Paula Prado reivindica ao PPdeG desde Larouco como o partido das mulleres e do rural

A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, reivindicou hoxe desde Larouco ao PPdeG como “o partido das mulleres e do rural”, salientando que é a formación con máis alcaldesas en toda Galicia, un total de 29, e que gran parte delas, como Patricia Lamela, lideran pequenos concellos.

Paula Prado visitou este sábado o núcleo de Larouco, así como a parroquia de Seadur, acompañada da alcaldesa Patricia Lamela; da secretaria xeral provincial do PP de Ourense, Sandra Quintas; dos deputados autonómicos Miguel Ángel Viso e Víctor Baladrón; e doutros representantes populares.

Alí, a secretaria xeral salientou que Patricia é unha das 29 alcaldesas do PP de Galicia, unha cifra que converte ao partido no que máis ten na Comunidade e, ademais, case a metade, un total de 13, son da provincia de Ourense. “Agardo que nas próximas eleccións municipais incrementemos ese liderado feminino que tanto estamos a impulsar desde o PPdeG”, lanzou.

Por este e outros moitos motivos, subliñou, o PPdeG é a formación “mellor preparada para levar a cabo políticas en feminino”, baixo o liderado de Alfonso Rueda, do que mañá, lembrou, se cumpre o primeiro ano da toma de posesión da súa primeira maioría absoluta.

A número dous dos populares galegos puxo de exemplo a Larouco do “labor, liderado e emprendemento” das mulleres do rural galego: “Desde o PPdeG queremos dar as grazas a todas esas mulleres que fixeron tanto polo rural galego e poñer en valor que cada vez hai máis mulleres facendo Galicia no rural”.

“É de destacar a contribución inmensa das mulleres galegas ao desenvolvemento económico da nosa Comunidade, unha contribución que merece ser celebrada e recoñecida”, engadiu, e asegurou que o PPdeG desexa que “a Galicia rural siga viva, que a remuda xeracional sexa unha realidade e que a muller siga sendo protagonista”.

FAMILIAS QUE “QUEREN SEGUIR VIVINDO EN LAROUCO”

Por último, Paula Prado puxo a Patricia Lamela, que vai cumprir 6 anos sendo alcaldesa, como unha “referente” na comarca de Valdeorras, ao tratarse dunha muller “valente, que defende aos seus veciños”, e un “exemplo para todas as mozas que están empezando na política”.

Pola súa banda, a rexedora destacou que Larouco, con máis de medio millar de habitantes, é “un concello que se mantén en poboación” —naceron 17 nenos nos últimos anos—, e sinalou como unha das razóns “o emprendemento en xeral e, en especial, desas novas empresas que se crearon na súa maioría en clave feminina”.

“Temos empresas que levan moitos anos, pero hai que destacar que as novas creacións foron de emprendemento feminino, así que hoxe o meu agradecemento vai a todas esas mulleres que seguen pensando no rural, que seguen querendo vivir no rural e que vinculan a súa vida a negocios do rural”, abundou Patricia Lamela.

Trátase, concluíu, de familias, veciñas e veciños que “cren nas súas empresas, cren en Larouco, non se marchan e seguen querendo vivir aquí”.

O Partido Popular sitúase como garante de que a mocidade galega poida elixir o seu futuro libremente, sen renunciar a nada e sen imposicións

O PP subliña o compromiso do partido e do Goberno do presidente Alfonso Rueda á hora de garantir que os mozos e mozas galegas poidan ter o futuro que elixan libremente, sen renunciar a nada e sen imposicións.

Así o manifestou esta tarde a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, na clausura do coloquio ‘Democracia e liberdade: retos futuros para a mocidade’ organizado por Novas Xeracións en Pontevedra e no que tamén participaron as senadoras Marimar Blanco e Pepa Pardo, o eurodeputado Adrián Vázquez, as presidentas autonómica e provincial de Novas Xeracións, Nicole Grueira e Ana Cristina Pérez, a secretaria xeral do PP provincial, Luisa Piñeiro, o presidente local do partido, Rafa Domínguez, e o presidente local de Novas Xeracións e concelleiro, Guille Juncal.

“En Galicia non dicimos ‘non’ a todo, como fan outros, senón que dicimos e sempre diremos ‘si’ ao futuro, á democracia, á liberdade e á mocidade”, asegurou a número dous dos populares galegos criticando a aqueles partidos de esquerdas que pretenden “impoñer a que universidade ir, onde vivir, en que idioma falar ou en que empresas se pode traballar ou non”.

Fronte a isto, contrapuxo, o PPdeG traballa para ofrecer as máximas posibilidades á xuventude á hora de facer unha carreira universitaria aforrándose o custo da matrícula e cunhas taxas que se sitúan entre as máis baixas de España, elixir entre vivenda pública ou contar con numerosas axudas para a adquisición dunha vivenda privada e, así mesmo, expresarse no maior número de idiomas posible.

Este compromiso é o que, na súa opinión, fai que o partido sexa a primeira opción para o electorado menor de 30 anos en Galicia. Non en balde, recordou, nas pasadas eleccións autonómicas 4 de cada 10 mozos e mozas galegas votaron ao PPdeG. O que supón que “máis dun 40% da mocidade galega depositou a súa confianza en Alfonso Rueda”.

Paula Prado referiuse ademais a Pontevedra como unha cidade na que se constata “como o independentismo máis radical fai e desfai ao seu antollo grazas á complicidade do PSOE”. Unha cidade na que, ademais, “mentres uns defendemos a democracia e reivindicamos a liberdade, outros practican o autoritarismo e promulgan a imposición”.

A MOCIDADE COMPROMETIDA DE PONTEVEDRA

Pola súa banda, o presidente local do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, expresou o seu orgullo pola visita da senadora Marimar Blanco á cidade. Ao mesmo tempo que subliñou que “Pontevedra conta cunha mocidade comprometida coa memoria democrática, a loita contra a violencia e a defensa da liberdade de pensamento”.

Domínguez destacou a importancia de manter viva a lembranza das vítimas de ETA, especialmente entre a mocidade: “É unha obriga moral recordar a Miguel Ángel Blanco e a todas as vítimas do terrorismo. Só así lograremos que as novas xeracións valoren e defendan a España libre, plural e democrática que non debemos perder”.

MARIMAR BLANCO APELA AO ESPÍRITO DE ERMUA

A senadora Marimar Blanco quixo facer conscientes aos presentes de que a calidade democrática e as liberdades das que gozamos hoxe en España costaron “mucha sangre, dolor, sufrimiento y horror”. E de aí a importancia de que a mocidade saiba que “fueron muchos los jóvenes a los que les arrebataron la vida por aspirar a vivir en un país basado en la libertad, la convivencia y la calidad democrática”.

Lamentou que o Goberno de Sánchez “se ha encargado de romper por completo la unidad política y social que fue el espíritu de Ermua” y de “dar la espalda a las víctimas del terrorismo anteponiendo el poder a los principios”. Referíndose así que “Pedro Sánchez es capaz de todo por seguir en La Moncloa, aunque para ello tenga que aceptar votos manchados de sangre”.

A irmá de Miguel Ángel Blanco reivindicou que, en contraposición, o Partido Popular sempre antepuxo os principios ao poder elixindo “salvaguardar la memoria, la dignidad y la justicia de todas y cada una de las víctimas del terrorismo”.

O PPdeG celebra que «Galicia goberna o seu litoral» logo da «histórica» transferencia das competencias de xestión sobre a franxa costeira

O Partido Popular de Galicia celebra o “fito histórico” acadado polo Goberno de Alfonso Rueda ao conseguir a transferencia á Comunidade das competencias sobre a xestión do dominio público marítimo-terrestre por parte do Estado: “Xa podemos dicir que Galicia goberna o seu litoral”.

Así o manifestou hoxe a secretaria xeral do partido, Paula Prado, nunha visita que realizou ao concello de Outes acompañada polo alcalde Fran Calo e o secretario xeral provincial, Evaristo Ben. Unha visita na que subliñou a importancia do acordo asinado onte entre o presidente Rueda e o Goberno central, especialmente tendo en conta o camiño percorrido ata este momento.

“Logo de aprobar a Lei do litoral de Galicia, levamos un ano e medio traballando nesta liña a pesar de contar con non poucos atrancos por parte dun PSOE e un BNG que non nolo puxeron fácil”, afirmou recordando a quen houbo quen asegurou que esta reivindicación era “pouco menos que unha declaración de independencia” e o posterior recurso estatal á norma autonómica no Tribunal Constitucional.

De aí que a secretaria xeral do PPdeG quixera poñer en valor a perseveranza do Goberno galego “traballando día tras día e sen cesar” para conseguir este fito histórico que suporá un antes e un despois para “a comunidade autónoma con máis quilómetros de costa de toda España”.

“O noso litoral non podía seguir sendo xestionado desde un despacho da Castellana, porque son moitas as empresas e particulares que dependen desta xestión directa”, apuntou na mesma liña que o alcalde, quen pola súa banda exemplificou esta problemática coas implicacións que ten para Outes.

Fran Calo incidiu en que “os veciños e veciñas que viven ao carón do mar necesitan seguridade xurídica no relativo a cuestións particulares e profesionais”. É o caso de empresas ubicadas en dominio público marítimo-terrestre, como na zona do Freixo, e que “non podían levar a cabo as súas actividades en condicións” ou a “particulares que non podían edificar na súa parcela a pesar de cumprir todos os parámetros urbanísticos”.

Cuestións de gran relevancia en municipios costeiros como o de Outes e tantos outros na nosa Comunidade. De aí a importancia de que a xestión do dominio público marítimo-terrestre “se faga desde Galicia e para Galicia”, xa que, tal e como concluíu Paula Prado, “para Galicia o mar é riqueza, emprego e vida e os galegos e galegas queremos poder vivir do mar e no mar”.

“NON QUEREMOS SER MÁIS, PERO TAMPOUCO MENOS”

A secretaria xeral do PPdeG avanzou que, unha vez conseguida a transferencia da xestión do litoral, Galicia seguirá reivindicando o traspaso doutras competencias estatais como a da xestión da AP-9 ou a homologación de títulos estranxeiros.

“Seguiremos insistindo para que o Goberno de Sánchez lle dea a Galicia o que está dando a outros territorios, como Cataluña ou o País Vasco. Porque non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco queremos ser menos”, indicou apuntando que estas reivindicacións estarán moi presentes no próximo Debate sobre o Estado da Autonomía.

Pola súa banda, o alcalde aproveitou a ocasión para agradecer ao partido que escollera o seu concello, e máis concretamente a praia de Broña, para conmemorar un día tan importante “para os veciños de Outes, para a xente da comarca do Barbanza e para todos os galegos”, xa que o acordo de onte supón “a culminación dun traballo de anos” e que “por fin poidamos xestionar o noso propio litoral”.

Fran Calo recordou o compromiso amosado polo presidente Rueda neste sentido na visita que realizou ao concello en 2023. Un compromiso que, insistiu, hoxe é unha realidade grazas ao “traballo e o esforzo” do Goberno galego.

Paula Prado destaca a aposta do PPdeG pola remuda xeracional para que o rural galego teña moito presente e aínda máis futuro

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, destaca a aposta da súa formación pola remuda xeracional no sector agrogandeiro para garantir que o rural galego siga tendo moito presente e aínda máis futuro.

Esta tarde visitou a 41ª edición da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) no concello de Cospeito acompañada polo alcalde Armando Castosa, o senador José Manuel Barreiro, e outros representantes do PP na comarca.

Unha visita na que puido comprobar de primeira man o traballo incansable, o compromiso coa excelencia e o amor pola terra que hai detrás de cada un dos exemplares. O cal, en opinión da número dous dos populares galegos, confirma que os gandeiros de Galicia son o motor que impulsa o rural creando emprego, xerando riqueza e mantendo viva a súa contorna.

Consciente disto, o presidente Alfonso Rueda comprometeuse nas eleccións a adoptar unha serie de medidas específicas para este sector que, a día de hoxe, xa pasaron do dito ao feito. É o caso do aumento da porcentaxe de axudas que concede a Xunta para os seguros agrarios, o impulso da incorporación das persoas mozas ás gandarías ou o establecemento de axudas para a recría en pureza das razas autóctonas en perigo de extinción.

Paula Prado subliñou así mesmo a importancia do sector nunha provincia como a de Lugo, que, tal e como apuntou, debe estar aberta a calquera tipo de investimentos que xeren emprego, actividade económica, riqueza e contribúan a un futuro máis verde e sostible para Galicia no seu conxunto.

Paula Prado: “O PPdeG representa á Galicia que goberna fronte ao independentismo e o socialismo que bloquean”

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, subliña a importancia que ten para os concellos galegos o feito de contar con gobernos estables na medida en que isto contribúe a fortalecer “a Galicia que goberna” fronte ao “bloqueo” do independentismo e o socialismo.

Así o manifestou esta mañá en declaracións aos medios antes de participar nunha reunión de traballo na sede do PP de Oleiros con representantes do partido na área metropolitana da Coruña. Unha reunión na que tamén participaron o vicesecretario de Organización e Territorio do PP na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, e o deputado autonómico Jesús Fernández Rosende.

A número dous dos populares galegos remarcou a importancia deses gobernos estables precisamente nunha área onde “brillan pola súa ausencia”, tal e como se puido comprobar esta semana en Cambre. Por sorte, apuntou, os veciños e veciñas si poden contar coa estabilidade un Goberno como o de Alfonso Rueda, que está facendo realidade o novo complexo hospitalario da Coruña (Chuac).

“Máis de 500 millóns de euros de inversión para renovar e ampliar edificios sanitarios, construír novos accesos e aparcamentos ou mesmo poñer en marcha unha gardería infantil”, explicou poñendo en valor que o Chuac “ano tras ano recolle premios como un dos mellores hospitais públicos de Galicia e de España”.

Algo que é posible, tal e como engadiu, grazas “á Galicia que goberna, que lidera e é referente grazas á súa aposta por medidas arriscadas e o seu investimento en infraestruturas, en tecnoloxía e en reforzo do persoal” e a pesar do “alarmismo” dos partidos da oposición.

“Como en tantos temas, o PSOE e o BNG só saben alarmar e ao final acaban dándose de fronte coa realidade”, asegurou ao tempo que afeaba ao socialismo a súa “submisión a un Pedro Sánchez que leva 6 ministros de Sanidade en 7 anos e ningún foi quen de tomar as medidas necesarias dentro das súas competencias”.

Do mesmo xeito, definía ao BNG como “o partido do ‘non’ a todo” sinalando que os independentistas galegos “son incapaces de apoiar calquera medida da Xunta, nin en Galicia nin en Madrid, pero despois son os primeiros que se poñen detrás dunha pancarta”.

Fronte a todo isto, concluíu, o PPdeG “seguirá dedicándose a gobernar, en Galicia e, en dous anos, espero que en máis concellos desta área metropolitana”.

O PPdeG contrapón “a Galicia que goberna” de Alfonso Rueda coa “Galicia que bloquea” da esquerda do “non a todo por sistema”

O Partido Popular de Galicia contrapón “a Galicia que goberna” liderada polo presidente Alfonso Rueda coa “Galicia que bloquea” promovida por unha esquerda especializada no “non a todo” e que se opón por sistema a calquera iniciativa de futuro na nosa Comunidad.

Así o manifestou hoxe a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, nunha rolda de prensa na que focalizou estas críticas nun “Bloque Negacionista Galego” ao que cualificou de “destrutivo” e “tóxico” e que “por moito que intente branquearse, nunca foi un partido de goberno”. Neste sentido, rebautizou á líder do independentismo galego como Ana ‘Nonnón’.

“Pretenden disfrazarse como un movemento transversal de contestación social e argumentar os seus posicionamentos cando en realidade son un movemento político radical e o seu único argumento é o ‘non’ a todo por sistema”, explicou poñendo como exemplo a negativa de Ana Pontón a Altri, á mina de litio de Doade, á enerxía verde e a todas as medidas para mellorar a nosa Sanidade pública.

Por isto, asegurou, o PPdeG seguirá “desenmascarando ao partido do ‘non’ e a unha Ana Pontón que leva dúas décadas negándose a calquera proxecto” e, pola contra, continuará dicindo ‘si’ á “Galicia que goberna” con Alfonso Rueda á fronte e que defenderán no Parlamento, no Senado, no Parlamento Europeo e “onde faga falta”.

“Galicia goberna fronte a unha oposición que desde o día despois das eleccións só tratou de paralizar e porque os galegos elixiron a estabilidade do PPdeG fronte ao ‘non a todo’ e o bloqueo”, concluíu poñendo en valor a un Goberno que galego que “semana tras semana se reúne sen liortas nin estridencias e para traballar en novas medidas para os galegos e galegas”.

Destacou, entre estas medidas, a consolidación da matrícula gratuíta para estudantes universitarios e de ensinanzas artísticas superiores, que arrancou este curso con case 2.000 beneficiarios e que, tal e como anunciou o presidente Rueda este luns, se manterá o vindeiro ano académico.

Algo que, unido á conxelación das taxas nos másteres —entre os máis baratos de España—, permitirá un aforro estimado de preto de 20 millóns de euros ao ano ás familias galegas.

O PPdeG acusa ao Goberno de Sánchez de “asaltar” a autonomía dos concellos ao “bloquear” o uso de remanentes orzamentarios

Os representantes do Partido Popular de Galicia na Fegamp solicitan a convocatoria dunha sesión extraordinaria do organismo na que se “dea voz aos concellos” e se consensúe unha reclamación unánime dirixida ao Goberno central para que lles permita dar uso dos remanentes orzamentarios do ano 2024.

Así o solicitaron na reunión da Executiva que se tivo lugar esta semana e na que o seu voceiro, Ángel Moldes, criticou que “o Goberno de Sánchez está bloqueando uns cartos que son dos veciños e que os concellos poderíamos investir en mellorarlle a vida ou en proxectos que consideremos necesarios”.

“Debemos ter autonomía para decidir onde investir os recursos que obtivemos por facer unha boa xestión económica”, demanda apuntando a que a negativa do Goberno central a permitir o uso dos remanentes é un “dobre castigo” tanto para os concellos como para os veciños.

De aí que desde o PPdeG soliciten ao presidente da Fegamp, o socialista Alberto Varela, que “canto antes” convoque unha xuntanza para “dar voz a todos os concellos galegos con independencia da súa cor política” e facer unha fronte común ante “este asalto á autonomía das corporacións locais”.

Os populares galegos subliñan o importante custo económico que está supoñendo para os concellos o feito de que o Goberno de España non teña aprobados uns Presupostos Xerais do Estado para este ano, ao que se engaden as dificultades de financiamento que están a experimentar as administracións locais.

O uso dos remanentes orzamentarios, polo tanto, sería unha opción viable para poder empregar “estes cartos que xa están nos concellos, que son dos veciños e que non se poden destinar a mellorar os servizos públicos municipais”. Xa que, recordan, a día de hoxe, o superávit só se podería utilizar para amortizar débeda “e para nada máis”.

Alberto Pazos reivindica ao PP como un partido que “leva a pesca no seu ADN” e defende que o sector do mar galego “merece un Goberno central mellor”

O portavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Alberto Pazos, reivindicou hoxe que en Galicia a cadea mar-industria é máis unha forma de entender a vida que un sector económico e por iso urxiu a todas as institucións a involucrarse no establecemento dun novo paradigma que garanta a partes iguais a protección medioambiental e a supervivencia da xente do mar.

Así o manifestou na súa intervención na mesa redonda ‘O reto agroalimentario: menos trabas para un sector estratéxico’, celebrada na 27ª Interparlamentaria do Partido Popular en Sevilla e na que aproveitou para subliñar que ninguén ten máis interese en preservar os recursos mariños que aqueles que viven destes recursos.

“Certas institucións deben deixar de tratar ás xentes do mar como unha ameaza medioambiental e asumir que son un elemento esencial na conservación dos nosos mares”, afirmou contrapoñendo os avances por parte da Comisión Europea nesta liña co desleixo do Goberno central cara ao sector.

Recordou así que, mentres a Comisión Europea conta cun comisario específico de Pesca e Océanos logo de que a presidenta Ursula von der Leyen adquirira este compromiso na súa visita a Galicia o pasado ano, o Goberno de España continúa tomando medidas claramente prexudiciais para o sector.

Alberto Pazos amosou deste xeito a súa incomprensión ante a negativa do Goberno central a rebaixar o IVE do peixe e das conservas, así como ante a súa decisión de impoñer un menor consumo de peixe nos menús escolares. “O único que pedimos é que o Goberno de España sexa o noso aliado e non o noso inimigo”, concluíu facendo referencia tamén ao esforzo que están a facer as comunidades autónomas para mellorar a calidade das súas augas e renovar as súas frotas e tripulacións.

AS MALAS ARTES DO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ

“En Galicia coñecemos ben as malas artes e os bulos deste Goberno”, sinalou o portavoz dos populares galegos no Pazo do Hórreo recordando o acontecido en plena campaña electoral das autonómicas cando o buque Toconao perdeu parte da súa carga de pélets e os seus restos chegaron ás costas galegas.

Un episodio no que, na súa opinión, o Goberno de Sánchez actuou con deslealdade e irresponsabilidade na medida en que ocultou información ao Executivo galego durante semanas e enviou ás súas hostes a desprestixiar o peixe e o marisco galegos con bulos que puxeron en grave risco a economía de moitas familias.

“Creo que o sector do mar merece un Goberno central mellor”, concluíu trasladando a súa esperanza de que “moi pronto” España contará cun novo Goberno liderado por un partido que leva a pesca no seu ADN, porque, apuntou, xa o din as súas propias siglas: “PP: Partido da Pesca”.

O PPdeG pon de exemplo a “política que serve” de Galicia como “un espello” da que debería exercer o Goberno de Sánchez

Os representantes do PPdeG, á súa chegada á 27ª Interparlamentaria do Partido Popular en Sevilla, puxeron de exemplo hoxe a “política que serve” de Galicia como “un espello” da que debería exercer o Goberno de Pedro Sánchez.

“Imos seguir demostrando que a Galicia que goberna é un exemplo para o resto de España”, sentenciou a secretaria xeral, Paula Prado, que encabeza a delegación de máis de medio cento de parlamentarios do PPdeG, “o partido galego maioritario no Parlamento de Galicia, no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo”.

Prado lembrou que o Partido Popular revalidou hai pouco máis dun ano a maioría absoluta, baixo o liderado de Alfonso Rueda, e hoxe Galicia “segue sendo un espello no que o Goberno central debería mirarse cada día”.

“Podemos mirarlle aos ollos aos galegos e ás galegas porque cumprimos co que se nos esixe. Este 2025, a nosa Comunidade suma xa 16 anos consecutivos cos Orzamentos aprobados en tempo e forma, e faino sen sobresaltos, sen estridencias e sen liortas; sendo un exemplo”, subliñou.

Non obstante, Prado lamentou que mentres Galicia cumpre cos galegos, “hai moito que o Goberno de Sánchez non cumpre con todos os españois”: “Vivimos nun país onde funcionar cos Presupostos Xerais prorrogados é o normal e onde dar privilexios a algunhas comunidades autónomas é a forma de perpetuarse no poder, un país onde o presidente e os seus ministros están cercados pola corrupción e non teñen apoio dos seus socios, pero son incapaces de botarse a un lado”.

Por este motivo, a número dous do PPdeG sinalou que “é o momento de que Sánchez e os seus deixen de mirar cara ao independentismo e miren cara a comunidades como Galicia” e tamén é o momento de cumprir cos traspasos de competencias comprometidos, as transferencias de fondos europeos para proxectos estratéxicos ou as melloras en infraestruturas”.

E, se iso non é así, dixo, “debe deixar pasar a un gran presidente como vai ser Alberto Núñez Feijóo”, porque “el si vai saber representar, como dicimos no Partido Popular, a verdadeira política que serve, a mesma coa que Galicia xa goberna”.

Paula Prado: “O BNG foi, é e sempre seguirá sendo o partido do ‘non’ ao futuro de Galicia”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegura que o BNG “foi, é e sempre seguirá sendo o partido do ‘non’ ao futuro de Galicia” e censura que o independentismo galego leve décadas “envelenando a política galega” cuns postulados propios de “quen nunca tivo aspiración de gobernar, senón que só busca destruír e intoxicar”.

Facendo un repaso ao pasado recente e tirando de hemeroteca, a número dous dos populares galegos recordou o oposición do “Bloque Negacionista Galego” a Alcoa, a Sogama, a Citröen, á OTAN, á AP-9, a Finsa, ao bilingüismo, á caza, ás minas de Touro e san Fiz, a Inditex, a Ence, ás conserveiras, ás granxas extensivas, á Garda Civil e á Policía Nacional, aos eólicos e a Altri.

“Pensaron nalgún momento no dano que lle fixeron a Galicia en xeral e ao emprego dos galegos e galegas en particular? Non. O único no que pensaron foi e segue sendo no rédito electoral que poden obter e en como afondar na súa estratexia de oposición”, concluíu asegurando que “non todo vale e moito menos o ‘non’ a todo”.

A secretaria xeral do PPdeG centrou precisamente a súa intervención no ‘non’ da esquerda ao proxecto de Altri. Unha negativa que, tal e como recordou, non se daba no pasado: “Hai tres anos presentamos no Parlamento unha iniciativa coa que buscabamos que todos os partidos políticos nos uníramos na defensa da instalación desta planta na provincia de Lugo e foi aprobada por unanimidade do PPdeG, o PSdeG e o BNG. Con 70 votos a favor e cero en contra”.

No debate desa iniciativa a deputada socialista Patricia Otero reclamaba ao Goberno galego que “se asegure de que Altri se instala na nosa comarca” e comprometíase a “traballar entre todos para conseguir que os fondos Next Generation cheguen a este proxecto que é fundamental”. Pola súa banda, Daniel Castro, deputado do BNG, afirmaba: “Calquera proxecto que cumpra toda a lexislación, que se instale en calquera parte do país… Nós seremos os primeiros en alegrarnos”.

Esta non sería a única iniciativa polo PSOE e o BNG neste sentido, pero, tal e como defendeu Paula Prado, unha vez pasaron as eleccións e agora que ese mesmo proxecto está cada vez máis preto de ser unha realidade, a esquerda “volve aos bulos e aos cambios de opinión”. Por iso pídelle a ambos que “expliquen por que en tan pouco tempo pasaron de apoiar a Altri a querer boicotear a súa instalación”.

“No PPdeG, en cambio, dixemos, dicimos e seguiremos dicindo ‘si’ a esta e a todas aquelas iniciativas que fagan que Galicia prospere”, remarcou explicando que “a Galicia que goberna é sinónimo dunha Galicia que aproveita e xera oportunidades, que desenvolve todo o seu potencial e avanza cara o futuro sen medo nin límites”.

INTERPARLAMENTARIA DO PARTIDO POPULAR EN SEVILLA

A secretaria xeral do partido aproveitou para anunciar que Galicia estará “moi ben representada” esta fin de semana na Interparlamentaria que o Partido Popular celebra en Sevilla, á que asistirán máis de medio cento de representantes do PPdeG.

Con Alberto Núñez Feijóo e Miguel Tellado á cabeza, a representación galega tamén inclúe ao voceiro do partido no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, que intervirá o sábado nunha mesa redonda, e á propia Paula Prado. Todos eles demostrarán que o PPdeG é “o partido galego maioritario no Parlamento, no Congreso dos Deputados, no Senado e no Parlamento Europeo”.