O PPdeG lamenta que o PSOE e o BNG “leven case seis anos bloqueando” o debate no Congreso da transferencia da AP-9 a Galicia

O deputado galego do PPdeG e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, lamentou hoxe a aprobación da prórroga número 59, desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa, ao prazo de presentación de emendas á proposición de lei orgánica relativa á transferencia da AP-9 a Galicia.

A novidade da sesión da Mesa do Congreso de hoxe foi que se pechou o prazo de presentación de emendas á totalidade da proposición, despois dos citados adiamentos, pero aínda continúa aberto o prazo para as emendas ao articulado.

En total, sinalan os populares, son xa case seis anos de bloqueo desde que en decembro de 2019 dera inicio a tramitación desta proposición na Cámara Baixa.

Así, o PPdeG vai seguir insistindo en que debe pecharse o prazo de presentación de emendas parciais, porque “só deste xeito” a proposición poderá ser debatida na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible, onde se deberá reunir unha ponencia e tomar unha decisión ao respecto.

“Sorpréndenos moito que o BNG pretendera asumir hoxe o protagonismo dun cambio de posicionamento que non é así, porque hai que lembrar que é un socio de investidura de Pedro Sánchez, un socio habitual das posicións que defende o Goberno central”, sinala Celso Delgado.

O deputado deixa claro que o independentismo galego é “responsable” de que esta transferencia, un mandato unánime de todos os grupos do Parlamento de Galicia, “se prorrogara tantas veces a pasada lexislatura e seguira bloqueada na actual”. “É responsable de que a día de hoxe sigamos nesta situación: sen traspaso da autoestrada e sen gratuidade”, engade.

“O único partido que leva protestando e criticando semana a semana esta posición do Goberno central, ese é o PPdeG. Levamos anos denunciando, desde todas as cámaras, este agravio de Sánchez con Galicia e cos galegos e galegas, e seguirémolo facendo ata conseguir o que queremos”, conclúe Delgado.

Paula Prado reivindica as alcaldías lideradas polo PPdeG como “garantía de estabilidade, xestión e rigorosidade para os veciños”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou hoxe as alcaldías lideradas polo seu partido como “garantía de estabilidade, xestión e rigorosidade para os veciños” fronte aos “pactos de perdedores” protagonizados por BNG e PSOE e que “son pan para hoxe e fame para mañá”.

Na visita que realizou esta mañá a Fisterra, amosouse convencida ademais de que estas características do proxecto do PPdeG serán tamén o “selo” que Luis Insua “imprimirá” como alcalde deste concello, contribuíndo así a facer del “un tractor da comarca” que visualice a diferenza con outros gobernos municipais caracterizados pola “inestabilidade” derivada dun “reparto de cromos feito pensando en intereses partidistas e non no beneficio dos veciños”.

A número dous dos populares galegos quixo desexar éxito ao alcalde destacando a súa “enerxía” e as súas “ganas de cambiar as cousas”. De feito, indicou que Luis Insua é, aos seus 33 anos, un dos cinco alcaldes máis novos do PPdeG e un dos 13 alcaldes do partido menores de 40 anos.

“Luis é un exemplo da nosa aposta por fomentar a participación activa da mocidade na política”, asegurou. Unha aposta que, tal e como engadiu, responde a que o partido é “consciente de que hai moito talento, moito bo facer e moito que aportar entre a xente nova de Galicia”.

Non en balde, o PPdeG foron os máis votados pola mocidade nas pasadas eleccións autonómicas. Por iso, concluíu Paula Prado, o partido “agora está devolvendo ese apoio confiando na xuventude para postos de responsabilidade”.

LUIS INSUA: “FISTERRA VAI SER O COMEZO DA RECUPERACIÓN”

O alcalde, pola súa banda, quixo destacar que “a pesar de que Fisterra é o final de todo, final do Camiño e quilómetro cero, neste caso vai ser o comezo da recuperación das alcaldías do PP na Costa da Morte”.

Asegurou que, á súa chegada á alcaldía, atopouse con “numerosos expedientes parados, moitos traballos pendentes e outros mal xestionados”. Pero, sen embargo, neste escaso mes e medio, el e o seu equipo foron quen de que “os veciños poidan ver que con traballo e esforzo as cousas poden facerse doutra maneira”.

Alfonso Rueda defende en Lugo unha política de vivenda que incremente a oferta urbana e garanta a fixación de poboación no rural

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, avogou hoxe en Lugo por unha política de vivenda “de dobre nivel” que permita actuar tanto nas cidades e vilas medias, onde a demanda é maior, como no rural, onde é necesario fomentar e garantir a fixación de poboación.

Nesa liña é na que, tal e como explicou ante a Xunta Directiva Provincial do PP de Lugo, está a traballar precisamente o Goberno galego. Por unha banda, con programas de vivenda pública e rehabilitación do parque existente no eido urbano e, por outra, garantindo que haxa vivenda digna dispoñible no rural para ofrecer oportunidades reais ás familias para quedar no seu lugar de orixe e así facer fronte tamén ao reto demográfico.

Unha política que xa se está a aplicar na provincia de Lugo e no conxunto de Galicia con outras medidas complementarias como programas para facilitar a mobilización de vivendas baleiras, avais para a compra de primeiras vivendas ou liñas de axuda para a rehabilitación e a eficiencia enerxética.

Alfonso Rueda defendeu que Lugo tamén ten que ter un papel propio no eido da investigación e a innovación. Non en balde, a Universidade e os seus grupos de investigación en ciencias da saúde, biotecnoloxía, agroalimentación ou economía circular son un referente. Ademais, na súa opinión, o polo de innovación alimentaria e os proxectos en enerxías renovables e dixitalización do rural son a demostración de que esta provincia pode ser vangarda en sectores estratéxicos e “unha das portas á Galicia do futuro”.

Na súa intervención, o líder dos populares galegos, tampouco quixo esquecerse de abordar unha vaga de lumes que “non entende de provincias nin de límites xeográficos” e que fixo que Lugo este ano estivese no centro da emerxencia, con concellos afectados como Pantón, Barreiros e A Fonsagrada.

Por iso, xunto ás responsables dos departamentos implicados na posta en marcha das axudas aos afectados –María José Gómez (Medio Rural), María Martínez Allegue (Vivenda e Planificación de Infraestruturas) e Ángeles Vázquez (Medio Ambiente e Cambio Climático)–, reivindicou a velocidade, a cobertura e a flexibilidade que caracterizan a estas axudas e as diferencian das do Goberno central.

ELENA CANDIA: “REIVINDICAMOS O NOSO PROXECTO”

Elena Candia, pola súa banda, defendeu ao PP da provincia como “un partido que chega a acordos e defende os intereses da provincia” fronte a un PSOE que “non é capaz de poñerse de acordo cos seus – tras protagonizar unha crise na Deputación a comezos do verán e votacións contraditorias, por exemplo, na institución provincial e no Concello de Lugo– e un BNG “cómplice” dos socialistas onde forman gobernos de coalición.

“O PP continúa a reivindicar o seu proxecto en cada concello e na provincia”, engadiu subliñando que “os socialistas lucenses, cando teñen que elixir, elixen a Sánchez por diante dos seus veciños” e lamentando que “permitan ao Goberno central desconectar á nosa provincia cada vez máis”.

En materia de infraestruturas e mobilidade, a presidenta provincial do partido lembrou: “Lugo é a única capital de provincia sen conexión coa alta velocidade. A pesar da inauguración do túnel de Oural, a liña ferroviaria non permite a circulación da alta velocidade nin se reduce o tempo da viaxe porque Sánchez renunciou á construción das variantes”.

Tamén apuntou que “a pesar dos anuncios do alcalde de Lugo, os lucenses continuamos sen dispoñer dunha conexión directa con Madrid que permita chegar á capital pola mañá para facer xestións porque o primeiro tren chega a mediodía”. E, ademais, afeou “o desprezo de Óscar Puente á provincia ao non lembrarse de Lugo para o estudo da implantación de cercanías en Galicia”.

Alfonso Rueda participa na firma da ‘Declaración da Rexión de Murcia’

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, participou esta mañá xunto ao resto de dirixentes dos gobernos autonómicos do Partido Popular no acto de presentación e firma da ‘Declaración da Región de Murcia’, que estará encabezado polo presidente nacional do partido, Alberto Núñez Feijóo.

Unha declaración que ten por obxectivo facer fronte aos grandes retos que afronta España en materia de igualdade, inmigración, transporte, infraestruturas e enerxía e defensa do sector primario.

Alfonso Rueda destacou a abordaxe de tres «retos crave» como son o financiamento autonómico, a vivenda ou a migración. «Un compromiso conxunto para recuperar a política como servizo público e dar respostas reais á xente», asegurou.

O PPdeG contrapón a «máxima prioridade» que se lle dá á vivenda en Galicia fronte aos «anuncios baleiros» e as «improvisacións» do Goberno central

O PPdeG sitúa a vivenda como unha das “máximas prioridades” do Goberno galego nesta lexislatura e contrapón este compromiso “ambicioso” e “decidido” fronte aos “anuncios baleiros” e as “improvisacións” dun Goberno central cuxa política neste ámbito é “inexistente”.

Así o manifestaron hoxe a secretaria xeral Paula Prado e o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, durante a clausura da xornada informativa organizada polo partido en Barbadás para abordar, desde distintas perspectivas e con especial atención á mocidade, o problema do acceso á vivenda.

“É unha obriga buscar solucións reais, pragmáticas e aplicables ante este problema”, sinalou ao respecto a número dous populares galegos ao tempo que poñía en valor as “receitas eficaces” que se levan aplicando desde hai anos en Galicia e entre as que destacou o compromiso do presidente Alfonso Rueda de duplicar o parque público de vivenda ata chegar ás 8.000.

Entre as medidas pensadas especificamente para a mocidade, e dada a importancia que teñen para unha provincia como Ourense, citou as axudas dirixidas a menores de 36 anos para a adquisición da súa primeira vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes. Unhas axudas das que se concederon un total de 49 nesta provincia e 15 delas só no concello de Xinzo de Limia.

“Así é como se fai unha política seria, realista e apegada ao territorio”, subliñou ao tempo que criticaba “as políticas de vivenda inexistentes ou, no mellor dos casos, erradas”, do Goberno central nesta materia. Puxo como exemplo a Lei de Vivenda, que “venderon como remedio para todos os males e só conseguiu agudizalos”.

De aí que demandase ao Executivo estatal, como xa ten reivindicado o presidente Alfonso Rueda en numerosas ocasións, a cesión das vivendas que a Sareb ten en Galicia, un novo Plan Estatal de Vivenda “eficiente e dialogado” e máis seguridade para os propietarios ante a ocupación ilegal.

Paula Prado concluíu a súa intervención animando a todas as administracións a “remar na mesma dirección” e evocando as palabras do presidente do PPdeG, quen no seu día sinalou o camiño a seguir afirmando que “en Galicia somos menos de anuncios baleiros e máis de chaves en man dos galegos e galegas”.

LUIS MENOR: “O GOBERNO DE RUEDA DEMOSTROU UNHA GRAN CAPACIDADE DE RESPOSTA E AXILIDADE ANTE A PERDA DE VIVENDAS NOS LUMES”

Pola súa banda, Luis Menor afirmou que os partidos políticos e os gobernos teñen “a imperiosa obriga” de ofrecer solucións reais a un problema como a vivenda, “que leva camiño que converterse no maior obstáculo de progreso da sociedade do século XXI”.

Nesta liña subliñou o “absoluto compromiso” do Goberno de Alfonso Rueda para combater as dificultades de acceso á vivenda, cunha folla de ruta “ben definida” e que terá o seu impacto positivo en toda a cidadanía, “contribuíndo a que haxa vivenda dispoñible, sexa nas cidades, vilas e sobre todo no rural”.

O presidente provincial incidiu no mundo rural, salientando “a gran capacidade de resposta” da Xunta de Galicia fronte aos lumes de agosto, que provocaron a perda de preto de 200 vivendas. O Goberno galego atendeu coa máxima axilidade ás persoas que perderon os seus fogares e propiedades ofrecendo unha ampla cobertura de axudas para inmobles habituais, rehabilitacións, enxoval doméstico ou segunda residencia. “E o que máis importa é que non só comezaron a tramitarse, senón que xa empezaron a pagarse”, dixo.

SEGURIDADE XURÍDICA E PLANS DE AXUDA EN VIVENDA

A xornada comezou coa intervención do coordinador da Área de Vivenda e Urbanismo do PPdeOU, Benito Iglesias, quen subliñou a necesidade de derrogar a Lei Estatal de Vivenda “para dotar de seguridade xurídica a propietarios e inquilinos e mobilizar vivenda baleira cara o mercado de aluguer”.

Mentres, a concelleira do grupo popular no Concello de Ourense, Sonia Ogando, desmontou cunha análise xurídica o mito da recualificación urbanística de terreos tras un incendio forestal, ao tempo que repasou as axudas impulsadas pola Xunta en materia de vivenda tralos devastadores lumes de agosto.

Pola súa banda, Pilar Fernández, directora territorial en Ourense da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, debullou ás liñas de axuda para facilitar o acceso á vivenda da mocidade, así como para os propietarios de pisos baleiros que queiran incorporalos ao mercado de aluguer. Axudas, dixo que abren o camiño a un fogar digno, “porque ofrecer vivenda tamén é ofrecer futuro”.

O PPdeG insta a Inés Rey a “desmarcarse” de Pedro Sánchez pedindo a dimisión da ministra de Igualdade e condenando a corrupción do PSOE

O PPdeG insta á alcaldesa socialista da Coruña, Inés Rey, a demostrar o seu feminismo e “desmarcarse” de Pedro Sánchez pedindo a dimisión da ministra de Igualdade e esixindo “dunha vez por todas” explicacións polas tramas de corrupción do seu partido.

En declaracións aos medios esta mañá e antes de participar nunha reunión con representantes do PP na cidade da Coruña, a secretaria xeral Paula Prado acusou á rexedora herculina de ser “unha das máis fieis soldados sanchistas” e cualificou de “inexplicable” que “unha alcaldesa e muller siga mantendo o seu apoio férreo, sen unha crítica, ao Goberno central despois dos escándalos que coñecemos de corrupción e contra as mulleres”.

Recordou neste sentido que “non hai nada menos feminista” que a Lei do ‘só si é si’, con “máis de 1.500 agresores sexuais beneficiados”; que “pretender combater a prostitución rodeándote de compañeiros que a consumen” ou que “comprar en AliExpress unhas pulseiras antimaltrato defectuosas”.

A número dous dos populares galegos reivindicou, en contraposición á situación interna do PSOE, a “unidade” que caracteriza ao PPdeG: “O noso proxecto é común e grazas a iso somos o partido con máis apoio nos concellos, no Parlamento galego, no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo”.

Proba disto é, tal e como subliñou, que o PP foi quen gañou as eleccións municipais de 2023. “Despois de máis de dous anos de lexislatura, demostrouse que os pactos de perdedores non están para gobernar, senón para manterse no poder. Hai infinidade de cuestións que son unha prioridade para os veciños e veciñas da Coruña e non están resoltas”, engadiu.

“A Coruña podería estar falando de prosperidade da man dun alcalde como Miguel Lorenzo, pero no seu lugar fala das pelexas entre PSOE e BNG, de presupostos aprobados logo de cuestións de confianza e da corrupción que emerxe do goberno municipal”, incidiu a secretaria xeral do PPdeG.

Para concluír, dixo que na Coruña dixo que “dá gusto ver como están traballando todos os compañeiros nas diferentes cámaras”. “Seguimos traballando para que en algo máis de ano e medio esta cidade teña un goberno do Partido Popular”, rematou.

“ESTAMOS FARTOS DO NINGUNEO DE SÁNCHEZ AOS CORUÑESES”

Pola súa banda, o líder local dos populares coruñeses explicou que son moitas as promesas incumpridas na cidade por parte do Goberno central “co silencio cómplice de Inés Rey e do BNG” e que, por iso, a través dos seus representantes nas diferentes cámaras, o PP da Coruña “traballará de xeito coordinado para denunciar e reverter eses incumprimentos”.

Miguel Lorenzo apelou así aos deputados autonómicos Gonzalo Trenor e Roberto Rodríguez para que “sigan defendendo á cidade no Parlamento galego” e traballen para “asegurar que os Orzamentos da Xunta para 2026 teñan os fondos necesarios para continuar coa execución de obras como o novo CHUAC, construír novas vivendas e continuar coa tramitación do Monte Mero”.

“A Xunta de Galicia é a única administración que inviste na nosa cidade”, asegurou afeando ao Goberno local a súa “incapacidade” para executar obras públicas que “acumulan retraso tras retraso” e “non adoptar ningunha medida para solucionar o problema da vivenda”.

No que se refire ao labor dos deputados nacionais Álvaro Pérez e Tristana Moraleja e da senadora Rosa Gallego, o líder do PP da Coruña destacou que, grazas ás súas preguntas, esta semana descubriuse que o Goberno central “só ten a 23 persoas contratadas na AESIA cando tiña que haber 80” e confirmouse que a posta en marcha do novo Xulgado de Violencia de Xénero implicará a eliminación dun de Instrución “cando Inés Rei afirmou que conseguira que non se suprimise”.

“Seguiremos preguntando polo atraso na licitación das obras do Estado nos accesos á cidade, como son a gran promesa de Inés Rey, a Cuarta Ronda, o Vial 18 ou a ampliación da Pasaxe”, explicou concluíndo que “non haberá nada disto a pesar dos anuncios da alcaldesa porque non hai Presupostos Xerais do Estado”.

Alfonso Rueda subliña na Coruña que o Goberno galego conta cunha “folla de ruta clara” para actuar ante a “prioridade” de facilitar o acceso á vivenda

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que para o seu Goberno é unha “prioridade” actuar para facilitar o acceso á vivenda e que para iso conta cunha “folla de ruta clara” destinada a actuar nas áreas urbanas onde, como na cidade da Coruña, a demanda é máis alta.

Ante a Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña –que encabezou xunto ao presidente do partido na provincia, Diego Calvo, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado–, o líder dos populares galegos explicou cales son as principais medidas que a Xunta ten marcha para combater as dificultades de acceso á vivenda derivadas da suba de prezos e da escaseza de alugueiros e que afectan de xeito especial á xente nova.

Ademais de recordar o seu compromiso de duplicar o parque público de vivenda para pasar de 4.000 a 8.000 vivendas protexidas, puxo en valor tanto o programa para mobilizar vivendas baleiras e poñelas no mercado como os avais para a compra de primeira vivenda, así como as diversas liñas de axuda para a rehabilitación e a eficiencia enerxética.

Animou neste sentido a todos os alcaldes e portavoces do partido na provincia a que continúen sinalando as necesidades concretas dos seus concellos e propoñendo solucións para que, deste xeito, as políticas de vivenda da Xunta poidan chegar a todos os veciños e veciñas e poidan contribuír tanto a atender a demanda como a garantir que no rural haxa vivenda dispoñible para fixar poboación.

Rueda sinalou como estratéxico actuar tamén no eido da investigación e a innovación cos obxectivos de crear e potenciar unha marca propia de investigación galega e que a I+D+i poida ser unha ferramenta útil para crear emprego de calidade na provincia. Uns obxectivos nos que, tal e como apuntou, A Coruña está chamada a ser referente en innovación a través de sectores como o enerxético, o naval, as TIC e as universidades.

Co fin de afondar ademais no paquete de medidas extraordinarias postas en marcha polo Goberno galego para axudar ao afectados polos incendios, na reunión interviñeron tamén as responsables dos principais departamentos implicados:  María José Gómez (Medio Rural), María Martínez Allegue (Vivenda e Planificación de Infraestruturas) e Ángeles Vázquez (Medio Ambiente e Cambio Climático).

Xunto a elas, o presidente recordou que, a pesar de que a provincia da Coruña non foi a máis castigada, tamén aquí houbo lumes e mesmo casos de incendiarios, como en Muxía. O cal demostra, como subliñou, que segue habendo quen xoga co patrimonio de todos e que contra eles hai que actuar con toda a firmeza da lei.

“A CORUÑA QUERE PP E MÁIS PP QUE NUNCA”

Diego Calvo, pola súa banda, aproveitou a súa intervención para dar a benvida aos tres novos alcaldes que o partido sumou na provincia: Luis Insua (Fisterra), José Luis Fernández Mouriño (Carral) e Esteban Ares (Lousame). Tanto a eles como ao resto de alcaldes e alcaldesas animounos a seguir demostrando o seu esforzo e compromiso a pé de rúa.

De feito, xa coa mirada posta nas próximas eleccións municipais, o líder provincial do PP de Coruña amosouse convencido de que en 2027 a provincia “falará alto e claro dicindo que quere PP e máis PP que nunca”.

Un desexo de cambio que fixo tamén extensivo a nivel nacional, xa que “España non pode seguir condenada ao enfrontamento e á decadencia que promoven o PSOE e os seus socios”, senón que necesita “un Goberno como o galego, que funcione, que cumpra e que se ocupe e preocupe dos problemas da súa xente”.

O PPdeG pide a dimisión da ministra de Igualdade ante o escándalo das pulseiras antimaltrato e por “empregar o feminismo como escudo político para tapar a inmoralidade socialista”

O PPdeG pediu hoxe a dimisión da ministra da Igualdade polos fallos “inadmisibles” nas pulseiras antimaltrato e pola súa complicidade cos escándalos do PSOE: “É hora de aforrarnos a unha ministra que decidiu aforrar na protección das mulleres e a un Goberno que só emprega o feminismo como escudo político para tapar a inmoralidade do seu partido”.

Faino tras a reunión da Comisión de Igualdade do partido celebrada esta mañá na véspera do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas. Unha reunión que estivo encabezada pola secretaria xeral Paula Prado, a responsable de Promoción da Igualdade no Goberno galego, María Quintiana, e a coordinadora deste órgano, Raquel Touriño.

Logo de analizar o balance do Goberno central en materia de igualdade, desde o PPdeG recordan con ironía as palabras de Pedro Sánchez presumindo de encabezar o Goberno “máis feminista da historia” cando en realidade “en ningún caso pode ser feminista porque é socialista”.

Argumentan así que “non hai nada menos feminista que comprar nas rebaixas unhas pulseiras antimaltrato defectuosas para supostamente protexer ás vítimas cando o único para o que servían era para facilitar a absolución dos seus agresores”. Uns feitos que van na liña das nefastas consecuencias da Lei do ‘só si é si’, aprobada co voto a favor do BNG e coa que “máis de 1.000 agresores sexuais saíron do cárcere ou viron rebaixadas as súas penas”.

Tampouco é feminista, en opinión dos populares galegos, que Sánchez pretenda agora combater a prostitución “cando ten no seu entorno a persoas como Ábalos, Koldo ou o ‘Tito Berni’, cando todos sabemos cales eran os negocios do seu sogro e cando leva sete anos gardando nun caixón a aprobación dunha Lei de Trata que é indispensable para erradicar unha lacra que está detrás de máis do 80% dos casos de mulleres prostituídas”.

“Xa non é que non sexan feministas, senón que nin sequera lles importan os dereitos das mulleres”, conclúen no PPdeG incidindo en que, nesta materia, “ao Goberno de Sánchez hai que valoralo máis que polo que di, polo que fai e especialmente por aquelo que non fai”.

Nesta liña remarcan o incumprimento na aprobación da Lei de Trata que se contemplaba no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero de 2017, así como decisións tan “lesivas” para os dereitos das mulleres no eido da conciliación como a eliminación do 100% de bonificación por baixa de maternidade ou o recorte dos fondos destinados ao Plan Corresponsables.

Os populares pregúntanse se todo isto responde a un desinterese real polos dereitos das mulleres ou a unha estratexia deliberada de Sánchez por baleirar de contido o Ministerio de Igualdade e acabar suprimíndoo como xa fixera no seu día o expresidente socialista José Luis Rodríguez Zapatero en 2010.

O PPdeG acusa ás xuventudes do BNG de “estar cruzando liñas vermellas” ao pretender “disfrazar o seu vandalismo como activismo”

O PPdeG censura as pintadas en espazos públicos por parte do BNG e das súas organización “satélites” ao considerar que “o vandalismo non pode disfrazarse de activismo” e polo prexuízo económico que xera o feito de ter que empregar recursos públicos a limpar estes espazos “só porque os de sempre decidiron usalos como escaparate para propaganda política”.

A deputada autonómica e presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, acusa directamente á organización Galiza Nova de “estar cruzando liñas vermellas” coa súa campaña de pintadas en espazos públicos “como se estes fosen da súa propiedade”. Pon como exemplo disto as pintadas que son visibles en numerosas rúas das vilas e cidades galegas.

“Esta forma de actuar non representa nin á maioría dos galegos nin especialmente á mocidade. Porque a ninguén representa alguén que rompe co respecto, a dignidade e a educación”, sostén ao tempo que defende que “o que é de todos non é de ninguén e menos para estragalo” .

Grueira insta ás xuventudes do independentismo galego a que fagan isto “nas súas sedes” e non nos espazos públicos “que pagamos e mantemos entre todos” e conclúe lamentando que haxa que empregar recursos públicos “que poderían investirse en cousas moito máis importantes” en limpar estas pintadas.

INICIATIVA NO PARLAMENTO GALEGO

Ante isto, os populares galegos levarán ao Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para “rexeitar actitudes que buscan a apropiación dos espazos públicos mediante pintadas ou empapelados con símbolos e consignas de contido ideolóxico e partidista que representan actos vandálicos”. Uns actos que, argumentan, distan moito dunha “sociedade plural, libre, aberta, democrática e tolerante”.

Instan así a todas as forzas políticas a “non incorrer neste tipo de comportamentos e condenalos publicamente cando se produzan, asumindo a responsabilidade compartida na defensa do respecto institucional e do uso responsable dos espazos públicos”, xa que estes feitos “non constitúen unha forma lexítima de expresión política, senón actos que vulneran a legalidade e o respecto pola convivencia cidadá”.

“Estas actitudes proxectan unha mensaxe negativa á sociedade e especialmente á xuventude, á que se debe educar na participación política libre, respectuosa e construtiva, afastada da imposición e do pensamento único e sempre dentro do marco democrático e legal”, conclúen.

O PPdeG critica a “falta de valentía” do Goberno central na súa decisión sobre a AP-9: “Abríase unha oportunidade, pero Pedro Sánchez optou por seguir castigando a Galicia”

O PPdeG critica a “falta de valentía” do Goberno central ao volver desbotar a oportunidade de liberar a AP-9 e con iso “seguir castigando a Galicia” e “condenar aos galegos a continuar pagando peaxes abusivas por unha autoestrada que, por xustiza e por eficacia, debería ser galega e gratuíta”.

Así o manifestaba esta mañá a secretaria xeral Paula Prado no marco da reunión da Comisión de Infraestruturas do partido celebrada hoxe en Pontevedra. Unha reunión na que, ademais dos integrantes deste órgano coordinado por Antonio Ameijide, tamén participaron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, o líder local do partido, Rafa Domínguez.

“O único compromiso do Goberno central, apoiado polo BNG, é co bloqueo e coa falta de respecto a Galicia”, sintetizaba en referencia ao bloqueo constante por parte do Executivo estatal á posibilidade de transferir a titularidade desta infraestrutura “tal e como demandan de xeito unánime a sociedade galega e o Parlamento de Galicia”.

De feito, a día de hoxe ascenden xa a 56 as veces que a Mesa do Congreso dos Deputados prorrogou o debate sobre a transferencia da AP-9 desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa.

A número dous dos populares galegos censurou neste sentido a “incoherencia” tanto dun PSdeG que “levaba no seu programa e prometía en campaña electoral a liberación e gratuidade da AP-9 e agora aplaude esta decisión de Sánchez no sentido contrario” como dun BNG que “di ser nacionalista pero apoia a un Goberno que vai en contra dos intereses dos galegos”.

“Desde o PPdeG seguiremos traballando con iniciativas en todas as Cámaras para que se faga realidade dunha vez por todas o que Galicia leva anos reclamando: pedir o divorcio de Pedro Sánchez e quedar coa custodia da AP-9”, concluíu.

LUIS LÓPEZ: “PEDRO SÁNCHEZ PREFIRE DEIXARSE CHANTAXEAR ANTES QUE TOMAR DECISIÓNS”

O presidente do PP de Pontevedra, Luis López, indicou que Pontevedra, sendo unha das provincias máis poboadas e dinámicas de Galicia, está a seguir con inquedanza a parálise do Goberno socialista con relación ás infraestruturas.

Luis López detallou que, por mar, Vigo segue aínda ser estar recoñecido como Porto Nodal; por aire, por culpa das taxas de Aena que precipitaron a saída de de Ryanair de Peinador e os experimentos con torres de control remotas que son criticadas polos axentes do sector; e por terra, con estradas nacionais en pésimo estado que máis ben son camiños, como por exemplo a N-120 o seu paso por Ponteareas, os retrasos e caos continuos na rede ferroviaria de media e larga distancia, e agora para rematar cos agravios, coa perda da oportunidade de liberar a AP-9 para que sexa por fin gratuíta.

“Desde Pontevedra lamentamos que o Goberno renunciara a librar a miles de usuarios das peaxes. Prefire deixarse chantaxear a tomar decisións. Coa AP-9, non hai nin rescate, nin máis bonificacións, e nin permiten sequera que se debata o traspaso da vía a Galicia que suma xa 56 bloqueos no Congreso. Atrás quedan promesas electorais e palabras, porque o certo é que a parálise de Sánchez sáelle cara aos milleiros de usuarios”, lamentou o presidente provincial.

A COMPLICIDIDADE DO PSOE E O BNG EN PONTEVEDRA

O líder local do partido na cidade, Rafa Domínguez, engadiu que o Grupo Municipal logrou aprobar dúas mocións neste mandato para instar ao Goberno de España a asumir o rescate da AP-9 e avanzar na liberalización das peaxes.

Domínguez criticou a actitude do BNG e do PSOE de Pontevedra, aos que acusou de ser “cómplices da estratexia de dilación de Pedro Sánchez”. O presidente local do PP está convencido de que os outros dous grupos políticos da Corporación municipal apoian propostas pola reivindicación social, “pero non exercen ningunha presión real sobre o Executivo central porque antepoñen os seus intereses partidistas aos da cidadanía”

A OBSESIÓN DE SÁNCHEZ CON ILLAR A GALICIA

O coordinador de Infraestruturas do PPdeG, pola súa banda, tamén se manifestou nesta liña preguntándose «cales son os motivos que xustifican a obsesión de Pedro Sánchez con illar a Galicia por terra, mar e aire”.

Referíase así ao feito de que a nosa Comunidade estea perdendo conexións aéreas por “decisións unilaterais e imposicións do ministro Óscar Puente” e de que as estradas galegas de titularidade estatal estean “no peor estado de mantemento da historia”. Algo ao que habería que engadir os “incumprimentos reiterados” por parte do Goberno central na posta en marcha de novas infraestruturas.

Para Antonio Ameijide, portavoz do Partido Popular na Deputación de Lugo, o máximo exemplo deste “illamento” é o que acontece tamén no eido ferroviario, con “problemas constantes” e con “provincias enteiras como a de Lugo illadas e desconectadas da Alta Velocidade”.