos orzamentos do vindeiro ano 2025.

Carmen Pomar manifestou que Xunta e Concello de A Coruña “concordan en que o Consorcio para a Promoción da Música é un proxecto estratéxico para Galicia, tanto na súa relevancia no ámbito musical como na proxección exterior da Comunidade galega”.

“De feito, na última comisión de goberno do Consorcio aprobouse, a petición da Xunta e do Concello, a elaboración dun plan estratéxico desta institución, que valore a situación actual e propoña un horizonte de obxectivos e actuacións, a curto, medio e longo prazo, que permita asegurar os seus fins fundacionais”, sinalou.

En concreto, a portavoz popular afirmou que “no marco de elaboración deste plan estratéxico do Consorcio estímase necesario aumentar o apoio institucional e económico mediante a implicación decidida doutras entidades públicas e privadas”.

Pomar lembrou que a Xunta leva investidos 36 millóns de euros no Consorcio para a Promoción da Música da Coruña desde o ano 2009, “o que demostra o firme compromiso da Xunta con esta institución dedicada á difusión da música en Galicia”. “Con este nivel de achegas, a Orquestra Sinfónica de Galicia é unha das institucións culturais ás que o Goberno galego destina máis apoio económico”, subliñou.

 

O Parlamento pide ao Goberno central a renovación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que revise os erros do sistema Viogen e aprobe unha lei contra a trata e explotación de seres humanos

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que renove canto antes o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ampliando as súas medidas coa incorporación de accións específicas contra a violencia vicaria, a violencia dixital, económica ou pornográfica, e acelerando o cumprimento do Pacto naqueles aspectos aínda non desenvolvidos. Así mesmo, pídese que revise os erros do sistema Viogen, á hora de valorar o risco das vítimas de violencia de xénero; e aprobe unha lei orgánica contra a trata e a explotación de seres humanos, acordando coas comunidades autónomas un marco conxunto de traballo e financiamento e mellorando o protocolo-marco de protección das vítimas de trata de seres humanos coa experiencia acumulada.

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou que “en Galicia somos referentes en igualdade e contra a violencia de xénero, coas leis contra a violencia de xénero e de igualdade máis avanzadas e progresistas do Estado, ás que agora se sumará a primeira Lei de violencia dixital de España”.

PEDRA ANGULAR

“A nivel estatal, a pedra angular contra a violencia de xénero é o Pacto de Estado, que marca as liñas xerais para todas as institucións e, desde aí, para as distintas entidades, asociacións e mesmo a sociedade en xeral”, explicou. Neste sentido, indicou que o Pacto de Estado contra a violencia de xénero aprobouse en 2017 cun período de execución de cinco anos, pero, ademais de lembrar que dous anos despois de que rematara o seu prazo de execución aínda está sen renovarse, lamentou que presenta “un balance de cumprimento moi pobre por parte do Estado, xa que, segundo os datos de seguimento do mesmo, só ten cumprido o 60 por cento das medidas que lle correspondería, fronte ao 96 por cento do executado por parte da Xunta”.

Raquel Arias demandou, así mesmo, que o Goberno central incorpore medidas específicas contra a violencia vicaria e a violencia dixital. “Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en lexislar sobre a violencia vicaria e agora ímolo facer sobre a violencia dixital, pero tendo presente que ten que ser o Estado quen poña en marcha os mecanismos que permitan modificar o Código Penal co fin de perseguir axeitadamente estes delitos”, manifestou.

A portavoz popular lembrou que desde Galicia “tamén levamos tempo pedindo que o Goberno central revise de forma urxente os erros do sistema Viogen para mellorar a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero e as súas fillas e fillos, así como que promulgue dunha vez por todas unha lei orgánica contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, unha lei que reclaman todas as organizacións non gubernamentais expertas na materia, incluída a Rede Galega contra a Trata”. Neste ámbito, salientou que “Galicia xa vai un paso por diante logo de aprobar en 2022 o I Plan galego contra a trata, con medidas de prevención, sensibilización e, sobre todo, prestacionais”.

O Grupo Popular salienta que Galicia marcou o paso a nivel nacional na atención ás persoas diagnosticadas con ELA

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe no Pleno que “Galicia marcou o paso a nivel nacional na atención ás persoas diagnosticadas con esclerose lateral amiotrofica, aprobando unhas axudas pioneiras con apoios de 12.000 euros ao ano, habilitando unha vía clínica directa en cada centro hospitalario para axilizar o diagnóstico e dando preferencia ás solicitudes de dependencia das persoas con ELA para que se tramiten en menos dun mes. Ademais, e unha vez que se aprobou a lei estatal, considerou “imprescindible acompañala cunha dotación orzamentaria e medios económicos suficientes para que as comunidades autónomas poidan poñer en marcha moitas das medidas, como os coidados especializados nos domicilios as 24 horas para pacientes en fases avanzadas da enfermidade”.

Encarna Amigo amosouse “orgullosa de que en Galicia tivemos o primeiro goberno autonómico que deu axudas directas e inmediatas aos enfermos de ELA, e de que o Partido Popular deu a batalla ata conseguir desbloquear a Lei ELA, que o Goberno de Pedro Sánchez tiña paralizada e gardada nun caixón”. “Hoxe, esta norma é unha realidade gracias ao esforzo de moitos, empezando polas asociacións de enfermos que fixeron, fan e seguen a facer unha labor impagable”, indicou.

Neste sentido, a portavoz popular criticou que o Goberno de Pedro Sánchez “chegou a bloquear a tramitación da Lei ELA ata 37 veces nun ano sen dar ningún tipo de explicación, un bloqueo inexplicable xa que o Congreso aprobara por unanimidade a súa toma en consideración, xerando unha expectativa que de frustrou de maneira inxustificada”.

“Agora, unha vez publicada esta nova lei, é necesario que o seu desenvolvemento regulamentario se leve a cabo canto antes e se lle adxudique dotación orzamentaria, condicións absolutamente necesarias para que chegue a ser de verdade unha realidade na vida diaria dos afectados”, manifestou.

REDUCIR AO MÁXIMO OS TEMPOS DE AGARDA

Amigo apuntou que “un dos grandes obxectivos do Goberno galego é reducir ao máximo os tempos de agarda nos procesos de valoración de dependencia e discapacidade, “para o que a partir de agora unicamente haberá que presentar a solicitude e nos casos que se solicite tamén a discapacidade, ambas procesos resolveranse conxuntamente”.

Ademais, a portavoz popular destacou que a Xunta incorpora, por terceiro ano consecutivo, unha partida de tres millóns de euros nos orzamentos para axudar con 12.000 euros anuais a todas as persoas diagnosticadas con ELA en Galicia. “Como novidade, a partir do vindeiro ano tamén se poderán beneficiar destas axudas os afectados por esclerose lateral primaria e amiotrofia espiral progresiva”, concretou.

 

O Grupo Popular apoia no Parlamento galego que o Goberno galego inclúa a educación afectivo-sexual nos currículos dos centros de ensino e forme ao profesorado neste ámbito

O Grupo Popular apoiou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno galego a incluír a educación afectivo-sexual nos proxectos curriculares dos centros de ensino e establecer un programa específico de formación ao profesorado neste eido, así como incrementar os programas de formación en igualdade e prevención da violencia machista, actualizar o Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero en Galicia.

Na iniciativa aprobada hoxe tamén se pide que a Xunta presente no Parlamento de Galicia, antes de que remate o actual período de sesións ou no primeiro trimestre de 2025, un informe de seguimento da execución do I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024; que colabore coa Fegamp na implantación en todos os concellos galegos do Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTI fóbicas nos espazos de lecer nocturno; e se impulsen campañas de sensibilización e información, dirixidas aos diferentes sectores de poboación, co fin de contrarrestar as mensaxes negacionistas e incrementar a concienciación e comprensión pola cidadanía das distintas manifestacións das formas de violencia contra as mulleres.

COMPROMISO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

A deputada popular Noelia Pérez asegurou que “non imos aceptar que se poña en dúbida nin o compromiso do Goberno galego nin do Presidente da Xunta coas mulleres e coa loita contra a violencia de xénero”, aínda que recoñeceu que “as medidas nunca van a ser suficientes mentres sigan existindo vítimas”. “Mentres BNG e PSdeG sigan instalados na política do espectáculo e traendo propostas para xerar titulares e quedar ben de cara a galería, desde o Grupo Popular imos seguir traballando con seriedade para dar respostas que realmente melloren as vidas das persoas”, anotou.

Na súa intervención, subliñou que “a Xunta imparte educación afectivo-sexual en toda a etapa escolar” e indicou que “a loita pola igualdade é unha obriga de carácter transversal que temos como sociedade”. Neste sentido, dixo que “o profesorado ten formación específica nesta materia e existe formación especializada e actualizada no ámbito sanitario, na xustiza ou nas profesións do eido social”.

Respecto dos centros de atención á muller, a deputada popular lembrou que “son recursos habilitados polos concellos, “polo que amplialos é unha decisión municipal e, se así o decide o propio Concello, contará co apoio da Xunta, tanto para mellorar as infraestruturas como para o seu mantemento e persoal”.

Noelia Pérez considerou “imprescindible a creación dun marco lexislativo estatal que permita previr e loitar contra a trata de seres humanos”. “En vez de vir a pedir aquí medidas que xa están en marcha, como o Plan galego contra a trata de seres humanos, e outras que non son competencia do Goberno galego, reclamen ao Goberno de Pedro Sánchez que saque do caixón o Pacto de Estado aprobado no último mandato do Partido Popular e aprobe dunha vez a Lei contra a trata para dar prioridade aos dereitos humanos das vítimas garantíndolles protección, asistencia xurídica e acceso aos recursos para a súa reinserción”, manifestou.

INCREMENTO DE FONDOS

Por outra parte, no debate dunha proposición non de lei do BNG sobre o incremento das prestacións periódicas ás mulleres que sofren violencia de xénero, Noelia Pérez destacou que a Consellería de Igualdade dedicará o vindeiro ano 56 millóns de euros para reforzar as políticas de igualdade e manter e ampliar recursos, servizos e prestacións. “Defendemos que o Goberno galego, que é quen mellor coñece a realidade e as necesidades das vítimas e pode tomar decisións fundamentadas, ten que ter a capacidade para decidir como implementar e onde implementar eses incrementos para garantir que as axudas sexan eficientes e co maior impacto posible”, engadiu.

“Os nacionalistas galegos veñen aquí a pedir un incremento do IPC das axudas periódicas cando acaban de solicitar un recorte de crédito de 46 millóns de euros na renda de inserción social de Galicia, que nestes momentos tamén está a beneficiar a moitas desas mulleres, porque nesta comunidade autónoma ambas prestacións son compatibles”, dixo.

Para rematar, a deputada popular salientou que, “gracias ao traballo de todos, conseguimos que Galicia sexa unha comunidade referente a nivel estatal: fomos os primeiros en ter un recurso económico propio para axudar ás vítimas, os primeiro en poñer en marcha a quenda de garda en apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos, os primeiros en ofrecer vivendas tuteladas para vítimas de violencia con enfermidade mental e un dos primeiros en recoñecer a violencia dixital como unha forma de violencia de xénero”.

 

O Parlamento galego urxe ao Goberno central a convocar a Comisión Mixta de Transferencias para facer efectivo o traspaso dos medios para a xestión das competencias sobre o litoral

 

 

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera ao Goberno central a necesidade de constituír, coa máxima celeridade posible, a Comisión Mixta de Transferencias e, tras o aval do Tribunal Constitucional, facer efectivo o traspaso dos medios materiais e persoais necesarios para que a Administración autonómica poida xestionar o litoral e permita así consolidar o autogoberno pleno sobre os máis de 2.500 quilómetros de costa galega.

 

O portavoz popular de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, lembrou que “un ano e cinco meses despois da aprobación neste Parlamento galego da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral e sete meses despois de que o Tribunal Constitucional nos dese a razón de xeito unánime, seguimos esperando pola transferencia a Galicia de medios e persoal”.

 

LÍDERES NA XESTIÓN INTEGRAL DA COSTA

 

“Imos ser líderes na xestión integral da nosa costa gracias ao deseño e aprobación da Lei do litoral, que inclúe a capacidade de Galicia para outorgar, prorrogar, modificar ou extinguir concesións para o uso e ocupación do dominio público marítimo-terrestre,”, sinalou.

 

Gonzalo Trenor lembrou que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral foi aprobada polo Parlamento galego sen o apoio de BNG nin de PSdeG e posteriormente foi recorrida polo Goberno de Pedro Sánchez ante o Tribunal Constitucional, que deu a razón á Comunidade galega ao estimar só 2 dos 72 supostos de inconstitucionalidade que denunciou.

 

“O Tribunal Constitucional recoñeceu que o Estado debe traspasar os medios materiais e persoais a Galicia, en conformidade co principio de lealdade institucional”, indicou o portavoz popular, quen apuntou que ante esta sentencia a Xunta iniciou os trámites para pedir ao Goberno central este traspaso sen que ata o día de hoxe se teña constituído a Comisión Mixta para a transferencia sobre o litoral.

O PPdeG asegura que todos os galegos teñen acceso ás unidades especializadas de reprodución humana asistida en igualdade de condicións

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “todos os pacientes de Galicia teñen acceso ás unidades especializadas de reprodución humana asistida en igualdade de condicións, polo que non existe desequilibrio territorial, senón a lóxica ordenación das prestacións sanitarias para garantir aos cidadáns os mesmos niveis de calidade e seguridade nas prestacións recibidas”.

Encarna Amigo lembrou que a Xunta “prioriza o incremento da natalidade a través de diversas medidas de ámbito social, e agora damos un paso máis co Plan galega de reprodución humana asistida, que mellora as prestacións recollidas na carteira de servizos do Sergas e, adicionalmente, mellorar as ratios de natalidade de Galicia”.

ADECUADA EXPERIENCIA

Na súa intervención, a portavoz popular explicou que “tamén a nivel autonómico existen prestacións para as que é preciso un grao de especialización, concentrando recursos co obxectivo de garantir a equidade, que non é máis que a igualdade de acceso ás mesmas condicións de efectividade, calidade e seguridade nas técnicas ou tratamentos, que non estaría garantida no caso de dispersar e fragmentar a atención en unidades por falta da adecuada experiencia na súa utilización”.

“No Sergas existe unha ordenación na que en todos os seus hospitais se realizan técnicas de reprodución humana asistida, aínda que non todos os hospitais realizan todas as técnicas”, sinalou Encarna Amigo. En concreto, os hospitais comarcais realizan estudos básicos de esterilidade e indución da ovulación; os sete hospitais de área sanitaria inclúen, ademais, a inseminación artificial con seme; e, por último, nos hospitais de referencia de Santiago, A Coruña e Vigo existen unidades especializadas de reprodución humana asistida.

 

O Grupo Popular critica que o BNG queira baixar o orzamento da Consellería do Mar e despois pida priorizar investimentos na protección do sector pesqueiro e marisqueiro tradicional

 

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, incidiu hoxe no Pleno do Parlamento galego en que “para a Xunta o marisqueo é estratéxico, polo que a prioridade é recuperar a produtividade dos bancos”. Neste sentido, cualificou de “surrealista que no BNG queiran baixar o orzamento da Consellería do Mar, pero despois pidan priorizar os investimentos dirixidos a blindar a máxima protección ao sector pesqueiro e marisqueiro tradicional”.

Miguel Fidalgo lembrou que “a Xunta é moi consciente da gran importancia económica, social e ambiental que ten a actividade do marisqueo en Galicia, xa que estamos falando de máis de 3.600 permisos de marisqueo a pe, case 2.500 embarcacións na modalidade de marisqueo a flote e máis de 700 permisos con algunha das modalidades de recursos específicos”.

“É unha actividade desenvolvida por máis de 70 entidades asociativas que, no último exercicio, alcanzou unha produción superior ás 5.100 toneladas, alcanzando un valor de 62,6 millóns de euros”, apuntou.

GALICIA, REFERENTE NO SECTOR

O portavoz popular salientou que “Galicia é todo un referente neste sector e, ademais, é a única rexión en ofrecer un sistema real de cogobernanza a través de plans de xestión elaborados polo propio sector, que incorporan obxectivos tanto biolóxicos e ecolóxicos, como de carácter socioeconómico”.

Fidalgo manifestou que o marisqueo é sector “estratéxico” para a Xunta, e mostra disto é a posta en marcha do Plan de competitividade e sostibilidade do marisqueo en Galicia 2024-2025, dotado con 123 millóns de euros e que foi deseñado e consensuado co sector. Ademais, este plan irase adaptando en función do estado dos recursos e dos datos científicos técnicos dispoñibles en cada momento.

Así mesmo, o portavoz popular destacou que “a Xunta é a única administración que está dando axudas, tanto aos mariscadores afectados pola paralización da actividade extractiva nos bancos marisqueiros; como para fornecer a actividade das entidades mediante a mellora dos seus equipamentos e infraestruturas, e o apoio á diversificación das actividades; ou á formación, como vía de mellora”.

“Pero tamén se concederon axudas para contribuír a preservar e restaurar a biodiversidade e os ecosistemas mariños, e para planificar, adecuar e mellorar as zonas de produción”, engadiu.

POSTURA SURREALISTA DO BNG

Porén, Miguel Fidalgo cualificou de “surrealista” a postura adoptada polo BNG, xa que “queren baixar o orzamento da Consellería do Mar en 13 millóns de euros de fondos FEMPA, pero despois piden destinar os recursos do mesmo FEMPA preferentemente a accións de investigación sobre a perda de produtividade nas rías galegas; e tamén piden baixar o orzamento da Consellería do Mar e critican o gasto en promoción pesqueira ao mesmo tempo que demandan medidas de promoción dos produtos do mar galegos fronte á competencia dos importados e das etiquetaxes enganosas e fraudulentas”.

“Xa quedou demostrado a nula preocupación do BNG pola pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia, cando estes asuntos quedaron fóra do acordo de investidura co PSOE ou cando o seu grupo no Parlamento Europeo se manifestou en contra de que o marisqueo a pe puidera ser cuberto por axudas durante a etapa máis dura da pandemia”, lembrou o portavoz popular.

Para rematar, insistiu en que “a Xunta xa está facendo todo o que depende dela, pero o Goberno de España segue a negar, entre outros asuntos, a declaración de zona catastrófica das rías de Galicia, mentres a declaran noutras comunidades na mesma situación que a nosa”.