O Parlamento galego urxe ao Goberno central a aprobar unha serie de medidas para afrontar a escaseza de profesionais sanitarios

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se urxe ao Goberno central a adopción dunha serie de medidas de cara a afrontar a escaseza de profesionais médicos no sistema sanitario. En concreto, demándase que axilice o proceso de homologación de títulos dos profesionais sanitarios; modifique o sistema de elección de prazas MIR para acadar máis formación nas especialidades de medicina de familia e evitar prazas vacantes; acelere a incorporación das novas prazas acreditadas á oferta formativa; reforme o Estatuto Marco para elevar ata os 72 anos da idade máxima para o exercicio da profesión médica; e elimine a taxa de reposición, cando menos nos casos nos das especialidades consideradas como deficitarias polos distintos informes do Ministerio de Sanidade.

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, lembrou que “a falta de médicos é o principal problema que sofre neste momento a sanidade, non só en Galicia, senón en España e boa parte do mundo”. “A consecuencia da inacción e das medidas erróneas adoptadas polo Goberno de Pedro Sánchez é un déficit de médicos de familia que afecta a toda España”, para o que considerou “preciso mudar varios aspectos que afectan distintas etapas dos profesionais de atención primaria, desde a súa formación ata a idade de xubilación, pasando pola homologación de títulos e a taxa de reposición”.

AVANCES ESTE VERÁN

Encarna Amigo sinalou que, gracias á presión realizada polas comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular, o Goberno central avanzou este verán na aprobación do Real Decreto polo que se crea a especialidade de médico de urxencias, aínda que non se poderán formar os primeiros especialistas ata o 2026, co que non estarán dispoñibles para a súa contratación ata 2030; e na flexibilización dos criterios de acreditación de centros e unidades para a formación de médicos residentes.

Así mesmo, a portavoz popular lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “mantén a súa negativa á solicitude das comunidades autónomas de que autorice a elevación aos 72 anos da idade máxima de xubilación, cando menos nas especialidades máis deficitarias”, ao tempo que considerou “imprescindible a homologación de títulos de médicos estranxeiros, que continúa bloqueada e con prazos de resolución que superan, en gran parte dos casos, os dous anos”.

Na súa intervención, Amigo destacou que “a Xunta leva tomado todas aquelas medidas que as súas competencias lle permitiron para intentar paliar o déficit de médicos especialistas en medicina familiar e comunitaria, medidas que cada vez que viñeron a este Parlamento non contaron nin unha soa vez co voto favorable nin do PSOE nin do BNG”. En concreto, salientou que estas medidas axudarán a que 0 84 por cento dos profesionais de medicina familiar e comunitaria que remataron a súa formación este verán en Galicia se queden traballando no Servizo Galego de Saúde.

O PPdeG forza a Puente a comparecer no Congreso para aclarar, como lle pediron, a postura do Goberno central sobre a AP-9

Os deputados do PP de Galicia celebran que o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, vaia comparecer no Congreso o próximo 16 de outubro para aclarar, tal e como lle pediron os populares, a súa postura sobre a transferencia e a gratuidade da autoestrada AP-9.

En concreto, Óscar Puente terá que render contas sobre a posición do Goberno central en relación coa activación da transferencia da titularidade e xestión a Galicia da AP-9, así como sobre o cumprimento dos compromisos que adquiriu sobre a implantación de novas bonificacións aos usuarios e o da gratuidade da autoestrada, expresada polo candidato socialista José Ramón Gómez Besteiro na campaña das pasadas eleccións autonómicas.

A comparecencia, solicitada hai poucos días polos populares, acordouse esta mañá na Xunta de Portavoces do Congreso, na que estiveron presentes varios deputados galegos liderados polo voceiro, Miguel Tellado.“É importante que forzáramos esta comparecencia do Goberno central e de Óscar Puente en particular. Non é habitual que dean explicacións, como tampouco fixo Sánchez na súa reunión co presidente Rueda, pero agardamos que está vez si o fagan”, sinala Celso Delgado, vicepresidente segundo da Comisión de Transportes no Congreso.

PROPOSICIÓN DE LEI SOBRE A AP-9

Así mesmo, durante a reunión, Tellado chamou a atención sobre “a parálise á que o PSOE e o seu brazo armado, Francina Armengol, teñen sometido a este Congreso”, en referencia a que a Mesa volvera ampliar unha semana máis o prazo de presentación de emendas á Proposición de Lei sobre a AP-9.

Cómpre lembrar que a proposición ten a súa orixe no Parlamento de Galicia, onde se aprobou por unanimidade, e o prazo de emendas xa leva media ducia de prórrogas esta lexislatura despois de que na pasada se prorrogara 15 veces.

“Queremos que conste en acta a nosa petición de que se peche xa o prazo de presentación de emendas e se transmite esta lei. O PPdeG non vai consentir que nesta lexislatura o Goberno central e os grupos que o apoian, como o BNG, sigan bloqueando esta importante iniciativa para Galicia”, abunda Celso Delgado, quen salienta como os deputados galegos do PP están a poñer a cuestión da AP-9 “no lugar preferente que demandan todos os galegos e galegas”.

Delgado, xunto a Tristana Moraleja e Pedro Puy, forma parte da ponencia encargada de debater a Proposición de Lei Orgánica na Cámara Baixa.

O PPdeG aposta por seguir modernizando o sistema educativo galego para consolidalo como “referente nacional e internacional en calidade e equidade”

O Partido Popular de Galicia reafirma a súa aposta por seguir facendo do sistema educativo galego “un servizo público que educa en calidade e en equidade, que garante a igualdade de oportunidades e que destaca en moitas variables a nivel nacional e internacional”.

Así o manifestou esta semana o responsable de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, nunha reunión da Comisión de Educación dos populares galegos que estivo encabezada pola secretaria xeral do partido, Paula Prado, e o coordinador deste órgano, Ovidio Rodeiro, e na que se analizou o inicio do novo curso na nosa Comunidade.

Un novo curso marcado, tal e como remarcan os populares, pola “maior modernización do ensino galego nos últimos 30 anos” grazas ás melloras que o Goberno galego asinou o pasado mes de outubro cos sindicatos educativos e das que destaca a incorporación de máis profesorado a pesar da perda de alumnado.

“Neste curso perdemos aproximadamente 3.200 alumnos, pero sen embargo ganamos profesorado. No noso obxectivo de mellorar a atención ao alumnado, este curso haberá menos alumnos pero máis profesores”, explicou Román Rodríguez ao tempo que destacaba a “normalidade” na que están transcorrendo estes primeiros días de curso na inmensa maioría dos máis de 1.100 centros educativos que se reparten por todo o territorio galego.

Unha normalidade que contrapuxo ás críticas de aqueles que “dicían que ese acordo era papel mollado ou que ía haber menos profesores” e que, en definitiva, o único que fan é “pura propaganda intentando maquillar os datos equitativos”.

“Ao final o tempo é o mellor xuíz fronte ao alarmismo e, fronte ao alarmismo interesado, está o traballo ben feito dos técnicos do Goberno galego, dos equipos directivos dos centros e de todas aquelas persoas que teñen a responsabilidade de garantir que o sistema educativo galego funcione con total normalidade tanto no inicio como ao longo do curso”, concluíu.

O PPdeG, sobre a reunión do presidente Rueda con Pedro Sánchez: “Defenderá a dignidade de Galicia fronte aos que pretenden erosionar a igualdade entre todos os españois”

Na véspera da reunión entre o presidente Alfonso Rueda e Pedro Sánchez, o PPdeG reivindica que é o “único partido que defende de verdade a dignidade de Galicia” e que iso será o que o seu líder trasladará mañá na Moncloa: “Defenderemos a nosa dignidade fronte aos que pretenden erosionar a igualdade entre todos os españois”.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, recordou hoxe nunha rolda de prensa celebrada na sede autonómica do partido que esta defensa da dignidade de Galicia era precisamente un dos compromisos incluídos no programa electoral que levou a Alfonso Rueda a conseguir a súa primeira maioría. Un apartado que se resumía do seguinte xeito: “O PP de Galicia defenderá que as institucións autonómicas sexan reivindicativas co Goberno de España e que entendan a lealdade como unha forma de esixir o que ás galegas e galegos lles corresponde”.

“A estas alturas, sete meses e un día despois de gañar as eleccións, ninguén pode negar que o PPdeG non só está cumprindo co prometido, senón que é o único partido que defende, de verdade, a dignidade de Galicia”, apuntou a número dous dos populares antes de criticar que Alfonso Rueda tivera que esperar todo este tempo para ser recibido por Pedro Sánchez e que este, ademais, “chame a todos á vez e non o reciba só a el como é habitual despois de gañar unhas eleccións”.

O PLAN DE DEXENERACIÓN DEMOCRÁTICA DE SÁNCHEZ

Ante este cambio de actitude por parte do presidente do Goberno, Paula Prado ironizou con que se trata “dunha máis das súas sorpresas negativas incluídas no seu plan de dexeneración democrática” e das que en Galicia, subliñou, hai moitos exemplos. Un deles é o caso das infraestruturas: “Está atrasada e paralizada a transferencia e gratuidade da AP-9, atrasadas tamén un bo número de conexións ferroviarias, como o enlace con Portugal; e atrasadas a autovía Santiago-Lugo ou as obras do viaduto da A-6”.

“Tamén tivemos sorpresas negativas cos fondos europeos e o apoio aos proxectos industriais interesados en crear emprego e riqueza en Galicia. E non sabemos nada da transferencia dos medios e servizos para a xestión do litoral, conxelada pese á sentenza do Tribunal Constitucional”, indicou.

A secretaria xeral do PPdeG considera que “son tantos os desprezos e os incumprimentos de Sánchez con Galicia que o presidente Rueda vai ter que facer un esforzo de comprensión para poder resumirllos ao presidente do Goberno e aínda así non lle chegaría todo o venres”.

Tamén quixo remarcar o “preocupante” xa non do elevado nivel de incumprimentos, senón do feito de que “moitos deses incumprimentos son exactamente os mesmos que o presidente Rueda lle trasladou a Sánchez hai máis de dous anos”.

UN BNG QUE INVESTIU A SÁNCHEZ A CAMBIO DE NADA

Paula Prado criticou así mesmo que esta semana o BNG “se atrevera a dar leccións de servilismo cando investiron a Pedro Sánchez a cambio de nada”. De feito, aproveitou para volver a recordarlle aos nacionalistas que “o seu pacto de papel mollado xa leva un bo número de incumprimentos”.

“Está claro que o plan de dexeneración democrática de Sánchez inclúe incumprir o que pacta cos seus socios e, por suposto, incumprir coas demandas das galegas e os galegos”, concluíu no remate da súa intervención.

O PPdeG reivindícase como a opción “maioritaria” nas cidades galegas e a única garantía de “gobernos centrados en gobernar para a maioría”

O Partido Popular de Galicia reivindícase como a opción que os galegos “votaron maioritariamente en cinco das sete cidades” da nosa Comunidade nas pasadas eleccións municipais e como “a única garantía de ter gobernos centrados en gobernar e non pactos de perdedores nin alianzas centradas en permanecer a toda costa no poder”.

Así o reiteraron esta semana os populares galegos na reunión do seu Comité de Cidades, que estivo encabezada pola secretaria xeral Paula Prado, e o coordinador deste órgano e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; e na que tamén participaron representantes do partido en Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra.

Unha convocatoria que estivo centrada en analizar a situación nas sete cidades galegas e revisar a folla de ruta para os vindeiros meses logo de transcorrer xa máis dun ano despois das últimas eleccións municipais, nas que, tal e como recordou Paula Prado, “a maioría dos galegos dixeron que querían un goberno do Partido Popular, aínda que os pactos de perdedores entre PSOE e BNG evitaron esa opción en máis dunha urbe”.

A secretaria xeral do PPdeG constata que, 16 meses despois destes comicios, certifícase que “esas cidades están demandando un cambio”. É o caso de Lugo, que “nin sequera ten a mesma alcaldesa e segue a sufrir un enfrontamento continuo no seo do bipartito”; da Coruña, cun PSOE “arrinconado polas tramas de urbanismo e a inseguridade cidadá”; ou de Santiago, que o BNG “segue convertendo no seu reduto de sectarismo a pesar de contar só con seis dos 25 concelleiros”.

Pola contra, Ferrol, cunha maioría do Partido Popular, “vai vento en popa, gañando poboación e atendendo día a día o que demandan a maioría dos veciños”. De feito, é a cidade que Prado sitúa como exemplo da diferenza entre “ter gobernos centrados en gobernar e aqueles centrados en permanecer a toda costa no poder”.

“Somos maioría os que non cremos a Sánchez e aos seus, que só miran para Cataluña mentres agravian a Galicia con cuestións tan importantes como as nosas infraestruturas, e os que rexeitamos os gobernos que só se poñen de acordo o primeiro día e logo botan catro anos enfrontados”, concluíu extrapolando a situación das cidades de Galicia co que acontece a nivel nacional.

REY VARELA: “SOMOS A ÚNICA ALTERNATIVA SERIA E DE MAIORÍA”

Nesta mesma liña se manifestou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, reiterando a diferenza “entre ter un proxecto maioritariamente ou unirse para ostentar o poder a calquera prezo, incluso cando isto acaba prexudicando ás cidades e aos seus veciños”.

De aí que considere importante traballar de xeito coordinado entre as sete cidades galegas “para ofrecerlle a todos os veciños de Galicia unha opción de maioría e non caer en mans das minorías que, como co Goberno central, provocan unha falta de investimento na Comunidade no seu conxunto e nas nosas cidades en concreto”.

“O traballo que temos por diante é constituírnos como a única alternativa seria que siga conectando cos galegos e contando co seu apoio maioritario”, concluíu.

O PPdeG acusa a PSOE e BNG de «ir en contra de Galicia» coa súa postura sobre Altri e reclaman ao Goberno central os fondos europeos comprometidos para o proxecto

O PPdeG acusa ao PSOE galego e ao BNG de “ir en contra de Galicia” coa súa postura sobre o proxecto que Altri pretende implantar en Palas de Rei e reclama ao Goberno central os fondos europeos que no seu día Pedro Sánchez comprometeu para facelo realidade.

Así o manifestaron publicamente os populares galegos esta tarde en Palas de Rei nunha reunión de traballo con alcaldes e portavoces do partido na comarca da Ulloa que estivo encabezada pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e as responsables de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Economía e Industria do Goberno galego, Ánxeles Vázquez e María Jesús Lorenzana, respectivamente.

Esta última lamentou que o proxecto de Altri e moitos outros na nosa Comunidade estean sendo “claramente castigados pola Moncloa e as súas sucursais en Galicia”, afeando ao PSOE galego que estea “en contra do emprego e do desenvolvemento industrial de Galicia só por seguir as ordes de Pedro Sánchez” e ao BNG que sexa incapaz de entender que “o desenvolvemento industrial e o aproveitamento dos nosos recursos son compatibles”.

“Nós imos seguir loitando para que non se castigue a Galicia e para que os nosos proxectos poidan ter financiamento”, remarcou ao tempo que volvía reclamar ao ministro de Industria un trato “igualitario” para os proxectos industriais galegos e “os mesmos requisitos que se lle esixen a outros”.

Lorenzana referiuse así ao feito de que “o Goberno de España está loitando por conseguir financiamento europeos para proxectos que nin sequera teñen iniciado a súa tramitación ambiental” pero non fai o mesmo cun proxecto como o de Altri, que “supón un investimento de 1.000 millóns de euros para o desenvolvemento da zona central de Lugo e de parte da provincia da Coruña”.

De aí que fixera un chamamento público a que tanto José Ramón Gómez Besteiro como Ana Pontón pensen non só na “necesidade que ten Galicia de percibir eses fondos para o seu desenvolvemento industrial”, senón especialmente nas “2.500 familias que poderían ter emprego na comarca de Ulloa se o proxecto de Altri se converte nunha realidade”.

É POSIBLE MANTER O EQUILIBRIO ENTRE MEDIO AMBIENTE E ECONOMÍA

Pola súa banda, Ánxeles Vázquez ironizou con que “aqueles que queren perseguir as fake news ou que falan de embarrar son os primeiros que están facendo xusto o contrario co proxecto de Altri”. Xa que, tal e como explicou, este proxecto aínda non concluíu a súa fase de avaliación ambiental pero, polo de agora, “os informes que xa son públicos conclúen que cumpre estritamente todos os parámetros establecidos pola normativa europea, estatal e autonómica en materia de emisións e vertidos”.

“Eu o que lle pediría ao señor Besteiro e á señora Pontón é que sexan consecuentes cos seus actos e que, como representantes de Galicia, non deosten a nosa terra. Primeiro, porque estamos nun Estados de Dereito no que hai que cumprir a lei como fai e sempre fará o Goberno galego. Segundo, porque hoxe é Altri pero mañá podería ser calquera outro proxecto na nosa Comunidade”, apuntou.

A responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego subliñou que o Executivo autonómico seguirá traballando na mesma liña que ten xa establecida: “A de loitar para que empresas tractoras se instalen no territorio e poidan crear riqueza cumprindo coa lexislación vixente e garantindo o equilibrio entre medio ambiente, saúde e economía”.

O RURAL ACTÍVASE CON EMPREGO E POBOACIÓN

Na reunión organizada polo PPdeG tamén participaron a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, as coordinadoras de Medio Ambiente e de Industria do partido, Marisol Díaz Mouteira e Marta Novoa; así como os portavoces destas mesmas áreas do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Gonzalo Trenor e Rubén Lorenzo, respectivamente.

Todos eles foron recibidos polo alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, que tamén se uniu á crítica a un PSOE e a un BNG que, coa súa postura, sitúanse “en contra do maior investimento que nunca se proxectou na nosa comarca e na nosa provincia e un dos máis importantes que Galicia poida ter”.

“É un proxecto importantísimo para o nosos veciños e especialmente para aqueles que xa aportaron os seus currículos á empresa coa esperanza de poder conseguir un posto de traballo”, apuntou incidindo en que para o rural galego son fundamentais iniciativas como esta na medida en que “son a única vía para gañar poboación e non perdela ano tras ano”.

O PPdeG destaca que “Galicia é pioneira” en materia sanitaria a pesar do “alarmismo hipócrita” da oposición e a “parálise” do Goberno central

O Partido Popular de Galicia destaca que a nosa Comunidade “foi pioneira” á hora de tomar medidas para garantir unha asistencia sanitaria de calidade durante o verán a pesar da “parálise” do Goberno central e do “alarmismo hipócrita” dos partidos da oposición.

En declaracións aos medios nas inmediacións do centro de saúde de Fontiñas, en Santiago de Compostela, a secretaria xeral do partido, Paula Prado, puxo en valor “a sorte que temos de contar en Galicia cunha sanidade pública de calidade” e agradeceu aos profesionais sanitarios –especialmente aos máis de 48.000 que estiveron traballando durante os meses estivais– a súa contribución á “excelencia” do sistema.

Na súa opinión, son eles e elas “os que fan da nosa sanidade pública unha das mellores do mundo” e, precisamente con eles e elas, “a nosa sanidade seguirá funcionando pola mañá, pola tarde, pola noite, en verán e en inverno”.

“Fronte ás dificultades, Galicia foi pioneira e apostou por medidas arriscadas para reforzar o persoal, ao tempo que seguiu investindo en infraestruturas e tecnoloxía”, afirmou destacando o plan de 12,5 millóns de euros que o Goberno galego puxo en marcha para garantir a asistencia sanitaria de calidade e que a nosa sanidade contara en verán con 1.500 profesionais máis que o ano pasado.

Un reforzo que, tal e como explicou, “permitiu non só manter a actividade habitual no período estival, senón incrementala respecto doutros anos”. De feito, Galicia realizou 1.400 cirurxías programadas máis e o 061 atendeu 5.000 chamadas máis.

“Ante ao alarmismo do BNG e do PSOE, e aínda que lles pese, Galicia segue funcionando”, remarcou Prado criticando a unha oposición “líder da hipocrisía” que “só sabe alarmar e ao final acábase dando de fronte coa realidade”.

Unha oposición, ademais, á que reprochou que “sexan incapaces de apoiar calquera medida da Xunta, nin en Galicia nin en Madrid, pero despois son os primeiros que se poñen detrás dunha pancarta e saen á rúa a manifestarse”.

“Galicia ten que ser un modelo para o Goberno central, xa que van 6 ministros desde que chegou Sánchez e ningún foi quen de tomar as medidas necesarias dentro das súas competencias”, concluíu reclamando á ministra de Sanidade que “se poña a traballar na parte que lle toca”.

O PLAN DE COBERTURA DO VERÁN DEMOSTROU A SÚA EFECTIVIDADE

O centro de saúde de Fontiñas foi para os populares galegos “un bo exemplo de que todo funcionou con normalidade” este verán e de que o plan de cobertura do verán deseñado polo Goberno galego demostrou a súa efectividade. De feito, o centro contou este verán co apoio dun médico residente de cuarto curso que traballou como médico de familia.

Este apoio, xunto aos reforzos realizados polos profesionais do centro prolongando xornadas e facendo gardas, permitiu que nos meses de verán se mellorase a cobertura asistencial respecto a anos anteriores.

O PPdeG pedirá a Sánchez no Congreso e no Senado que elimine os impostos aos residuos que castigan a Galicia coa complicidade de BNG e PSdeG

Os representantes do PPdeG no Congreso dos Deputados e no Senado presentarán a próxima semana unha iniciativa nas Cortes Xerais para esixir a Pedro Sánchez a eliminación dos impostos que castigan a xestión de Sogama, a entidade pública que xestiona os residuos do 94% dos concellos galegos.

Os populares explican que, a raíz da aplicación de varios impostos estatais e outras decisións lesivas do Executivo de Sánchez, “Sogama se ve obrigada a actualizar o seu canon”, xa que os sobrecustos que xeran “fan inviable mantelo como ata o de agora”. De aí que soliciten ao Goberno central a súa retirada “para que Sogama non teña que repercutilos nos concellos e estes á súa vez na cidadanía”.

“Non entendemos como España é un dos poucos países, por non dicir o único da Unión Europea, que decide gravar con impostos algo que se está facendo ben como é a valorización dos nosos residuos”, apuntou ao respecto a responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ánxeles Vázquez, nunha reunión que mantivo esta semana cos deputados e senadores do PPdeG.

Referiuse así aos tributos que se introduciron coa Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular. Unha lei á que o Goberno galego se opuxo durante o período de alegacións e á que o Partido Popular votou en contra, pero que foi aprobada “coa complicidade dun BNG sempre manso en Madrid e dun PSOE galego cuxa única lealdade é a Pedro Sánchez en detrimento dos intereses de Galicia”.

MOCIÓN NOS CONCELLOS

Tal e como argumentan os populares galegos na iniciativa que levarán ás Cortes Xerais e tamén aos plenos municipais, entre as medidas aplicadas polo Estado no marco da referida lei están, por exemplo, os impostos ao vertido e á incineración que “representaron o pasado ano unha contía de 9,1 millóns de euros que Sogama soportou cos seus propios recursos, apoiando aos concellos para non gravar as arcas municipais”.

A isto habería que sumar a supresión da retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama –comprometida ata o momento no que finalizaría a súa vida útil (2026)–, a diminución da retribución á explotación da planta e coxeración e a recuperación do imposto eléctrico do 7%.

“Se ben o Estado e o propio PSOE escúdanse no argumento de que a aplicación dos novos impostos obedece á transposición dunha Directiva europea, o certo é que, na actualidade, a práctica totalidade dos países europeos non instauraron estes tributos”, subliñan desde o PPdeG ao tempo que lamentan que os socialistas de Galicia fixeran “oídos xordos” cando o Goberno galego presentou alegacións á implantación dos novos tributos durante o período de exposición da lei estatal de residuos en 2022.

Alfonso Rueda: “Galicia defenderá con uñas y dientes la igualdad entre todos los españoles”

El presidente del PPdeG, Alfonso Rueda, asegura que “defenderá con uñas y dientes la igualdad entre todos los españoles” porque “es también la igualdad de todos los gallegos con el resto de nuestros compatriotas” y porque “Galicia no quiere ser más que nadie, pero tampoco admitirá ser menos”.

En una comparecencia ante los medios de comunicación tras participar en la cumbre de presidentes autonómicos organizada por el Partido Popular en Madrid, el líder de los populares gallegos reivindicó la igualdad y la solidaridad entre territorios como “valores fundamentales” de un modelo de financiación que “se rompería si Cataluña saliera de la caja común”.

“Un sistema de financiación autonómica debería ser negociado entre todas las comunidades autónomas y no de forma bilateral”, remarcó acusando a Pedro Sánchez de que “sólo para poder seguir siendo presidente” pretende “crear un modelo de financiación a la medida del independentismo y a costa de dejarnos al resto las sobras”.

En este sentido insistió en que “Galicia no va a tolerar que en ningún caso ese festín que se le quiere dar a los independentistas suponga que el resto tengamos que estar esperando a ver cuáles son las sobras para repartírnoslas”.

Rueda considera que se trata de “una discriminación flagrante que, aparte de ir en contra de la Constitución, supone una falta de respeto ya no a los gobiernos legítimos de las comunidades autónomas, sino una falta de respeto a los ciudadanos de todos y cada uno de nuestros territorios”.

El presidente del PPdeG volvió a urgir además a Pedro Sánchez a convocar la Conferencia de Presidentes “cuanto antes” porque es “su deber” y porque, de no hacerlo, estaría “incumpliendo una obligación establecida en la norma”. Sin embargo, se mostró escéptico ante la posibilidad de que esto suceda debido a que “son muchas las razones por las que a Sánchez no le interesa hacerlo”.

“Convocar esa reunión sería la constatación de que España la formamos todas las comunidades autónomas y de que el futuro de todos lo decidimos entre todos y no sólo con una parte”, explicó añadiendo que la no convocatoria sería la equivalencia a admitir que “hay muchas cosas que Sánchez no es capaz de explicar” y que “tiene la seguridad de que le saldría mal si el resultado es el que estamos viendo”.

Rueda concluyó subrayando que “Galicia no va a consentir esta discriminación flagrante, evidente y peligrosísima para nuestro futuro” y poniendo en valor la “alternativa” que representan los gobiernos del Partido Popular.

“Somos la alternativa de la gestión, de la estabilidad, de la igualdad y del sentidiño porque gestionamos para todos y defendemos un modelo que prefiere derribar muros donde otros los construyen y que prioriza siempre los intereses generales sobre los particulares”, dijo como remate de su intervención.

O PPdeG pregúntase cando vai recibir Pedro Sánchez a Alfonso Rueda e considera que se trata dun “desprezo a todos os galegos e galegas”

No Partido Popular de Galicia pregúntanse cando vai recibir Pedro Sánchez ao presidente Alfonso Rueda logo de que xa pasaran seis meses e medio desde as eleccións autonómicas e que neste tempo só houbese negativas que supoñen “unha falta total e absoluta de respecto institucional” e “un desprezo non só ao presidente autonómico de Galicia, senón a todos os galegos e galegas”.

“Estamos ante a constatación de que, unha vez pasado o 18 de febreiro, a Sánchez deixoulle de interesar Galicia”, afirmou a este respecto a secretaria xeral Paula Prado esta mañá nunha rolda de prensa na que se amosou escéptica ante o feito de que o presidente do Goberno anunciara unha rolda con todos os presidentes autonómicos: “¿Será certo que se celebrará esa xuntanza ou será unha mentira máis do señor Sánchez? No caso de producirse, a reunión co presidente Rueda chegará tarde, mal e arrastro”.

En contraposición a Sánchez e aos seus socios, que “elixen castigar a Galicia”, reivindicou ao Partido Popular como “o partido líder en toda España fronte aqueles que queren acabar co modelo e a igualdade actuais e aqueles que ven normalidade onde a gran maioría vemos feitos insólitos”.

Ironizou así co feito de que o PSOE e o BNG “vexan normal conceder un cuponazo a Cataluña, amnistiar a aqueles que só buscan a independencia e o fin da unidade territorial ou consolidar réximes ditatoriais como o de Venezuela”. Nada disto, remarcou, é normal. Como tampouco o é que “as infraestruturas de Galicia sexan agraviadas só porque aquí goberna o PP”.

A OPORTUNIDADE DE BESTEIRO

Paula Prado afirmou categórica que “o ­cuponazo catalán é unha irresponsabilidade que o Goberno de Sánchez segue xustificando cando non ten xustificación posible” e que “por iso hai cada vez máis líderes socialistas autonómicos que se sublevan e se posicionan en contra do seu líder”.

Uns líderes socialistas entre os que, explicou, non se atopa o galego Xosé Ramón Gómez Besteiro, que “lle debe todo a Sánchez” e ao que aconsella que “empece a pensar máis en Galicia e se poña do lado dos galegos e galegas”.

“O sábado ten unha gran oportunidade de seguir o camiño dos seus compañeiros máis sensatos. Eu propóñolle ao señor Besteiro que diga ‘non’ a máis privilexios para Cataluña e nos dea unha alegría a todos os galegos e galegas”, ironizou facendo referencia ao Congreso Federal do PSdeG que se celebrará nuns días.

O DO PSOE E O BNG NON É NORMAL

En contraste con toda esta situación, a número dous dos populares galegos amosouse orgullosa de que os líderes autonómicos do seu partido – tamén o presidente Alfonso Rueda – se vaian reunir mañá “para falar entre todos todo o relacionado coa financiación autonómica”. Algo que considera exemplificativo da “unidade” do PP “máis alá das particularidades de cada comunidade autónoma”.

“Do mesmo xeito, alégrame que Galicia sexa coherente co que opina a gran maioría dos galegos e galegas e que por iso a Xunta vaia interpoñer un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de amnistía”, dixo antes de concluír que “hai que actuar con toda a contundencia cando existen normas que atentan contra os nosos intereses”.