
Santiago, 23 de novembro de 2021.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a modificación, impulsada polo Grupo Popular, da Lei 11/2007 galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de xeito que se incorpora a violencia dixital como nova forma de violencia de xénero. “Hoxe damos un paso importante na loita contra a violencia de xénero no ámbito da Comunidade galega, e agardamos que tome nota o Goberno de España e poña en marcha os mecanismos que permitan modificar o Código Penal co fin de perseguir axeitadamente estes delitos que van en aumento”, manifestou a viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado.








