O PPdeG aposta por afondar a nivel europeo na loita contra a violencia de xénero, a fenda salarial e a trata

O Partido Popular de Galicia márcase como obxectivo de cara ás vindeiras eleccións europeas impulsar a nivel comunitario medidas que afonden en cuestións como a loita contra a violencia de xénero, a redución da fenda salarial entre homes e mulleres ou a erradicación da trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

Esta semana reuniuse a Comisión de Igualdade do partido para analizar a situación actual das mulleres en Galicia e avanzar en propostas de futuro coa vista posta nas eleccións europeas do próximo 9 de xuño. Unha xuntanza encabezada pola secretaria xeral do PPdeG e directora de campaña, Paula Prado, na que se puxo o foco na necesidade de adoptar medidas efectivas no que se refire á prevención e eliminación da violencia contra as mulleres, así como a protección ás vítimas.

Poñendo en valor a recente aprobación da Directiva europea sobre a loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica –na que se insta aos países da Unión Europea a adoptar medidas específicas para protexer ás vítimas, apoiar e facilitar o acceso á asistencia xurídica e poñer en marcha liñas telefónicas de axuda e centros de apoio –, desde o PPdeG sitúan a Galicia como referente e pioneira na adopción de medidas neste eido.

Cómpre recordar que Galicia xa ten en marcha moitas das medidas propostas nesta Directiva e, de feito, a nosa Comunidade foi pioneira cunha Lei de Igualdade destinada a blindar os dereitos das mulleres no eido laboral, da ciencia, o deporte ou a cultura. Ademais, a día de hoxe, Galicia é a única Comunidade que ofrece unha axuda mensual ás vítimas de violencia de xénero para impulsar a súa autonomía.

De aí o compromiso do PPdeG por seguir reforzando as axudas e a rede de apoio ás vítimas e avanzar na prevención de posibles novos tipos de agresións ou discriminacións. Un compromiso que se materializa na proposta do presidente Alfonso Rueda de poñer en marcha Centros de Información á Muller (CIM) móbiles para ampliar este servizo ás vítimas de violencia de xénero e achegalo a todos os recunchos de Galicia.

OS INCUMPRIMENTOS DA ESQUERDA COAS MULLERES

Pola contra, as populares lamentan que o suposto feminismo e compromiso coas vítimas de violencia de xénero da esquerda nunca pasan das pancartas á realidade. Poñendo como exemplo disto o incumprimento por parte do Goberno de Pedro Sánchez –co apoio e a complicidade do BNG– do Pacto de Estado contra a violencia de xénero aprobado en 2018 no que se refire á aprobación dunha Lei de Trata a nivel estatal.

Ou tamén o feito de que, mentres os orfos das mulleres vítimas de violencia de xénero son recoñecidos en Galicia como vítimas e beneficiarios de axudas, o Goberno do Estado segue sen recoñecelos como tal e imposibilitándolle, polo tanto, o acceso a apoios económicos.

Pero sen dúbida o maior atentado contra os dereitos das mulleres en España, segundo denuncian desde o PPdeG, foi a Lei do só si é si que aprobou o PSOE co voto a favor do BNG. Unha lei coa que, por primeira vez na historia da lexislación en materia de protección á muller, se lexislou a favor dos agresores e en prexuízo das vítimas e que tivo como consecuencias a rebaixa de penas a máis de 1.200 delincuentes sexuais e a excarceración de máis de 120 agresores antes de tempo.

Desde o PPdeG instan ás mulleres galegas a que non esquezan cuestións como estas e que o próximo 9 de xuño teñan en conta quen lexisla ao seu favor con medidas efectivas e quen se limita a repetir slogans que nunca van máis aló.

O PPdeG reivindica o modelo de convivencia lingüística “con sentidiño, harmonía e liberdade” de Galicia fronte ao “sectarismo e a polarización”

O Partido Popular de Galicia reivindicou hoxe nun acto con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas o modelo de “normalidade e convivencia lingüística” da nosa Comunidade, defendendo o “sentidiño, a harmonía e a liberdade” fronte a aqueles que queren “impoñer o sectarismo e a imposición”.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, amosou durante a súa intervención o orgullo de que o galego siga a ser a lingua máis falada en Galicia e subliñou que se trata dunha lingua que forma parte do ADN do seu partido: “O PPdeG construíuse en galego e, tamén en galego, seguirá medrando”.

De feito, asegurou que a política lingüística promovida desde o Goberno galego ao longo destes anos contribuíu a que “se lograse incrementar o número de falantes da nosa lingua e, ao mesmo tempo, converter a nosa terra nun exemplo de convivencia lingüística”.

“En Galicia non hai imposicións e por iso defendemos o galego con sentidiño e afastados do sectarismo: co sentidiño que achega o noso modelo de bilingüismo cordial que queren a maioría dos galegos e afastados do sectarismo e a polarización daqueles que queren converter a nosa lingua nunha arma política”, afirmou.

A número dous dos populares galegos subliñou que os datos avalan que “somos unha Comunidade Autónoma con dúas linguas que os cidadáns coñecen e escollen falar con harmonía e liberdade” e por iso, engadiu, o PPdeG será sempre o único partido que garanta a defenda este “modelo de éxito que forma parte do noso patrimonio cultural e que queremos que siga vixente”.

“A nosa normalidade e convivencia lingüística son tamén un exemplo ante Europa, e estamos seguros de que os galegos o valorarán nas eleccións do 9 de xuño”, apuntou en clave europea.

LÓPEZ CAMPOS: “CONSTRUAMOS UNHA GALICIA ONDE CAIBAMOS TODOS”

Pola súa banda, o responsable de Cultura, Lingua e Mocidade do Goberno galego, José López Campos, quixo destacar na súa intervención que “se o PPdeG é o partido que máis se parece a Galicia é porque falamos o mesmo idioma que os galegos”.

Neste sentido explicou que a clave do éxito desta simbiose radica na “transversalidade” dunha lingua que permite que todas as persoas, con independencia do seu xénero, idade ou procedencia poida entenderse. E este, engadiu, é o camiño que se debe seguir.

“Debemos seguir construíndo unha Galicia onde caibamos todos, sen exclusións, e facelo desde a moderación e o respecto”, subliñou facendo un chamamento a seguir o exemplo de vitalidade e compromiso coa lingua que nos deixou Luísa Villalta.

MÚSICA DE VIOLÍN E POEMAS PARA HOMENAXEAR A LUÍSA VILLALTA

O acto estivo conducido polo coordinador de Cultura do PPdeG, Daniel Chapela, e contou coa participación dunha parella de violinistas encargados de interpretar en directo dúas das pezas favoritas da homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Logo da intervención do presidente local do PP da Coruña, Miguel Lorenzo, deuse lectura a catro poemas de Luísa Villalta por parte dos candidatos do PP ás eleccións europeas Francisco Millán Mon e Pablo Gómez Cedrón, e os deputados autonómicos do PPdeG Carmen Pomar e José Luis Ferro.

A xornada concluíu coa entrega dun ramo de flores por parte de Paula Prado e José López Campos á nai, a irmá e o sobriño da homenaxeada, que serviu para poñer o broche ao acto e trasladar o orgullo e o agradecemento do PPdeG pola contribución de Luísa Villalta ao engrandecemento da lingua galega.

O PPdeG prepara a campaña das europeas apelando a unha gran mobilización e a un resultado co que “facer oír alta e clara a voz dos galegos en Europa”

A unha semana do inicio da campaña das eleccións europeas, o PPdeG xa ten “a maquinaria perfectamente engraxada” e aos seus equipos preparados para afrontar “con ilusión e confianza” uns comicios nos que agardan unha gran mobilización e un resultado co que “facer oír alta e clara a voz dos galegos en Europa”.

Así o explicou esta mañá a secretaria xeral do PPdeG e directora de campaña, Paula Prado, en declaracións aos medios antes de encabezar a reunión do Comité de Campaña que se celebrou na sede autonómica dos populares. Unha reunión na que se puxo de manifesto que “aínda que a veces parece que o que ocorre en Bruxelas queda lonxe, o certo é que Galicia xógase moito”.

“O Parlamento Europeo é o lugar onde, da man dos candidatos do PPdeG, os galegos podemos loitar por ter máis fondos europeos e mellores infraestruturas, negociar mellores condicións para o rural e garantir un futuro próspero para a nosa pesca”, explicou neste sentido.

Fronte a un proxecto popular que aposta por “máis Galicia en Europa”, a alternativa da esquerda supón, segundo afirmou Paula Prado, “menos Galicia” na medida en que o PSOE “demostrou estes anos atender pouco ou nada os nosos intereses” e o BNG “integrouse novamente con Bildu e ERC nunha lista cun condenado por terrorismo no segundo posto e defende o ecoloxismo máis radical”.

Por todo isto a número dous dos populares galegos apela a “mandar unha mensaxe en Europa na defensa de Galicia, da nosa economía, do noso rural, da nosa seguridade e das nosas institucións” e a demostrar nestas eleccións que “Galicia non quere independentismo nin tampouco escándalos de corrupción cada vez máis graves”.

Parafraseando ao presidente Alberto Núñez Feijóo, concluíu subliñando que “non cabe nin un minuto de descanso neste mes” e que o Partido Popular é “a única opción para defender a igualdade e a prosperidade dos galegos, dos españois e da nosa democracia en Europa”.

Alfonso Rueda chama aos seus a facer forza para reclamar en Europa os fondos e as infraestruturas que Vigo merece e necesita

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo hoxe un chamamento a facer forza desde o partido de cara á próximas eleccións europeas para reclamar os fondos Next Generation e as infraestruturas que Vigo, como primeira cidade de Galicia e motor económico da nosa Comunidade, merece e necesita.

Nun encontro con militantes e simpatizantes celebrado hoxe na cidade olívica e no que estivo acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a líder local do partido, Ana Ortiz; o líder dos populares galegos incidiu no moito que Vigo se xoga nos comicios do próximo 9 de xuño.

Neste sentido, adiantou que entre as propostas do Partido Popular en clave europea está a de reformar o deseño e a xestión dos fondos Next Generation co fin de eliminar os criterios partidistas na súa adxudicación, acelerar a súa distribución e facilitar o acceso para pemes e autónomos.

A conexión de Galicia co norte de Portugal tamén é unha das prioridades dos populares e por iso se comprometen a seguir reclamando desde o Parlamento Europeo que o Goberno de España impulse canto antes a Saída Sur de Vigo. Unha infraestrutura vital para a cidade e que, a día de hoxe, aínda segue en estudo de alternativas e sen planificación orzamentaria para a súa execución.

Alfonso Rueda aposta por repetir os bos resultados do PP en Lugo nas eleccións europeas para defender a importancia do rural e do mar nas políticas comunitarias

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, amosou hoxe o seu convencemento de que o Partido Popular volverá repetir os seus bos resultados na provincia de Lugo nas próximas eleccións europeas e puxo o foco na importancia de defender o rural e o mar galegos no eido das políticas comunitarias.

Fíxoo na Xunta Directiva Provincial do PP de Lugo celebrada esta tarde e acompañado pola presidenta do partido na provincia, Elena Candia, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. Unha reunión na que tamén interviñeron os novos conselleiros do Goberno galego, María Martínez Allegue, José González, Antonio Gómez Caamaño, José López e María José Gómez, que se deron a coñecer entre o partido provincial e fixeron unha breve presentación das liñas mestras dos seus departamentos.

O líder dos populares galegos incidiu precisamente na importancia de que sectores estratéxicos para a provincia de Lugo como son o agrogandeiro, o forestal e o pesqueiro estean en mans de dous lucenses: Alfonso Villares e María José Gómez. Algo que considera un reflexo do moito que teñen que dicir Galicia e a provincia en Europa á hora de defender os intereses destes sectores.

Tamén quixo dar a benvida e trasladar os seus mellores desexos a Encarna Amigo e a Nicole Grueira, que onte tomaron posesión como novas deputadas do Grupo Popular no Parlamento de Galicia. Dúas novas parlamentarias que se unen ao grupo de 8 deputados que representan a esta provincia no Pazo do Hórreo, ao que lle pediu compromiso e traballo na defensa dos intereses dos lucenses.

O PPdeG comprométese a loitar en Europa pola consolidación dun equilibrio entre a conservación do lobo e a actividade agrogandeira

O Partido Popular de Galicia reitera o seu compromiso de continuar defendendo que a Unión Europea estableza criterios para consolidar o equilibrio entre a conservación do lobo e a actividade agrogandeira “fronte ao ecoloxismo radical que queren impoñer o PSOE e o BNG”.

Así o manifestou hoxe en declaracións aos medios a secretaria xeral do partido, Paula Prado, durante a súa visita á cuarta edición da Feira en defensa do gandeiro da montaña celebrada en Cervantes. Unha visita na que aproveitou para anunciar algunhas das medidas que impulsará o Partido Popular para o rural galego en Europa.

“Converteremos o despoboamento rural nunha prioridade de ámbito europeo, incorporando beneficios automáticos na concesión de fondos europeos para as rexións despoboadas e aumentaremos o orzamento da PAC, asegurándonos de que inclúe e respecta as particularidades do medio rural galego”, explicou.

Unhas medidas coas que os populares galegos aspiran a facer “máis Galicia en Europa” da man do seu programa electoral de cara ás eleccións europeas e cos seus candidatos Francisco Millán Mon, Adrián Vázquez e Pablo Gómez Cedrón.

“Só coas políticas do PPdeG é posible vivir no rural e do rural”, concluíu Paula Prado ao tempo que insistía no moito que se xoga Galicia nas decisións que se toman desde Bruxelas e en que só da man dos candidatos do PPdeG será posible comezar a construír novas políticas fronte ao despoboamento, negociar as condicións da PAC e defender o equilibrio entre a actividade e a protección do lobo.

O PPdeG reivindícase ante as eleccións europeas como o partido das familias: “Galicia é o mellor lugar para nacer, crecer e formar unha familia”

O PPdeG reivindicouse hoxe como o partido das familias galegas poñendo en valor as medidas pioneiras que está impulsando o Goberno de Alfonso Rueda e que fan de Galicia non só “o mellor lugar para nacer, crecer e formar unha familia», senón tamén “a Comunidade que máis apoio ofrece ás familias”.

Nunha intervención durante o acto celebrado en San Cibrao das Viñas para conmemorar o Día das Familias, a secretaria xeral do partido, Paula Prado, apostou por “seguir investindo no futuro da nosa mocidade e das nosas familias” tomando como punto de partida medidas xa implantadas en Galicia como a gratuidade educativa desde os 0 anos ata a universidade, a ampliación do acceso á fecundación in vitro ata os 45 anos e a posibilidade de conxelar óvulos na sanidade pública.

Un compromiso coas familias por parte de Alfonso Rueda que a número dous dos populares galegos contrapuxo ao un Pedro Sánchez que “non se acorda de Galicia” e a un BNG “aliado do radicalismo de Bildu e ERC”. Por iso apelou a que os galegos “non se deixen enganar” nas próximas eleccións europeas e opten polo sentidiño que garante o PPdeG: “O único partido comprometido coa defensa dos intereses de Galicia, tamén en Europa”.

Unha idea que complementou explicando que Galicia é así mesmo “o lugar perfecto para nacer e medrar en igualdade, para recibir unha educación de calidade gratuíta, para gozar dunha excelente sanidade pública e contar cun calendario de vacinación referente en Europa”.

FABIOLA GARCÍA: “AS FAMILIAS SON AS PROTAGONISTAS DE GALICIA”

A responsable de Política Social e Igualdade do Goberno galego, Fabiola García, reivindicou ás familias galegas como as verdadeiras protagonistas do seu día a día, da tarefa que desenvolve a súa Consellería e, especialmente, «as protagonistas da Galicia na que cre e impulsa o PPdeG e constrúe o presidente Alfonso Rueda».

Por iso concluíu que o Partido Popular é o partido que máis se parece ás familias galegas porque «impulsa medidas pioneiras e valentes para todas elas, sexan do tipo que sexan».

LUIS MENOR AVOGA POR POLÍTICAS QUE FAVOREZAN ÁS FAMILIAS

O líder provincial do partido, Luis Menor, situou ás familias como centro prioritario das políticas populares: “No Partido Popular sabemos que as familias son o eixo fundamental da nosa sociedade, polo que son obxecto primordial das políticas que desenvolvemos desde todos os ámbitos da xestión pública”.

“As administracións públicas temos que traballar día a día para adaptarnos ás necesidades das nosas familias”, lembrou Menor, referíndose ás políticas que a Deputación de Ourense ten en marcha para axudar á natalidade, servizos de axuda no fogar ou programas sociais específicos de atención a mulleres vulnerables e os que dan cobertura a persoas con enfermidades crónicas.

Menor proclamou que “as políticas do Partido Popular facémolas poñendo en marcha servizos, axudas e infraestruturas que contribúen a axudar ás familias no seu día a día e  facémolo así porque estamos ao carón da xente, escoitamos ás persoas e sabemos buscar as mellores respostas ás súas demandas, devolvéndolles os seus votos coas mellores políticas que favorezan a todas as familias”.

MARTA NOVOA PON EN VALOR A CONTRIBUCIÓN DO CONCELLO

A alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa, quixo poñer en valor a contribución deste Concello á hora de mellorar os servizos dos que desfrutan as familias desde o punto de vista da conciliación e o apoio ás familias máis novas con nenos en etapas escolares.

Destacou neste sentido a colaboración institucional entre a Xunta, a Deputación provincial e o Concello  á hora de ofertar actividades extraescolares, campamentos e, desde o ano pasado, o servizo de conciliación para as familias traballadoras.

“Se somos un concello que ten cada vez máis xente nova e a nosa poboación medrou un 40% nos últimos 20 anos, é grazas ao incremento dos servizos municipais que axudan ao día a día das nosas familias”, subliñou.

Alberto Pazos: “A falta de xestión dos fondos europeos do Goberno de Pedro Sánchez, dos que adxudicou só o 30%, contrasta co 90% adxudicado polo Goberno de Alfonso Rueda”

Alberto Pazos denunciou hoxe no Parlamento a falta de xestión dos fondos europeos por parte do Goberno de Pedro Sánchez, “dos que ten adxudicados só o 30% e a metade deles están sen convocar” en claro contraste coa eficacia e xestión eficiente do Goberno de Alfonso Rueda “que xa adxudicou o 90% das axudas asignadas a Galicia”.

O portavoz parlamentario recalcou o “habitual desprezo co que o Goberno central trata a Galicia e aos galegos, no que se inclúe a distribución dos fondos europeos” sinalando como exemplo dos últimos días a segunda convocatoria do Perte VEC no que o Ministerio de Industria e Turismo adxudicou tan só a metade do que tiña solicitado a planta de Stellantis en Vigo, só 20 dos 40M€ que pedira para o seu proxecto de vehículo eléctrico e conectado.

Nese sentido, Pazos sinalou que dos 33.000M€ de PERTES industriais que está a xestionar directamente o Goberno central, soamente ten adxudicados o 30% e, o que é máis grave, a metade destes fondos europeos están aínda sen convocar.

“En contraste, a Xunta xa adxudicou o 90% dos 1.097M€ de fondos do mecanismo de recuperación, que xa beneficiaron a 48.000 persoas e case 5.000 entidades e sociedades de ámbitos dispares, o que ven a asegurar que Galicia cumpre coa súa obriga de tramitar de forma áxil as axudas para que cheguen canto antes aos galegos”.
Nese sentido, o portavoz popular anunciou que o Grupo Popular solicitará, a través dunha iniciativa parlamentaria, a transferencia directa dos fondos europeos de Recuperación, en particular os do ámbito industrial, en cumprimento dos reiterados acordos adoptados no Parlamento galego.

Así mesmo, a iniciativa solicitará que Galicia poida xestionar, a través dun sistema de cooperación e cogobernanza, os fondos dispoñibles dos PERTEs, de xeito que se poida apoiar con maior axilidade e eficacia ás empresas galegas nos procesos de recuperación e transformación económica.

Para Alberto Pazos os fondos europeos representan unha excelente oportunidade para transformar o sistema produtivo de Galicia “e mostra disto foi o interese e empeño, desde o primeiro momento, do Goberno galego por xestionar con axilidade, algo que incluso foi recoñecido polo Goberno central, a través do propio Ministerio de Economía, ao situarnos como a comunidade autónoma de España con maior porcentaxe de execución dos fondos europeos de Recuperación”.

“Este feito demostra que Galicia está na mellor posición para reiterar a súa demanda de que sexan as comunidades autónomas as encargadas de xestionar directamente os fondos que aínda están pendentes de transferir ou sen asignar” indicou o portavoz parlamentario.

HABITUAL DESPREZO DO GOBERNO CENTRAL A GALICIA

Alberto Pazos lamentou na rolda de prensa o “habitual desprezo co que o Goberno de Pedro Sánchez trata a Galicia e aos galegos, polo simple feito de que non confían no PSOE e confirman, elección tras elección, o apoio ao PP como a opción que prefiren que continúe ao fronte da Xunta de Galicia”.

Nese sentido, sinalou que o Grupo Popular defenderá no Pleno da próxima semana cuestións de máxima prioridade e urxentes para Galicia como a mellora das conexións ferroviarias ou o traspaso de medios materiais e persoais necesarios para xestionar a nosa costa.

Alfonso Rueda traslada no Baixo Miño a súa confianza no traballo que realizará Lara Meneses a favor da xuventude

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, participou este mediodía en Tomiño nunha comida con representantes do Partido Popular do Baixo Miño (O Porriño, Mos, Salceda de Caselas, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia), acompañado do presidente provincial, Luis López.

Exerceu como anfitrioa a líder local de Tomiño, Lara Meneses, que vén de deixar a portavocía no Concello para formar parte do Goberno da Xunta como responsable de Xuventude.

Neste sentido, trasladou a súa confianza de que Lara realizará un gran traballo a favor da mocidade galega, un labor que non é novo para ela posto que xa é a coordinadora de Xuventude do PPdeG.

Así, sinalou que entre os seus retos está o de seguir escoitando a voz dos máis novos, comprender os seus problemas e darlles solución, xa que Galicia cre na xuventude e considéraa unha prioridade.

Por último, cando está a punto de cumprirse un ano desde as últimas eleccións municipais, Rueda subliñou a importancia de que o PP do Baixo Miño conseguira catro alcaldías e, ao mesmo tempo, lograra recuperar o segundo deputado provincial, con máis de 25.000 votos. Ademais, tanto nos comicios locais como nos autonómicos incrementouse o número de apoios en todos os concellos.

Alfonso Rueda participa nas Festas da Ascensión en Santiago de Compostela e enxalza o labor do PP local fronte ao nacionalismo

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, participou hoxe nas tradicionais Festas da Ascensión en Santiago de Compostela acompañado pola secretaria xeral do partido, Paula Prado, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, o portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, e o presidente do PP local, Borja Verea.

Durante o percorrido realizado pola Alameda compostelá, o líder dos populares galegos recibiu numerosas mostras de afecto por parte das persoas que se achegaron ata este emblemático punto da capital para desfrutar destes festexos. A todas elas o presidente quixo corresponder reiterándolle o seu compromiso con Galicia e con Santiago de Compostela.

Non en balde, Rueda elixiu esta cidade para iniciar o que no seu día definiu como “o camiño máis importante” da súa vida: o camiño cara a súa primeira maioría absoluta do 18 de febreiro. Unha maioría á que contribuíu o feito de que case o 50% dos votos depositados polos composteláns nas urnas fosen para o PPdeG.

O presidente asegurou que devolverá esa confianza apostando polo futuro e o avance de Santiago de Compostela e, para iso, contará co apoio de Borja Verea e de todo o partido local. Precisamente, a todos eles quixo agradecerlles o seu labor diario poñendo o foco nos problemas reais dos veciños e facendo fronte ao nacionalismo.