O PPdeG pon en valor as medidas do Goberno galego para a xuventude: “Traballamos por resolver as demandas da xente nova”

Novas Xeracións de Galicia salienta o seu obxectivo de “ser útiles para a mocidade” resolvendo as demandas da xente nova, trasladándoas ás diferentes administracións e materializándoas en medidas reais e efectivas como as que promove día a día o Goberno de Alfonso Rueda.

Esta mañá a organización político-xuvenil do PPdeG, coa súa presidenta Nicole Grueira á fronte, organizou un reparto informativo na zona universitaria de Santiago de Compostela para dar a coñecer medidas promovidas polo Executivo galego como as matrículas universitarias gratuítas, a conxelación das taxas de máster, o Bono Deporte para todos os mozos federados de ata 16 anos, as axudas para a obtención do carné de conducir ou programas como Xuventude Mentoring ou o Carné Xove.

Este reparto foi o primeiro dunha campaña que Novas Xeracións levará a cabo de xeito periódico durante os próximos meses en todos os campus universitarios de Galicia, e tamén noutras zonas, co obxectivo de “continuar a pé de rúa e ao carón da xente moza”.

Nesta ocasión quixeron destacar especialmente as novidades que recollen os Orzamentos galegos para 2025, especialmente no eido da vivenda. Así, co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda da mocidade, reservaráselle ata o 25% das vivendas en venta e o 40% das de aluguer que promova o Goberno galego no seu obxectivo de duplicar o parque público residencial na presente lexislatura.

A isto súmase o novo Bono Emancípate, coa que se pretende facilitar que a xuventude galega poida emanciparse e independizarse a través dunha axuda para cubrir os primeiros gastos que xera a posta en marcha dun fogar propio, como o mobiliario ou a mudanza.

O PPdeG pon en valor as medidas do Goberno galego para a xuventude: “Traballamos por resolver as demandas da xente nova”

Novas Xeracións de Galicia salienta o seu obxectivo de “ser útiles para a mocidade” resolvendo as demandas da xente nova, trasladándoas ás diferentes administracións e materializándoas en medidas reais e efectivas como as que promove día a día o Goberno de Alfonso Rueda.

Esta mañá a organización político-xuvenil do PPdeG, coa súa presidenta Nicole Grueira á fronte, organizou un reparto informativo na zona universitaria de Santiago de Compostela para dar a coñecer medidas promovidas polo Executivo galego como as matrículas universitarias gratuítas, a conxelación das taxas de máster, o Bono Deporte para todos os mozos federados de ata 16 anos, as axudas para a obtención do carné de conducir ou programas como Xuventude Mentoring ou o Carné Xove.

Este reparto foi o primeiro dunha campaña que Novas Xeracións levará a cabo de xeito periódico durante os próximos meses en todos os campus universitarios de Galicia, e tamén noutras zonas, co obxectivo de “continuar a pé de rúa e ao carón da xente moza”.

Nesta ocasión quixeron destacar especialmente as novidades que recollen os Orzamentos galegos para 2025, especialmente no eido da vivenda. Así, co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda da mocidade, reservaráselle ata o 25% das vivendas en venta e o 40% das de aluguer que promova o Goberno galego no seu obxectivo de duplicar o parque público residencial na presente lexislatura.

A isto súmase o novo Bono Emancípate, coa que se pretende facilitar que a xuventude galega poida emanciparse e independizarse a través dunha axuda para cubrir os primeiros gastos que xera a posta en marcha dun fogar propio, como o mobiliario ou a mudanza.

Alfonso Rueda reivindica na Coruña o gasto social récord dos Orzamentos galegos para 2025 e os case 5.000 M€ que se reservan á provincia

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe os investimentos do Goberno galego na provincia da Coruña en cuestións como as residencias, os centros educativos, o equipamento sanitario ou a construción de vivenda pública ao abeiro dos Orzamentos autonómicos con maior gasto social.

Ante os membros da Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña celebrada esta tarde e na que tamén participaron o presidente do partido na provincia, Diego Calvo, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o líder dos populares galegos explicou que os contas para o próximo ano reservan para esta provincia case 5.000 millóns de euros e máis de 660 millóns no caso da súa capital.

Unhas cantidades que se destinarán a cuestións tan importantes como as obras do novo CHUAC (37,6 millóns de euros) ou ao remate da terminal de autobuses, cun investimento de 16,5 millóns de euros. Ao que habería que engadir outros investimentos en residencias, centros educativos ou innovación.

O presidente Rueda destacou especialmente o investimento en vivenda, como os 1,5 millóns de euros para adquirir solo e os case 14 millóns para construír vivenda pública para alugueiro en Xuxán. De feito, tal e como remarcou, fronte aos que promoven leis que só suben os prezos do alugueiro, a Xunta é a administración que máis inviste en vivenda pública na cidade.

Sobre esta cuestión engadiu que o Executivo que preside ten precisamente como obxectivo prioritario duplicar o parque de vivenda pública de aquí a 2028 e que, para cumprir este obxectivo, o próximo ano triplicarase o orzamento destinado a solo residencial e construción de nova vivenda ata os 126 millóns de euros. Ao que habería que engadir ademais a aprobación de novas bonificacións fiscais para dinamizar o mercado.

Se isto é posible, explicou, é grazas a que, mentres o Goberno central non é quen de aprobar as súas contas, o Goberno galego volveu facelo en tempo e forma e sen recorrer a endebedamento. Por iso quixo poñer en valor o “Estilo Galicia” baseado na estabilidade, o rigor e a xestión.

O presidente encabezou hoxe o cuarto e último encontro provincial dunha rolda que tivo o obxectivo de escoitar e planificar o futuro da formación, e no que trasladou que o contacto cos galegos e galegas se trata dunha avaliación continua.

DIEGO CALVO INSISTE NA IMPORTANCIA DE MANTER O PARTIDO ACTIVO

Pola súa banda, Diego Calvo avalou “o bo facer do goberno da Xunta que, un ano máis presenta as contas en tempo e forma”, fronte a un Goberno central máis preocupado de asuntos que pouco teñen que ver cos problemas dos cidadáns.

O presidente provincial insistiu na idea de “manter activo o partido, de traballar preto dos veciños” e animou a alcaldes e portavoces a trasladar á xente todos os proxectos, axudas e investimentos que o Goberno autonómico pon a disposición dos galegos e galegas.

“Galicia é exemplo unha vez máis de boa xestión e de estabilidade. Un exemplo cada vez máis inusual en España da importancia de facer as cousas ben”, concluíu.

O PPdeG esixe a Pontón unha desculpa ás familias galegas por frivolizar coa dramática realidade da mocidade que sofre acoso

O Partido Popular de Galicia esixe a Ana Pontón que rectifique a súa “frívola” postura respecto ao bullying e pida perdón ás familias e á mocidade galega que lamentablemente sofren esta “dramática realidade”.

Logo de que a portavoz do BNG empregase esta mañá no Parlamento de Galicia o termo “bullying” para referirse a circunstancias que nada teñen que ver co acoso, os populares galegos inciden en que “hai comparacións que sobran” e esíxenlle respecto ás familias e para os nenos e nenas.

Lamentablemente, Ana Pontón preferiu seguir na súa liña en vez de rectificar e por iso desde o PPdeG piden unha desculpa e reiteran que ante o acoso, en Galicia non caben nin a frivolidade nin a tolerancia.

Rueda subliña o “Estilo Galicia” que permite contar cuns Orzamentos aprobados en tempo e forma e co maior investimento por habitante na provincia de Lugo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou hoxe o “Estilo Galicia” que permite que a nosa Comunidade poida aprobar os seus Orzamentos en tempo e forma. Unhas contas para o ano 2025 que, sinalou, serán ademais as máis elevadas da nosa historia e por segundo ano consecutivo terán endebedamento cero.

Ante os asistentes á Xunta Directiva Provincial do PP de Lugo celebrada esta tarde e na que tamén participaron a vicesecretaria nacional de Organización do PP, Carmen Fúnez, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a presidenta provincial do partido na provincia, Elena Candia, Rueda especificou que as contas galegas reservan para a provincia de Lugo o maior investimento por habitante (5.840 euros).

No caso da súa capital, contemplan partidas tan importantes como os 12,1 millóns de euros destinados a vivenda, os 6,2 millóns para a Intermodal, os 4 millóns para remodelar a residencia das Gándaras ou os 1,3 millóns para a reforma integral do centro de saúde da Milagrosa, entre outros.

Investimentos que son posibles, engadiu, grazas á estabilidade, o rigor e a xestión que caracterizan ao PPdeG e que fan do partido a opción maioritaria para os galegos e especialmente para os lucenses. De feito, recordou a este respecto que Lugo foi a provincia con maior porcentaxe de voto nas pasadas eleccións autonómicas.

Por outra banda, o líder dos populares galegos reclamou menos desprezos e máis xestión ao Goberno central ante as continuas incidencias nos servizos ferroviarios de Galicia e ante a situación na que se atopan as infraestruturas estatais, especialmente nesta provincia.

Nese sentido, afeoulle ao ministro Óscar Puente que dedique máis tempo a tuitear e a acudir a homenaxes non merecidas mentres non deixan de amontoarse na súa mesa débedas pendentes con Galicia e con Lugo.

O presidente citou cuestións como a chegada da Alta Velocidade, a recuperación total do viaduto do Castro ou a culminación da autovía a Santiago de Compostela, e demandou nesta liña máis responsabilidade e máis rigor por parte do Executivo.

ELENA CANDIA: “O COMPROMISO DO GOBERNO GALEGO CON LUGO DEMÓSTRASE NOS ORZAMENTOS E NO TRABALLO EN EQUIPO”

A presidenta do PP na provincia de Lugo, Elena Candia, subliñou pola súa banda que “o compromiso do Goberno galego con Lugo se demostra nos orzamentos, coa cercanía e proximidade dos seus responsables e co traballo en equipo”.

Incidiu en que “a Xunta ten moi presente á provincia”, á vista de que “Lugo segue sendo a provincia galega con maior investimento per cápita” e que, ademais, se incrementaron nun 11% as partidas dirixidas a garantir e mellorar os servizos e se cuadriplicou a aposta pola ampliación do parque de vivenda pública.

Concretamente, destacou “a aposta pola sanidade pública con investimentos en infraestruturas sanitarias –construción e mellora de centros de saúde, os proxectos de ampliación dos hospitais comarcais da Mariña e Monforte–, implicación na mellora de residencias de maiores e outros servizos públicos de ámbito social, apoio ao Campus Terra e investimentos para a modernización dos centros educativos”.

Tamén medra un 2,6% a partida dirixida a infraestruturas que dan soporte económico a proxectos iniciados, así como a garantir a seguridade nas estradas de competencia autonómica e “avanzar noutros cos que mantén o seu firme compromiso e que están pendentes de acordos e informes por parte doutras administracións”.

A presidenta provincial considerou acertado “incrementar a colaboración cos concellos” que, no caso da provincia de Lugo, chegará ao 11%. Ademais, contarán co apoio da Xunta para actuacións da súa competencia coma o tratamento de residuos ou o abastecemento e saneamento de auga.

Tamén lembrou achegas no ámbito do medio rural –como o plan de mellora de camiños co que a Xunta prevé dirixir á provincia 4,5 millóns de euros– e do mar– melloras en portos da Mariña– para “acometer actuacións en beneficio do sector agrogandeiro, forestal e do mar”.

PUENTE NON MERECE NINGÚN PREMIO

Candia tamén destacou que “os lucenses respaldaron a postura do PP da provincia” en relación á non asistencia a un acto no que se premiou ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible: “Cos seus abucheos a Óscar Puente deixaron claro que coinciden con nós en que non merece ningún premio”.

A popular cre que “para ser merecedor dun premio ten que haber un traballo detrás que o avale”, pero “en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias, Lugo está illada, e agardamos que o Goberno do Estado rectifique”. Ademais, lembrou que “o ministro Puente foi reprobado polas distintas administracións: a Deputación de Lugo, o Parlamento de Galicia, o Congreso dos Deputados e o Senado de España”.

O PPdeG reclama ao Goberno central un fondo económico que compense os subrecustos que asumen os concellos galegos con cárceres

O Partido Popular de Galicia reclama ao Goberno de España unha compensación económica aos concellos galegos onde se ubican centros penitenciarios para axudalos a sufragar os subrecustos derivados da prestación de servizos básicos e a perda de recadación nas arcas municipais derivada da exención do IBI destes centros.

Faino a través dunha proposición non de lei que levará ao Congreso dos Deputados logo de que a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a secretaria nacional de Interior do Partido Popular e deputada por Ourense, Ana Vázquez, mantiveran unha xuntanza cos alcaldes e representantes dos concellos de Curtis, A Lama, O Pereiro de Aguiar, Outeiro de Rei e Monterroso para coñecer a súa situación.

“Os concellos que albergamos un cárcere estamos obrigados por lei a asumir a prestación de servizos básicos como o abastecemento de auga potable, o mantemento da rede viaria, a recollida do lixo, o saneamento ou a atención desde as áreas de servizos sociais que nos demandan os centros, sen recibir ningún tipo de compensación económica polo sobrecusto económico que supón e a sobrecarga que xera nestes servizos”, explica o alcalde de Curtis.

A isto habería que engadir que estes edificios están exentos do pago do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e, polo tanto, os concellos sofren “unha merma importante nos ingresos das arcas municipais” que deriva en dificultades para asumir o custo económico dos servizos públicos que prestan aos seus veciños.

Os alcaldes destes concellos reclaman polo tanto que, do mesmo xeito que a Xunta de Galicia creou un fondo adicional compensatorio que amortigua parte desa carga económica, o Goberno de España compense a perda de recadación derivada da exención do pago do IBI dos centros penitenciarios e teña en conta a poboación de reclusos dos centros no reparto dos Fondos de Cooperación Local.

De feito, subliñan que a poboación de cada municipio é un dos criterios que máis repercusión ten no reparto de ingresos do Estado e da Comunidade Autónoma e que, na maioría dos casos, a poboación reclusa non está empadroada no concello do centro penitenciario no que está cumprindo a súa pena.

En Galicia, segundo datos desta mesma semana, hai un total de 2.842 reclusos distribuídos entre os cárceres da Lama (1.015), Bonxe —Outeiro de Rei— (278), Monterroso (223), O Pereiro de Aguiar (276) e Teixeiro (1.050).

“Non queremos ningún trato de favor, senón o mesmo trato e o mesmo reparto que reciben outros concellos como os de Cataluña, onde os fondos estatais si se reparten nos concellos onde hai cárceres”, conclúe o rexedor de Curtis.

Paula Prado: “Para Óscar Puente o traspaso da AP-9 é tremendamente difícil porque a súa vontade política para facelo é tremendamente baixa”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamentou hoxe que o ministro Óscar Puente siga opoñéndose ao traspaso e á gratuidade da AP-9 escusándose en que é “tremendamente difícil” cando a realidade é que “esta negativa débese unicamente á que a vontade política do Goberno central para facelo é tremendamente baixa”.

Prado esixiu neste sentido a PSOE e BNG que “polo ben dos galegos e galegas” desbloqueen a transferencia e a gratuidade da autopista do Atlántico, tal e como comprometeron en campaña electoral e tal e como fai o Goberno de Sánchez noutros casos. “Mentres a outros territorios traspásaselle a titularidade das autoestradas e fanse gratuítas, a Galicia négaselle o mesmo e ademais temos que sufrir ano a ano subas das peaxes”, engadiu.

“Queremos que a AP-9 deixe de estar entre as máis caras de España e que o Goberno cumpra a promesa da gratuidade. Queremos que a súa titularidade e centro de decisión, como tamén comprometeron, pase a estar en Galicia”, concluíu apuntando a que o Goberno de Pedro Sánchez podería tomar exemplo do Goberno de Rueda en materia de infraestruturas.

Así o asegurou en declaracións aos medios esta mañá nunha visita ao punto do concello de Sanxenxo no que remata a autovía do Salnés. Unha autovía que, xunto á do Barbanza, a de Ourense-Celanova e a de Santiago-Brión, pasará a ser de propiedade pública e será xestionada directamente pola Goberno galego.

Tal e como anunciou o presidente Alfonso Rueda, recuperarase a concesión destas catro vías, eliminando as peaxes en sombra que se viñan pagando e aforrando máis de 30 millóns de euros ao ano ás arcas públicas galegas “que poderán destinarse ao benestar dos galegos e galegas e a cuestións como a vivenda ou a mellora doutras infraestruturas”.

Esta decisión, concluíu a secretaria xeral do PPdeG, demostra o compromiso do seu partido na mellora das infraestruturas galegas: “É un tema que nos ocupa e nos preocupa e no que o presidente Rueda e o seu equipo seguen traballando”.

MARÍA DEZA: “ESTA MEDIDA REDUNDARÁ NO BENEFICIO DE SANXENXO”

Pola súa banda, a tenente de alcalde do Concello de Sanxenxo e deputada no Parlamento de Galicia, María Deza, quixo tamén insistir no beneficio que supón para todos os galegos e especialmente para os sanxenxinos o feito de que as arcas autonómicas vaian aforrar preto de 330 millóns de euros con esta decisión.

“Redundará no interese dos nosos veciños na medida en que permitirá a mellora de infraestruturas autonómicas dentro do noso municipio como son o tramo da PO-309 ata a rotonda de Arnelas ou o tramo da PO-308 ata a circunvalación”, explicou.

Referíndose ao compromiso do Goberno galego de destinar unha parte importante destes cartos á execución de vivenda pública, María Deza puxo en valor que o Concello de Sanxenxo xa traballa na adquisición de terreos para poñer a disposición da Xunta para a execución de vivenda pública no termo municipal.

Alfonso Rueda pon en valor en Ourense a importancia de contar cun Goberno capaz de aprobar e presentar os seus orzamentos en tempo e forma

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, resaltou hoxe a importancia de seguir ofrecendo estabilidade, rigor e xestión á cidadanía a través duns orzamentos que o Goberno galego presentará mañá e que serán aprobados en tempo e forma por décimo sexto ano consecutivo.

Na Xunta Directiva Provincial do PP de Ourense celebrada esta tarde e na que tamén participaron a vicesecretaria nacional de Organización do PP, Carmen Fúnez, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente do partido na provincia, Luis Menor, o líder dos populares galegos comprometeuse a seguir gobernando pensando nos problemas da xente, cumprindo a palabra dada e devolvendo aos ourensáns e ao conxunto dos galegos a confianza que depositaron nel hai oito meses.

Neste sentido, animou aos seus a seguir traballando para revalidar a confianza que os ourensáns outorgan sempre ao Partido Popular de forma maioritaria e que permite que a provincia  de Ourense estea representada nos lugares onde se toman as decisións a través dos seus 8 deputados autonómicos, 3 deputados nacionais, 3 senadores e un total de 56 alcaldes e alcaldesas.

Rueda animounos a continuar traballando de cara a todas as convocatorias electorais que veñan e convidounos así mesmo a explicar, por exemplo, que, mentres o Goberno galego aumenta os fondos para os municipios, o Goberno central aproba novos impostos e taxas que dificultan a xestión de residuos. Ou que, mentres o Goberno autonómico pon 12 euros por cada hora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ten previsto subir a aportación nos próximos anos, o Goberno central limita a súa aportación a 2,5 euros.

Fronte a todo isto, subliñou, é necesario poñer en valor tanto a xestión que garanten os gobernos do Partido Popular como o “Estilo Galicia” que fai da nosa Comunidade unha excepción na que a estabilidade e o rigor rexen as políticas públicas.

UN PARTIDO QUE ESCOITA E CUMPRE COA PALABRA DADA

O presidente provincial subliñou que a nova estrutura do partido, aprobada no Congreso Provincial extraordinario de xullo, permite ao PP de Ourense “seguir demostrando que estamos ao lado da xente, sen partidismos, centrados nas súas preocupacións”, destacando ao mesmo tempo a capacidade para chegar a todo o territorio.

Tomando como punto de partida esta presenza por toda a provincia, Luis Menor anunciou a celebración a finais de mes dunha Interparlamentaria ourensá cuxo eixo temático será o mundo rural. Así, o 26 de outubro os representantes no Congreso, Senado, Parlamento de Galicia e Deputación, un por cada institución, detallarán o traballo que veñen realizando a favor do rural ourensán, analizando a súa situación e propoñendo iniciativas.

Na súa intervención, Menor sinalou tamén que tras o congreso de xullo o partido demostrou a súa eficacia para incrementar a súa capacidade de traballo, “do que dan boa fe as 187 persoas que forman parte desta nova etapa do PP de Ourense e ata os 220 membros desta Xunta Directiva”. Unha nova estrutura orgánica que, sinalou, teñen o encargo de “levar as nosas mensaxes da maneira máis segmentado posible á sociedade ourensá”.

Repasou tamén o presidente provincial a actividade desenvolvida polo PP ourensán desde xullo, “cunha intensa vida política na sede provincial” coa constitución das 13 vicesecretarías, 9 comités de traballo e 14 coordinacións de área que forman parte da estrutura do PP de Ourense, ademais de reunións todas as semanas para analizar a situación política da provincia e da cidade e a recepción por parte da presidencia a máis de medio centenar de persoas “entre representantes de agrupacións locais, portavoces municipais, afiliados e mesmo novos militantes”.

“Un partido que escoita e un partido que cumpre coa palabra dada”, e que segue a dar pasos firmes para facer realidade as 12 propostas que forman parte do documento Compromiso por Ourense, asinado co presidente Rueda, cun cumprimento do 60 % entre medidas e proxectos en marcha o xa realizados.

Paula Prado lamenta que BNG e PSOE sigan sen condenar abertamente ao réxime de Maduro: “É unha obriga democrática e de xustiza”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamentou hoxe que o BNG e o PSOE sigan sen condenar abertamente a “fraude democrática” perpetrada por Nicolás Maduro en Venezuela e ínstaos a “rectificar” a súa postura: “Como demócratas, é a nosa obriga actuar para que haxa xustiza”.

Así o manifestou esta tarde no debate ¿Cómo muere el Estado democrático? El caso de Venezuela organizado pola Universidade de Santiago de Compostela no marco do seu Foro de Dereito Constitucional. Un debate no que remarcou o recoñecemento do seu partido a Edmundo González como lexítimo presidente electo de Venezuela e a súa condena ao réxime ditatorial de Maduro e á represión que está exercendo.

“As actas electorais avaladas pola comunidade internacional desnudan a fraude do chavismo e obrígannos a actuar para que haxa xustiza. Porque como dixo o propio Edmundo González na Illa da Toxa, é o noso deber como demócratas defender a súa legalidade e facer valer a soberanía popular”, explicou recordando que o Partido Popular levou ao Parlamento de Galicia unha iniciativa neste sentido e ante a que o BNG votou en contra e o PSOE galego preferiu absterse.

Neste sentido lamentou que o socialismo “se sitúe do lado de Zapatero e da súa lealdade a Venezuela” e que os independentistas galegos volvan mostrar o que verdadeiramente son: “Un partido con ideas extremas e que sempre se sitúa no lado incorrecto da historia”.