Feijóo di que non é necesario votar esperando a ver qué pasa ou qué fai o teu partido

Ourense, 23 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que non hai por qué xogarse o voto xa que se pode depositar con garantías, con seguridade e con certezas se é para o candidato do Partido Popular, Mariano Rajoy.

Desta maneira se expresaba o líder dos populares galegos, que participou nun mitin esta tarde en Ourense onde estivo acompañado polos candidatos ás Cortes por Ourense, Miguel Ángel Viso e Miri Barreira, e polo presidente provincial, Manuel Baltar.

Durante a súa intervención, fixo fincapé en que non hai por qué xogarse o voto a ver qué pasa, sen ter claro se o noso partido terá escano ou se, pola contra, o noso apoio beneficiará ao contrario, como pasa con Ciudadanos en Galicia. Do mesmo xeito, o dirixente salientou que tampouco hai razóns para votar sen ter a seguridade do que vai facer despois a nosa opción, nin con quén o fará.

Nesta liña, sinalou que o voto non é unha lotería e que non podemos arriscarnos a que poida acabar na bancarrota ou en “volver a xogar”.  

CONTINUAR AVANZANDO
Durante a súa intervención, Feijóo asegurou que temos que superar o bloqueo para que España continúe avanzando.

Segundo precisou, aínda queda moito traballo por facer, pero si é unha realidade que, despois de catro anos de mandato do PP, o país volve ser de fiar, respectable e crea máis emprego que calquera outro de Europa.

Por este motivo, asegurou que temos que ter unha garantía de goberno que se chama responsabilidade e compromiso, ao tempo que chamaba a desconfiar de calquera candidato sen experiencia en política. “Agora nos enfrontamos a un conxunto de políticos que queren desfacer a política e que queren dividir España en bandos”, engadía.

O dirixente tamén salientou que debemos mobilizarnos a favor de Galicia e de España, da moderación, dun partido que non ten máis obxectivo que unir e solventar os problemas que ten o país.

A FAVOR DA MODERACIÓN
Segundo o presidente, hai moita xente que nestes seis meses non atopou o que buscaba en Ciudadanos, sen criterio, sen candidatos, sen programa e sen conseguir ningún escano. Por este motivo, invitounos a todos eles a volver votar aos populares posto que “este é o voso partido e os vosos votos si se van converter en escanos”.

De igual modo, dirixiuse aos socialistas que non queren diluírse ata desaparecer. “Os votos aos PP son votos para impedir que o PSOE se entregue a Podemos”, dixo Feijóo facendo referencia ao Partido Socialista constitucional, moderado e que quere levantar o pais.

[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/JfZDtsEU5uE» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo pide o voto dos socialistas que non atoparon no PSOE compromiso coa moderación

Di que nos enfrontamos a un populismo que quere dividirnos e que non ten máis plantexamento que o “poder polo poder”
 
Feijóo pide o voto dos socialistas que non atoparon no seu partido un compromiso claro coa moderación porque esa garantía a teñen no PP
 
Indica que os partidos responsables do bloqueo que vive o país continúan vetando nesta campaña, sen aprender nada do acontecido nestes últimos seis meses
 
“Cando un partido non acepta os resultados das urnas, é un partido que está reñido cos cidadáns”, asegura
 
Vigo, 22 de xuño de 2016.– O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu o apoio dos votantes socialistas que non atoparon no seu partido un compromiso claro coa moderación, xa que esa é unha garantía que só teñen no PP. 
 
Nun mitin celebrado hoxe en Vigo no que contou coa compañía da candidata ao Congreso, Ana Pastor, e do presidente provincial, Alfonso Rueda; o dirixente aseguroulles a todos aqueles que votaron ao PSOE pero que non queren que Podemos “lles dea leccións”, que teñen a opción de unirse aos populares.
 
Do mesmo xeito, tamén sinalou que hai moita xente que nestes seis meses non atopou o que buscaba en Ciudadanos senón todo o contrario, coa incerteza de que o seu voto non se traduza nun escano para esta formación pero si se poida converter nun escano para Podemos. Para todos eles, tamén admitiu que teñen unha vía segura co voto aos populares
 
 
ACABAR CO BLOQUEO
Durante a súa intervención, Feijóo asegurou que hai que acabar co bloqueo, co veto e cos sectarismos.  “Pedimos un voto a favor de seguir construíndo”, engadiu.
 
O presidente recoñeceu que agora nos enfrontamos a un populismo que quere dividirnos e que non ten máis plantexamento que o “poder polo poder”. “Enfrontámonos ante uns revanchistas que o que queren é dividir aquilo que leva xunto 500 anos”, dixo. 
 
En contra disto, salientou que a política consiste en cumprir cos compromisos, facendo fincapé en que os populares non teñen máis interese que resolver os problemas daqueles que pasan por dificultades, como levan facendo nos últimos anos. 
 
“Acabáronse os bandos”, admitía explicando que non podemos permitir que haxa quen veña rematar con todo o que construímos nos últimos 40 anos. “Somos galegos e españois e por iso queremos seguir traballando xuntos”, apuntou.
 
Así mesmo, Feijóo aseverou que os partidos responsables do bloqueo que vive o país continúan vetando durante esta campaña, sen aprender nada do acontecido nestes últimos seis meses. Por este motivo, pediulles que sexan demócratas e que acepten o resultado das urnas.
 
FACILITAR O GOBERNO
Nese sentido, si asegurou que o PP se compromete a que, se hai outra formación con máis escanos, facilitarán que poida formar goberno. Por este motivo, incidiu na necesidade de que o PSOE e Ciudadanos aclaren o qué farán despois destas eleccións e se permitirán gobernar  aos que decida a cidadanía. 
 
“Non queremos que esta campaña volva a non servir para nada e que se rían de nós porque non lles gusta o resultado”, afirmaba Feijóo ao tempo que mantiña que, cando un partido non acepta os resultados das urnas, é un partido que está reñido cos cidadáns.
 
Para concluír, Feijóo tamén puxo en valor a actitude de Mariano Rajoy. “É un señor, un señor que non insulta, non lle falta o respecto a ninguén e que non é un sectarista”, precisaba indicando que o candidato popular á Moncloa si sabe o que significa “ser, estar e vivir en Galicia”. 
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/G0Rck9NZNEw» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

GPP apoia incrementar obstáculos legais para operacións en paraísos fiscais

O GRUPO POPULAR APOIA NO PARLAMENTO DEMANDAR AO GOBERNO CENTRAL QUE DIFICULTE E INCREMENTE OS OBSTÁCULOS LEGAIS DAS OPERACIÓNS ECONÓMICAS EN PARAÍSOS FISCAIS

·    Tamén se solicita que a Administración central intensifique a sinatura de convenios de dobre imposición e dos acordos de intercambio de información en materia tributaria ata a eliminación de territorios considerados paraísos fiscais

Santiago, 23 de xuño de 2016.- O Grupo Popular, a través do seu portavoz, Pedro Puy, condenou esta mañá no Parlamento a existencia de paraísos fiscais e apoiou a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno central a dificultar e incrementar os obstáculos legais das operacións económicas con residentes nestes paraísos fiscais, así como a intensificar a sinatura de convenios de dobre imposición e dos acordos de intercambio de información en materia tributaria ata a eliminación de territorios considerados paraísos fiscais.

Pedro Puy sinalou que desde o Partido Popular “estamos plenamente de acordo na condena dos paraísos fiscais, que introducen distorsións na capacidade dos estados para facer políticas redistributivas”.


PLENAMENTE DEFINIDOS

Neste sentido, explicou que os paraísos fiscais “están plenamente definidos no ámbito internacional” e concretou que “é posible loitar contra eles a través da sinatura de convenios de doble imposición cos estados con réxime de tipo off-shore, de xeito que comuniquen á facenda española calquera movemento financeiro que se faga no seu territorio”.

Por este motivo, o Grupo Popular formulou unha emenda á proposición non de lei presentada por AGE, que resultou aprobada por unanimidade, a través da que se demanda ao Goberno central que intensifique a sinatura de convenios de dobre imposición e dos acordos de intercambio de información en materia tributaria necesarios ata a eliminación da lista de territorios considerados como paraísos fiscais.

Puy sinalou que na actualidade “xa existen organismos internacionais que están traballando na identificación e loita contra estes paraísos fiscais, do mesmo xeito que o Goberno español xa reformou a lexislación española, tanto no imposto de sociedades como no da renda das persoas físicas, para incorporar medidas neste sentido”. 

Parlamento aproba solicitar non sexa ganancia patrimonial o abono de costas xudiciais

A proposta, que saíu adiante por unanimidade logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, pon especial énfase nos afectados polas participacións preferentes que gañaron os procesos xudiciais contra as entidades financeiras

O PARLAMENTO APROBA DEMANDAR AO GOBERNO CENTRAL QUE DEIXE DE CONSIDERAR COMO GANANCIA PATRIMONIAL O ABONO DAS COSTAS XUDICIAIS

Santiago, 23 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG demandar ao Goberno central que deixe de considerar como ganancia patrimonial as cantidades recoñecidas a favor dos contribuíntes como abono das costas xudiciais pola parte perdedora nun xuízo, particularmente no caso dos preferentistas en relación coas cantidades abonadas polas entidades financeiras como consecuencia de teren sido condenadas ao pago das costas xudiciais.

A deputada do Grupo Popular Herminia Pouso salientou que este problema dos afectados polas participacións preferentes “afectou en menor medida en Galicia, xa que a maior parte dos prexudicados das antigas caixas galegas se acolleron á arbitraxe e evitaron acudir á vía xudicial”. Ademais, os que decidiron acudir á vía xudicial, conseguiron acadar un acordo antes da celebración do procedemento, polo que tampouco están afectados polo cobro de costas xudiciais.

“Pero ademais dos afectados polas participacións preferentes, que están obrigados a tributar polas costas procesuais percibidas, debemos ter en conta todas aquelas persoas que se poidan ver afectadas en procesos xudiciais logo de ter que tributar polas costas”, apuntou.

Por este motivo, o Grupo Popular propuxo na súa emenda que a Administración central estenda a todos os contribuíntes a non consideración como ganancia patrimonial das cantidades recoñecidas ao seu favor como dereito ao abono das costas xudiciais pola parte perdedora do litixio, con especial referencia aos posuidores de participacións preferentes que optaron pola vía xudicial para a resolución do seu problema.

 

Feijóo pideo apoio ós votantes de Cs que queiran máis deputados defendendo moderación

Insiste en que temos que votar para que gañe aquilo no que cremos e o que máis nos importa como galegos e españois
Feijóo pide o apoio dos votantes de Ciudadanos que quedaron sen escano o 20-D para que haxa máis deputados galegos que defendan a moderación e a convivencia constitucional
 
Di que non pide un voto á contra senón a favor do país, das nosas liberdades, e de que ninguén lle teña que deber pleitesía a un gobernante por facer o seu labor 
 
Apunta que Galicia ten que seguir sendo unha prioridade e destaca a importancia de ter un goberno que se centra no que debe, como fai o PP 
 
Lugo, 21 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu o apoio aos  galegos que votaron a Ciudadanos e quedaron sen escano o pasado 20 de decembro, asegurando que só co voto ao Partido Popular en Galicia haberá máis deputados galegos que defendan a moderación e a Constitución. 
 
Nun mitin celebrado hoxe en Lugo e no que estivo acompañado polos candidatos ás Cortes, Joaquín García Díez e José Manuel Barreiro, e pola presidenta provincial, Elena Candia; o líder do PPdeG afirmou que debemos votar para que aquilo no que cremos se poida defender desde os escanos do Congreso.
 
Así mesmo, sinalou en que temos que dar o noso voto polo que cremos e o que máis nos importa, xa que somos galegos e españois e non hai que escoller entre unha cousa ou a outra.
 
Nesta liña, incidiu que os que en Galicia cren na convivencia constitucional, na igualdade de todos os españois e na moderación só teñen na papeleta do PP a vía para que todo iso sexa posible.
 
Por este motivo, dirixiuse aos votantes de Ciudadanos que non queren que o seu voto sirva para que a formación de Pablo Iglesias consiga máis escanos, así como aos socialistas que non desexan que o seu partido se converta na muleta de Podemos. A todos eles, pediulles o voto para os populares.
 
UN VOTO A FAVOR
“A política non consiste en enfrontar a ninguén”, apuntou Feijóo mentres poñía en valor que os populares non irán contra da vontade dos cidadáns reflectida nas urnas xa que “non temos máis obxectivos que servir aos españois”.
 
Ademais, o dirixente recoñeceu que el non pide un voto á contra senón que o pide a favor do país, das nosas liberdades, e de que ninguén lle teña que deber pleitesía a un gobernante por facer o seu labor. 
 
Feijóo salientou tamén que cada un de nós seremos os responsables do que ocorra na España do 2020, por iso insistiu na importancia de volver mobilizarnos porque o país non se volva parar e siga avanzando.
 
GALICIA COMO PRIORIDADE
“Temos que votar para que Galicia siga sendo prioridade” dixo ao tempo que precisaba que debemos votar para que os nosos intereses se xestionen desde un goberno que se centra no que debe, como ocorre co PP.  
 
E é que, tal e como indicou, cos populares créase emprego, crecemos, e cúmprense as obrigas para así poder pagar as facturas, as pensións e que siga funcionando os servizos públicos.
 
Deste modo, fixo fincapé en que temos que mobilizarnos contra a radicalidade das propostas, contra a parálise das institucións, e contra os que queren “facer unha emenda aos últimos 40 anos, que parece que o inventaron todo pero non solucionaron nin un só problema
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/E0m_z0NtVwk» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

GPP leva a pleno a primeira PNL de iniciativa popular,sobre rebaixa IVE dos cueiros

 

O GRUPO POPULAR LEVA A PLENO A PRIMEIRA PROPOSICIÓN NON DE LEI DE INICIATIVA POPULAR, QUE SOLICITA A REBAIXA DO IVE AOS CUEIROS DOS NENOS

·    A sesión plenaria debaterá para a súa aprobación a devolución aos funcionarios da paga extra de 2013, a modificación da Lei de servizos sociais e a Lei de coordinación de policías locais

 

Santiago, 21 de xuño de 2016.- O Grupo Popular asumiu e incorporou na orde do día do Pleno da vindeira semana o debate da primeira proposición non de lei de iniciativa popular que se debaterá nun Parlamento español, a través da que se solicita á rebaixa ao 4 por cento do IVE nos cueiros dos nenos. Ademais, o Grupo Popular demandará que os concellos de A Coruña, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense adopten as medidas necesarias para estender a gratuidade do transporte urbano aos menores de 18 anos.

A Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento, aprobada no mes de agosto do pasado ano co único voto favorable do Grupo Popular, recolle a posibilidade de que os cidadáns poidan presentar iniciativas populares de control e de impulso ao Goberno galego. Deste xeito, a Asociación Galega de Familias Numerosas (Agafan) rexistrou no Parlamento galego a primeira proposición non de lei de iniciativa popular, “que no PP temos a honra de ser o grupo parlamentario que solicitou a súa inclusión no debate da sesión plenaria da vindeira semana”, sinalou Puy.

A través desta proposición non de lei de iniciativa popular solicítase ao Goberno central a redución do tipo impositivo de IVE dos cueiros dos nenos, pasando do 21 por cento actual ao superreducido 4 por cento como produto de primeira necesidade. Pedro Puy  cualificou este debate como “moi interesante porque, máis aló da petición concreta que se fai de rebaixar o IVE a este produto hixiénico, introduce algo que axuda ás familias, especialmente a aquelas que teñen máis fillos, nun contexto no que a demografía é un dos principais problemas do país”.

“Ademais, vai en coherencia cos propios plans de acción social que ten a Xunta, entre os que inclúe favorecer que a crianza dos fillos reporte os menos custos posibles, sobre todo cando os custos teñen que ver con decisións públicas, como neste caso de carácter fiscal”, apuntou.


TRANSPORTE URBANO GRATUÍTO

O Grupo Popular tamén defenderá na sesión plenaria outra proposición non de lei a través da que se solicita aos concellos galegos que contan con transporte urbano (A Coruña, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense) a que adopten as medidas necesarias para estender a gratuidade do transporte urbano aos menores de 18 anos.

O portavoz popular lembrou que o Goberno galego xa anunciou a gratuidade do transporte metropolitano interurbano para os menores de 18 anos, unha medida que suporá un investimento anual de dous millóns de euros e que beneficiará a arredor de 250.000 mozos. “Ten unha labor de promoción do transporte público de carácter pedagóxico e positiva para o conxunto da sociedade, polo que consideramos que esta medida debe trasladarse aos ámbitos urbanos”, sinalou.

O Pleno da vindeira semana dará comezo coa elección de diversos membros dos consellos sociais das universidades de Santiago e Vigo. A continuación, procederase ao debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de coordinación das policías locais e da proposición de lei de modificación da Lei de servizos sociais, que chega ao debate definitivo en sesión plenaria logo de que o Grupo Popular aceptara ou transaccionara o 83 por cento das emendas presentadas polo PSOE, BNG e AGE.

COBRO DA EXTRA DE 2013

Así mesmo, procederase ao debate para a súa aprobación, polo procedemento de lectura única, do proxecto de lei polo que se aproba a recuperación dos importes deixados de percibir polos empregados públicos correspondentes á paga extra do período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013. Puy lembrou que esta iniciativa “ten a súa orixe no acordo acadado pola Xunta cos sindicatos UXT, CC.OO. e Cesif”, polo que lamentou que os grupos da oposición “se opuxeran na Xunta de Portavoces á tramitación deste texto lexislativo para dar inmediata solución a esta cuestión”.

O  Grupo Popular tamén formulará dúas preguntas ao Goberno galego. A primeira delas sobre as actuacións concretas que se realizarán ao abeiro do convenio de colaboración proposto pola Consellería do Medio Rural aos concellos galegos para a participación na prevención e defensa contra os incendios forestais; e unha segunda sobre as previsións que ten a Xunta para a construción da estación intermodal de Vigo.

Feijóo di que se Rivera non quere goberno de Podemos pida aos seus que voten ao PP

Salienta a necesidade de mobilizarnos e anima a votar contra o bloqueo, a favor de Galicia, de España e da moderación

 

Feijóo di que se Rivera non quere un goberno de Podemos, que lle diga aos seus votantes en Galicia que voten ao PP

· Apunta que cantos máis escanos teñan os populares, máis opción terá o PSOE para non “someterse a Pablo Iglesias e servir de muleta de Podemos”

· Indica que concentrar o voto no Partido Popular garante que haxa goberno, gobernabilidade e que o país volva arrancar

 

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que se Albert Rivera non quere un goberno de Podemos, que lle diga aos seus votantes en Galicia que voten ao Partido Popular.

 

Desta maneira se expresaba o dirixente, que participou esta tarde xunto ao ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, nun mitin en Santiago no que tamén contaron coa presenza do presidente local, Agustín Hernández e da candidata ao Congreso, Marta González.

 

Alí, dirixiuse a aquelas persoas afíns a Ciudadanos que o que queren é moderación, unidade de España e reformas; e aseguroulles que teñen nas papeletas do PP a posibilidade de que o seu voto se converta en escanos que defenden todo iso, posto que Ciudadanos non vai ter escanos en Galicia e a súa papeleta só beneficia a Podemos.

 

Así mesmo, tamén fixo referencia a aqueles socialistas que non queren que o seu partido se someta a Pablo Iglesias e “serva de muleta de Podemos”, sinalando que teñen no voto ao PP unha vía para evitalo.

 

Deste xeito, aseverou que cantos máis votos e escanos teña o Partido Popular, máis opcións haberá para que o PSOE opte pola moderación e o constitucionalismo.

 

MOBILIZARSE E VOTAR

Segundo admitiu o líder do PPdeG, nestas eleccións decidimos a través dos votos que España volva moverse ou siga parada. Así, recordou que hai catro anos mobilizámonos e votamos porque non había que conformarse co empobrecemento da nosa sociedade, polo que apuntou que agora tampouco hai que resignarse a que o conxunto do Estado alongue este bloqueo dos últimos seis meses.

 

Ademais, Feijóo salientou a necesidade de mobilizarnos contra o bloqueo, a favor de Galicia e de España, e a favor da moderación; incidindo en que temos que mobilizarnos co voto ao PP que é o único co que o país pode volver moverse.

 

No mesmo senso, incidiu en que para os intereses do país, temos que concentrar o voto no PP: para que haxa goberno, gobernabilidade e para que “España volva arrancar”.

 

Pola contra, advertiu que, para os intereses de Podemos, quedar na casa ou votar a Ciudadanos é exactamente o mesmo xa que significa restarlle escanos ao PP e que eles se beneficien; de igual modo que para os intereses do PSOE o mellor resultado é que a situación sexa igual que a destes meses, para que “Sánchez siga a súa carreira agonizante”.

 

Durante a súa intervención, o dirixente lembrou que o que levan facendo o resto de partido tralas eleccións de decembro non é democracia senón un boicot ao resultado das urnas que é a primeira vez que ocorre na historia de España.

 

Nese sentido, Feijóo pediu que non deixemos volver bloquear o país, xa que a indefinición calculada do PSOE e de Ciudadanos, que nunca din claramente o que van facer, está destruíndo o sistema democrático. Así, fronte ao bloqueo que traen consigo os socialistas e o partido de Rivera, e fronte ao colapso que trae consigo o populismo, o presidente pediu o voto para o Partido Popular.

 

Para o presidente, só a papeleta dos populares asegura a moderación e o goberno fronte ao sectarismo e o desgoberno, facendo fincapé en que temos que votar con garantías xa que “un voto non é unha lotería”. 

[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/aNOFjxXZDSg» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo: «O PPdeG leva moitos anos traballando a prol das familias que peor o pasan»

Ourense, 20 de xuño, 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que, mentres algúns buscan sacar rédito político da pobreza e cren que acaban de inventar a loita contra a exclusión, o PPdeG leva moito tempo loitando contra ela e axuda ás familias que o pasan mal.
 
Así se expresaba o líder dos populares galegos no acto sectorial con entidades sociais advertiu que Galicia pide cooperación pero esixe tamén que ninguén pretenda monopolizar a loita contra a pobreza para obter réditos políticos. celebrado esta mañá en Ourense, onde asegurou que Galicia ten un obxectivo claro: lograr que toda a poboación se beneficie da recuperación económica. Algo que, como sinalou, conseguirase a través da implicación das empresas, das Administracións locais, e das entidades sociais, nun movemento a prol da inclusión social coordinado e encabezado pola Xunta. 
 
Nesta liña, Feijóo advertiu que Galicia pide cooperación pero esixe tamén que ninguén pretenda monopolizar a loita contra a pobreza para obter réditos políticos. 
 
O PAPEL DO GOBERNO GALEGO 
Segundo o líder do PPdeG, a Xunta asumiu desde o principio as súas responsabilidades neste eido e materializou o seu apoio a través de actuacións como a Axenda Social Única, á que se adheriron a Fegamp e a Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social. 
 
Como engadiu, este documento demostra que os empresarios, os activistas es os políticos galegos saben aparcar as diferenzas para traballar xuntos cando hai tanto en xogo. “E para min, nada é tan importante, nada é tan prioritario, como lograr que ningunha familia galega o pase mal por motivos económicos”, subliñou.
 
Por este motivo, sinalou que o Goberno dos populares galegos, malia contar nos últimos anos cunhas contas máis reducidas, destinou ao eido da inclusión social un 50% máis do que investía o Goberno bipartito: “Soubemos entender que é nos tempos complicados cando resulta máis importante axudar a quen está en situación de risco”, aseverou.
 
Do mesmo xeito, a Xunta destina a axudas a concellos e entidades 11,1 millóns de euros para promover a inclusión social, máis do dobre do que se destinaba en 2009; destina ás Axudas de Inclusión Social 4,5 millóns de euros, un 55% máis que hai sete anos; e destina á Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) 53 millóns de euros, fronte aos 22 millóns que se dedicaran a este fin en 2009. “Con estes fondos, garantimos unha renda mínima para unhas 14.000 persoas que están en situación de exclusión social”, destacou o presidente do PPdeG.
 
No que atinxe ás Risgas, Feijóo quixo destacar tamén un dato que convida ao optimismo, posto que o número de novas solicitudes destas axudas reduciuse desde 2013 e, de feito, na actualidade hai un 15% menos de persoas que piden a Risga das que había no ano 2009.
 
Así mesmo, o líder dos populares galegos puxo en valor outras medidas adoptadas desde o Goberno que preside, como as destinadas a loitar contra a pobreza enerxética, por exemplo, o tícket eléctrico. Tamén subliñou as iniciativas que intentan evitar ou paliar os efectos dos desafiuzamentos, como o Programa de Vivendas Baleiras que, por desgraza, non contou co apoio de Podemos/Mareas na Coruña e Ferrol; os convenios coa Sareb e as entidades bancarias; os acordos cos bancos e co Consello Xeral do Poder Xudicial para suspender ou anular os desaloxos; ou o Bono de Alugueiro Social.
 
O PPdeG, A CARÓN DOS QUE MÁIS O PRECISAN
O presidente do PPdeG insistiu en que este partido sempre está a carón dos que máis o precisan e axuda ás familias, non para crear persoas dependentes das axudas públicas, senón para impulsalas ata lograr que sexan autosuficientes. 
 
“A porta cara a inclusión social é a autosuficiencia económica e a porta cara a suficiencia autonómica non é outra que a creación de emprego”, asegurou, engadindo que Galicia, ademais de axudar ás familias con baixos ingresos, leva 31 meses consecutivos creando emprego. “A mellor política social é a que facilita o crecemento das empresas e busca crear postos de traballo”, subliñou.
 
Con respecto a isto, Feijóo fixo fincapé en que cada vez máis xente “esta sorrindo”, pero non debido a aqueles que queren sacar votos das bágoas e monopolizar os sorrisos, senón grazas aos que loitan contra a exclusión social, como é o caso das entidades sociais e das Administracións públicas.
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/KX844iRlePY» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Puy salienta o «notable contido lexislativo» do vindeiro pleno no Parlamento


PUY SALIENTA O “NOTABLE CONTIDO LEXISLATIVO” DO VINDEIRO PLENO CO DEBATE PARA APROBACIÓN DA REFORMA DA LEI DE SERVIZOS SOCIAIS, A DE POLICÍAS LOCAIS E A DE DEVOLUCIÓN AOS FUNCIONARIOS DE PARTE DA EXTRA DE 2013

·    A Lei de coordinación de policías locais atenderá cuestións demandadas polos representantes do sector, como a eliminación do tope de idade de 36 anos para acceder ao corpo ou a mellora dos procesos de cobertura de mandos

·    A sesión plenaria tamén aprobará restituír a partir do 1 de xaneiro a totalidade do complemento específico das pagas extra que se tivo que suprimir aos funcionarios por mor da crise e para garantir os servizos do Estado de Benestar

Santiago, 20 de xuño de 2016.- O portavoz do Grupo Popular,  Pedro Puy, subliñou hoxe o “notable contido lexislativo” que terá o Pleno da vindeira semana, na que se procederá ao debate para a súa aprobación de tres textos legais: a modificación da Lei de Servizos Sociais, o proxecto de Lei de coordinación das policías locais e a norma a través da que se abona este ano aos empregados públicos a parte devindicada da extra de 2013.

Á espera da reunión da Xunta de Portavoces de mañá, na que se pechará a orde do día da sesión plenaria que se celebrará a vindeira semana, Pedro Puy avanzou que está previsto o debate para a súa aprobación da proposición de lei do Grupo Popular para a modificación da Lei de Servizos Sociais.

Neste sentido, Puy salientou o consenso que o Grupo Popular buscou na tramitación desta proposición de lei, xa que “non rexeitamos ningunha das emendas presentadas por PSOE, BNG ou AGE, polo que confiamos no seu apoio a esta modificación da Lei de Servizos Sociais”.

Entre as medidas incorporadas neste novo texto lexislativo, o portavoz popular explicou que “se introduce o concerto social como novo modelo de xestión en materia de servizos sociais, ao tempo que se reforza o papel das entidades de iniciativa social”. “Así mesmo, dáse prioridade ás entidades sociais sen ánimo de lucro, aplicando medidas de preferencia e discriminación positiva, así como criterios sociais de calidade, experiencia e traxectoria acreditada esenciais ás persoas usuarias”, apuntou.

COORDINACIÓN POLICÍAS LOCAIS

O segundo texto lexislativo previsto para o seu debate e aprobación na sesión plenaria será o proxecto de Lei de coordinación das policías locais de Galicia, que vai permitir “unha maior eficacia en determinados aspectos operativos e de organización dos corpos de policía local, favorecendo tanto aos propios concellos como ao persoal que se integra nestes corpos”.

A través deste texto lexislativo, se establecen cuestións que eran demandadas polos propios representantes do sector, como a eliminación do tope de idade dos 36 anos para acceder ao corpo de policía local galego; ou a mellora dos procesos de cobertura de prazas de mandos, facilitando a promoción interna.

Por último, na sesión plenaria tamén está previsto o debate para a súa aprobación, polo trámite de lectura única e urxencia, do proxecto de lei que permitirá abonar este ano aos empregados públicos a parte devindicada da extra de 2013.

“Este texto lexislativo é froito do acordo acadado entre a Xunta e as organizacións sindicais CSIF, CC.OO. e UXT e, ademais da recuperación desa parte da paga extra, incorpora a restitución a partir do vindeiro 1 de xaneiro da totalidade do complemento específico das pagas extra que se tivo que suprimir por mor da crise e para garantir os servizos do Estado do Benestar”, sinalou Puy.

Feijóo non cre democrático pedir que marche o candidato escollido por sete millóns

Indica que o PP é o partido máis unido de España e que Rivera non logrará dividilos coa súa estratexia

Feijóo asegura que non é democrático pedir que se marche o candidato ao que escolleron sete millóns e medio de españois

· Di que as explicacións de Ciudadanos sobre o acontecido con María Rey son insuficientes e apunta que a candidata abusou dos discapacitados co seu comportamento

Vigo, 17 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG; Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o PP é o partido máis unido de España e que os populares teñen claro que o seu  candidato é Mariano Rajoy, o mesmo que os españois escolleron fai seis meses con sete millóns e medio de votos.

Así se expresaba o dirixente durante un paseo esta mañá por Vigo acompañado pola portavoz do PP local, Elena Muñoz, polo coordinador de mocidade e participación do PPdeG, Javier Dorado, e polos candidatos ás Cortes pola provincia de Pontevedra, Irene Garrido e Miguel Fidalgo.

Feijóo cualificou de “non democrática” a petición de Albert Rivera, que insiste en que para apoiar ao partido máis votado, ten que irse o candidato. Así, recoñeceu que, se o líder de Ciudadanos tivese a cantidade de apoios que obtivo Rajoy, “nin se me ocorrería dicir que para apoiar ao que gaña ten que irse Rivera. Isto é o contrario da democracia”.

“É unha estratexia de divide e vencerás”, apuntou o dirixente, que recoñecía que malia que as hai distintas en campaña electoral, “a de intentar dividir o que está unido é moi antiga”. Do mesmo xeito, mantivo que, neste caso, Rivera non vai lograr nin dividir nin tampouco vencer.

 

EXPLICACIÓNS INSUFICIENTES

“A min custaríame darlle a confianza a unha persoa que demostrou que usou unha praza de discapacitados falseando un documento en beneficio propio”. Así se pronunciaba o presidente acerca da polémica protagonizada pola cabeza de lista de Ciudadanos ao Congreso pola provincia de Pontevedra, María Rey.

Feijóo amosouse seguro de que os cidadáns están valorando cómo é posible que a persoa  que di querer representar os intereses dos pontevedreses poida falsificar un documento para ter uns privilexios que só corresponden aos que verdadeiramente o precisan. “Isto non é moi compatible con intentar pedir a confianza da xente”, precisou.

Ademais, o dirixente afirmou que se trata dun tema o suficientemente serio como para que, se ela non vai tomar ningunha decisión, a dirección dese partido si valore o acontecido. Nesta liña, engadiu que as explicacións de Ciudadanos son “bastante insuficientes”, xa que se  limitan a dicir que o sucedido non ten importancia porque ocorreu antes de que Rey fose nas listas ao Congreso pero que, de darse posteriormente, si a inhabilitarían como cabeza de lista.

Así mesmo, o presidente insistiu en que a candidata abusou dos discapacitados, pois mentres di que hai que ter sensibilidade con eles e visita entidades de discapacidade, ela mesma admite que lles quitou unha praza de aparcadoiro reservada.

[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/VCh64TpXEx0″ frameborder=»0″ allowfullscreen ]