
Santiago, 14 de abril de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do PSdeG, a través da que se esixe ao Goberno de España máxima urxencia na tramitación e sinatura do convenio coa Xunta de Galicia para a transferencia de fondos para o reparto das axudas a autónomos e pequena e mediana empresa, ademais de facilitar os requisitos de xustificación de gastos das mesmas. Así mesmo, demándase un reparto xusto destes fondos, que non volva a prexudicar a Galicia, seguindo os criterios de financiamento autonómico e a porcentaxe de autónomos na Comunidade galega; e ampliar os sectores beneficiados para que as axudas cheguen a máis profesionais.








