Soraya Salorio demanda ao Concello de Sada que reclame ao Goberno central a rexeneración da Praia das Delicias

Santiago, 23 de marzo de 2017.- A deputada do Grupo Popular Soraya Salorio manifestou hoxe no Parlamento que o Goberno central ten previsto realizar a rexeneración da Praia das Delicias de Sada, polo que instou ao Concello a reclamar esa actuación para que se leve adiante este verán. Así mesmo, explicou que a obra proposta polo Concello de Sada “non resolve a problemática xeral de inundacións que poida haber neste municipio, porque sería unha medida para resolver un evento moi concreto acaecido nun día determinado e cunhas condicións específicas”.

 

Soraya Salorio lembrou que a explotación de moluscos bivalvos na modalidade de a pé da Confraría de Sada viuse afectada o pasado ano polas chuvias acontecidas a principios do ano, que provocaron a crecida do caudal do río que desemboca no areal e un incremento das materias de orixe vexetal. Diante desta situación, co obxectivo de aumentar a produtividade do banco, delimitouse unha parcela de aproximadamente 300 metros cadrados e procedeuse a remover o substrato por medios mecánicos, trasladando a esa parcela un total de 63 quilogramos de ameixa xaponesa.

 

Porén, lembrou que a rexeneración completa da Praia das Delicias foi demandada en 2014 polo Goberno municipal do Partido Popular ao Goberno central, quen aceptou facer unha separata do proxecto integral da Ría do Pedrido para este areal sadense. Esta iniciativa suporía un investimento próximo aos 3 millóns de euros, destinados á rexeneración da praia e ao encauzamento da saída do Río Maior.

 

“Neste momento, como consecuencia da parálise política vivida a nivel estatal e de contar cun Goberno en funcións moitos meses, o proxecto atópase en fase de licitación e apertura de plicas, polo que é necesario que o alcalde de Sada reclame a realización desta actuación canto antes, xa que consideramos que debería facerse este mesmo verán”, sinalou.

 

Así mesmo, a deputada popular avanzou que desde o PPdeG “instaremos á Delegación do Goberno en Galicia para que tramite de maneira urxente as solicitudes dos mariscadores de Sada para que poidan optar ás axudas por estas riadas  producidas en 2016”.

 

SOLUCIÓN PARA UN EVENTO CONCRETO

 

Soraya Salorio engadiu que o estudo e a solución proposta polo Concello de Sada para evitar as inundacións “se limita a reproducir un evento concreto e a xustificar a necesidade dunha obra concreta, non realizando en ningún momento unha análise integral para a minimización do risco”. “Non se efectúa unha análise da problemática xeral e das solucións posibles de forma integral, tendo en conta non só solucións estruturais, que deben quedar ben xustificadas desde o punto de vista hidráulico, hidromorfolóxico e de cumprimento de obxectivos ambientais, senón tamén de ordenación do territorio, actuacións de restauración fluvial e protección civil”, indicou.

 

A deputada popular manifestou “a importancia para a viabilidade do proxecto que as medidas estruturais sexan o menos duras posibles para que sexan compatibles co cumprimento dos obxectivos ambientais do Plan Hidrolóxico Galicia Costa, valorando a posible renaturalización da canle ou recuperación nalgún tramo entubado ao descuberto”.

 

“Parte do problema das riadas do río Maio tamén quedaría remediado no proxecto de financiamento nacional de rexeneración da praia, que prevé facelo desembocar mar adentro para evitar na praia os sedimentos arrastrados”, sinalou a deputada popular. A esta actuación, sumaríase a substitución por un entubamento de maior eficiencia, que solucionaría a problemática derivada da insuficiente capacidade de desaugamento dos ovoides existentes.

O GPP apoia demandar que a Xunta afonde e axilice a busca de solucións para paliar a problemática de abrigo no porto de Corcubión

Santiago, 23 de marzo de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe na Comisión de Pesca a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita a Goberno galego que, á vista da situación de risco debida á problemática de abrigo que se produce no porto de Corcubión, afonde e axilice os traballos na procura de solucións para paliar esta inseguridade, ofrecendo aos mariñeiros e ás súas embarcacións un refuxio fiable e adecuado.

 

Teresa Egerique amosou a disposición da Xunta e do PPdeG “a mellorar e adoptar medidas que melloren o abrigo do porto de Corcubión”. Neste sentido, lembrou que desde Portos de Galicia tense elaborado un estudo de axitación interior no porto, unha instrumentación para medidas de ondaxes e a análise dos datos de dita instrumentación, que supuxo un investimento de 52.000 euros.

 

“Ata o momento, estes estudos non deron resultados concluíntes, polo que desde o  Grupo Popular consideramos que Portos de Galicia debe continuar traballando na procura dunha solución técnica que permita mellorar o abrigo do porto de Corcubión”, sinalou a deputada popular.

O Parlamento solicita ao Goberno central que o 90% da poboación rural galega dispoña dunha cobertura de acceso a internet de 30 MGBS antes de 2020

Santiago, 22 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se solicita que o Goberno central, en colaboración coa Xunta, proceda ao despregamento de redes de acceso a internet de nova xeración de moi alta velocidade (100 megabytes), empregando os fondos europeos dos que dispoñen ambas administracións, cumprindo os obxectivos europeos de cobertura das redes de nova xeración.
Seguir leyendo

O Parlamento aproba solicitar que Xunta e Fegamp acorden criterios claros para realizar investimentos en obras hidráulicas

Santiago, 22 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, a iniciativa do Grupo Popular, a través da que se solicita á Xunta para que dea prioridade á negociación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co obxecto de acordar uns criterios claros para realizar investimentos en materia de obras hidráulicas e o establecemento dunha estrutura tarifaria de referencia.

Seguir leyendo

O GPP apoia solicitar ao Goberno central que elimine as restricións nas taxas de reposición de prazas no Sistema Nacional de Saúde

Santiago, 22 de marzo de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central que elimine as restricións impostas ás comunidades autónomas mediante as limitacións ás taxas de reposición de prazas no Sistema Nacional de Saúde. Ademais, solicítase que, unha vez eliminada esta taxa de reposición, a Xunta convoque unha OPE no ano 2017 que chegue a 1.600 prazas.
Seguir leyendo

O Grupo Popular apoia realizar un plan de dragaxe dos portos galegos conforme ás súas necesidades e reducindo a tramitación destas obras

Santiago, 22 de marzo de 2017.- A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique cualificou hoxe de “irreal” e de “dubidosa rendibilidade para Galicia” a proposta de En Marea para o establecemento do servizo público de dragado portuario. Neste sentido, indicou que desde o PPdeG “seguiremos apoiando un plan de dragaxe conforme ás necesidades dos portos galegos e continuaremos traballando para reducir a tramitación nesas obras, porque consideramos que iso é o que xera os atrasos e non os problemas técnicos”.

Seguir leyendo

O Grupo Popular solicitará a posta en marcha no primeiro semestre deste ano dun plan de Igualdade no emprego

Santiago, 21 de marzo de 2017.- A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, asegurou hoxe no Parlamento que desde o PP “non imos converter os debates de igualdade en recriminacións partidistas nin en loitas de posturas de máximos” e criticou que a desvergoña do Grupo Socialista privou dun acordo unánime no Parlamento para solicitar a posta en marcha no primeiro semestre deste ano dun Plan de igualdade no emprego; a realización dun estudo sobre a fenda salarial, intensificando o labor da Inspección de Traballo; ou a regulación a nivel estatal da figura do mobing maternal. Todas estas iniciativas serán recollidas polo Grupo Popular nunha proposición non de lei que rexistrará para a súa aprobación polo Parlamento.

Seguir leyendo

O PPdeG critica que En Marea volva traer ao pleno demandas en materia ferroviaria que xa foron aprobadas no Parlamento

Santiago, 21 de marzo de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, criticou que En Marea “volva traer hoxe ao Pleno demandas en materia de transporte ferroviario que xa están aprobadas neste Parlamento”. “O Goberno galego, no ámbito das súas responsabilidades, seguirá a traballar para que se continúe coa mellora dos servizos ferroviarios dos últimos anos, que se atendan as demandas dos cidadáns e coordinando actuacións naqueles ámbitos de confluencia competencial”, indicou.

Seguir leyendo

Isabel Novo:»En Galicia hai unha política industrial de automoción clara, transparente e sólida»

Santiago, 21 de marzo de 2017.- A deputada do Grupo Popular Isabel Novo Fariña asegurou hoxe no Parlamento que en Galicia hai “unha política industrial do sector da automoción clara, transparente e sólida, coa adxudicación de novos modelos a PSA que garanten unha década despexada, con 1.000 empregos máis que hai un ano, desenvolvendo o vehículo autónomo e con 3.000 millóns de euros de investimento para industria auxiliar”.

Seguir leyendo